Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 08 de maio de 2001 Páx. 6.130

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia.

O Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, dictado ó abeiro do establecido no artigo 18.12º da Lei xeral de sanidade e da competencia atribuída ó Estado polo artigo 149.1º.16 da Constitución en materia de bases e coordinación xeral de sanidade, establece as bases para a creación e desenvolvemento de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

A sanidade animal constitúe o factor fundamental para acadar e soster un adecuado estado sanitario dos animais que garanta no posible unha mellora das produccións e unha alta rendibilidade, para o cal é imprescindible a colaboración do sector gandeiro establecendo programas sanitarios comúns de prevención e de actuación fronte a diversas enfermidades, desenvolvido polos facultativos veterinarios autorizados. As agrupacións de defensa sanitaria gandeiras demostraron a súa eficacia coma barreiras defensivas fronte ó risco de aparición e difusión de enfermidades.

O Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, actualiza a regulación das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras e adecua as disposicións existentes na materia ás necesidades das produccións gandeiras en España mediante a ampliación do seu ámbito de aplicación a outras especies distintas á porcina.

Dado o interese que ten a constitución deste tipo de asociacións para a prevención e a erradicación de posibles enfermidades, e tendo en conta as particularidades que entraña o sector agrario galego debido ó elevado número de explotacións, algunhas delas de reducidas dimensións, á continua reestructuración e concentración, así como á crecente diversificación das actividades agrarias coa aparición de produccións gandeiras e especies animais ata o momento pouco explotadas ou exóticas, así como a mellora das comunicacións e dos transportes e a súa repercusión no movemento pecuario, determina que se deba adaptar, na Comunidade Autónoma de Galicia, a normativa básica establecida no Real decreto 1880/1996.

En consecuencia, e ó abeiro das competencias que á Comunidade Autónoma de Galicia se lle atribúen en materia de sanidade animal, de conformidade cos artigos 30 e 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto do presente decreto é a regulación das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Concepto.

Enténdese por agrupación de defensa sanitaria gandeira as definidas no artigo 2 do Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, polo que se regulamentan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras como asociacións constituídas por gandeiros para a elevación do nivel sanitario e zootécnico das súas explotacións mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades animais e mellora das súas condicións hixiénicas, que permitan mellora-lo nivel productivo e sanitario dos seus productos.

Cada agrupación de defensa sanitaria gandeira considerarase como unha unidade, tanto para efectos do desenvolvemento do programa sanitario como das subvencións que lles correspondan.

Artigo 3º.-Órgano competente.

O órgano competente para o recoñecemento de cada agrupación de defensa sanitaria gandeira, a actualización do censo gandeiro mínimo, a aprobación do programa sanitario das anteditas agrupacións, o recoñecemento dos veterinarios responsables do desenvolvemento das funcións sanitarias relacionadas cos programas aprobados, e calquera outra cuestión de índole administrativa, relacionada con elas é a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través da dirección xeral con competencias en materia de sanidade animal.

Artigo 4º.-Condicións para o recoñecemento das agrupacións de defensa sanitaria gandeira.

As agrupacións de defensa sanitaria gandeiras, para poderen ser recoñecidas como tales pola Comunidade Autónoma, deberán cumpri-los requisitos básicos establecidos no artigo 3 do Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, así como os que se establecen a seguir:

1. Poderanse constituír agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en un ou varios concellos, en función das súas especiais características productivas, sempre que, con independencia do número de explotacións que as integren, conten con un número mínimo de UGM (unidades de gando maior) ou un número mínimo de explotacións, enxames ou

reproductoras, para as especies aviar, apícola e cunícola respectivamente, segundo se indica:

Especie bovina: 1.500 UGM.

Especie porcina: 2.000 UGM.

Especie ovina: 500 UGM.

Especie cabrúa: 500 UGM.

Poderanse formar ADSG mixtas das especies ovina e cabrúa, cun mínimo de 500 UGM.

Especie aviar: 50 explotacións.

Especie cunícola: 4.000 reproductoras.

Especie apícola: 1.000 enxames.

Especie equina: serán válidas algunhas das tres seguintes opcións:

* 500 UGM en sistema intensivo ou semiextensivo.

* 2.000 UGM en sistema extensivo.

* 1.500 UGM en combinación de sistemas intensivo e extensivo, tal que 300 como mínimo sexan en sistema intensivo.

Este censo gandeiro mínimo poderá ser actualizado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria cando a reestructuración do sector agrario, a modernización ou concentración das explotacións ou as operacións de concentración parcelaria o aconsellen.

Para efectos do establecido no presente decreto, as equivalencias en UGM (unidades de gando maior) serán as seguintes:

Gando equino:

-Equino maiores de 6 meses: 1 UGM.

Gando vacún:

-Bovinos de 24 mes de idade: 1 UGM.

-Bovinos de 6 meses a 2 años: 0,6 UGM.

Gando ovino-cabrún:

-Ovinos e cabrúns: 0,15 UGM.

Gando porcino:

-Porca en ciclo pechado*: 0,96 UGM.

-Porca con leitóns ata desteta (0 a 6 kg): 0,25 UGM.

-Porca con leitóns ata 20 kg: 0,30 UGM.

-Porca de reposición: 0,14 UGM.

-Leitóns de 6 a 20 kg: 0,02 UGM.

-Porco de 20 a 50 kg: 0,10 UGM.

-Porco de 50 a 100 kg: 0,14 UGM.

-Porco da ceba de 20 a 100 kg: 0,12 UGM.

-Castizos: 0,30 UGM.

* Inclúe a nai e a súa descendencia ata a finalización da ceba.

