Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Luns, 18 de xuño de 2001 Páx. 8.123

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 30 de maio de 2001 pola que se convocan cursos de formación bibliotecaria para profesionais de bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo pon en marcha programas de formación permanente, a través de cursos dos profesionais das bibliotecas do sistema bibliotecario galego.

Nestes últimos anos, a configuración do sistema bibliotecario galego deu un importante paso coa informatización da rede de bibliotecas públicas, con importantes investimentos en equipos e programas, co que se establecen as bases fundamentais para permiti-la instalación dunha rede eficaz que permita a adopción de proxectos comúns de informatización, catalogación centralizada e préstamo interbibliotecario, ó tempo que establece unha moderna infraestructura informática a cabeceira da cal é o Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

A maioría das bibliotecas públicas galegas están dotadas de equipamento e de programas informáticos para a xestión dos seus fondos, algún deles, como o Meiga, desenvolvido pola propia Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Este esforzo, sen embargo, para ser efectivo, ten que ir acompañado dun profundo e amplo programa de formación, centrado nos actuais responsables das bibliotecas galegas, na preparación e coñecemento dos novos instrumentos de traballo co fin de estaren en condicións de adopta-las novas tecnoloxías e de traballar nos novos programas comúns da rede. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse cursos de formación de biblioteconomía para profesionais de bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

O custo destes cursos farase efectivo con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353A.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001.

Artigo 2º

No anexo I desta orde enuméranse os cursos convocados, con especificación da duración, lugar e data de celebración, número de prazas, contido e persoas ás que van dirixidos.

Artigo 3º

Poderán optar a estes cursos os bibliotecarios, ou persoal que traballe con preferencia en centros da Rede de Bibliotecas de Galicia en calquera categoría profesional.

Non se poderán solicitar cursos de igual denominación e nivel xa realizados en anos anteriores.

Non poderán solicitar cursos aquelas persoas que anteriormente fosen seleccionadas para participar nalgún curso e non asistisen sen xustificalo por escrito á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 4º

As persoas que desexen realizar algún dos cursos convocados presentarán unha solicitude por cada un deles segundo modelo do anexo II desta orde no prazo de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou segundo establece o artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na solicitude farase consta-lo curso que se solicita e a orde de preferencia dos cursos solicitados.

A solicitude xúntase a seguinte documentación:

-Solicitude (anexo II).

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Certificación do director do centro de traballo, ou da entidade da que dependa a biblioteca, de que o interesado desenvolve traballos directamente relacionados cos contidos do curso e que conta con permiso para asistir a el (un certificado por curso facendo consta-lo nome do curso solicitado).

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de asistencia a cursos e maila súa documentación, estas serán avaliadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural e o director xeral de Promoción Cultural elevará proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, quen resolverá nun prazo non superior a tres meses. No caso de producirse silencio administrativo, estimarase concedido o curso.

Artigo 6º

A selección dos asistentes ós cursos farase en función das condicións esixidas ou sinaladas como prioritarias. No caso de haber máis solicitudes que prazas, terase en conta o número de cursos para os que foi seleccionado o solicitante nesta convocatoria e a data de entrada da instancia. As bibliotecas e centros onde se realicen

os cursos disporán de dúas prazas para persoal dos seus servicios bibliotecarios.

Artigo 7º

A inasistencia a un curso sen causa xustificada será motivo de exclusión de novos cursos durante os tres próximos anos. A falta xustificada a máis dun 10% das horas totais do curso levará consigo a non obtención do certificado de asistencia.

Artigo 8º

Os asistentes ós cursos recibirán á súa finalización un certificado de asistencia con especificación de horas impartidas. Naqueles cursos nos que se realice a valoración dos coñecementos adquiridos o certificado será de asistencia e aproveitamento.

Artigo 9º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá encarga-la realización técnica destes cursos a profesionais especialistas nas materias que vaian impartirse.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural, para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO I

Cursos.

1. A xestión das bibliotecas públicas.

Contido: a xestión administrativa dunha biblioteca pública. Organización e xestión dos servicios bibliotecarios nunha biblioteca pequena ou mediana.

Duración: 30 horas.

Datas: setembro.

Horario: de luns a venres de 17 h a 21 h.

Lugar: A Coruña.

Nº prazas: 20.

Destinatarios: bibliotecarios con labores de xestión en bibliotecas públicas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

2. Introducción á catalogación automatizada en Meiga 2001. Catalogación derivada.

Contido: a automatización da catalogación, o intercambio de rexistros e a catalogación derivada co programa Meiga 2001.

Duración: 20 horas/curso.

Data: xullo-setembro-outubro.

Horario: sesións de tardes.

Lugares: Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Nº prazas: 20.

Destinatarios: bibliotecarios municipais da Rede de Bibliotecas de Galicia.

3. As novas tecnoloxías nos servicios das bibliotecas públicas.

Contido: concepción da nova biblioteca pública. As bibliotecas públicas cara ó futuro. Os novos servicios das bibliotecas públicas.

Duración: 20 horas.

Data: setembro.

Horario: tardes de 17 h a 21 h.

Lugar: Santiago de Compostela.

Nº prazas: 20.

Destinatarios: bibliotecarios de bibliotecas nodais e municipais da Rede de Bibliotecas de Galicia.

4. A conservación dos materiais librarios.

Contido: natureza dos materiais. Os inimigos dos libros. Cómo garda-los libros e documentos. Recomendacións para o mantemento das coleccións en soporte papel.

Duración: 20 horas.

Data: xullo-setembro.

Horario: tardes de 17 h a 21 h.

Lugar: Santiago de Compostela.

Nº prazas: 20.

Destinatarios: bibliotecarios de bibliotecas nodais, bibliotecas de especial interese, CSBG e bibliotecas con fondo antigo da Rede de Bibliotecas de Galicia.

5. Animación á lectura.

Contido: o labor de animación á lectura nas bibliotecas públicas.

Duración: 20 horas/curso.

Data: setembro-outubro.

Horario: mañás, agás en Santiago de Compostela que se fará en sesións de tarde.

Lugares: Lugo, Ourense, Pontevedra,Vigo e Santiago de Compostela.

Nº de prazas: 20 por curso.

Destinatarios: bibliotecarios de bibliotecas municipais da Rede de Bibliotecas de Galicia e de seccións infantís de bibliotecas nodais.

6. Normalización no intercambio de rexistros bibliográficos: normas ISO, o protocolo Z-3950.

Contido: a normalización na importación e exportación de rexistros bibliográficos. A súa aplicación práctica na Rede de Bibliotecas de Galicia. O protocolo Z-3950.

Duración: 20 horas.

Data: outubro.

Horario: sesións de tardes.

Lugar: Santiago de Compostela.

Nº prazas: 20.

Destinatarios: bibliotecarios con funcións de catalogación nas bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

7. A referencia nas bibliotecas.

Contido: a sección de referencia nas bibliotecas: concepción e organización. Os materiais e obras de referencia.

Duración: 20 horas.

Data: outubro.

Horario: sesións de tardes.

Lugar: Santiago de Compostela.

Nº prazas: 20.

Destinatarios: bibliotecarios de bibliotecas municipais, bibliotecas de especial interés, e CSBG.

8. Os resumos na documentación.

Contido: características e técnica de elaboración de resumos documentais.

Duración: 25 horas.

Datas: setembro.

Horario: tardes de luns a venres e sábado mañá e tarde.

Lugar: A Coruña.

Nº prazas: 20.

Destinatarios: bibliotecarios e documentalistas das bibliotecas da Rede de Bibliotecas de Galicia.

9. Recursos bibliográficos na Internet.

Contido: utilización práctica da Internet en bibliotecas. Recursos de interese na rede para o seu uso por bibliotecarios ou usuarios de bibliotecas.

Duración: 20 horas.

Data: setembro.

Horario: sesións de tarde.

Lugar: Santiago de Compostela.

Nº prazas: 20.

Destinatarios: bibliotecarios da Rede de Bibliotecas de Galicia.