Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 12 de xullo de 2001 Páx. 9.452

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 29 de xuño de 2001 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto vacante no Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 27.2º da Lei 4/1998, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e no uso das atribucións conferidas polo seu artigo 15.4º, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Anuncia-la convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo vacante que se indica no anexo I desta orde.

Segundo.-Poderán concorrer a ela tódolos funcionarios de carreira que reúnan os requisitos que se esixen e se especifican no citado anexo I.

Terceiro.-As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no rexistro xeral do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, nos seus servicios provinciais ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. O prazo de presentación será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo de solicitude que figura como anexo II.

Cuarto.-Os aspirantes deberán unir á súa solicitude un currículum vitae e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada, os méritos que aleguen.

Os méritos alegados e non probados da maneira sinalada no parágrafo anterior non se terán en conta.

Quinto.-No caso de resultar seleccionado para ocupa-lo posto de traballo un funcionario con destino noutra Administración pública, tramitarase o seu traslado a esta Comunidade Autónoma e, unha vez concedido pola súa Administración de orixe, procederase a adxudicarlle o posto para o que foi seleccionado. Se no prazo de dous meses, a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, o dito funcionario non puidese incorporarse ó seu posto de traballo por non estar resolto o seu traslado á Comunidade Autónoma de Galicia, considerarase deserto e poderase proceder de novo á súa provisión.

Sexto.-A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderase

declarar deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

Sétimo.-O prazo de toma de posesión será de tres días, se o destino anterior radica na mesma localidade do novo, e dun mes se radica en localidade distinta ou leva consigo o reingreso ó servicio activo do funcionario. Este prazo empezarase a contar a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días seguintes ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data na que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de funcionarios doutras administracións públicas.

Non obstante, se a resolución comporta o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición perante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou poderase impugnar directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

ANEXO I

Código do posto: AG.A01.00.000.15770.020.

Nivel: 18.

Complemento específico: 567.192.

Grupo: C/D.

Corpo: xeral.

Denominación do posto: secretario/a do director.

Dependencia: Dirección do Ilgga.

Localidade: Santiago de Compostela.

Titulación académica:...

Formación específica: 022.