Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 25 de xuño de 2001 Páx. 8.487

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

En consideración ó tempo transcorrido desde a publicación do Decreto 299/1990, do 24 de maio, sobre indemnizacións que por razón do servicio lle corresponde percibir ó persoal con destino nesta Administración autonómica, período no que a dinámica da xestión pública motivou a necesidade de regular certas indemnizacións non recollidas contempladas na anterior normativa,

Tendo en conta, así mesmo, a oportunidade de perfecciona-los supostos que orixinan tales percepcións e a precisa actualización das súas contías para mante-lo equilibrio entre elas e o incremento do custo da vida, así como a conveniencia de dispoñer dunha norma que recolla co detalle necesario toda a casuística relativa a esta materia, faise aconsellable a publicación desta disposición.

Na súa virtude, oída a Comisión de Persoal, por iniciativa dos conselleiros da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xuño de dous mil un,

DISPOÑO:

Principios xerais e ámbito de aplicación

Artigo 1º

Un.-O persoal con destino na Administración autonómica de Galicia ten dereito a ser indemnizado por razón do servicio nas circunstancias, condicións e límites contidos neste decreto.

Dous.-No ámbito determinado no punto un enténdese incluído todo o persoal, calquera que sexa a natureza xurídica da relación de emprego e da prestación de servicios e o seu carácter, permanente ou accidental, excepto o de carácter laboral, ó que se lle aplicará o previsto nos respectivos convenios ou normativa específica.

Artigo 2º

Darán orixe a indemnización ou compensación os supostos seguintes:

-Comisións de servicio con dereito a indemnización.

-Desprazamentos dentro do termo municipal por razón do servicio.

-Traslados de residencia.

-Asistencias a sesións de consellos de administración ou outros órganos similares.

-Participación en tribunais de oposicións e concursos ou outros órganos encargados de selección

de persoal ou de probas que sexa necesario superar para o exercicio de profesións ou para a realización de actividades.

-Colaboracións non permanentes nin habituais de formación e perfeccionamento do persoal na Escola Galega de Administración Pública ou, nos cursos ou actividades que convoque a Consellería da Presidencia e Administración Pública, en virtude da autorización concedida na disposición transitoria terceira da Lei 13/1988, do 30 de decembro.

Capítulo I

Comisións de servicio con dereito a indemnización

Sección primeira

Normas xerais

Artigo 3º

Un.-Son comisións de servicio con dereito a indemnización os cometidos especiais que circunstancialmente se lle ordenen ó persoal comprendido no artigo primeiro e que deban desempeñarse fóra do termo municipal onde radique a súa residencia oficial ou o seu posto de traballo, de conformidade coa normativa vixente.

Dous.-Non se considerarán comisións de servicio con dereito a indemnización, e polo tanto, non poderán ser indemnizados, aqueles servicios que estean retribuídos expresamente por calquera outro concepto.

Tres.-Tampouco darán lugar a indemnización aquelas comisións nas que a prestación do servicio fóra do termo municipal onde radique a residencia oficial do comisionado teña lugar por petición propia ou haxa renuncia expresa da citada indemnización.

Artigo 4º

A designación das comisións de servicio con dereito a indemnización é competencia do conselleiro de cada consellería ou das autoridades superiores do organismo ou entidade correspondente.

Artigo 5º

Un.-Toda comisión con dereito a indemnización, salvo casos excepcionais, non durará máis dun mes en territorio nacional e de tres no estranxeiro.

Dous.-Malia o disposto no parágrafo anterior, se antes de vence-lo prazo marcado para o desempeño dunha comisión resultase insuficiente para o total cumprimento do servicio, o xefe correspondente poderá propoñer, de maneira razoada, á autoridade competente, a concesión de prórroga polo tempo estrictamente indispensable.

Artigo 6º

Un.-As comisións cunha duración que exceda dos límites sinalados no punto un do artigo anterior, así como as prórrogas concedidas conforme o disposto no seu punto dous, terán a consideración de residencia eventual, desde o comezo da comisión inicial ou da súa prórroga respectivamente.

Dous.-A duración da residencia eventual non poderá exceder dun ano, salvo que se prorrogue polo tempo estrictamente indispensable pola autoridade superior de cada consellería, organismo ou entidade correspondente. A duración da prórroga non poderá exceder dun ano.

Tres.-No caso de que inicialmente se prevexa que os cometidos especiais esixirán un tempo superior a un ano, procederase a tramita-la creación do correspondente posto de traballo na consellería da que se trate, de acordo coa normativa vixente.

