Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 19 de abril de 2001 pola que se regula a concesión de axudas para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

Estando en plena execución o Plan de Vivenda 1998-2001 e asinados diversos convenios referentes a áreas de rehabilitación coincidentes cos conxuntos históricos de diversos concellos de Galicia, seguen vixentes os motivos que xustifican a oportunidade e necesidade de continuar coa liña de axudas tendente ó rescate, conservación e ordenación dos ditos conxuntos históricos galegos.

Así pois, a presente orde ten por obxecto a regulación, actualización e coordenación co vixente marco normativo do Plan de Vivenda 1998-2001 das axudas ós promotores de actuacións de rehabilitación en vivendas e edificios con destino a vivenda situados nos conxuntos históricos galegos, ampliando o seu

ámbito de aplicación ós núcleos históricos con planeamento especial oficialmente aprobado e ás entidades de poboación polas que discorre o Camiño Francés de Santiago.

En virtude do anterior e logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de novembro de 1993, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A presente disposición aplicarase ó fomento e á protección da rehabilitación de vivendas situadas den:

a) Zonas de rehabilitación de núcleos históricos por fomento da iniciativa privada que serán delimitadas por acordo municipal e terán que estar incluídas obrigatoriamente na delimitación de conxunto histórico-artístico oficialmente aprobada.

b) Núcleos históricos con Plan Especial de Protección e Reforma Interior oficialmente aprobado.

c) Entidades de poboación que figuran no anexo III, polas que discorre o Camiño Francés de Santiago.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día da entrada en vigor da presente disposición e rematará o día 30 de setembro de 2001.

Artigo 2º

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo concederalles axudas a promotores de actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios con destino a vivenda situados nas zonas, núcleos e entidades establecidos no artigo 1º.

2. As axudas consistirán nunha subvención do 30% do custo real das actuacións de rehabilitación determinado polo prezo total do contrato de execución, os honorarios facultativos e de xestión e os tributos satisfeitos por razón das actuacións. A devandita subvención terá un límite absoluto de 700.000 pesetas por vivenda.

Artigo 3º

1. As actuacións de rehabilitación que poderán acollerse á presente orde serán o conxunto de obras necesarias para acada-lo necesario nivel de adecuación nos seguintes aspectos:

a) Condicións estructurais-seguridade.

1. Elementos estructurais e constructivos.

2. Adecuación ou realización de instalacións en xeral.

3. Mellora das condicións de illamento en xeral.

4. Medidas de seguridade (incendios, sinistros, etc.).

5. Acabamentos de elementos comúns.

b) Habitabilidade.

1. Programa funcional das vivendas.

2. Dimensións da vivenda e as estancias.

3. Adecuación e funcionalidade das diferentes instalacións.

4. Condicións de ventilación, iluminación e aireación.

5. Mellora das condicións constructivas.

c) Condicións artísticas: protección patrimonial.

1. Melloras do volume externo.

2. Melloras de elementos singulares.

2. As condicións a que se refire o punto anterior serán as mínimas esixibles, sendo complementarias das determinacións derivadas do planeamento urbanístico que, se é o caso, afecten os núcleos históricos.

3. As obras relativas á adecuación estructural e de seguridade serán preferentes ás previstas en materia de habitabilidade e protección patrimonial, polo que non poderán solicitarse estas se o inmoble precisase a realización das primeiras.

O nivel mínimo de adecuación nos aspectos a que se refire o presente artigo é o establecido no anexo I desta disposición.

4. Establécense como prezos máximos os das distintas partidas da base de datos da construcción de Galicia publicadas, e para as partidas non definidas determinaranse os rendementos por asimilación doutras partidas.

Artigo 4º

1. Estas axudas son compatibles coas establecidas no Real decreto 1186/1998 e coas establecidas no Decreto 345/1998, do 20 de novembro, así como coas establecidas nos programas autonómicos de axudas á rehabilitación e á reconstrucción da vivenda rural en Galicia.

No caso de solicitar ámbalas dúas, a solicitude das previstas nesta orde poderase presentar ó mesmo tempo.

Artigo 5º

As solicitudes presentaranse nas oficinas da delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e formularanse en instancia dirixida ó director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

Xunto coas solicitudes presentarase a seguinte documentación:

-DNI/NIF.

-Memoria que conterá polo menos:

a) Descrición do tipo de actuación que vai levar a cabo entre as recollidas no artigo 3º.

b) Documento acreditativo da titularidade, como propietario ou inquilino.

c) Superficie útil da vivenda ou inmoble.

d) Orzamento de execución, asinado polo contratista, polo promotor e polo técnico competente, se é o caso.

e) Se é o caso, proxecto de execución asinado por técnico competente.

f) Prazo máximo da execución das obras.

g) Fotografías do edificio no que se proxecta a rehabilitación.

-Licencia municipal das obras.

-Certificado municipal de situación da vivenda, según sexa o caso, en:

a) Zona de rehabilitación do núcleo histórico por fomento da iniciativa privada aprobada polo concello.

b) Núcleo histórico con Plan Especial de Protección e Reforma Interior oficialmente aprobado.

c) Entidade de poboación, de entre as que figuran no anexo III, polas que discorre o Camiño Francés de Santiago.

-Os peticionarios das axudas presentarán coa solicitude inicial unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

A solicitude de subvención suporá que a Comunidade Autónoma poderá facer uso da información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente ou solicitala, no marco da colaboración que se estableza, da Axencia Estatal da Administración Tributaria ou doutras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de outorgamento e aboamento das subvencións.

Artigo 6º

Á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o delegado provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo procederá a outorga-la declaración provisional de rehabilitación protexida, no caso de cumpri-los requisitos esixidos.

A declaración provisional comprenderá as actuacións que se van realizar, o prazo de execución das obras e o seu orzamento.

O prazo de execución non poderá exceder dun ano a partir da data de notificación da declaración provisional de rehabilitación protexida.

Excepcionalmente por causa xustificada e por petición motivada do promotor, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido que non exceda da metade del.

O non cumprimento dalgún dos requisitos establecidos na presente disposición será motivo da denegación expresa e motivada da declaración provisional de rehabilitación protexida do expediente.

Artigo 7º

O beneficiario, unha vez executadas as obras declaradas dentro do prazo concedido para o efecto, disporá dun prazo de 15 días para comunicar por escrito á delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo a súa finalización, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas. A inactividade do interesado dará lugar á denegación da declaración definitiva por incumprimento das condicións de outorgamento da subvención.

O delegado provincial do IGVS, á vista da documentación presentada, logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, procederá a outorgar ou denega-la declaración definitiva de reha

bilitación protexida para o expediente con notificación ó interesado.

Será motivo de denegación da declaración definitiva non executa-las obras obxecto da declaración provisional dentro do prazo concedido para o efecto.

A concesión da subvención efectuarase por resolución do director xeral do IGVS por proposta do delegado provincial, unha vez obtida a cédula da declaración definitiva.

Contra as resolucións de declaración provisional e definitiva de rehabilitación protexida e de concesión da subvención poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

Non obstante, se non existise crédito orzamentario, resolverase a concesión no momento en que exista cobertura orzamentaria.

Os beneficiarios, unha vez obtida a declaración definitiva de rehabilitación protexida e dictada a resolución de concesión da subvención e en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Deberán, así mesmo, acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 8º

Sen prexuízo do determinado no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, en ningún caso o importe total das subvencións concorrentes, para as mesmas actuacións de rehabilitación, con cargo ós orzamentos do IGVS e con cargo ó Ministerio de Fomento ó abeiro do Real decreto 1186/1998 poderá ser de tal contía que supere o 75% do custo real das actuacións protexidas.

Artigo 9º

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión das axudas determinará a obriga do reintegro por parte do beneficiario dos recursos achegados polo IGVS.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º

Os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11º

Poderanse conceder axudas por un importe de 170.000.000 de pesetas, dos que 30.000.000 de pesetas serán con cargo ó exercicio corrente e 140.000.000 de pesetas para o seguinte exercicio orzamentario, sen prexuízo do seu reaxuste a anualidades posteriores en función do ritmo da execución das obras aprobadas.

As obrigas derivadas da aplicación do artigo 2º da presente disposición atenderanse durante o presente exercicio e o exercicio seguinte con cargo ó crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.60.331A.784 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001.

A dotación inicial prevista poderase incrementar en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación.

Artigo 12º

Non poderán concederse os beneficios da presente disposición para aquelas vivendas que xa os obtiveron ó abeiro dos programas autonómicos de axudas específicas para a rehabilitación en inmobles situados en conxuntos históricos, se os seus promotores as solicitaron nos catro exercicios inmediatamente anteriores ó presente exercicio.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral do IGVS para dictar cantas disposicións sexan necesarias en desenvolvemento da presente orde.

Disposición transitoria

As axudas económicas solicitadas dentro do prazo ó abeiro de convocatorias anteriores seguiranse tramitando conforme a normativa aplicable a elas e poderanse atender con cargo ós créditos consignados para esta finalidade na aplicación 06.60.331A.784 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o presente exercicio.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2001.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial Obras Públicas

e Vivenda

ANEXO I

A. Condicións estructurais-seguridade.

a) Elementos estructurais e constructivos.

Deberán presentar garantías suficientes da súa adecuación. Para isto necesitarase certificación dun técnico competente que avale a estabilidade do edificio. A sobrecarga mínima que se deberá soportar ó uso é de 200 kg/m.

b) Instalacións en xeral.

-A instalación eléctrica para iluminación e usos domésticos cumprirá co Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

-Instalación de auga.

Distínguense dous supostos: que no núcleo histórico exista rede de abastecemento público, caso no que será obrigatoria a conexión á rede de auga que asegurará o nivel de servicio suficiente, considerando como tal un caudal de 15 litros por minuto.

Se non existe rede de abastecemento e o inmoble se servise por captación propia, deberá existir un depósito de reserva suficiente.

-Instalación de saneamento.

Distínguense, así mesmo, dous supostos.

A existencia de rede de saneamento xeral no núcleo histórico: neste caso as augas residuais deberán recollerse en canalizacións tecnicamente aceptables e conectarse á rede xeral de forma adecuada. Entenderase que existe rede xeral cando discorra, como máximo, a 200 m do inmoble.

Se non existise rede xeral, resolverase o saneamento mediante fosas sépticas tecnicamente aceptables, situadas no exterior do inmoble. O efluente deberá ser depurado antes de mesturalo con augas correntes, ou ser enviado ó terreo.

Todo tipo de aparello sanitario deberá contar cos sifóns correspondentes.

Outras instalacións.

Son susceptibles de axuda as obras encamiñadas a dota-la vivenda de instalacións tales como teléfono, calefacción, antenas colectivas de FM e TV, así como as de protección contra incendios.

c) Condicións de illamento en xeral.

Garantirase o illamento do inmoble en xeral e a través de medios técnicos normais.

O illamento refírese tanto á estanquidade de cubertas e fachadas á auga, como ó térmico e ó acústico.

d) Medidas de seguridade.

O inmoble contará coas mínimas condicións de seguridade fronte a incendios e sinistros.

Para isto deberán protexerse os elementos estructurais metálicos; as caldeiras e depósitos de combustible presentarán as medidas de aireación mínimas e a instalación eléctrica e antena colectiva presentarán as garantías técnicas necesarias.

Todo isto deberá ser certificado por técnico competente.

B. Condicións de habitabilidade.

Terase en conta neste aspecto a normativa vixente en materia de habitabilidade, especificamente as esixencias derivadas do Decreto 311/1992, do 12 de novembro.

C. Condicións artísticas: protección patrimonial.

Poderán acollerse ó réxime de axudas para a mellora e conservación de elementos artísticos as actuacións en inmobles do núcleo histórico que, pola existencia dun plan especial, catálogo de inmobles ou disposicións emanadas da Comisión de Patrimonio, tivesen que mante-los referidos elementos. Estes fan referencia ó volume xeral do inmoble, fachadas e cuberta, así como a elementos singulares que poida presentar (chemineas, gárgolas, saíntes, pináculos, etc.).

ANEXO III

Entidades de poboación polas que discorre

o Camiño Francés de Santiago

Concello de Pedrafita do Cebreiro:

O Cebreiro, Liñares, Alto de San Roque, Hospital da Condesa, Padornelo, Alto do Poio e Fonfría do Camiño.

Concello de Triacastela:

O Biduedo, A Balsa, Fillobal, Pasantes, Remil, Triacastela, Vilar, Lamas e Vilavella.

Concello de Samos:

San Xil, Fontearcuda, Zoó, Furela, Brea, Montán, San Cristovo do Real, Lusío, Renche, O Coído, S. Martiño do Real, Samos, Roxos-Ferreira, Teiguín, Empalme de Castroncán, Aián e Frollais.

Concello de Sarria:

Pintín, Calvor, Aguiada, San Mamede do Camiño, San Pedro do Camiño, O Carballal, Vigo de Sarria, San Miguel, Barbadelo, Rente, Mercado da Serra, Leimán, A Pena, Peruscallo, Cortiñas, Lavandeira, Casal, Brea e Morgade.

Concello de Paradela:

Ferreiros, Cruceiro, Mirallos, A Pena, Couto, Rozas, Moimentos, Cotarelo, Marcadoiro, Moutras, Parrocha e Vilachá.

Concello de Portomarín:

Portomarín, Toxibó, Gonzar, Castromaior, Hospital e Vendas de Narón.

Concello de Monterroso:

Previsa, A, Lameiros, Ligonde e Airexe.

Concello de Palas de Rei:

Portos, Vilar de Donas, Lestedo, Os Valos, A Mamurria, A Brea, Abenostre, As Lamelas, O Rosario, Casas Revoltas, Palas de Rei, Aldea de Riba, Gaiola de Riba, San Xiao do Camiño, A Pallota, Outeiro da Ponte, Ponte Campaña, A, Casanova, Porto de Bois e Campanilla.

Concello de Melide:

Leboreiro, Disicabo, Furelos, Santa María de Melide, Carballal, Ponte de Penas, Raido e Parabispo.

Concello de Arzúa:

Boente, Pomariño, Castañeda, Pedrido, Río, Ribadiso, As Barreiras, Raido, Tabernavella e Calzada.

Concello do Pino:

A Calle, Lagüello, Boavista, O Alto, Salceda, Xen, Ras, A Brea, Rabina, Empalme, Sante Irene, Rúa, Burgo, Arca, Santo Antón e Amenal.

Concello de Santiago de Compostela:

Lavacolla, A, e San Marcos.