Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 30 de abril de 2001 Páx. 5.713

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de abril de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para a formación de doutores en grupos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan proxectos de investigación vixentes.

A Lei 12/1993, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998 aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001).

O Plan, entre os instrumentos previstos dentro de cada un dos seus programas, e especialmente no Programa de Promoción Xeral da Investigación, considera a convocatoria de axudas destinadas á formación de persoal investigador, coas que se pretende dar soporte á demanda de investigadores e doutores. En consecuencia e como reforzamento da convocatoria de bolsas de predoutoramento correspondente ó programa de promoción xeral da investigación e co fin, así mesmo, de potencia-los grupos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia faise pública a presente convocatoria.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse bolsas para a formación de doutores en grupos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan proxectos de investigación vixentes de acordo coas bases que se inclúen como anexo I á presente orde.

Artigo 2º

Para a concesión das bolsas se destinará un total de 43.100.000 pesetas con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432 A.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2001 (10.800.000 pesetas) e 2002 (32.300.000 pesetas). Nembargantes, a cantidade citada con anterioridade poderá incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma esta

blecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó amparo desta convocatoria pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será de 6 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 5º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 6º

As resolucións de concesión de axudas dictadas ó abeiro da presente orde poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o secretario xeral de investigación e desenvolvemento para que dicte as dispo

sicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

1. Obxecto.

O obxecto desta convocatoria, como instrumento ordinario do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento, é a concesión de bolsas a titulados superiores universitarios que desexen desenvolver actividades de investigación encamiñadas á realización da súa tese de doutoramento, dentro de grupos que teñen proxectos de investigación vixentes.

2. Requisitos dos beneficiarios e dos grupos nos que se integren.

2.1. Requisitos dos candidatos ás bolsas.

Para optar a estas bolsas os candidatos deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado, de enxeñeiro ou arquitecto por unha escola técnica superior, incluído o proxecto se o houbese.

c) Posuír unha media de expediente académico de licenciatura igual ou superior a 1,5, excepto para os estudios técnicos superiores que será de 1,0.

d) Ter rematados os estudios correspondentes ós dous cursos académicos do programa de doutoramento, ó que está adscrito o solicitante, con posterioridade a xaneiro de 1999 ou estar matriculado no segundo ano dos estudios de terceiro ciclo no presente curso académico 2000/2001.

e) Ter admitido, por un departamento dunha universidade do Sistema Universitario de Galicia, o proxecto de tese, segundo o artigo 7 do Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de posgrao, antes do 1 de outubro de 2001.

f) Non ter desfrutado doutras bolsas homologadas a elas en anteriores convocatorias.

g) Estar integrado ou ter solicitado a súa integración nun grupo de investigación que reúna os requisitos que se indica no punto 2.2.

2.2. Requisitos a cumprir polos grupos nos que pretende integrarse o candidato. O grupo no que se integre o candidato deberá cumpri-los requisitos seguintes:

a) Ser un grupo consolidado ou de excelencia de acordo co establecido nos puntos 1.2 e 1.3, respectivamente, do anexo 1 da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 1 de febreiro do 2001 publicada no Diario Oficial de Galicia do 6 de febreiro de 2001, pola que se aproban

as bases que rexerán as convocatorias de axudas e bolsas do Programa de Promoción Xeral da Investigación.

b) Ter vixente alomenos un proxecto do V Programa Marco, do Plan Nacional de I+D ou do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, que remate con posterioridade ó 1 de outubro de 2002.

3. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

3.1. Unha asignación mensual bruta de 140.000 pesetas. Esta cantidade poderá incrementarse para o ano 2002 nunha liña tendente á homologación con bolsas estatais, no caso de existir crédito adecuado e suficiente.

3.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria cás bolsas.O seguro de asistencia médica será extensible, de se-lo caso, ó cónxuxe e fillos do beneficiario cando estes carezan de Seguridade Social.

4. Duración das bolsas.

As bolsas concedidas cubrirán o período comprendido entre o 1 de outubro de 2001 e o 30 de setembro de 2002, e poderán ser prorrogadas conforme as normas que estableza a correspondente convocatoria por novos períodos dun ano ou fracción ata completar un máximo de 18 meses de prórrogas.

