O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional; o Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, en aplicación do disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ós que se axusta a presente disposición.
O Regulamento (CE) nº 1784/1999 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de xullo, relativo ó Fondo Social Europeo, polo que se aproban as disposicións de aplicacións no relativo ó Fondo Social Europeo, sinala que o Fondo apoiará e complementará as actividades dos Estados membros destinadas ó desenvolvemento do mercado de traballo e dos recursos humanos, entre outras, nas políticas de fomento e mellora da formación profesional e da formación en xeral. Así mesmo, o Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da Comisión regula a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación.
O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas de carácter experimental e complementario respecto do Plan de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Neste sentido, a regulación do Plan FIP, que conta cun catálogo preestablecido de especialidades homologadas, pode deixar sen atender especialidades formativas de especial interese, tanto des
de o punto de vista do colectivo que atenden como dos sectores productivos ós que se dirixe.
O financiamento das axudas previstas na presente orde de convocatoria farase con cargo ós créditos dos programas 14.03.241B 440.0 (33.896.000 pesetas), 14.03.241B 470.0 (34.011.000 pesetas), 14.03.241B 472.0 (184.839.000 pesetas), 14.03.241B 480.0 (65.717.000 pesetas) e 14.03.241B.482.0 (161.989.000 pesetas) que figuran na de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2001, e que constitúe o importe global máximo que se destina para estas subvencións.
De acordo co todo o expresado anteriormente, considérase necesario dicta-las bases reguladoras das subvencións que van financia-lo desenvolvemento das citadas accións formativas.
Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Formación Profesional, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.
A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, correspondentes ó exercicio de 2001, xestionadas pola Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación.
Artigo 2º.-Accións subvencionables.
A tipoloxía das accións formativas reguladas nesta orde, que se dividirán en dous programas independentes entre si, será a seguinte:
Programa I. Accións formativas dirixidas a desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego, que se agrupan en tres subprogramas:
I-a. Proxectos formativos presentados por empresas ou grupos de empresas con compromiso de contratación dos alumnos dentro de Galicia e que, polas súas especiais características, non se axusten ós requisitos esixidos no Plan FIP. As entidades incluídas neste punto deberán comprometerse a contratar, como mínimo, o 60% dos alumnos, por un período mínimo inicial de seis meses a tempo completo. No caso de que o proxecto formativo se dirixa exclusivamente a colectivos desfavorecidos: persoas con discapacidade, parados de longa duración, maiores de 40 anos que leven máis dun ano en paro ou desempregados que accedan ó primeiro emprego, a esixencia de contratación poderá reducirse ó 40%.
I-b. Cursos de posgrao e cursos organizados por escolas de especialización profesional das universidades galegas, así como daquelas entidades expresamente vinculadas á relación universidade/empresa, dirixidos á mellora da empregabilidade dos titulados universitarios, que teñan carácter ocupacional e sexan útiles para a mellora da inserción laboral dos posgraduados.
I-c. Accións de carácter experimental complementarias das reguladas no Plan FIP. Neste punto só poderán participar entidades sen ánimo de lucro, sempre que haxa expectativas razoables de inserción laboral dos alumnos participantes, e as accións que se realicen sexan as relativas a novos filóns de emprego, especificamente a calidade, o ambiente e as novas tecnoloxías da comunicación.
Programa II. Accións dirixidas a ocupados, que se agrupan en dous subprogramas:
II-a. Plans de formación formulados polos conglomerados industriais ou clúster constituídos no ámbito da Comunidade Autónoma, organismos sectoriais e paritarios e outras organizacións empresariais e sindicais representativas no ámbito sectorial ou territorial.
II-b. Plans de empresas, individualmente consideradas, que presenten proxectos formativos que poidan considerarse de carácter estratéxico.
Artigo 3º.-Axudas.
1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente orde poderán ser obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución na proporción e contía que se determine nesta orde.
2. O cobro desta subvención será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.
Artigo 4º.-Custos subvencionables.
De acordo co que se establece no Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da Comisión das Comunidades Europeas, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (CE) ás axudas á formación, e sen prexuízo do establecido no Regulamento (CE) nº 1685/2000 da Comisión do 28 de xullo de 2000, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1260/1999 do Consello no relativo ó financiamento de gastos de operacións cofinanciadas polos Fondos Estructurais, serán subvencionables os seguintes gastos:
a) Custos de persoal docente.
b) Os gastos de desprazamento do persoal docente e dos beneficiarios da formación.
c) Outros gastos correntes tales como materiais e subministracións.
d) A amortización dos instrumentos e equipos en proporción á súa utilización exclusiva para o proxecto de formación de que se trate.
e) Os custos dos servicios de asesoría en relación coa acción de formación.
f) Os custos de persoal dos participantes no proxecto de formación, ata un importe equivalente ó dos demais custos subvencionables indicados nos puntos a) e e). Só poden terse en conta as horas nas que os traballadores participaron realmente na formación, unha vez deducidas das horas productivas ou do seu equivalente.
Os custos subvencionables deberán ir acompañados de probas documentais, que deberán ser transparentes e detalladas.
Artigo 5º.-Contía das axudas e subvencións.
O importe das axudas non poderá exceder dos límites establecidos no Regulamento (CE) número 68/2001, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación, fixándose a súa contía de acordo cos criterios que se determinan no artigo 16º da presente orde.
En ningún caso, o importe da subvención que se outorgue ó amparo desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá a entidade colaboradora.
Artigo 6º.-Obrigas.
Os beneficiarios das axudas deberán:
1. Cando se trate de entidades con ánimo de lucro, acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ó cobramento das subvencións, que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Pedir, no momento da incorporación dos alumnos, a seguinte documentación, que deberá arquivarse separadamente por cada acción formativa:
-Copias compulsadas dos seus DNI.
-Ficha individual de cada alumno.
3. Remitir, como mínimo cinco días antes do inicio da acción formativa, á delegación provincial correspondente:
-As datas de inicio e remate e o horario de impartición.
-A planificación temporal das accións formativas.
-O enderezo completo do lugar de impartición.
4. Remitir, o día de inicio de cada acción formativa, certificación xustificativa do seu comezo e, de se-lo caso, das modificacións producidas en relación cos datos sinalados no punto anterior.
5. Enviar á Dirección Xeral de Formación e Colocación, como data límite o 30 de novembro do ano 2001, a xustificación dos custos, a través da seguinte documentación que deberá presentarse selada e asinada:
-Solicitude de liquidación final.
-Relación de facturas.
Xuntarán, así mesmo:
-Memoria final de actividades na que se faga constar, segundo os casos, unha descrición detallada da execución da acción formativa, dos colectivos atendidos, grao de inserción laboral, así como unha valoración do carácter experimental da acción formativa.
-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma acción formativa, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
6. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tanto no relativo ó desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa.
7. Contratar un seguro de accidentes para os alumnos que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do acción formativa, como os do traxecto ó lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá estrictamente o período da acción formativa.
8. Comunicar ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo de cinco días, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución das accións formativas programadas, solicitando, de se-lo caso, autorización para introducir calquera modificación sobre o programa aprobado.
9. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
10. Financia-los gastos que excedan dos límites da intensidade permitida no Regulamento (CE) 68/2001, da Comisión de 12 de xaneiro de 2001.
11. As entidades beneficiarias de axudas para a impartición das accións formativas reguladas nesta orde non poderán subcontratar ou ceder a un terceiro a súa execución.
Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.
Cando se produza incumprimento de calquera das obrigas previstas nesta orde ou se dea calquera dos supostos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, procederá o reintegro total ou parcial da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados na citada lei.
Artigo 8º.-Pagamento e liquidación das subvencións.
No caso de entidades sen ánimo de lucro, poderán acordarse anticipos do 10% do importe da subven
ción no momento da súa concesión á conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, nunha porcentaxe que nunca poderá ser superior ó 80% da subvención concedida. Nos demais casos, pódense acordar pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os gastos, ata o importe do 80%.
Artigo 9º.-Seguimento e control das accións formativas.
1. Para verifica-lo cumprimento do disposto na presente orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas ás accións formativas aprobadas, e emitirá un informe respecto do progreso da acción e o seu grao de execución en cada momento.
2. Cando nunha acción formativa se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser emendadas no prazo concedido para o efecto, e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase á súa cancelación por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión.
Capítulo II
Das accións formativas
Artigo 10º.-Remate das accións.
A data límite para o remate e xustificación das accións formativas será, como norma xeral, o 30 de novembro de 2001. Excepcionalmente, por causas xustificadas, e sempre precedendo autorización do órgano competente, as accións formativas reguladas nesta orde poderán rematar con posterioridade a esa data.
Artigo 11º.-Selección de alumnos.
Como norma xeral, a selección dos alumnos participantes nas accións formativas realizarase a través de convocatoria pública, que deberá publicarse, como mínimo, nun dos xornais de maior tiraxe da Comunidade Autónoma. No anuncio deberá figura-lo anagrama da Xunta de Galicia na parte superior esquerda, o do centro impartidor na parte superior dereita, e o do Fondo Social Europeo na parte inferior dereita.
Excepcionalmente, e por razón da especificidade do colectivo ó que se dirixe a acción formativa (alumnos minusválidos, empresas que formen os seus propios traballadores, etc.) a entidade poderá seleccionar directamente os alumnos.
Do resultado da selección, no caso de accións formativas dirixidas a desempregados, daráselle conta á oficina de emprego que corresponda.
Nas accións formativas nas que, a pesar de que se intentase completa-lo número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50 por 100 do número programado, agás
que as baixas se produzan por colocación dos alumnos, poderán ser canceladas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. En caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, que será proposta pola Comisión de Valoración prevista no artigo 16º e aprobada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, calculada de acordo co principio de proporcionalidade.
Artigo 12º.-Dereitos e deberes dos alumnos.
1. Os alumnos que resulten seleccionados para unha acción formativa non poderán asistir simultaneamente a outra incluída dentro da programación de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e, salvo autorización expresa do director xeral de Formación e Colocación, por causas excepcionais debidamente xustificadas, non poderán causar baixa nunha para acceder a outra dentro desa programación.
2. Terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento as accións formativas, e de facilita-la documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora, dentro dos 10 primeiros días lectivos.
3. Os que rematen as accións formativas con aproveitamento recibirán un diploma oficial, no modelo que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación, acreditativo da súa realización, no que constarán os seguintes datos:
a) Nome, apelidos e DNI do alumno.
b) Denominación da acción formativa.
c) Lugar e datas de realización.
d) Número de horas e programa impartido.
e) Entidade impartidora.
Poderá concederse o diploma a aqueles alumnos que causen baixa na acción formativa por colocación, cando asistisen, como mínimo, ó 75 por 100 das horas lectivas.
4. Os alumnos que non teñan dereito a diploma poderán recibir, se así o solicitan, unha certificación polas horas e módulos ós que asistisen.
Artigo 13º.-Modalidades de impartición das accións formativas.
As accións formativas poderán desenvolverse nas modalidades presencial e a distancia. A modalidade a distancia terá lugar para facilita-lo acceso a elas a aqueles alumnos que teñan especial dificultade en asistir ás accións formativas de carácter presencial; para a súa impartición utilizaranse as novas tecnoloxías da comunicación.
Capítulo III
Da convocatoria pública
Artigo 14º.-Solicitudes.
1. As entidades que desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas na presente
orde deberán formaliza-la correspondente solicitude por triplicado no modelo normalizado que se publica como anexo I á presente orde, e que se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de Información ó Cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e deberá ir acompañada da seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.
b) Unha ficha por cada unha das accións formativas no modelo normalizado segundo o anexo II.
c) De se-lo caso, compromiso de contratación asumido pola/s empresa/s que vaian contrata-los alumnos.
d) Unha memoria-proxecto na que se fará referencia, polo menos, ós seguintes extremos:
-Descrición da acción.
-Lugar onde se vai desenvolver.
-Colectivos ós que vai dirixido e número de participantes.
-Actividades ou sectores nos que se pretende actuar.
-Obxectivos de inserción laboral.
-Programa formativo curricular.
-Valoración detallada e razoada do custo do programa e, de se-lo caso, os medios que achegará a entidade colaboradora.
-Xustificación do carácter experimental do programa.
e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma acción formativa das distintas administracións públicas competentes.
2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
No caso de que a solicitude se presente nas delegacións provinciais, estas remitiranse á Dirección Xeral de Formación e Colocación, que é o órgano encargado da tramitación das accións formativas reguladas nesta orde.
Artigo 15º.-Prazo.
1. O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días hábiles contados desde o seguinte á publicación da presente orde, agás no caso dos proxectos formativos con compromiso de contratación para os que o prazo rematará o 31 de outubro de 2001.
2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a docu
mentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, requirirase do solicitante que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.
Artigo 16º.-Instrucción do procedemento.
1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.
2. A contía máxima que se subvencionará determinarase do seguinte xeito:
-A entidade solicitante da subvención xuntará á súa solicitude unha valoración detallada e razoada do custo previsto polos conceptos subvencionables establecidos no artigo 4º da presente orde.
-A Dirección Xeral de Formación e Colocación analizará a dita valoración e, no caso de considerala axustada, elevaralle ó órgano competente a correspondente documentación. En caso contrario, remitiralle á entidade solicitante unha contra proposta da cantidade que subvencionará, dispoñendo aquela dun prazo de 10 días para aceptar ou formula-las alegacións que considere oportunas.
-Se se presentan alegacións, estas serán analizadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, que formulará, de se-lo caso, unha proposta definitiva, da cal se lle dará traslado á entidade solicitante para á súa aceptación no prazo de 5 días.
-No suposto de que a citada entidade non aceptase nin formulase alegacións de acordo co previsto nos puntos anteriores, entenderase desistida da solicitude, procedéndose ó seu arquivo, logo de resolución en tal sentido.
2. Unha vez realizados os trámites sinalados no punto anterior, os expedientes seranlle remitidos á comisión de valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.
3. Para os efectos previstos no presente artigo, a comisión de valoración estará composta polos seguintes membros:
O director xeral de Formación e Colocación, que a presidirá, e serán vocais os delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou persoa en quen deleguen, o subdirector xeral de Formación Ocupacional, e os xefes dos servicios de Xestión Administrativa e de Planificación de Formación Ocupacional, actuando este último como secretario.
4. A comisión de valoración, á hora de avalia-las solicitudes e formular, de se-lo caso, proposta de resolución, terá en conta os seguintes criterios:
Programa I.
a) O grao de inserción laboral que figure na solicitude do proxecto formativo, así como a calidade
da inserción, en función do carácter indefinido ou non dos contratos que se realicen.
b) A viabilidade de inserción laboral que se deduza do proxecto.
c) O carácter experimental e complementario que teñan as accións formativas respecto do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional.
Programa II.
a) O carácter estratéxico do proxecto respecto do tecido productivo de Galicia.
b) O carácter xeral da formación, de xeito que inclúa un ensino que non sexa único ou principalmente aplicable no posto de traballo actual ou futuro do traballador na empresa beneficiaria, senón que proporcione cualificacións na súa maior parte transferibles a outras empresas ou a outros ámbitos laborais, mellorando substancialmente a empregabilidade do traballador.
c) O carácter preventivo do proxecto, na medida en que atenda colectivos en reestructuración, é dicir, en risco de perda de emprego.
d) A inclusión das accións formativas solicitadas no sistema de cualificacións, en concreto, a súa relación cos certificados de profesionalidade xa publicados.
Artigo 17º.-Resolución.
1. A resolución dos expedientes de axudas, unha vez informada pola comisión de valoración, cumprido o trámite de audiencia, cando proceda, e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada, corresponderalle á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e deberán ser notificadas ós interesados.
2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de seis meses desde que a solicitude do interesado teña entrada no rexistro correspondente. Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.
3. Contra as resolucións dictadas ó amparo da presente orde, que esgotan a vía administrativa, poderase interpoñer recurso ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do seguinte ó da súa notificación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora desta xurisdicción.
Non obstante, poderase optar por interpor contra estas resolucións recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación perante o mesmo órgano que a dictou. Neste caso non caberá interpo-lo recurso contencioso-administrativo antes citado mentres non se dicte resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, modificadora da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Disposicións adicionais
Primeira.-A realización das accións de formación previstas na presente orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos programas 14.03.241B 440.0, 14.03.241B 470.0, 14.03.241B 472.0, 14.03.241B 480.0 e 14.03.241B.482.0 que figuran na de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2001.
Segunda.-Se, por calquera causa, no momento no que a Comisión de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o director xeral de Formación e Colocación.
Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Cuarta.-Poderán modificarse as resolucións nos termos e cos requisitos sinalados no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Quinta.- En todo o non previsto na presente orde será de aplicación o establecido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, quedando os beneficiarios das axudas reguladas nesta orde suxeitos ó réxime disciplinario previsto nas citadas disposicións.
Sexta.- As axudas recollidas nesta orde estarán suxeitas ó que dispón o Regulamento (CE) nº 68/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación, publicado no Diario Oficial de las Comunidades Europeas do 13 de xaneiro de 2001.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2001.
Manuela López Besteiro
Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,
Muller e Xuventude