Artigo 7º

Un.-A asistencia ós cursos de capacitación, especialización ou ampliación de estudios e, en xeral, ós de perfeccionamento, convocados polas administracións públicas que realice o persoal da Administración autonómica, contando con autorización expresa, terá o carácter de residencia eventual, sempre que teña lugar fóra do termo municipal da súa residencia oficial ou do seu posto de traballo e calquera que sexa a duración destes. Non obstante, cando os que estean realizando estes cursos regresen a pernoitar na súa residencia habitual, non percibirán esta indemnización, pero se por razón do horario tivesen que xantar na localidade onde se imparten, terán dereito a percibi-la cantidade correspondente ó 50 por cento dos gastos de manutención, e a indemnización que por gastos de viaxe puidera corresponderlles segundo o regulado neste decreto.

Dous.-A consideración de residencia eventual empezará a contar desde o día da iniciación do curso e durará ata o remate deste. Os días anteriores e posteriores estrictamente indispensables para efectua-la ida e o regreso ata o centro de estudios indemnizaranse, se é o caso, de acordo co disposto con carácter xeral para as comisións de servicio.

Sección segunda

Clases de indemnizacións

Artigo 8º

Un.-Axuda de custos é a cantidade que se devenga diariamente para satisface-los gastos que orixina a estada fóra da residencia habitual.

Dous.-Indemnización de residencia eventual é a cantidade que se devenga diariamente para satisface-los gastos que orixina a estada fóra da residencia oficial cando a comisión se prevexa de longa duración ou se prolongue necesariamente.

Tres.-Gastos de viaxe é a cantidade que se aboa pola utilización de calquera medio de transporte por razón do servicio.

Sección terceira

Contía das indemnizacións

Artigo 9º

Un.-Nas comisións que se desempeñen en calquera punto do territorio español percibiranse as axudas de custo a que se teña dereito segundo os grupos

que se especifican no anexo I e as contías que establecen os anexos II e III, segundo sexan desempeñadas en territorio español ou estranxeiro, respectivamente, e que comprenden gastos de manutención e os importes máximos que por gastos de aloxamento se poderán percibir ó día, salvo no suposto do artigo 11º, punto un.

Dous.-Se se pernoita fóra da residencia oficial, poderá aboarse axuda de custos enteira o día de saída e gastos de manutención, o de regreso, coa limitación recollida no artigo 12º, puntos dous.

Tres.-Nas comisións en que se regrese para pernoitar na residencia habitual non se percibirá axuda de custos, a non ser que, debido á realización do servicio, o persoal tivese que inicia-la comisión antes das catorce horas.

Neste caso, o importe que se percibirá será o 50 por cento do correspondente ós gastos de manutención e o 100 por cento nos casos en que a hora de regreso da comisión sexa posterior ás vinteúnha horas.

Igualmente, cando se autoricen comisións de servicio para seren realizadas en xornada de tarde e o regreso sexa posterior ás vinteúnha horas, poderá percibirse axuda por manutención ata o 50 por cento.

Artigo 10º

Un.-Nas comisións que se desempeñen fóra do territorio nacional percibiranse as indemnizacións que, segundo os países e os grupos en que se encontre clasificado o persoal, teña establecidas a Administración central para estes supostos.

Dous.-Estas axudas de custo percibiranse desde o día en que se pase a fronteira ou se saia do último porto ou aeroporto español e durante o percorrido e estada no estranxeiro e deixarase de facelo o mesmo día da chegada á fronteira ou ó primeiro porto ou aeroporto español.

Artigo 11º

Un.-Os gastos de aloxamento e os de viaxe que se realicen dentro do territorio español poderán concertarse con empresas de servicio. No concerto dos gastos de aloxamento determinarase o prezo por día e o tipo de aloxamento, segundo os grupos, e serán orientativas as contías que para tales gastos se establecen en virtude deste decreto.

Dous.-De non se poder utilizar este sistema de concerto, o importe que se deberá percibir por gastos de aloxamento será o xustificado, sen que a súa contía poida exceder das sinaladas nos anexos II e III.

Artigo 12º

Un.-Ningún comisionado poderá percibir axudas de custo de grupo superior ó que lle corresponda, aínda que realice o servicio por delegación ou en representación dunha autoridade ou funcionario clasificado nun grupo superior.

Dous.-Cando a comisión de servicio, aínda pernoitando fóra da residencia oficial, dure menos de vintecatro horas consecutivas, percibirase unha soa axuda de custos.

Tres.-O persoal que forme parte de delegacións oficiais presididas por membros do Goberno da comunidade non percibirá ningún tipo de axudas de custo e serán resarcidos pola contía exacta dos gastos realizados.

Catro.-O persoal que forme parte de delegacións oficiais presididas por directores xerais, directivos de entes ou organismos da Comunidade Autónoma e asimilados percibirán as axudas de custo do grupo pertencente a estes.

Cinco.-Os conselleiros poderán autorizar en cada ocasión en relación ó réxime de resarcimento pola contía exacta dos gastos realizados ós que se refire a disposición adicional segunda ó persoal directivo baixo a súa dependencia funcional.

Residencia eventual

Artigo 13º

O límite máximo de indemnización de residencia eventual será igual ó 80 por cento das axudas de custo enteiras que corresponderían conforme os artigos 9º e 10º, segundo se trate de comisións de servicio en territorio nacional ou estranxeiro, respectivamente, e a súa contía será fixada pola mesma autoridade que confire a comisión.

Cando nas comisións de servicio o persoal que estivese na situación de residencia eventual tivese que desprazarse desta, percibirá durante os días en que dure o citado desprazamento axudas de custo exclusivamente por aloxamento e os correspondentes gastos de viaxe, nas condicións establecidas para as comisións de servicio en xeral.

Gastos de viaxe

Artigo 14º

Un.-Toda comisión de servicio dará dereito a viaxar por conta da Administración autonómica no medio de transporte que se determine ó autoriza-la comisión e procurarase que o desprazamento se efectúe por liñas regulares.

Dous.-Indemnizarase polo importe do billete ou pasaxe utilizados dentro das tarifas correspondentes ás clases que para os distintos grupos comprendidos no anexo I se sinalan a continuación:

Primeiro e segundo grupos: clase primeira.

Terceiro e cuarto grupos: clase segunda.

Tres.-Cando o medio de transporte sexa o avión autorizarase en todo caso a clase turista; agora ben, a autoridade que ordene a comisión poderá autorizar outras clases superiores por motivos de representación ou duración das viaxes.

Catro.-A autoridade competente poderá autorizar, se é o caso, a utilización do medio de transporte en clase superior á do grupo correspondente, cando o considere preciso por necesidades do servicio, en casos de urxencia ou por concorreren as circunstancias que se determinan no punto tres do artigo 12º.

Cinco.-Nos casos nos que se utilicen para o desprazamento medios gratuítos da Comunidade Autónoma non se terá dereito a ser indemnizado por este concepto.

Seis.-O persoal poderá utilizar nas comisións de servicio vehículo particular cando así se autorice expresamente na orde da comisión. A contía da indemnización por uso de vehículo particular queda fixada en 28 pesetas por quilómetro. No suposto de utilización de taxis ou vehículos de aluguer, con ou sen conductor, poderase autorizar, excepcionalmente, na orde da comisión que o importe que se percibirá por gastos de viaxe sexa o realmente gastado e xustificado.

Sete.-Serán así mesmo indemnizables como gastos de viaxe os gastos de desprazamento en taxi ata ou desde as estacións de ferrocarril, autobuses, portos e aeroportos, sempre que se presenten como xustificantes os billetes ou os recibos do medio de transporte utilizado.

Oito.-Poderán xustificarse, igualmente, os gastos polo uso de garaxes no hotel de residencia ou de aparcadoiros públicos e a ORA no desempeño da comisión de servicios, así como os gastos de peaxe de autoestradas, sempre que os ditos gastos teñan a correspondente xustificación documental.

Sección cuarta

Anticipos e xustificacións

Artigo 15º

Un.-O persoal ó que se lle encomende unha comisión de servicio con dereito a indemnización terá dereito a percibir por adiantado o importe aproximado das axudas de custo e dos gastos de viaxe, sen prexuízo da devolución do anticipo total ou parcial, segundo os casos, unha vez rematada a comisión de servicios. Para tal fin autorizarase a existencia de fondos para xustificar nas habilitacións para o anticipo das indemnizacións.

Dous.-Se a comisión se realiza no estranxeiro e tivese que durar máis dun mes e menos de tres, anticiparase o importe das axudas de custo do primeiro mes e ó empezar un novo mes anticiparanse as axudas de custo que lle correspondan. Excepcionalmente, e se así o dispuxese a orde de comisión, anticiparase a totalidade ou a maior parte do importe probable das axudas de custo.

Tres.-Para a efectividade dos anticipos ós interesados será precisa a presentación na correspondente habilitación da orde de servicio, onde se fará consta-lo nome e a categoría do funcionario, a duración, o itinerario e o medio de transporte que se utilizará, así como a liquidación do importe aproxi

mado das axudas de custo e, por separado, dos gastos de viaxe, con expresión final da cantidade total que percibirá o interesado.

Artigo 16º

Un.-A xustificación dos anticipos ós que se refire o artigo anterior, así como das comisións realizadas e dos gastos de viaxe, farase de acordo coas seguintes normas:

Unha vez realizada a comisión de servicio e dentro do prazo de 10 días, o interesado presentará ante a habilitación unha conta xustificativa que comprenda os seguintes documentos:

1. Orde de servicio.

2. Declaración do itinerario seguido e da permanencia nos diferentes puntos, con indicación precisa dos días e horas de saída e de chegada.

3. Certificación da autoridade correspondente de que realizou a comisión encomendada.

4. a) As cantidades investidas en gastos de viaxe xustificaranse cos documentos orixinais e entenderanse así mesmo como tales as facturas orixinais das axencias de viaxe debidamente pormenorizadas, os billetes orixinais e, se estes se extraviaran, certificación da empresa coa que se fixo a viaxe na que se acredite o prezo do billete e a data efectiva da viaxe e non se poderán acepta-las que non cumpran os citados requisitos.

b) Os gastos de transporte efectuados por desprazamentos nas cidades ou para traslados a aeroportos ou estacións en xeral serán indemnizables sempre que se presenten como xustificantes os billetes do medio de transporte público utilizado.

5. a) Os gastos de aloxamento xustificaranse con factura orixinal acreditativa do seu importe, que, en todo caso, incluído o de facturación feita por axencia de viaxes, deberá especificar, separadamente da manutención, a contía correspondente ó aloxamento, para efectos da xustificación desta última.

b) A xustificación da indemnización polo importe do billete ou pasaxe utilizados pode incluí-lo complemento de coche-cama ou liteira, segundo corresponda a funcionarios do primeiro e segundo grupos, ou do terceiro e cuarto, respectivamente, sempre que os traxectos, pola súa longa duración, obriguen a utiliza-los citados servicios.

c) Se unha mesma habitación dobre é utilizada por dous funcionarios será xustificable o importe da factura, aboada en dúas partes iguais, e neste caso o límite establecido será o correspondente a dúas axudas de custo.

d) Os gastos de minibar, conferencias telefónicas e outros semellantes de tipo extra, aínda que incluídos en factura de hotel ou similar, non serán indemnizables. Polo contrario, os de almorzo que se xustifiquen expresamente nas citadas facturas consideraranse aboables, dentro das contías que para gastos máximos por aloxamento establece o presente decreto.

Dous.-Nos casos de anticipo, simultaneamente á presentación da conta xustificativa na habilitación da consellería respectiva, o interesado reintegrará o sobrante, se o houbese. Se resultase diferencia ó seu favor, faralla efectiva a referida dependencia.

Se transcorrido o prazo sinalado para a xustificación do anticipo o interesado non o efectuase, o habilitado porao en coñecemento da autoridade de quen este dependa e da Intervención Delegada para que se adopten as medidas conducentes ó seu reintegro.

Tres.-En tódolos casos de xustificación de indemnizacións, tanto por axudas de custo como por gastos de viaxe o exceso do gastado sobre as contías vixentes en cada momento correrá por conta do comisionado.

Catro.

a) A xustificación das comisións de servicio realizadas no estranxeiro efectuarase na forma determinada para as levadas a cabo no territorio nacional, tendo en conta que, para efectos de xustificación, terán a consideración de gastos para resarcir, en concepto de gastos extraordinarios de viaxe, só aqueles que, como vacinas, visados e outros sexan necesarios para a entrada no país do que se trate.

b) O día de chegada á fronteira ou ó primeiro porto ou aeroporto españois non se terá dereito á percepción das axudas de custo especificadas no anexo III, pero se á hora en que se produce a chegada e a distancia á residencia oficial dá lugar a unha continuación da viaxe en territorio nacional, serán indemnizables os gastos polo importe das axudas de custo do anexo II que, nas súas diversas circunstancias e condicións, se prevén neste decreto.

c) O tipo de cambio aplicable na xustificación dos importes das axudas de custo das comisións de servicio realizadas no estranxeiro será o fixado polo Banco de España na data de rendición da citada conta.

Capítulo II

Desprazamentos dentro do termo municipal

por razón do servicio

Artigo 17º

O persoal incluído no ámbito de aplicación deste decreto ten dereito a ser resarcido dos gastos de desprazamento que por razón do servicio se vexa obrigado a realizar para a práctica de dilixencias, notificacións e citacións que deba efectuar dentro do termo municipal onde teña a súa sede o centro no que preste servicios e sempre que non se fagan por correo certificado ou outro medio de comunicación.

Artigo 18º

Un.-Os desprazamentos ós que se refire o artigo anterior efectuaranse en medios de transporte público colectivo, salvo que o titular do centro en que se preste servicio autorice outro medio de transporte dentro das dispoñibilidades orzamentarias do citado centro.

Dous.-No caso de autorizarse o uso de vehículos particulares ou outros medios especiais de transporte a contía das indemnizacións será a establecida para tales supostos nas comisións de servicio con dereito a indemnización.

Artigo 19º

Un.-As indemnizacións ás que se refire o presente capítulo reclamaranse das habilitacións ou dos órganos funcionalmente análogos e xuntarase en tódolos casos a correspondente documentación xustificativa.

Dous.-Co fin de que o pagamento destas indemnizacións sexa inmediato e incluso anterior ó dos gastos realizados, deberá preverse a existencia de fondos para xustificar nas unidades citadas, todo iso con suxeición á normativa vixente.

Capítulo III

Traslados de residencia

Sección primeira

Normas xerais

Artigo 20º

Un.-Tódalas referencias á familia contidas neste capítulo entenderanse feitas ós familiares do persoal que orixine o dereito ás indemnizacións, sempre que convivan con el e por conta del.

Para os efectos previstos no parágrafo anterior entenderase que viven por conta del os familiares que non perciban ingresos por rendas do traballo, renda patrimonial ou pensións superiores ó salario mínimo interprofesional dos traballadores adultos.

Dous.-No caso de que os dous cónxuxes tivesen dereito ás indemnizacións ás que se refire este capítulo, só se poderá recoñecer a un deles.

Tres.-A contía da indemnización por axudas de custo e gastos de viaxe a que se refire este capítulo, tanto polo que respecta ó persoal como á súa familia, será a que proceda de acordo co grupo a que pertenza o persoal que orixine o dereito á indemnización, de acordo coa clasificación que se especifica no anexo número I deste decreto e cos límites establecidos nel.

Catro.-Nos casos en que se utilicen para o desprazamento medios gratuítos do Estado non se terá dereito a ser indemnizado por este concepto.

Cinco.-As indemnizacións por gastos de transporte de mobiliario e enxoval outorgaranse logo de orzamento aprobado destes e de conformidade coa normativa vixente.

Seis.-O dereito ás indemnizacións previstas neste capítulo caducará ó transcorrer un ano desde a data na que aquel naza, e as autoridades respectivas, por instancia dos interesados, poderán conceder prórrogas semestrais, por un prazo non superior a outros dous anos, cando existan dificultades para o traslado da residencia.

Sete.-O importe dos dereitos recoñecidos neste capítulo poderá ser anticipado. En canto ás con

dicións e ós límites destes anticipos, así como á súa xustificación, aplicarase a normativa vixente.

Sección segunda

Traslados

Artigo 21º

Un.-No caso de traslado forzoso que orixine cambio do termo municipal de residencia oficial, o persoal terá dereito ó aboamento dos gastos da viaxe, incluídos os da súa familia, e a unha indemnización de tres axudas de custo polo titular e por cada membro da súa familia que efectivamente se traslade, e ó pagamento dos gastos de transporte de mobiliario e enxoval.

Dous.-Para os efectos expresados, terán a consideración de traslado forzoso os supostos que a continuación se citan:

a) Os sinalados polas autoridades correspondentes, sen que preceda petición dos interesados.

b) Os orixinados por cambios non voluntarios de residencia oficial, así como pola supresión de dependencias ou centros ós que pertenzan os interesados.

c) A xubilación do persoal, sempre que sexa con carácter forzoso, por idade, imposibilidade física ou falta de aptitude ata a poboación indicada polo interesado, e por unha soa vez.

d) No caso de falecemento do funcionario activo que preste servicio na Comunidade, a súa familia terá dereito, por unha soa vez e ata a poboación española que sinale, ó aboamento dos gastos de viaxe, a unha indemnización de tres axudas de custo por cada membro da familia que efectivamente se traslade e á indemnización por gastos de transporte de mobiliario e enxoval. No suposto de que o cambio de domicilio fose na mesma poboación, só se terá dereito ó transporte de mobiliario e enxoval.

Tres.-Os traslados que obedezan a sanción imposta ó funcionario non darán dereito a indemnización.

Artigo 22º

No supostos de traslado material do fogar, para a determinación dos gastos indemnizables de transporte de mobiliario e enxoval procederase como segue:

a) A persoa que vaia realiza-lo traslado presentaralle á Administración, polo menos, tres orzamentos doutras tantas empresas dedicadas habitualmente a transportar mobiliario.

b) A Administración procederá a aprobar un dos orzamentos ofertados, salvo que ningún deles resulte aceptable para a Administración, e en tal caso esta poderá solicitar por si mesma un novo a outra empresa diferente e, de resultar este máis vantaxoso, deberá ofertarllo ó interesado.

Artigo 23º

Un.-No suposto de traslado, o interesado poderá solicitar un anticipo do 80 por cento dos gastos

aproximados que vaia ocasiona-lo citado traslado conforme as seguintes normas:

a) Para a efectividade do anticipo ós interesados estes deberán presentar na habilitación da consellería correspondente unha copia da orde de traslado, unha declaración na que fagan consta-lo posto de traballo ó que van destinados e o grupo no que, para efectos de axudas de custo, está incluído o dito posto e o número de persoas que van ser trasladadas e teñen dereito a axudas de custo segundo o establecido neste decreto.

b) O habilitado correspondente, á vista dos documentos presentados procederá a realiza-lo anticipo por un importe do 80 por cento do total ó que poidan ascende-los gastos de viaxe, axudas de custo, se é o caso, os de transporte de mobiliario e enxoval.

c) Realizado o traslado, no prazo dun mes o interesado procederá a presenta-la conta definitiva dos gastos efectuados. Á dita conta deberán xuntarse os documentos orixinais que xustifiquen os gastos de viaxe e a factura do transporte efectuado, de habelos.

Dous.-A xustificación das axudas de custo e gastos de viaxe é a prevista neste decreto nos artigos anteriores. No que a gastos de traslado de mobiliario e enxoval se refire, xuntarase unha factura dos satisfeitos á empresa que realizou o transporte, coa sinatura de conformidade do interesado. Se este optase por aceptar algún dos orzamentos distintos ó ofertado ou aprobado finalmente pola Administración, esta só satisfará a contía equivalente ó orzamento aprobado e o exceso será por conta do interesado. Neste suposto a orde de pagamento expedirase polo importe do orzamento aprobado e xustificarase con copia do dito orzamento e máis da factura satisfeita polo interesado.

Capítulo IV

Asistencias

Artigo 24º

Enténdese por asistencia a indemnización regulamentaria aboable ó persoal comprendido no artigo 1º deste decreto, pola concorrencia ás reunións de órganos colexiados da Administración galega e de consellos de administración de empresas públicas ou que teñan participación da Comunidade Autónoma de Galicia, así como pola participación en tribunais de oposicións e concursos encargados da selección de persoal ou en probas que sexa necesario superar para o exercicio de profesións ou para a realización de actividades, ademais das colaboracións con carácter non permanente nin habitual na Escola Galega de Administración Pública.

Artigo 25º

Un.-Só se aboarán asistencias pola concorrencia a consellos de administración de empresas públicas ou nas que participe a Comunidade Autónoma de Galicia, naqueles casos en que así o autoricen conxuntamente os conselleiros da Presidencia e

Administración Pública e de Economía e Facenda, por iniciativa dos conselleiros correspondentes.

Dous.-Para estes efectos, as consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda clasificarán os mencionados consellos de administración en tres categorías, atendendo a criterios de capital, contas de resultados, facturación e outros ingresos igualmente obxectivos, e fixarán, así mesmo, as correspondentes contías mensuais máximas que se percibirán en concepto de asistencias, segundo o número de reunións ás que se asista.

Tres.-Excepcionalmente, aboaranse asistencias pola concorrencia a reunións de órganos colexiados da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, naqueles casos en que así o autorice o propio Consello da Xunta de Galicia. Para tal efecto, o citado consello fixará as correspondentes contías mensuais máximas que se percibirán en concepto de asistencias segundo o número de reunións ás que se asista.

Catro.-Cando á obriga de asistencia ós órganos colexiados ou ós consellos de administración se sume a de participar en comisións permanentes executivas ou órganos de goberno análogos destes, as contías que se fixen conforme o punto anterior pódense incrementar ata un 30 por cento.

Cinco.-En ningún caso se poderá percibir polas asistencias comprendidas neste artigo un importe mensual superior ó 25 por cento das retribucións que correspondan polo posto de traballo principal, excepto no suposto previsto no punto anterior; neste caso o límite será do 33 por cento.

Seis.-Cada consellería, entidade, organismo ou empresa da Comunidade Autónoma comunicaralle trimestralmente á Consellería da Presidencia e Administración Pública e á de Economía e Facenda o detalle das cantidades satisfeitas polos conceptos indicados.

Sete.-No suposto de que nos distintos estatutos sociais das empresas públicas galegas ou con participación da Comunidade Autónoma se estableza o dereito a asistencias a favor dos membros dos seus consellos de administración, deberá de optarse por percibir estas ou as autorizadas pola Administración.

Artigo 26º

Un.-Aboaranse asistencias pola concorrencia a sesións de tribunais ou órganos encargados da selección de persoal ou de probas que haxa que superar para o exercicio de profesións ou para a realización de actividades naqueles casos en que expresamente o autorice a Consellería da Presidencia e Administración Pública, logo de informe da de Economía e Facenda.

Dous.-A Consellería da Presidencia e Administración Pública clasificará os mencionados órganos, para efectos de percepción de asistencia, na correspondente categoría de entre as seguintes, e as contías que se percibirán serán as que se sinalan no anexo IV deste decreto:

Categoría primeira: acceso a corpos ou escalas do grupo A.

Categoría segunda: acceso a corpos ou escalas do grupo B.

Categoría terceira: acceso a corpos ou escalas do grupo C.

Categoría cuarta: acceso a corpos ou escalas do grupo D.

Categoría quinta: acceso a corpos ou escalas do grupo E.

Tres.-As contías fixadas no citado anexo IV incrementaranse no 50 por cento do seu importe cando as asistencias se devenguen pola concorrencia a sesións que se celebren en sábados ou días festivos.

Catro.-Nos supostos excepcionais en que, con independencia do número de aspirantes, a complexidade e dificultade das probas de selección así o xustifiquen, a Consellería da Presidencia e Administración Pública, logo de informe da de Economía e Facenda, poderá autorizar un incremento destas nun 50 por cento sobre as contías que se refiren os puntos dous e tres anteriores, segundo os casos.