5. Formalización de solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial PXI-22 (do que a cara externa se publica como anexo II da presente orde) está ó dispor dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral Investigación e Desenvolvemento, nos vicerrectorados de Investigación das universidades de Galicia, nos vicerrectorados dos campus de Ferrol, Lugo e Santiago de Compostela, na Delegación en Galicia do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e na Internet nos enderezos: http/www.xunta.es/consello/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid, e presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvelmento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Cada candidato só poderá presentar unha solicitude.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

5.1. Fotocopia do DNI ou equivalente para os estranxeiros da UE.

5.2. Certificación académica detallada na que figuren as cualificacións obtidas, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudios validados, deberá presentarse, así mesmo, certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os que acceden ó 2º ciclo dunha licenciatura a través do correspondente curso de adaptación, por estar en posesión dos títulos de diplomado ou por teren realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media de expediente académico, deberán contar ademais da certificación correspondente ó curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

Os títulos obtidos no extranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados na data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

A certificación incluirá, se é o caso, a cualificación correspondente á tese de licenciatura e indicará expresamente que se obtivo o grao pola modalidade de tese de licenciatura e o título dela.

5.3. Certificación académica orixinal ou fotocopia compulsada na que conste a superación do primeiro ano dos estudios de terceiro ciclo, así como as cualificacións correspondentes.

5.4. Proxecto do traballo de investigación que se vai realizar para a obtención de grao de doutor, avalado polo seu/s director/es (orixinal ou copia compulsada). A temática da tese deberá ser afín ó proxecto do grupo de investigación para o que se solicita a bolsa; este aspecto acreditarase mediante informe do director do correspondente proxecto.

5.5. Certificación, segundo o modelo incluído no impreso de solicitude, expedida polo secretario do correspondente departamento universitario, no que conste a admisión do proxecto por parte do consello de departamento. No caso de que o interesado aínda non dispoña deste documento, presentará o compromiso de entregalo tan pronto como se produza a súa aprobación. En todo caso, o dito documento deberá presentarse antes do 1 de outubro do ano 2001.

5.6. Composición do grupo consolidado ou de excelencia ó que quedará adscrito o candidato. O investigador principal do proxecto vixente e o director da tese deberán formar parte do grupo de investigación.

5.7. Declaración xurada do solicitante na que conste que cumpre o requisito establecido no punto 2.f).

5.8. Declaración do solicitante de todas solicitudes efectuadas ou concedidas para mesmo fin, da distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 28 de maio de 2001.

6. Tramitación.

Os servicios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento comprobarán que tódalas solicitudes reúnan os requisitos establecidos na presente orde e exporán a lista de solicitudes admitidas e

excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, no Centro de Información Administrativa da Consellería de Presidencia e Administración Pública e nas das súas delegacións provinciais, nos dos vicerrectorados de Investigación das universidades de Galicia, nos dos vicerrectorados dos campus de Ferrol, Lugo e Ourense, nos da Delegación en Galicia do CSIC, nos do Instituto Español de Oceanografía (Vigo) e na Internet nos enderezos: http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid. Esta lista estará exposta desde o 15 ó 26 de xuño de 2001 e os interesados poderán durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentación, ante a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 71 da

Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

7. Selección de candidatos.

7.1. Criterios de selección.

A selección de candidatos será efectuada por concorrencia competitiva pola Comisión de Selección de Investigación creada polo Decreto 37/1998, do 30 de xaneiro.

7.2. Criterios xerais de selección.

A selección de bolseiros farase en función dos méritos acreditados nos puntos 5.2 e 5.3; en relación con este último para os solicitantes que realizaron os ditos estudios conforme o establecido no Real decreto 185/1985, do 23 de xaneiro, valoraranse tódolos créditos realizados no primeiro ano de estudios de terceiro ciclo ata un máximo de 16 créditos. Os solicitantes que realizaron os estudios do primeiro ano de terceiro ciclo conforme o establecido no Real decreto 778/1998, do 30 de abril, o número de créditos que se van valorar será de 20 de acordo co mencionado real decreto.

