O Decreto 332/1995, do 27 de decembro, establece para a Comunidade Autónoma de Galicia as axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios coa finalidade de que un maior número de agricultores e gandeiros poidan beneficiarse das van
taxes que supoñen os seguros como un instrumento que lles permite facer fronte ás perdas económicas que poidan ter nas súas produccións como consecuencia da actuación de axentes alleos, coma a climatoloxía, enfermidades, etc.
Tendo en conta a evolución da contratación de seguros agrarios nas últimas campañas, que continúa sendo baixa, é necesario regular determinados aspectos para o ano 2001, como a contía das axudas e o seu financiamento.
En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, modificada pola Lei 11/1988, reguladora da Xunta e do seu presidente, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Beneficiarios.
Durante o ano 2001 poderán beneficiarse das axudas establecidas polo Decreto 332/1995, do 27 de decembro, os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do plan anual de seguros agrarios combinados de 2001, ou pólizas de liñas gandeiras dos plans anuais de seguros agrarios combinados de 2000 e 2001, e cumpran o establecido no devandito decreto e nesta orde.
Artigo 2º.-Entidades aseguradoras autorizadas.
A subscrición do seguro realizarase unicamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Facenda e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras de los Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), e a través dos axentes de seguros autorizados, todo isto na forma establecida a teor da Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados, e demais normativa concordante.
A contratación con estas entidades poderase realizar de forma individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores rexistrados pola Entidad Estatal de Seguros Agrarios (Enesa).
Artigo 3º.-Liñas de seguros subvencionables e contía da axuda.
A axuda que concederá a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria consistirá nunha porcentaxe da outorgada para o mesmo fin por Entidad Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), que xa dá un tratamento diferenciado segundo as características dos titulares de explotacións agrarias, conforme a normativa estatal do plan anual vixente.
Para o ano 2001 fíxase nun 18% da axuda á contratación que ó solicitante lle corresponde de Enesa para tódalas liñas de contratación do Plan nacional
de Seguros Agrarios do ano 2001 (resolución do MAPA do 22 de decembro de 2000), agás para as liñas de uva de vinificación, froiteiras (mazá de mesa, pera, pexego, albaricoque e ameixa), cereixa e kiwi, en calquera das súas modalidades de contratación, nas que esta porcentaxe se eleva ó 55%, así como a liña de seguro de explotación de gando vacún reproductor e recría, que se eleva ó 22%.
A concorrencia das axudas das administracións públicas non superarán as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario para atender fenómenos climáticos adversos asimilables a desastres naturais.
Artigo 4º.-Procedemento e prazos de execución.
O importe da axuda que pagará a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será deducido do importe da prima que aboará o tomador no momento de subscribi-la póliza. As cantidades así descontadas serán aboadas pola Comunidade Autónoma a Agroseguro contra certificacións de liquidación, e sempre de acordo co procedemento establecido no correspondente convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e Agroseguro.
O convenio establece, entre outros, os prazos e a documentación que Agroseguro lle deberá xuntar a cada certificación de liquidación co fin de que se poidan efectua-las comprobacións oportunas para a resolución por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, antes de realiza-los pagamentos da axuda.
Correspóndelle ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a aprobación destas axudas por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria no prazo máximo de seis meses, contados desde a data de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Entenderase desestimada se no devandito prazo non se notificase a resolución a Agroseguro.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición perante o mesmo órgano que a dictou nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo no prazo establecido no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.
Os prazos de presentación das solicitudes de axuda (anexo I) para a contratación dos seguros están reflectidos de forma particular en cada liña de contratación, regulada pola correspondente normativa do MAPA do plan anual vixente, onde se fixan as datas límite para a subscrición da póliza do seguro de que se trate.
Artigo 5º.-Obrigas dos beneficiarios e incompatibilidades con outras axudas.
Como condición indispensable para proceder ó pagamento da axuda a Agroseguro, os tomadores dos seguros deberán presentar obrigatoriamente as solicitudes normalizadas da axuda, preferentemente nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou en calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, nos 10 días hábiles seguintes ó da finalización do mes no que se formalizou a póliza do seguro.
Os tomadores dos seguros deberán achegar, así mesmo, unha listaxe resumo das pólizas subscritas así como toda aquela documentación relacionada coa contratación do seguro, se así lles fose solicitado tanto polo órgano competente de xestión como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
O incumprimento destas obrigas suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorre-los beneficiarios.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar a modificacións da resolución da concesión.
Artigo 6º.-Financiamento.
O financiamento das axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios realizarase, para o exercicio de 2001, con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614A.773.0, de apoio á eficacia dos sistemas productivos agrarios dos orzamentos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para 2001, dotado con 70.000.000 de pesetas para este programa.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas disposicións considere necesarias no desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2001.
Juan Miguel Diz Guedes
Conselleiro de Agricultura, Gandería
e Política Agroalimentaria