Cinco.-A convocatoria precisará a categoría do órgano de selección para efectos de asistencias, e, unha vez coñecido o número de aspirantes, a Consellería da Presidencia e Administración Pública establecerá o número máximo de asistencias que se percibirán.

Dentro do límite máximo de asistencias fixado de acordo co parágrafo anterior, o presidente de cada órgano determinará o número concreto das que corresponden a cada membro, de acordo coas actas de sesións celebradas.

Seis.-As asistencias devengaranse por cada sesión determinada, con independencia de se esta se estende a máis dun día, e devengándose unha única asistencia no suposto de que se celebre máis dunha sesión no mesmo día.

Sete.-A Consellería da Presidencia e Administración Pública, logo de informe da de Economía e Facenda, aplicando criterios análogos ós expostos nos puntos anteriores, clasificará os restantes tribunais e órganos encargados da selección de persoal, para o seu ingreso na Administración autonómica como persoal laboral, ou de probas que sexa necesario superar para o exercicio de profesións ou para a realización de actividades.

Oito.-En ningún caso se poderá percibir polas asistencias comprendidas neste artigo un importe total por ano natural superior ó dez por cento das retribucións anuais que correspondan ó posto de traballo principal, calquera que sexa o número de tribunais ou órganos similares nos que se participe.

Malia o disposto no punto anterior e logo do informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, poderase amplia-lo importe anual que se percibirá por asis

tencias a tribunais ou órganos similares, sempre e cando a concorrencia ou complexidade do proceso selectivo así o requira.

Artigo 27º

As cantidades percibidas por calquera concepto que superen as fixadas para asistencias, dentro das porcentaxes máximas establecidas neste, serán ingresadas directamente polo organismo, entidade ou empresa na Tesourería da Comunidade Autónoma.

Artigo 28º

As percepcións derivadas deste capítulo serán compatibles coas axudas de custo que lles poidan corresponder ós que para a asistencia ou concorrencia se despracen da súa residencia oficial.

Artigo 29º

Poderanse aboar asistencias pola colaboración, con carácter non permanente nin habitual, nas actividades a cargo da Escola Galega da Administración Pública, en que se impartan ocasionalmente conferencias ou cursos, así como nos congresos, relatorios, seminarios e actividades análogas incluídas no programa de actuación da citada escola, dentro das dispoñibilidades orzamentarias para tales atencións e sempre que o total de horas do conxunto destas actividades non supere individualmente o máximo de setenta e cinco ó ano.

As remuneracións que se percibirán axustaranse ós baremos que, para o efecto, se aproben pola citada Escola Galega de Administración Pública, logo de informe favorable da Consellería de Economía e Facenda.

En ningún caso se poderá percibir polo conxunto das asistencias a que se refire o presente artigo, durante cada ano natural, unha cantidade superior ó 25 por cento das retribucións anuais que correspondan ó colaborador polo posto de traballo principal.

O disposto neste precepto será tamén de aplicación á Academia Galega de Seguridade.

Disposicións adicionais

Primeira.

Este decreto ten carácter supletorio para todo o persoal non incluído no seu ámbito de aplicación.

Segunda.

Os membros do Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia cando realicen algunhas das funcións que, segundo o presente decreto, dan dereito a indemnización, serán resarcidos polo importe dos gastos realizados.

Terceira.

As autoridades comprendidas no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, poderán percibir polo exercicio das actividades compatibles previstas nos seus artigos 4, 5 e 7, as axudas de custo, indemnizacións e asistencias reguladas no presente decreto.

Cuarta.

As autoridades ás que se refire a disposición anterior poderán participar nas actividades a cargo dos centros de formación e perfeccionamento dos funcionarios mediante a impartición de conferencias e cursos, sempre que a dita colaboración se produza con carácter excepcional, así como nos congresos, seminarios e actividades análogas, tendo dereito á percepción das indemnizacións na contía e límites establecidos neste decreto.

Os ditos centros comunicaranlles trimestralmente á Consellería da Presidencia e Administración Pública e a de Economía e Facenda o detalle das cantidades satisfeitas polos conceptos indicados.

Quinta.

Terán dereito, en concepto de gastos de instalación, a unha indemnización, que terá como contía máxima o 10 por cento das retribucións totais anuais que correspondan ó seu novo destino, aqueles que fosen designados para o desempeño de cargos reservados a libre nomeamento do Consello da Xunta de Galicia, logo do acordo favorable deste, cando polo dito motivo se instalen en novo domicilio.

O disposto no parágrafo anterior non se aplicará cando tivesen no lugar de destino aloxamento oficial ou residencia a expensas da Comunidade Autónoma, ou continuasen mantendo a súa residencia familiar nun termo municipal distinto. Neste caso terán dereito a ser resarcidos dos gastos de viaxe que realicen como consecuencia da residencia distinta na clase que corresponda e pola contía exacta destes, logo de xustificación co billete orixinal, e será necesario, en todo caso, acordo previo do Consello da Xunta de Galicia.

Sexta.

Un.-Os titulares das comisións de servicio a que se refire este decreto que sufran minusvalidez de tal natureza que os obrigue necesariamente a contar cun acompañante coidador da súa persoa devengarán os gastos de manutención en contía dobre á establecida para o persoal non minusválido. Terán así mesmo dereito a seren indemnizados polo importe realmente gastado e xustificado por aloxamento e gastos de viaxe do citado acompañante, de acordo coas mesmas condicións e límites que correspondan ó titular minusválido.

Dous.-Para os efectos previstos no punto anterior, considerarase xustificada a necesidade de precisar acompañante, se os minusválidos requiren a asistencia doutra persoa para realiza-los actos máis esenciais da vida, tales como vestirse, desprazarse, comer ou análogos, logo de informe que deberá emiti-lo equipo multiprofesional correspondente.

Sétima.

Toda concesión de axudas de custo e de indemnizacións que non se axuste na súa contía ou nos requisitos para a súa concesión ós preceptos deste decreto non terá efectos na habilitación dos servicios.

Oitava.

As indemnizacións por razón do servicio, derivadas deste decreto, non poderán supoñer incremento do gasto público.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 299/1990, do 24 de maio, e as demais disposicións de igual ou inferior categoría que sobre esta materia regulase a Comunidade Autónoma galega con anterioridade.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Cada consellería, entidade ou organismo sufragará as indemnizacións e demais compensacións que teñan dereito a percibi-los servicios que deles dependan, calquera que sexa o órgano ou organismo da Administración da Comunidade Autónoma á que pertenza o persoal que teña que realizalos.

Segunda.

Un.-Cando se confira unha comisión de servicio a persoal non expresamente sinalado no anexo I deste decreto, determinarase na orde que a motive o grupo no que deba considerarse incluído.

Dous.-Esta asimilación, así como inclusión dun determinado grupo de persoal nun dos niveis ou clases establecidos no citado anexo, deberá ser autorizada pola Consellería da Presidencia e Administración Pública, logo de informe da de Economía e Facenda.

Terceira.

Un.-Os dereitos que se recaden en cada oposición, concurso ou proba selectiva pola participación de aspirantes nela constituirán ingresos orzamentarios da Comunidade Autónoma de Galicia. Os ditos dereitos, que se fixarán expresamente nas disposicións que convoquen as probas selectivas, serán satisfeitos polos aspirantes ó presentaren a instancia e no poderán ser devoltos máis ca no caso de non seren admitidos a exame por falta dalgún dos requisitos para tomar parte nel.

Dous.-Con obxecto de facer fronte ós gastos que se orixinen en cada oposición, concurso ou proba selectiva, proverase ó correspondente tribunal, unha vez constituído, antes do comezo das probas, das oportunas cantidades «para xustificar» precisas para facer fronte a tales gastos.

Cuarta.

O importe das indemnizacións establecidas neste decreto será revisado periodicamente mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Quinta.

As consellerías de Economía e Facenda e da Presidencia e Administración Pública, no ámbito das súas respectivas competencias, dictarán cantas dis

posicións complementarias sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto.

Sexta.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Clasificación do persoal

Grupo 1º. Altos cargos e subdirectores xerais, así como calquera outro cargo asimilado ós anteriores.

Grupo 2º. Funcionarios ó servicio da Comunidade Autónoma, pertencentes a corpos, escalas ou prazas con nivel de proporcionalidade 10 e 8 (grupos A e B), así como calquera outro persoal asimilado ós anteriores.

Grupo 3º. Funcionarios ó servicio da Comunidade Autónoma pertencentes a corpos, escalas ou prazas con nivel de proporcionalidade 6 (grupo C), así como calquera outro persoal asimilado ós anteriores.

Grupo 4º. Persoal non incluído nos grupos anteriores.

ANEXO II

Axudas de custo en territorio nacional

Por corpos

Por aloxamento

Por manutención

Axuda de custos

enteira

15.8008.70024.500
9.8006.10015.900
7.4004.60012.000
7.4004.60012.000

ANEXO III

Axudas de custo no estranxeiro

Devengaranse de acordo coas establecidas pola Administración do Estado en cada momento.

ANEXO IV

Asistencia por participación en tribunais de oposición ou concursos ou doutros órganos encargados da selección de persoal:

CategoríasImporte

Categoría primeira:
Presidente e secretario7.636
Vocais7.127

Categoría segunda:
Presidente e secretario7.127
Vocais6.619

Categoría terceira:
Presidente e secretario6.619
Vocais6.109

CategoríasImporte

Categoría cuarta:
Presidente e secretario6.109
Vocais5.600

Categoría quinta:
Presidente e secretario5.600
Vocais5.091