De acordo co establecido no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento as solicitudes recibidas agruparanse en 5 áreas:

-Ciencias experimentais e matemáticas.

-Ciencias tecnolóxicas e informática.

-Medicina e ciencias da saúde.

-Ciencias sociais.

-Humanidades.

A adscrición das diferentes carreiras académicas a estas áreas aparece recollida no anexo IX da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 1 de febreiro de 2001 (DOG do 6 de febreiro de 2001), pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e bolsas do programa de promoción xeral da investigación.

A comisión non proporá a adscrición a un mesmo grupo de máis dun bolseiro como consecuencia da resolución desta convocatoria.

A selección de bolseiros desta convocatoria realizarase con anterioridade e de forma coordinada á selección dos bolseiros de predoutoramento correspondentes ó anexo IV da orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 1 de febreiro de 2001 (DOG do 6 de febreiro) de modo que os candidatos que resulten seleccionados en virtude da presente convocatoria, quedarán excluídos da do 1 de febreiro dado que ámbolos dous tipos de bolsas están homologadas en contía e duración.

8. Resolución.

A Comisión de Selección de Investigación elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva e elaborará unha lista de suplentes para posibles renuncias. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación), así como cos contratos derivados da aplicación do artigo 11 da Lei de reforma universitaria (Lei 11/1983, do 25 de agosto), do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1983, do 6 de agosto).

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá conceder, só en casos excepcionais, interrupcións no desfrute da bolsa por pedimento razoado do interesado, logo de informe do seu director de tese.

As interrupcións non poderán ser nunca superiores a 6 meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións e non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recupera-lo período interrompido.

Así mesmo, no caso de maternidade, poderá concederse, logo de petición, unha interrupción de ata un máximo de 4 meses, reducíndose a contía da bolsa, no dito período, a un 75%,

No momento en que algún dos beneficiarios destas bolsas realice a lectura da súa tese de doutoramento, deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. Se o escrito vén acompañado dun informe do director de tese no que se dá conta de que o doutorando participa noutras tarefas de investigación do grupo, a Secretaría Xeral

de Investigación e Desenvolvemento poderá autoriza-la continuación do desfrute da bolsa ata o remate do período para o que se lle conceden.

10. Aceptación da bolsa e pagamento.

10.1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nas presentes bases. Antes de inicia-los pagamentos, os bolseiros deberán acreditar teren obtido un mínimo de 32 créditos nos estudios de terceiro ciclo, e terán que presentar unha declaración xurada na que conste que non realizan traballo remunerado nin desfrutan doutro tipo de bolsa.

10.2. O pagamento destas bolsas realizarase mensualmente, logo de presentación polo bolseiro dun informe que resuma o traballo realizado no dito período.

10.3. Antes do derradeiro pago os bolseiros quedan obrigados a presentar unha declaración complementaria de tódalas axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de conceder polas administracións públicas competentes ou dos seus organismos entes ou sociedades.

11. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación onde aquel se realice, con dedicación exclusiva á súa función.

O final de cada trimestre deberán remitir á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento un informe do traballo realizado durante o dito período, co visto e prace do director do proxecto. Ó informe do último trimestre xuntaráselle copia dos traballos.

Os bolseiros adscritos á universidade poderán dedicar ata un máximo de 80 horas durante o curso académico á colaboración en actividades docentes con fins formativos, limitadas a ensinanzas prácticas ou suplencias non superiores neste caso a 10 horas, logo de conformidade entre o director do traballo e o departamento implicado.

A concesión e desfrute dunha bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ó que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ó cadro de persoal deste.

Os bolseiros están obrigados a residir na Comunidade Autónoma salvo durante os períodos de formación ós que expresamente se lle autorice.

O bolseiro está obrigado a notificarlle á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento a data de defensa da súa tese e a cualificación obtida. No suposto de que non realice a defensa da tese deberá notificalo igualmente á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento indicando as causas que motivaron a dita circunstancia.