Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 20 de xuño de 2001 Páx. 8.252

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 138/2001, do 25 de maio, polo que se aproba a bandeira do Concello de Zas (A Coruña).

O Concello de Zas (A Coruña) considerou conveniente organizar correctamente a súa bandeira municipal para perpetuala con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa súa correspondente proposta de representación gráfica da súa bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, visto o informe de data vinte de abril de dous mil un, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aproba-la bandeira do Concello de Zas (A Coruña), que figura como anexo, organizada do seguinte xeito: sobre pano branco, dúas mazarocas ó natural, dispostas unha á hasta e outra ó batente, e no centro unha franxa vertical de vermello cunha torre de amarelo aclarada de azul.

Santiago de Compostela, vintecinco de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais