Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 12 de xullo de 2001 Páx. 9.435

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa de Autobuses de Pontevedra, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Autobuses de Pontevedra, S.A., con nº de código 3602282, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 22-5-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 15-3-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, o Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e o Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 25 de maio de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Autobuses de Pontevedra, S.A.

Artigo 1º.-Determinación das partes que o concertan.

O presente convenio é subscrito polo administrador único de Autobuses de Pontevedra en representación da parte económica, e polo delegado de persoal pola representación da parte social.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a todo o persoal pertencente actualmente ó cadro de persoal da empresa Autobuses de Pontevedra, S.A., así como a aquel que ingrese durante a súa vixencia, a non ser que o faga cun contrato específico.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o 1 de abril de 2000 e finalizará o 31-3-2003; entenderase prorrogado de ano en ano, salvo denuncia de calquera das partes, con dous meses de anticipación, á data de terminación ou das prórrogas.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan a totalidade do persoal ocupado pola empresa, tanto se realiza función técnica como manual.

Artigo 5º.-Compensacións.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que viñesen rexendo, por mellora pactada ou voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 6º.-Absorcións.

As melloras que por disposición legal ou regulamentaria se poidan establecer no futuro serán absorbibles polos aumentos acordados no presente convenio, sempre e cando non superen os beneficios que se conceden no seu conxunto.

Artigo 7º.-Situacións persoais.

Respectaranse as situacións persoais que, con carácter de cómputo anual, excedan estas normas, mencionadas estrictamente ad personam. Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio teñen o carácter de mínimas, estimadas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito establecidas por costume xeral ou do lugar implantadas pola empresa que significaren condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 8º.-Soldos e salarios.

Os soldos e salarios que corresponden ó persoal afectado polo presente convenio serán os que figuran na táboa salarial anexa, máis a antigüidade no caso de que corresponda, e terán os seguintes incrementos durante o período de vixencia do convenio:

-Do 1-4-2000 ó 31-3-2001 o incremento salarial será do 2,9% sobre as táboas salariais vixentes no 31-3-2000.

-Do 1-4-2001 ó 31-3-2002 o incremento salarial será do 5% sobre as táboas salariais vixentes no 31-3-2001. Non obstante, se o IPC medido polo INE do período 1-4-2001 ó 31-3-2002 supera o 5%, aplicarase ás táboas un incremento igual á cifra en que o IPC supere o 5%. Tal incremento aboarase nunha única paga no segundo trimestre do ano 2002 e servirá de base de aplicación para o incremento salarial establecido a partir do 1-4-2002.

-Do 1-4-2002 ó 31-12-2002 o incremento salarial será igual ó incremento do IPC constatado polo INE do período 1-4-2002 ó 31-12-2002. Non obstante, a partir do 1-4-2002, sobre as táboas revisadas do período 1-4-2001 ó 31-3-2002, incrementaranse os salarios nunha porcentaxe igual ó IPC previsto polo Goberno para o período 1-1-2002 ó 31-12-2002.

A diferencia entre o IPC previsto e o IPC constatado para o dito período aboarase nunha única paga no primeiro trimestre do ano 2003.

A partir do 1-1-2003, no caso de as táboas salariais seren inferiores ás aplicables en Transportes La Unión, S.A., aplicarase un incremento nunha por

centaxe igual á necesaria para que se produza a equiparación da táboa coa de Transportes La Unión.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de 30 días e serán calculadas sobre a táboa salarial, máis antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, nadal e beneficios, e serán feitas efectivas antes do 22 de xullo, 20 de decembro e 15 de marzo.

Artigo 10º.-Vacacións.

Todo o persoal ó servicio da empresa desfrutará dun período anual de vacacións remuneradas co salario base máis antigüidade, se é o caso, de 30 días naturais. De común acordo entre a empresa e o traballador, poderanse establece-los 30 días, todos xuntos ou ben en etapas distintas.

Artigo 11º.-Complementos nocturnos.

O persoal que traballe entre as 22 e as 6 horas percibirá un suplemento por traballo nocturno, equivalente ó 25% do soldo ou salario base sinalado na súa categoría profesional na táboa de salarios deste convenio.

Este suplemento recibirao mesmo aquel que por razón da súa quenda de traballo efectúe a súa xornada dentro dos límites, pero será preciso que, cando menos, traballen catro horas dentro do período considerado.

Exclúese da cobranza do expresado suplemento o persoal que realice a súa función durante a noite e que fose contratado para tal fin.

Artigo 12º.-Complemento de conductor-perceptor.

O conductor-perceptor, cando desempeñe simultaneamente as funcións de conductor e de cobrador, percibirá, alén da remuneración de conductor, un suplemento salarial do 20% do seu salario base por tódalas horas en que realice ámbalas funcións.

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo ordinaria axustarase ó que determine o Estatuto dos traballadores e o R.D. 1561/1995, do 21 de setembro.

Artigo 14º.-Descanso semanal.

Se por necesidades do servicio o traballador non puidese desfruta-lo descanso semanal obrigatorio o día que lle corresponda, a empresa deberallo comunicar con 40 horas de anticipación, sempre que sexa posible, e desfrutará, en todo caso, o dito descanso dentro dos 14 días seguintes, ou ben o cobrará cunha recarga do 75% consonte o salario fixado na táboa salarial anexa, máis antigüidade, se for o caso.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias estructurais.

Consideraranse horas extraordinarias as que excedan das 40 en cómputo semanal de traballo efectivo, salvo as semanas en que haxa algún festivo non recuperable, que se descontará do dito cómputo semanal, segundo sexa quenda partida ou continua respectivamente. Estas horas serán aboadas coa recarga

do 75% conforme o salario fixado na táboa salarial anexa, ou ben compensadas mediante descansos adicionais.

Artigo 16º.-Licencias.

En caso de matrimonio será de 15 días naturais, aboándose co salario do convenio.

Artigo 17º.-Permisos.

A empresa concederá permisos ó seu persoal, con xustificación, de 2 a 6 días, unha vez ó ano, para atender asuntos que non admitan demora. De 3 a 6 días (estes retribuídos), e a determinar segundo a distancia, en caso de morte do cónxuxe, pais, fillos ou parto da esposa.

Artigo 18º.-Demisión ou cesamento.

Todo empregado terá dereito a demitir do seu cargo.

Para isto, o persoal comunicará por escrito á dirección da empresa cunha anticipación mínima de 15 días a data en que deixará de presta-los seus servicios.

O abandono do posto de traballo sen que transcorrese o prazo sinalado será penalizado cunha sanción económica, equivalente ó salario que lle corresponda e polos días que falten desde o abandono do servicio ou traballo ata a data en que cumprido o trámite de aviso previo lle tivese correspondido a este.

Artigo 19º.-Excedencias.

Observarase o establecido no Estatuto dos traballadores.

Artigo 20º.-Uniformes.

A empresa e os traballadores cumprirán todo canto se refire á uniformidade na empresa.

Artigo 21º.-Enfermidade e accidentes.

Observarase o establecido nas disposicións vixentes na materia.

Artigo 22º.-Substitucións.

As substitucións do mediodía faranse entre as 14.10 e as 15 horas sempre que as condicións de traballo, canto á súa xornada, se manteñan, por se entender que, se se fan máis tarde, a empresa tería que aboa-la axuda de custos do mediodía.

Artigo 23º.-Quebranto de moeda e entrega de billetes e recadación.

Ós conductores-cobradores aboaráselles unha cantidade fixa por día de traballo en concepto de quebranto de moeda e entrega de billetes e recadación, na contía establecida na táboa salarial.

A empresa habilitará, para facilita-la entrega diaria das recadacións, un sistema de entrega destas, de tal xeito que se poidan face-las ditas entregas fóra das horas de oficina. Entenderase por entrega diaria a entrega da recadación efectuada o día anterior, ou ben cando por festivos ou descanso do que

recada, a entrega da do día anterior ó festivo ou días de descanso.

Artigo 24º.-Retirada do permiso de conducir.

Caso de que a un conductor lle sexa retirado o permiso de conducir por algunha causa no servicio da empresa e conducindo un vehículo dela, esta terá a obriga de acomodalo noutro posto de traballo o máis parecido ó seu, como máximo dúas veces no ano, e as dúas veces non sumarán máis de seis meses nun ano.

O acordado no presente artigo non será de aplicación cando a causa proveña de excede-lo límite permitido de impregnación alcohólica, comprobado pola autoridade competente.

Artigo 25º.-Dereitos sindicais.

Observarase o que determine o Estatuto dos traballadores.

Artigo 26º.-Seguro de vida.

A empresa contratará totalmente ó seu cargo un seguro colectivo a favor dos seus traballadores, de 2.600.000 pesetas por cada un, de xeito que, en caso de falecemento por accidente laboral ó servicio da empresa, a citada cantidade será cobrada polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de seguridade social, senón un complemento delas.

Artigo 27º.-Antigüidade.

Consistirá nas seguintes porcentaxes de aumento, a partir do mes seguinte ó cumprimento de antigüidade na empresa, para os traballadores fixos do cadro de persoal á sinatura deste convenio, de 2 anos o 5%; 5 anos o 10%; 9 anos o 20%; ós 15 anos o 30%; ós 19 anos o 40%; ós 24 anos o 50%, e como último aumento ós 29 anos o 60%.

Artigo 28º

En todo o que non estea previsto neste convenio, aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións vixentes en cada momento.

Artigo 29º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio e desenvolvemento da disposición transitoria, formarase unha comisión paritaria que estará formada por dous representantes da empresa e dous representantes dos traballadores.

Disposición transitoria

Mantense a redacción dos artigos do anterior convenio referentes a xornada e quendas de traballo, descanso semanal e vacacións en canto a comisión paritaria non proceda a unha nova redacción deles.

ANEXO

Para os efectos do establecido no presente convenio a contía da axuda de custos para xantar e a axuda para cea será de 1.200 pesetas.

Convenio colectivo de Autobuses de Pontevedra, S.A.

Táboas de salarios

CategoríasDesde 1-4-2000 ó 31-3-2001

Xefe de servicios153.362 ptas./mes

Inspector3.295 ptas./día

Conductor-preceptor3.192 ptas./día

Conductor3.171 ptas./día

Oficial mecánico de primeira3.295 ptas./día

Oficial mecánico de segunda3.119 ptas./día

Oficial mecánico de terceira2.992 ptas./día

Peón2.652 ptas./día

Quebranto de moeda e entrega de billetes e recadación 207 ptas./día de traballo.

CategoríasDesde 1-4-2001 ó 31-3-2002

Xefe de servicios161.030 ptas./mes

Inspector3.460 ptas./día

Conductor-preceptor3.352 ptas./día

Conductor3.330 ptas./día

Oficial mecánico de primeira3.460 ptas./día

Oficial mecánico de segunda3.275 ptas./día

Oficial mecánico de terceira3.141 ptas./día

Peón2.785 ptas./día

Quebranto de moeda e entrega de billetes e recadación 217 ptas./día de traballo.