Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Xoves, 21 de xuño de 2001 Páx. 8.351

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 6 de xuño de 2001 de desenvolvemento do Decreto 127/2001, do 25 de maio, sobre subvencións a fondo perdido para reconstrucción de vivendas no medio rural de Galicia.

O Decreto 127/2001, do 25 de maio, constitúe o novo marco normativo polo que se regula a concesión de subvencións para reconstrucción de vivendas situadas no medio rural.

A súa disposición derradeira faculta o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar, no marco da súa competencia, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Esta orde regula as axudas que, con cargo ó crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.60.331A.781.1 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, concederá o Instituto Galego da Vivenda e Solo en materia de reconstrucción de vivendas no medio rural, de conformidade co establecido no Decreto 127/2001, do 25 de maio.

O importe máximo destas axudas será de 120.000.000 de pesetas, con cargo ó exercicio orzamentario de 2001.

A dotación inicial prevista poderase incrementar en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación.

Artigo 2º

Para os efectos do determinado no artigo 5 do Decreto 127/2001, enténdese:

1. Por ingresos familiares, a contía, en millóns de pesetas, da parte xeral e especial da base impoñible reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40/1998, do 9 de decembro, sobre a renda das persoas físicas, isto é, antes de proceder ás deduccións dos mínimos persoal e familiar, e correspondente á declaración do solicitante e ás declaracións de cada un dos demais membros da unidade familiar, presentadas no período impositivo inmediatamente anterior (con prazo de presentación vencido) á solicitude das axudas.

Se o interesado non presentase declaración, por non estar obrigado a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40/1998, do 9 de decembro, sen prexuízo do achegamento dos documentos acreditativos que se establecen para a súa comprobación no artigo 4º desta orde de convocatoria.

2. Por ingresos familiares ponderados, os resultantes de lles aplicar ós ingresos familiares o seguinte coeficiente multiplicador de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

Familias de 1 membro: 1.

Familias de 2 membros: 0,95.

Familias de 3-4 membros: 0,90.

Familias de 5-6 membros : 0,85.

Familias de máis de 6 membros: 0,80.

3. Por unidade familiar enténdese tal e como resulta definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

4. No caso dos galegos residentes no estranxeiro, os ingresos na moeda propia do país no que se obteñan calcularanse en función do seu contravalor en pesetas, aplicando o primeiro cambio oficial fixado polo Banco de España para o comprador no mercado de divisas no ano seguinte ó que se refiran os ingresos.

Artigo 3º

Para os efectos previstos no artigo 7 do Decreto 127/2001, determínase:

1. Como modelos de solicitude, os que figuran no anexo desta disposición.

2. Como documentos que deben xuntarse á solicitude das axudas, os seguintes:

a) Fotocopia compulsada do DNI e do NIF do solicitante.

b) Proxecto básico e de execución de acordo co previsto no artigo 4 do devandito Decreto 127/2001, do 25 de maio.

c) Plano de localización da vivenda no que figure o nome da parroquia, lugar, rúa e o número ou denominación da casa.

d) Fotografías actuais de tódalas fachadas da vivenda e das partes obxecto das actuacións.

e) Fotocopia compulsada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente ó exercicio inmediatamente anterior ó momento da solicitude, e certificado das rendas expedido nos termos do Real decreto 1190/2000, do 23 de xuño, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

De non estar obrigado a presenta-la declaración do IRPF, copia da notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria para os que presentaron o modelo de solicitude de devolución 104-105, e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

Nos demais casos, declaración responsable de tódolos ingresos obtidos e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria que corresponda, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas que estivese de alta no devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións, ou prestacións periódicas, certificado do Inem, e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

No suposto dos emigrantes, a xustificación dos ingresos familiares efectuarase mediante copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas presentada en España, ou da similar presentada no país onde presten os seus servicios, autenticada, se é o caso, pola agregadoría laboral correspondente ou delegación consular de España.

f) Certificado municipal de situación da vivenda segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 127/2001, do 25 de maio.

g) Licencia municipal de obras para a execución do proxecto.

h) Documentos que acrediten que o solicitante é o propietario da vivenda obxecto das actuacións, e, de se-lo caso, acreditación da residencia e documento de autorización da institución correspondente, previstas no artigo 5 do Decreto 127/2001, do 25 de maio.

i) Documentación acreditativa da antigüidade da vivenda.

j) Declaración do conxunto de tódalas subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

3. As solicitudes de subvención presentaranse nas delegacións provinciais do IGVS que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

As solicitudes asinadas polos galegos residentes no exterior da Comunidade Autónoma poderán presentarse nas entidades galegas dos lugares de residencia que teñan recoñecida a galeguidade ou estean consideradas como colaboradoras, as cales deberán remitilas en todo caso á Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas.

Esta secretaría xeral remitirá as solicitudes á delegación provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda en función da localización da vivenda.

Será preceptivo o informe da Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas para toda solicitude presentada polos galegos residentes no exterior.

Artigo 4º

Para os efectos do sinalado no artigo 8 do Decreto 127/2001, do 25 de maio, o prazo de presentación de solicitudes é de tres meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Disposición transitoria

As axudas económicas solicitadas dentro do prazo ó abeiro de convocatorias anteriores, ás que se refire a disposición transitoria do Decreto 127/2001, do 25 de maio, poderanse atender con cargo ós créditos consignados para esta finalidade na aplicación 06.60.331A.781.1 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para este exercicio.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2001.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda