Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Mércores, 11 de xullo de 2001 Páx. 9.326

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións na illa de Ons.

As illas de Ons e Onza son na actualidade bens de dominio público de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia. Así resulta do Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, de ampliación e adaptación de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza. Este espacio fora expropiado no ano 1942, ó amparo da Lei de expropiación entón vixente, e afecto á finalidade de protección da defensa nacional.

Recentemente estes espacios, dadas as súas características físicas e condicións ambientais, foron incluídos, ó amparo do disposto no artigo 22.1º da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, no Plan de ordenación dos recursos naturais das illas atlánticas.

Así mesmo, e por medio desta lei, preténdese regula-lo réxime xurídico que lles permita ós illáns de Ons acceder ó uso e desfrute dos inmobles que foron habitados e utilizados por eles e polos seus antepasados. Eses usos deberán ser, en todo caso, compatibles co establecido nesta lei e nos correspondentes plans directores, de ordenación dos recursos naturais e de uso e xestión das illas de Ons e Onza.

Deste modo, ábrese a posibilidade de que a Comunidade Autónoma de Galicia regule, mediante unha lei específica, a situación dos antigos colonos da illa de Ons e dos seus herdeiros. Con isto poderáselle dar resposta a unha situación xurídica certamente peculiar, dado que os illáns de Ons, desde que esta foi expropiada no ano 1942, permaneceron nunhas condicións xurídicas sumamente incertas e de perfís só asimilables ó precario. Esta situación non puido regularizarse, a pesar dos intentos no seu momento realizados polo Instituto Nacional de Colonización, dada a natureza demanial das illas.

Estas peculiares circunstancias xustifican a promulgación dunha normativa específica, con rango de lei, sen que por isto se vexa afectado o principio de igualdade establecido no artigo 14 da nosa Constitución. Ademais, unha norma con rango de lei parece o instrumento máis axeitado posto que as peculiaridades da situación dos illáns fan necesario un réxime de utilización dos inmobles que non encaixa con facilidade na regularización xeral que establece a lexislación de patrimonio da Administración autonómica. Por outra banda, para os efectos previdos nos artigos 10 e 13 da Lei de expropiación forzosa, a declaración de utilidade pública e interese social que contén o artigo 2 aconsella o uso dun instrumento normativo de rango legal.

A lei parte da preexistente consideración das illas de Ons e Onza como ben demanial de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia. Prevese unha dobre afección á finalidade de protección dos seus valores paisaxísticos e ecolóxicos, consubstancial á súa cualificación no contorno do Plan de ordenación dos recursos naturais das illas atlánticas, e ó uso público, na medida na que este resulta compatible coa afectación prioritaria, e, de se-lo caso, sen prexuízo dos usos privativos e anormais que se poidan outorgar a favor dos illáns atendendo as circunstancias históricas anteriormente sinaladas.

Este derradeiro aspecto constitúe o elemento máis relevante desta lei. A súa finalidade primordial concrétase na posibilidade de que os illáns que detiveron determinados inmobles poidan ter un título xurídico estable que lles permita continuar nestas situacións posesorias. A lei permite que a administración poida outorga-las concesións con carácter discrecional e tendo en conta a vinculación histórica dos actuais posuidores ou dos seus antepasados coas illas e cos inmobles que actualmente deteñen. Tal discrecionalidade resulta xustificada pola heteroxeneidade das circunstancias concorrentes en cada un dos eventuais concesionarios. A finalidade da concesión é regularizar unha situación xurídica precaria e non amparar posibles intereses especulativos. Por isto, a administración ten que contar con facultades suficientes para realizar unha valoración obxectiva, pero individualizada, do presuposto básico sobre o que se vai sustenta-lo dereito de obte-la concesión, isto é, a vinculación

histórica coas illas.

Dado o carácter demanial das illas, considerouse que a figura xurídica aplicable habería de ser unha concesión administrativa que autorice ós seus titulares o uso privativo e anormal dos inmobles. Estas concesións teñen importantes peculiaridades desde o punto de vista xurídico. Non se outorgan mediante un procedemento de concorrencia, senón atendendo a posesión histórica dos bens, e son intransmisibles inter vivos; tamén se establecen importantes e discrecionais potestades administrativas á hora de permiti-la súa utilización por terceiros ou o cambio de uso ou destino dos bens.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de réxime xurídico das concesións na illa de Ons.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Carácter demanial.

1. As illas de Ons e Onza son bens de dominio público de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia incluídos no Plan de ordenación dos recursos naturais das illas atlánticas e afectos á fina

lidade de protección dos seus valores naturais e paisaxísticos e ó uso público.

2. O uso público dos terreos comprendidos nas illas de Ons e Onza exercerase coas condicións e limitacións que establece o Plan de ordenación dos recursos naturais. Excepcionalmente poderase outorga-lo uso privativo de determinados inmobles, na forma e cos requisitos establecidos nesta lei.

3. A consideración das illas de Ons e Onza como bens de dominio público de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia enténdese sen prexuízo do disposto na Lei de costas e dos dereitos e potestades que ó Estado lle correspondan sobre os bens de dominio público marítimo-terrestre.

4. As competencias de xestión e administración das illas de Ons e Onza atribuídas á Xunta de Galicia serán exercidas pola consellería competente en materia de ambiente e protección da natureza, á que lle corresponderá, igualmente, o outorgamento das concesións regulamentadas no artigo 3º desta lei.

Artigo 2º.-Declaración de utilidade pública e interese social.

Para efectos expropiatorios e co fin da protección dos seus valores naturais e paisaxísticos, decláranse de utilidade pública e interese social os bens e dereitos que se teñan sobre as illas de Ons e Onza.

Artigo 3º.-Usos privativos.

A Xunta de Galicia poderá concede-lo uso privativo e anormal dos inmobles actualmente existentes de conformidade co disposto no capítulo II desta lei. O procedemento para a concesión establecerase regulamentariamente.

Capítulo II

Das concesións

Artigo 4º.-Titulares.

As concesións outorgaranse discrecionalmente a favor daquelas persoas que acrediten unha vinculación histórica coas illas. Non serán transmisibles inter vivos e só serán transmisibles mortis causa a aquelas persoas que poidan ser herdeiros forzosos conforme o disposto na lexislación civil vixente.

No caso de que os bens estivesen sendo posuídos por unha comunidade hereditaria ou por un conxunto de persoas en réxime de indivisión, a concesión poderase outorgar a favor desas entidades, se ben, só para efectos administrativos, deberá designarse unha persoa que teña poderes e facultades suficientes para o exercicio dos dereitos e o cumprimento das obrigas fronte á Administración autonómica. O anterior non lle será aplicable á sociedade de gananciais, que se rexerá, de se-lo caso, polas normas comúns.

Artigo 5º.-Prazo.

As concesións terán un prazo de duración máxima de 99 anos, prorrogables por mutuo acordo das partes.

Artigo 6º.-Usos.

O título habilitante da concesión especificará os usos ós que poidan destinarse os bens concedidos. As edificacións e os anexos poderán ser destinados a vivenda do concesionario ou da súa unidade familiar ou a establecementos comerciais, de conformidade cos usos preexistentes.

Calquera cambio no uso deberá ser autorizado pola Administración autonómica. Estas autorizacións outorgaranse discrecionalmente e ponderando debidamente a incidencia das novas actividades autorizadas sobre o equilibrio ecolóxico das illas.

Artigo 7º.-Cesión de uso.

Calquera cesión do uso dos inmobles a terceiros deberá realizarse con carácter temporal e logo da autorización discrecional da Administración autonómica.

Artigo 8º.-Obras de reforma e renovación.

Os concesionarios estarán obrigados a realizar nos bens as obras necesarias para mantelos nas debidas condicións de seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade, podendo acceder ás axudas que, se é o caso, puidesen establece-las administracións. No caso contrario a Administración autonómica poderá optar por declara-la caducidade da concesión. Tamén poderá preverse no título concesional que a eficacia da concesión quede condicionada á realización de tales obras.

Igualmente os concesionarios estarán obrigados a consenti-las obras de renovación ou reforma que dispoña a Administración autonómica por razóns de interese turístico ou estético. O financiamento destas obras correrá a cargo dela cando exceda das obrigas de conservación que lle correspondan ó concesionario.

En calquera caso, as obras anteriormente sinaladas, en canto excedan das precisas para o mantemento da hixiene, ornato e conservación do inmoble, deberán axustarse ó establecido no Plan de ordenación de recursos naturais, así como ós correspondentes instrumentos de planeamento.

Non poderán realizarse nos bens concedidos obras ou actividades que non sexan ordenadas ou autorizadas pola Administración autonómica.

Os concesionarios poderán beneficiarse das medidas compensatorias que a Xunta de Galicia estableza en relación coas disposicións dictadas pola condición de espacio protexido da illa de Ons.

Artigo 9º.-Canon.

As concesións ás que se refire esta lei quedarán suxeitas ó pagamento dun canon anual ata un máximo do 2% sobre o valor dos inmobles dos que o seu uso sexa concedido, valor que determinará a Administración autonómica empregando os criterios establecidos na lexislación reguladora no imposto sobre bens inmobles. O devengo do canon producirase no momento no que produza efectos a concesión o primeiro ano de duración desta e o 1 de xaneiro nos anos seguintes de duración da concesión, rateándose

o canon no primeiro e no último ano en función do tempo transcorrido do desfrute da concesión.

Artigo 10º.-Extinción.

As concesións extinguiranse polas causas sinaladas na Lei de patrimonio de Galicia e ademais:

-Por calquera transmisión da concesión non prevista nesta lei.

-Pola cesión do uso dos bens sen autorización administrativa.

-Polo incumprimento das obrigas de conservación ou mellora ou por non consenti-las obras de renovación ou reforma que dispoña a administración.

-Polo incumprimento das demais obrigas establecidas no título concesional.

Ó extinguirse a concesión, os inmobles e tódalas súas accesións reverterán á Administración autonómica sen que o concesionario teña dereito a percibir indemnización ningunha.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Aplicación supletoria da lexislación do patrimonio de Galicia.

No non previsto nesta lei as concesións sobre os inmobles rexeranse pola lexislación de patrimonio de Galicia.

Segunda.-Desenvolvemento regulamentario da lei.

Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento desta lei.

Terceira.-Entrada en vigor da lei.

Esta lei entrará en vigor dous meses despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente