Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 12 de xullo de 2001 Páx. 9.423

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 27 de xuño de 2001 pola que se anuncian subvencións para a mellora de establecementos de cafeterías, cafés e bares.

A oferta turística de Galicia está conformada por unha serie de elementos que a configuran como única e distinta das outras ofertas, pero, ó carón destes elementos distintivos, aparecen outros que son comúns a tódalas ofertas e que pola súa vez, son importantes nela; estámonos a referir ós establecementos cualificados como cafeterías, cafés e bares.

Para os efectos de mellora-los referidos establecementos e, deste xeito, coadxuvar á mellora global da oferta turística de Galicia, con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e seguindo os límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas a España para o período 2000-2006 e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei e tendo en conta o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse axudas destinadas á mellora de establecementos de cafeterías, cafés e bares en funcionamento. Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá concederlles subvencións ás persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil) de establecementos de cafeterías, cafés e bares en funcionamento.

Estas concesións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse á aplicación orzamentaria 10.05.751A.773.0 e a elas destínase un crédito máximo de 25.000.000 de pesetas, sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións enca

miñadas á mellora dos servicios sanitarios de establecementos de cafeterías, cafés e bares que impliquen dar cumprimento, na súa totalidade, ás condicións establecidas no artigo 3º.2 desta orde.

Artigo 3º.-Condicións.

1. Os establecementos para os que se solicita subvención deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia antes do remate do prazo que, para a presentación de solicitudes, se establece nesta orde.

2. Os servicios sanitarios, logo da execución do investimento subvencionado, terán que cumpri-las seguintes condicións:

a) Serán independentes para donas e cabaleiros.

b) Contarán, como mínimo, coas seguintes dotacións:

1. Un lavabo e un inodoro con descarga automática de auga. No caso de servicios de cabaleiros tamén contarán con urinario.

2. Ventilación directa ou asistida con renovación de aire.

3. As paredes, chans e teitos serán impermeables e estarán revestidos de materiais de doada limpeza.

4. Xabón líquido, toallas dunha soa utilización ou secador de mans.

5. Recipiente hixiénico para o depósito do lixo.

3. Os proxectos que se subvencionen terán que comezar durante o ano 2001 e estar rematados con tempo abondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde. Os ditos proxectos non poderán acadar un investimento subvencionable superior a 2.000.000 de pesetas (12.020,24 euros) non computándose como subvencionable ningún tipo de imposto, taxa ou prezo público.

5. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e as previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

b) Comunicar á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

c) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Non ter acadada, en tempo e forma, a finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

-Por revogación da subvención concedida por non terse xustificado o investimento mínimo subvencionable.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica máxima de ata un 40% do investimento subvencionable ata un máximo de 500.000 pesetas (3.005,06 euros).

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a continuación se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo correspondente á provincia en que se fará o investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos debidamente asinados (en calquera dos casos o orzamento deberá especificar se é sen IVE ou con IVE e, neste caso, indicarase o tipo aplicable).

d) Fotografías do estado actual dos servicios sanitarios.

e) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas achegarase escritura de constitución ou modificación, se é o caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil nas que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Os interesados emendarán, por petición da Dirección Xeral de Turismo, da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, por cada expediente, no que se deberá indicar se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo e os xefes de Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta como criterio de concesión os investimentos que determinen unhas dotacións superiores ás establecidas como mínimas nesta orde.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará ó director xeral de Turismo os acordos adoptados por ela. Dos acordos adoptados pola sinalada comisión redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición perante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias determinadas nesta orde.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 7º.-Aceptación-renuncia das subvencións e condicións xerais para as concedidas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de dez días naturais, comunicaranlle á Dirección Xeral de Turismo a aceptación (utiliza-lo modelo do anexo II da orde) ou renuncia a elas. Se transcorridos os sinalados dez días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario. No caso de aceptación, o beneficiario achegará tamén certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude desta orde terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado, o 1 de decembro de 2001.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade á data indicada, data que é límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo III.

3.2. Facturas relativas á obra executada e fotografías do investimento realizado. En calquera caso, as facturas deberán especifica-los distintos conceptos e prezos unitarios.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

3.4. Antes do último aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes

ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Disposicións adicionais

Primeira.-A resolución de concesión poderase modificar, consonte o procedemento e condicións sinalados no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, por alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, ou, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Segunda.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 8º.1 teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. Estas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 1 de decembro de 2001.

Terceira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado nesta orde poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O director xeral de Turismo dictará, de ser preciso, as resolucións e a instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde, incluíndose nestas facultades as que sexan precisas para adaptar, de oficio, os importes de investimento subvencionable e subvención concedida ó euro así como calquera outra operación que sexa precisa neste eido seguindo para isto a normativa que exista para estes fins.

Segunda.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, e no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo