Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Luns, 09 de xullo de 2001 Páx. 9.188

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de xuño de 2001 pola que se autoriza a ampliación da implantación do bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, na modalidade de artes, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, a partir do curso escolar 2001-2002.

A Lei orgánica 1/1981, do 16 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en tódolos niveis e graos, modalidades e especialidades, de acordo cos preceptos emanados da Constitución e das leis que lle sexan de aplicación. A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, co fin de lles dar resposta ós requirimentos da sociedade, establece un novo marco educativo que forzosamente debe ter repercusións na planificación dos distintos ámbitos escolares.

Con este escenario educativo a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria iniciou un proceso de implantación anticipada do novo bacharelato, en determinados centros no curso escolar 1993-1994, para dar continuidade ó alumnado que superase os estudios de educación secundaria obrigatoria.

Na implantación xeneralizada das ensinanzas do bacharelato realizadas no curso escolar 2000-2001 (en cumprimento do Real decreto 173/1998, do 16

de febreiro, polo que se modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, que aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo), recóllese a modalidade de bacharelato de artes en 7 centros públicos de Galicia, polo que se procede a autorizar para o curso 2001-2002 a ampliación da oferta desta modalidade.

De acordo co Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23 de xullo), polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tendo en conta o informe da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e de conformidade coa proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, esta consellería

DISPÓN:

Autoriza-la ampliación do bacharelato establecido pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, na modalide de artes, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso escolar 2001-2002, segundo os datos que figuran no anexo desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación Educativa e Formación Profesional e de Centros e Inspección Educativa para toma-las medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Provincia: A Coruña.

Concello: Boiro.

Código: 15023338 IES Praia de Barraña.

Bacharelato de artes.

Provincia: Lugo.

Concello: Burela.

Código: 27013958 IES Monte Castelo.

Bacharelato de artes.

Provincia: Pontevedra.

Concello: Cangas.

Código: 36000922 IES María Soliño.

Bacharelato de artes

Concello: Vilagarcía de Arousa.

Código: 36018380 IES do Carril.

Bacharelato de artes.