Como consecuencia dos danos producidos na Comunidade Autónoma de Galicia polas fortes choivas e os ventos furacanados que deixaron sentir os seus efectos nocivos desde o último mes de outubro ata finais do mes de marzo, e con obxecto de adopta-las medidas necesarias tendentes a repara-los ditos danos, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 5 de xullo de 2001, aprobou a concesión de subvencións por un importe global máximo de 1.500 millóns de pesetas ós concellos afectados.
Esta medida compleméntase coa autorización acordada, tamén, polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 16 de febreiro de 2001, para a subscrición dun convenio de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, polo que se establecen as bases dun sistema de anticipos de ata 3.000 millóns de pesetas a favor dos concellos afectados.
Os citados anticipos de carácter reintegrable aboáronselles ós concellos que así o solicitaron no mes de marzo pasado.
Por outra banda, a Administración xeral do Estado, a través do Real decreto lei 6/2001, do 6 de abril, estableceu axudas de ata 4.000 millóns de pesetas sen que en ningún caso estas poidan superar unha contía máxima individualizada do 50% do importe dos proxectos técnicos ou dos orzamentos presentados e aprobados, para a rehabilitación de danos en infraestructuras de carácter local causados nas comunidades autónomas de Galicia e Castela-León, desde os últimos días de outubro de 2000 ata finais de xaneiro de 2001.
Os concellos afectados e os procedementos que se seguirán para a súa concesión establécense en ordes do Ministerio do Interior do 27 de abril de 2001 e do Ministerio de Administracións Públicas do 10 de maio de 2001.
Sen embargo, dado que na Comunidade Autónoma de Galicia os danos ocasionados non só se orixinaron ata finais de xaneiro de 2001, data tope para a obtención de axudas da Administración xeral do Estado, senón que se prolongaron ata finais do mes de marzo de 2001, considérase necesario facer extensivo o establecemento de axudas para os danos causados durante os pasados meses de febreiro e marzo.
En virtude de todo o anterior, e en cumprimento do punto cuarto do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001, polo que se faculta
o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a execución do dito acordo,
DISPOÑO:
Primeiro.-Serán beneficiarios das subvencións acordadas no punto primeiro do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001, os concellos que se relacionan no anexo I desta orde, de acordo coa valoración de danos que se indica, sempre que así o soliciten segundo o modelo que figura como anexo II, e se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos seguintes.
O importe das citadas subvencións, por un total máximo de 572.124.233 pesetas, non poderá superar, individualmente, o 20% dos ditos danos, nin podará ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.
Para tal efecto, os concellos deberán presentar, xunto coa solicitude anteriormente citada, un programa de financiamento detallado por obras, segundo o modelo que consta como anexo III.
Segundo.-Serán beneficiarios das subvencións acordadas no punto segundo do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001, por un importe de 927.875.767 pesetas, os concellos que figuran con danos valorados polas comisións técnicas, presididas polos subdelegados do Goberno en Galicia, segundo actas do 7 de febreiro de 2001.
O importe destas subvencións poderá ser incrementado de xeito que, conxuntamente coas que se concedan en virtude do disposto no punto primeiro desta orde, non se supere a contía global máxima de 1.500 millóns de pesetas, debendo quedar cuberto, en calquera caso, o reintegro dos anticipos concedidos, e de forma que, individualmente e en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, non superen o custo da actividade que desenvolverán os beneficiarios.
Para tal efecto, as deputacións provinciais presentaranlles unha relación cuantificada dos proxectos técnicos ou dos orzamentos que recibisen informes favorables das comisións de asistencia ós subdelegados do Goberno en Galicia, así como o programa de financiamento detallado por obras, no que se especifiquen tódolos axentes de financiamento e o importe das súas respectivas achegas, a que se refire a Orde do 10 de maio de 2001, do Ministerio de Administracións Públicas.
A Consellería de Economía e Facenda, á vista da citada relación e do programa de financiamento, asignaralles as subvencións correspondentes a este punto segundo, ás deputacións provinciais, non máis tarde do 31 de xullo de 2001.
Terceiro.-As solicitudes, así como o resto da documentación que deba achegarse segundo os puntos anteriores, deberá ter entrada no rexistro xeral da Consellería de Economía e Facenda, con data límite do 20 de xullo de 2001.
Cuarto.-A Consellería de Economía e Facenda, á vista da documentación recibida, resolverá a concesión individualizada das subvencións correspondentes ó punto primeiro desta orde, non máis tarde do 31 de xullo de 2001.
Contra a dita resolución a interposición dun recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Facenda no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, de acordo cos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, e artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.
Quinto.-Tanto as resolucións de concesión a que se refire o punto cuarto desta orde, como as asignacións a que se refire o último parágrafo do punto segundo, condicionaranse a que as deputacións provinciais procedan ó reintegro total dos anticipos concedidos, en virtude do convenio subscito coa FEGAMP do 15 de febreiro de 2001.
Sexto.-As obras obxecto destas subvencións deberán estar realizadas na súa totalidade o 1 de decembro de 2001, entendéndose xustificada a súa realización, mediante certificación acreditativa de tal extremo, dos servicios técnicos correspondentes das deputacións provinciais, que deberá ter entrada na Consellería de Economía e Facenda con data límite do 10 de decembro de 2001.
Con base en tales certificacións, a Consellería de Economía e Facenda librará o importe das subvencións concedidas, a que se refire o punto primeiro desta orde, ós concellos beneficiarios, e as que se refiren ó punto segundo ás deputacións provinciais. Ámbolos dous libramentos realizaranse con data límite do 31 de decembro de 2001.
Non obstante o establecido no parágrafo anterior, poderán compensarse os importes que deban reintegra-los concellos coas subvencións que se concedan por esta orde.
En todo caso, a falta de cancelación total do anticipo con anterioridade ó 10 de decembro de 2001, dará lugar á perda automática da subvención concedida.
Sétimo.-A eficacia das subvencións que se concedan ó amparo desta orde, que se imputarán á aplicación orzamentaria 21.01.811A.760.0 «Subvencións de capital a corporacións locais», quedará condicionada á xeración de crédito que se produza como consecuencia dos reintegros a que se refire o punto quinto.
Oitava.-Os beneficarios das axudas reguladas nesta orde facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intevención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e conrol do destino das subvencións.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2001.
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda
ANEXO I
febreiro-marzo
2001
Concellos Valoración danos
A Coruña 235.733.138
Bergondo 10.589.575
Curtis 19.070.200
Ferrol 23.223.000
A Laracha 41.621.009
Mañón 7.632.800
Paderne 7.655.972
As Somozas 23.810.000
Val do Dubra 34.000.000
-Total A Coruña 403.335.694
febreiro-marzo
2001
Concellos Valoración danos
Alfoz 6.615.552
Barreiros 10.252.000
Becerreá 27.025.030
Folgoso do Courel 20.000.000
Láncara 710.885
Pantón 7.654.122
Quiroga 33.660.000
Ribeira de Piquín 34.575.287
Sarria 104.955.937
Viveiro 269.600.000
-Total Lugo 515.048.813
Allariz 42.521.250
Arnoia 2.004.860
Bande 4.135.000
Baños de Molgas 52.936.960
Barbadás 33.424.042
O Barco de Valdeorras 70.337.952
Boborás 5.983.431
O Bolo 7.102.920
O Carballiño 22.000.000
Cartelle 9.850.000
Castrelo do Val 19.035.000
Cenlle 2.352.200
Chandrexa de Queixa 11.000.000
Cortegada 1.750.000
A Gudiña 40.000.000
Larouco 299.280
Laza 18.828.747
Maceda 5.873.080
Petín 43.068.480
Porqueira 17.000.000
Punxín 930.000
Riós 23.690.220
San Amaro 22.500.000
Sandiás 25.000.000
Toén 6.900.000
A Veiga 17.894.060
Verín 464.312.352
Viana do Bolo 13.651.855
Vilamarín 23.166.234
Vilamartín de Valdeorras 33.470.785
Vilar de Barrio 18.000.000
Vilardevós 32.705.800
Xinzo de Limia 5.821.855
-Total Ourense 1.097.546.363
Agolada 71.000.000
Crecente 36.290.601
Meis 117.000.000
Moraña 11.000.000
Tui 8.816.000
Valga 116.876.999
Vilaboa 1.839.328
Vilanova de Arousa 47.740.000
Vigo 434.127.366
-Total Pontevedra 844.690.294
-Total Galicia 2.860.621.164