2. Poderá, así mesmo, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través da dirección xeral competente, autoriza-lo recoñecemento de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras que integren un número menor ó establecido para o censo mínimo, sempre que existan situacións de dispersión xeográfica das explotacións ou especiais situacións que impidan alcanza-lo dito censo.

Artigo 5º.-Do programa sanitario.

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá revisa-lo programa aprobado de conformidade co disposto no artigo 3.c) 1º do Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, á luz dos resultados obtidos na súa aplicación, ou da situación epizootiolóxica da súa área de influencia ou pola indicación da dirección xeral que corresponda da antedita consellería, no caso de que as condicións da sanidade animal así o determinen na defensa da gandería. As agrupacións de defensa sanitaria gandeiras poderán propoñer modificacións do programa anteriormente citado para a súa aprobación.

2. A incorporación ou permanencia de calquera explotación na agrupación de defensa sanitaria gandeira estará condicionada ó informe emitido polos servicios veterinarios oficiais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, logo de consulta ó veterinario responsable, comprensivo do cumprimento do programa sanitario aprobado pola consellería.

Artigo 6º.-Dos veterinarios responsables.

1. O veterinario responsable de desenvolve-las funcións sanitarias relacionadas cos programas aprobados será debidamente recoñecido pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a través da dirección xeral competente en materia de sanidade animal, e deberá reuni-las condicións necesarias para exerce-la profesión veterinaria e non ter participación financeira ou relacións familiares cos titulares das explotacións integrantes da propia agrupación.

2. Os veterinarios responsables estarán obrigados a:

-Facilitar información á agrupación de defensa sanitaria gandeira e prestarlle asistencia a fin de que se tomen tódalas medidas necesarias para a consecución e mantemento da cualificación sanitaria da agrupación.

-Velar por que se cumpran as esixencias da normativa vixente relativas á identificación e á documentación sanitaria de acompañamento dos animais da agrupación, así como os introducidos nela.

-Informa-las autoridades sanitarias da existencia de enfermidades infecciosas e calquera outro factor de risco para a saúde ou o benestar dos animais, así como para a saúde pública, de acordo coa normativa vixente.

-Informa-la agrupación sobre a causa de mortalidade dos animais e o lugar ó que deberán ser expedidos e o destino final dos cadáveres, de conformidade coa normativa sanitaria vixente.

-Velar polo cumprimento das condicións hixiénico-sanitarias das explotacións integrantes da agrupación.

3. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través da dirección xeral con competencias en materia de sanidade animal, poderá autoriza-los veterinarios das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras para expediren os documentos de acompañamento esixidos pola normativa veterinaria, de conformidade coa lexislación vixente.

4. No suposto de se comprobar que o veterinario responsable dunha agrupación de defensa sanitaria gandeira non reúne os requisitos ou non cumpra coas obrigas establecidas neste artigo, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través da dirección xeral competente, requirirá á agrupación que proceda á súa substitución ou adopte as medidas necesarias tendentes ó correcto cumprimento das obrigas citadas.

O incumprimento polas agrupacións de defensa sanitaria gandeira das medidas sinaladas pola Administración dará lugar á extinción do recoñecemento.

5. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá esixir ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras, de acordo cos censos que as integren, a actuación dun número de veterinarios responsables de desenvolve-las funcións sanitarias relacionadas cos programas aprobados superior e axustado ó censo gandeiro, de modo que se garanta a correcta execución do programa sanitario aprobado e das restantes obrigas establecidas neste decreto e das disposicións de policía sanitaria aplicables.

Artigo 7º.-Rexistro.

1. Créase o Rexistro de Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras recoñecidas na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondendo a súa levanza á dirección xeral competente na materia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Para a inclusión das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras de Galicia no rexistro nacional previsto no artigo 5 do Real decreto 1880/1996, do 2 de agosto, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria comunicaralle ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras recoñecidas nesta Comunidade Autónoma, así como as modificacións e extincións, se é o caso, das recoñecidas.

2. Para o mantemento da inscrición rexistral, as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras deberán presentar anualmente, na maneira que determine a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria:

a) Memoria de xustificación do cumprimento do programa sanitario aprobado pola consellería.

b) Listaxe actualizada das explotacións integrantes da agrupación de defensa sanitaria gandeira, con indicación das que causaron alta ou baixa, e relación dos seus titulares e o correspondente censo gandeiro.

Artigo 8º.-Deber de colaboración.

As agrupacións de defensa sanitaria gandeiras despois do seu recoñecemento teñen un deber de colaboración coa Administración que se estende a:

1. Colaborar activamente na organización, control e execución das medidas sanitarias para a prevención e loita contra as enfermidades dos animais, así como a realizar entre os seus asociados as campañas de divulgación que se establezan.

2. Deberán informar regularmente do curso das actuacións recollidas no programa sanitario común aprobado.

3. Deberán facilita-lo control da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e, en concreto, colaborar no acceso ás súas instalacións así como nas inspeccións efectuadas polos servicios veterinarios oficias da dirección xeral competente por razón da materia.

Artigo 9º.-Extinción do recoñecemento.

O incumprimento das condicións determinantes do recoñecemento das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras ou do programa sanitario aprobado poderá dar lugar, se é o caso, á extinción do recoñecemento para os efectos do presente decreto.

Artigo 10º.-Beneficios.

Con independencia das subvencións estatais previstas no Real decreto 1880/1996, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá establecer, dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, axudas complementarias destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras recoñecidas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria

Única.-Establécese un prazo de 6 meses a partir da entrada en vigor do presente decreto, para que as ADSG existentes se adapten ás disposicións establecidas polo presente decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó estipulado no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria