Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.628

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 23 de marzo do 2001 pola que se modifica a do 17 de outubro de 2000 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu consello regulador provisional.

Por Orde do 15 de xullo de 1998 a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura recoñeceu a denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia para o mexillón producido, envasado e depurado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Posteriormente, e en cumprimento do mandato establecido no artigo 3º da disposición anterior, por Orde do 17 de outubro de 2000, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura aprobou o Regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu consello regulador dispoñendo, no seu artigo único, o recoñecemento da devandita denominación con carácter definitivo.

Non obstante, o Real decreto 1643/1999, do 22 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no Rexistro Comunitario das Denominacións de Orixe Protexidas e das Indicacións Xeográficas Protexidas establece (artigo 5º) que unha vez que fora transmitida unha solicitude de Rexistro á Comisión Europea poderá concederse unha protección nacional transitoria segundo o previsto no artigo 5.5º do Regulamento (CEE) 2081/1992, mediante a aprobación e publicación do Regulamento da denominación, que será ratificado para tal efecto polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Polo exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo único da Orde do 17 de outubro de 2000 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia e do seu consello regulador provisional, que queda redactado como segue:

«Artigo único.-Apróbase co carácter transitorio establecido no artigo 5.5º do Regulamento (CEE) 2081/1992, o Regulamento da denominación de orixe Mexillón de Galicia-Mejillón de Galicia, o texto articulado do cal figura como anexo esta orde».

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento do establecido na presente orde.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2001.

P.D. (17-12-1997, DOG nº 246 do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura