Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 26 de xuño de 2001 Páx. 8.577

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de maio de 2001 pola que se establecen accións encamiñadas a facilita-la simultaneidade dos estudios do grao medio das ensinanzas de música reguladas polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, cos de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e nivel III do ensino básico para as persoas adultas.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo establece no seu artigo 41.1º que as administracións educativas se facilitarán ó alumnado a posibilidade de cursar simultaneamente as ensinanzas de música e as de réxime xeral. Para este fin, adoptaranse as oportunas medidas de coordinación respecto á organización e ordenación académica de ámbolos dous tipos de estudios, que incluirán, entre outras, as validacións.

A Orde do 2 de xaneiro de 2001 (BOE do 6 de xaneiro) dispón validacións entre as ensinanzas de réxime especial de música e determinadas áreas da educación secundaria obrigatoria, para aqueles alumnos que cursen de forma simultánea ámbalas dúas ensinanzas.

A disposición adicional 3ª do Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, pola que se establecen os aspectos básicos do currículo dos graos elemental e medio das ensinanzas de música, dispón que as

administracións educativas poderán establecer validacións cando estas afecten ás materias optativas da educación secundaria obrigatoria ou bacharelato e regular, no ámbito das súas competencias, adaptacións curriculares encamiñadas a facilita-la simultaneidade dos estudios de música cos de réxime xeral.

A disposición adicional 2ª-1 do Decreto 253/1993, do 29 de xullo, pola que se establece o currículo dos graos elemental e medio das ensinanzas de música, confírelle competencias á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para fixa-las canles axeitadas para a coordinación académica das ensinanzas de música coas de réxime xeral.

Cómpre, pois, regular procedementos que favorezan unha concepción integradora do sistema educativo das ensinanzas de réxime xeral coas ensinanzas de música, ó tempo que se palían os efectos que pode produci-la sobrecarga lectiva dos estudiantes que optan polos estudios de música. Nese sentido, a disposición adicional 3ª.4 da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes dispón que aqueles alumnos que cursen simultaneamente ensinanzas regradas de música e ensinanzas de réxime xeral terán prioridade para a admisión nos centros que impartan as ditas ensinanzas de réxime xeral e que a administración educativa determine.

A presente orde regula os aspectos referentes ás validacións entre as ensinanzas de réxime especial de música e determinadas áreas e materias da educación secundaria obrigatoria ou entre a oferta curricular propia de cada centro do ensino básico para as persoas adultas, coa finalidade de dar resposta á necesidade de arbitrar procedementos que faciliten o desenvolvemento educativo dos alumnos que cursan simultaneamente as ensinanzas de réxime xeral ou o nivel III do ensino básico para as persoas adultas co grao medio de música. Así mesmo, regúlanse os aspectos referentes ás adaptacións do currículo nas materias de música e educación física na educación secundaria obrigatoria. Finalmente, disponse a

adopción de medidas de coordinación para os alumnos que cursen as materias comúns do bacharelato e o terceiro ciclo do grao medio de música.

En consecuencia co exposto, e en virtude das atribucións conferidas pola normativa anteriormente citada, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. O obxecto desta orde é facilita-la simultaneidade dos estudios do grao medio das ensinanzas de música coa educación secundaria obrigatoria, o nivel III do ensino básico para as persoas adultas e o bacharelato.

2. A presente orde é de aplicación nos centros públicos ou privados que estean autorizados para imparti-las ensinanzas do grao medio de música, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato ou do nivel III do ensino básico para as persoas adultas.

Capítulo II

Validacións da área de música e de materias

optativas da educación secundaria obrigatoria

Artigo 2º

De conformidade co establecido na Orde do 2 de xaneiro de 2001, autorízanse as validacións de materias do grao medio das ensinanzas de música pola área de música da educación secundaria obrigatoria, conforme se establece a continuación:

1. Os alumnos que teñan superado o 1º curso de instrumento ou canto poderán solicita-la validación da área de música do 1º ciclo.

2. Os alumnos que teñan superado o 2º curso de instrumento ou canto poderán solicita-la validación da área de música do terceiro curso.

3. Os alumnos que teñan superado o 3º curso de instrumento ou canto poderán solicita-la validación da área de música do cuarto curso.

Artigo 3º

De conformidade coa disposición adicional 3ª do Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, autorízanse as validacións de materias optativas da educación secundaria obrigatoria por determinadas materias do grao medio das ensinanzas de música, conforme se establece a continuación:

1. Os alumnos que teñan superada a proba de acceso a calquera dos cursos do 1º ou 2º ciclo do grao medio das ensinanzas de música e teñan formalizada a súa matrícula no curso ó que accedesen, poderán solicita-la súa validación por unha materia optativa dun curso da educación secundaria obrigatoria.

2. Os alumnos que teñan superada a materia de linguaxe musical do 2º curso do 1º ciclo do grao medio das ensinanzas de música poderán solicita-la súa validación pola materia optativa do 3º curso da educación secundaria obrigatoria ou por unha optativa de 4º.

3. Os alumnos que teñan superada a materia de harmonía do 1º curso do 2º ciclo do grao medio das ensinanzas de música poderán solicita-la súa validación por unha materia optativa do 4º curso da educación secundaria obrigatoria.

4. Os alumnos que teñan superada a materia de música de cámara ou repertorio do 1º curso do 2º ciclo do grao medio das ensinanzas de música poderán solicita-la súa validación por unha das materias optativas do 4º curso da educación secundaria obrigatoria.

Artigo 4º

1. As validacións ás que se refiren os artigos 2º e 3º da presente orde, serán aplicadas polos directores dos centros que impartan a educación secundaria obrigatoria, por petición dos pais ou titores legais do alumno, á vista do certificado académico expedido polo correspondente conservatorio ou centro de música autorizado, que acredite a superación da materia susceptible de ser validada.

2. As validacións reflectiranse nas actas de avaliación final e no libro de escolaridade do ensino básico mediante a utilización do termo «Validada» no recadro correspondente á cualificación da área de música ou á materia optativa.

Artigo 5º

Os directores dos centros de educación secundaria que se sinalan no anexo I desta orde, cando a organización do centro así o permita, establecerán medidas de axuste no referente ós horarios dos alumnos que cursen o 1º ou 2º ciclo do grao medio de música, co fin de facilitarlles unha dispoñibilidade horaria que lles permita unha maior dedicación ós estudios de música.

Cando os axustes horarios impliquen a saída por parte do alumno do centro no que curse as ensinanzas de réxime xeral, os pais ou titores legais asumirán por escrito a súa total responsabilidade a partir do momento da saída do alumno do centro educativo.

Cando, por outra parte, o alumno abandone a aula durante a impartición das materias validadas pero permaneza no centro, o xefe de estudios establecerá os procedementos necesarios para a atención destes alumnos durante o período lectivo das ditas materias.

Capítulo III

Adaptacións do currículo na educación

secundaria obrigatoria

Artigo 6º

1. Os alumnos matriculados na etapa de educación secundaria obrigatoria e nos cursos do grao medio das ensinanzas de música que non obtiveran as vali

dacións establecidas no capítulo II, poderán ser obxecto de adaptacións do currículo da área de música que consistirán en medidas de ampliación. Estas adaptacións realizaranse no centro onde cursen os estudios de educación secundaria obrigatoria.

2. Igualmente, os alumnos matriculados na etapa de educación secundaria obrigatoria e nos cursos do grao medio das ensinanzas de música poderán ser obxecto de adaptacións do currículo da área de educación física. Estas adaptacións deberán estar ligadas a potenciar e preserva-la parte anatómica relacionada co instrumento que o alumno ou alumna estea a cursar e realizaranse no centro onde cursen os estudios de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 7º

1. Dada a natureza específica das adaptacións establecidas no artigo anterior, non se considerará necesaria a avaliación psicopedagóxica establecida na Orde do 6 de outubro de 1995.

2. Para a elaboración destas adaptacións terase en conta o informe que remita o xefe de estudios do conservatorio onde o alumno curse as ensinanzas do grao medio de música.

Capítulo IV

Validacións do nivel III da educación básica

para as persoas adultas

Artigo 8º

Autorízase a validación da oferta curricular propia de cada centro na educación básica para as persoas adultas polas materias do grao medio das ensinanzas de música, conforme se establece a continuación:

Os alumnos que teñan superados o primeiro e o segundo ciclo do grao medio das ensinanzas de música, poderán solicita-la súa validación polos 95 períodos lectivos de oferta curricular propia de cada centro na educación básica para as persoas adultas.

Artigo 9º

1. As validacións ás que se refire o artigo anterior, serán aplicadas polos directores dos centros autorizados de educación básica para as persoas adultas, por petición do interesado, á vista do certificado académico expedido polo conservatorio de música correspondente que acredite a superación das ensinanzas susceptibles de ser validadas.

2. As validacións reflectiranse na acta de avaliación final e no libro de escolaridade do alumno mediante a utilización do termo «Validada» no recadro correspondente á cualificación da oferta curricular propia de cada centro na educación básica para as persoas adultas.

Capítulo V

Simultaneidade do bacharelato e o terceiro

ciclo do grao medio de música

Artigo 10º

1. En aplicación do disposto na disposición adicional segunda do Decreto 253/1993, do 29 de xullo,

polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música, os alumnos que superaron o terceiro ciclo do grao medio de música e as materias comúns do bacharelato obterán o título de bacharelato.

2. O bacharelato específico a que se refire o punto anterior recibirá a denominación de bacharelato en música e considerarase integrado polas materias do terceiro ciclo do grao medio na especialidade correspondente e, ademais, polas materias comúns do bacharelato.

3. As ensinanzas ás que se fai referencia no punto 1 poderán cursarse simultaneamente. Así mesmo, poderán realizarse os estudios das citadas materias do bacharelato con posterioridade á superación do terceiro ciclo do grao medio de música.

Artigo 11º

Os directores dos centros de educación secundaria que se sinalan no anexo I da presente orde establecerán medidas de axuste no referente ós horarios dos alumnos que cursen simultaneamente as materias comúns do bacharelato e o terceiro ciclo do grao medio das ensinanzas de música, co fin de facilitarlles, na medida do posible, unha dispoñibilidade horaria que lles permita unha maior dedicación ós estudios de música.

Cando os axustes horarios impliquen a saída por parte do alumno do centro no que curse as ditas materias comúns do bacharelato, os pais ou titores legais destes, se é o caso, asumirán por escrito a súa total responsabilidade a partir do momento da saída do alumno do centro educativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os alumnos que cursen simultaneamente ensinanzas regradas de música e ensinanzas de réxime xeral terán prioridade para a admisión nos centros que impartan as ditas ensinanzas de réxime xeral que se relacionan no anexo I da presente orde, ó abeiro do previsto no punto 4 da disposición adicional terceira da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e goberno dos centros docentes.

Así mesmo, cando as circunstancias así o aconsellen, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá amplia-los institutos de educación secundaria que se relacionan no dito anexo I.

Segunda.-Os centros de educación secundaria non incluídos no dito anexo I poderán dispoñer medidas de adaptación horaria para aqueles alumnos que cursen simultaneamente ensinanzas regradas de música e ensinanzas de réxime xeral.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 1 de setembro de 1999 pola que se establecen accións encamiñadas a facilita-la simultaneidade dos estudios do grao medio

das ensinanzas de música reguladas polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, cos de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e nivel III do ensino básico para as persoas adultas (Diario Oficial de Galicia do 28 de xullo).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase as direccións xerais de Centros e Inspección Educativa e de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dictar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional

ANEXO I

Concellos que contan con conservatorios ou

centros autorizados para impartir con carácter

definitivo o grao medio das ensinanzas de música

PROVINCIA: A CORUÑA

ARZÚAIES DE ARZÚA

CORUÑA, AIES SALVADOR DE MADARIAGA

FERROLIES CANIDO

NOIAIES CAMPO DE SAN ALBERTO

PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ, ASIES MONCHO VALCÁRCEL
PROVINCIA: LUGO

LUGOIES SANXILLAO

MONFORTE DE LEMOSIES RÍO CABE

SARRIAIES GREGORIO FERNÁNDEZ

VILALBAIES SANTIAGO BASANTA SILVA

VIVEIROIES VILAR PONTE

PROVINCIA: OURENSE

OURENSEIES PORTOVELLO

PROVINCIA: PONTEVEDRA

LALÍNIES RAMÓN Mª ALLER ULLOA

PONTEVEDRAIES VALLE INCLÁN

VILAGARCÍA DE AROUSAIES ARMANDO COTARELO VALLEDOR

VIGOIES DO CASTRO