Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de maio de 2001 pola que se convoca o II Certame Galego de Imaxe Artística Xuventude 2001.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcions e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en virtude do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica, é o órgano competente da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude. Por outra banda, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, ten, entre outras funcións, de acordo co disposto no Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 2001.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o II Certame Galego de Imaxe Artística Xuventude 2001, que consta de dúas modalidades: modalidade de fotografía e modalidade de banda deseñada.

As bases establécense no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais polas que se rexe esta convocatoria, inscricións, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto desta convocatoria está dotado cuns premios únicos para toda a Comunidade Autónoma galega e será tramitado a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude será a encargada de organiza-lo certame ó que se fai mención no artigo 1º.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO I

Modalidade de fotografía e modalidade de banda deseñada

I. Participantes.

Modalidade de fotografía.

Galegos ou residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, feitos durante o ano 2001.

Modalidade de banda deseñada.

Galegos ou residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, feitos durante o ano 2001, en grupo ou individualmente.

II. Condicions xerais.

Modalidade de fotografía.

1. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

2. A temática fará referencia á xuventude en tódalas facetas da súa actividade.

3. Cada autor poderá presentar tódalas fotografías que desexe co mesmo lema e distinto título.

4. As fotografías deberán ser orixinais, e non poden estar publicadas nin ter recibido ningún premio.

5. Xunto coa obra presentada, o autor entregará un sobre pechado co lema escrito no seu exterior, figurando no seu interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III, xunto cunha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras.

6. Cada fotografía deberá ir montada en soporte consistente e recoméndanse as medidas 40 x 50 cm. Na súa parte posterior deben leva-lo lema e o título correspondente.

7. As fotografías, tanto en cor coma en branco e negro, terán as medidas seguintes:

Máximas: 30 x 40 cm.

Mínimas: 18 x 24 cm.

Ou tamaño equivalente.

8. A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras. A Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que asegure as obras, de ata un máximo de 100.000 pesetas por obra.

9. A organización realizará un catálogo das obras selecciondas, que lles enviará ós participantes.

10. As obras que reciban os premios establecidos quedarán en poder da Xunta de Galicia.

11. A organización poderá montar unha exposición itinerante coas fotografías.

Modalidade de banda deseñada.

1. A temática será libre, con textos en galego, que terán carácter de inéditos.

2. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

3. O formato deberá ser DIN A-4 ou DIN A-3 e a súa extensión entre 2 e 6 páxinas inclusive.

4. Cada autor ou autores poderán presenta-las obras que desexen.

5. Cada obra deberá levar lema e título.

6. Xunto coas obras presentadas deberá entregarse un sobre pechado co lema/s escrito/s no seu exterior, figurando no seu interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III cos datos do autor ou autores, fotocopia do/s DNI por ámbalas dúas caras e currículo.

7. A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras. A Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que asegure as obras, de ata un máximo de 100.000 pesetas por obra.

8. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude reserva para si, con carácter exclusivo, o dereito a editar e difundi-las obras seleccionadas. A Dirección Xeral de Xuventude editará unha revista coas obras que sexan seleccionadas.

III. Inscricións.

Os participantes deberán dirixi-lo impreso de solicitude que se indica no anexo II ó servicio de xuventude da delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

R/ Ronda da Muralla, 70, 27003 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

R/ Mª Berdiales, 20-entreplanta, 36203 Vigo.

Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 3 de setembro de 2001.

IV. Premios.

Establécense os seguintes premios:

Modalidade de fotografía.

Categoría A (de 23 a 30 anos).

1º premio: 125.000 pesetas.

2º premio: 100.000 pesetas.

3º premio: 75.000 pesetas.

Mellor colección: 150.000 pesetas.

Categoría B (de 14 a 22 anos).

Mellor fotografía:

1º premio: 50.000 pesetas.

2º premio: 30.000 pesetas.

3º premio: 20.000 pesetas.

Mellor colección: 60.000 pesetas.

Cada autor non poderá recibir máis ca un premio.

Modalidade de banda deseñada.

Categoría A (de 23 a 30 anos):

1º premio: 200.000 pesetas.

2º premio: 150.000 pesetas.

3º premio: 100.000 pesetas.

4º premio: 75.000 pesetas.

Categoría B (de 19 a 22 anos):

1º premio: 100.000 pesetas.

2º premio: 75.000 pesetas.

3º premio: 50.000 pesetas.

4º premio: 30.000 pesetas.

Categoría C (de 14 a 18 anos):

1º premio: campamento noutras comunidades autónomas.

2º premio: campamento na Comunidade Autónoma de Galicia.

As notificacións das decisións do xurado, tanto favorables coma desfavorables, serán enviadas ós solicitantes nun prazo non superior a seis meses desde a publicación desta orde no DOG.

En caso de non recibi-la notificación no antedito prazo, poderase entender desestimada a solicitude presentada.

V. Xurado.

O xurado de cada unha das modalidades será nomeado polos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de Ourense, e estarán formados por persoas cualificadas nos ámbitos concretos que se van valorar, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Ourense.

A xuízo do xurado e segundo a calidade da obra poderanse deixar desertos algúns premios.

As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicos e indivisibles e estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

Durante o outono de 2001, e na Casa da Xuventude de Ourense, realizarase unha exposición coas obras seleccionadas polo xurado.

A decisión do xurado será inapelable.