Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 13 de xullo de 2001 Páx. 9.490

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 158/2001, do 29 de xuño, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias e funcións de que dispón a Xunta de Galicia, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional, como consecuencia do traspaso de funcións e servicios da xestión do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (FIP), asumidos por esta Comunidade Autónoma polo Decreto 69/1993, do 10 de marzo.

Dentro da normativa estatal, tanto o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional, como a Orde do 13 de abril de 1994, pola que se dictan normas desenvolvemento do citado real decreto, regulan os requisitos que deben reuni-los centros que aspiren a impartir cursos de formación ocupacional, co fin de garantir un mínimo de calidade na formación que impartan. Tamén establece esta normativa que as entidades que vaian colaborar na impartición deses cursos deberán estar inscritas nun Censo de centros colaboradores de formación ocupacional, unha vez homologadas as correspondentes especialidades formativas.

Asumida a xestión do Plan FIP pola Comunidade Autónoma no ano 1993, este censo regulouse por unha orde da Consellería de Traballo e Servicios Sociais do 25 de xaneiro de 1993. No ano 1995 publicouse o Decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuven

tude. Este decreto foi modificado dúas veces: primeiro polo Decreto 218/1998, do 17 de xullo, para adaptalo ás modificacións establecidas polo Real decreto 797/1995, do 19 de maio, pola que se establecen directrices sobre os certificados de profesionalidade e os correspondentes contidos mínimos de formación profesional ocupacional de cada ocupación, e ós reais decretos que fixan os certificados de profesionalidade de cada ocupación, e posteriormente pola disposición adicional do Decreto 292/2000, do 21 de decembro, que modifica o prazo de presentación de solicitudes para a homologación de especialidades formativas.

Así mesmo, a Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, introduce variacións en canto ó prazo no que debe notificarse resolución expresa, establecendo un prazo xeral supletorio de duración dos procedementos administrativos de tres meses, sen que en ningún caso poida supera-lo de seis meses, agás que unha norma con rango de lei estableza o contrario ou así se prevexa na normativa comunitaria europea. En canto ó silencio administrativo, prevé a lei con carácter xeral o silencio positivo, exceptuándose só cando unha norma con rango de lei ou norma comunitaria europea estableza o contrario.

A partir do 14 de abril de 2001, cumprido o período transitorio que establece a citada lei, aparece a obriga de adapta-las normas reguladoras dos procedementos ó sentido do silencio establecido na Lei 4/1999, motivo polo cal cómpre face-la adaptación a tales criterios no procedemento de homologación de especialidades formativas.

Por outra banda, para a busca dunha maior axilidade na xestión, cómpre introducir algunhas modificacións ó procedemento de homologación de especialidades formativas. Todo isto, unido ás sucesivas modificacións efectuadas ó Decreto 208/1995, xustifican a necesidade de dictar un novo texto que recolla na súa integridade a normativa de homologacións.

Consecuentemente con todo o anterior, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xuño de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establece-lo procedemento que se deberá seguir para obte-la autorización como centro colaborador e a homologación das especialidades que, en execución do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, poidan ser impartidas neses centros colaboradores da Conse

llería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 2º.-Requisitos.

1. Deberán solicita-la homologación de especialidades formativas, de acordo co procedemento establecido neste decreto, as persoas físicas, as entidades xurídicas e as institucións que, dispoñendo de centros de formación, desexen colaborar na impartición dos cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional, sempre que cumpran os requisitos establecidos nos parágrafos seguintes.

2. Os requisitos que deben reuni-los centros para obte-la homologación de especialidades e a condición de centro colaborador de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude son de dous tipos: de carácter xeral e específicos para cada especialidade. Estes requisitos serán os seguintes:

De carácter xeral.

a) As condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade e de seguridade, esixidas pola lexislación vixente.

b) Licencia municipal de apertura como centro de formación.

c) Un espacio para dirección, sala de profesores e actividades de coordinación, que deberá diferenciarse claramente do espacio docente.

d) Servicios hixiénico-sanitarios en número adecuado á capacidade do centro.

e) Dispoñer dun equipo informático que permita a transmisión de datos en liña á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Específicos para cada especialidade.

a) Os consignados nos certificados de profesionalidade. Se non existe certificado de profesionalidade serán os previstos nos programas formativos dos cursos. No seu defecto seguiranse os criterios técnicos establecidos polos servicios competentes.

b) As aulas necesarias para imparti-las especialidades que se pretendan homologar, tendo en conta que cada unha delas non terá unha superficie inferior a 30 metros cadrados para grupos de 15 alumnos.

c) Cando a natureza da especialidade formativa así o esixa, as dotacións e espacios previstos no correspondente programa que lles permita a tódolos alumnos realiza-las prácticas de xeito simultáneo. A parte práctica poderá desenvolverse no propio centro ou, con carácter excepcional en función das especiais características de determinadas especialidades formativas, en empresas que se comprometan ou asinen un convenio co centro colaborador correspondente.

d) O profesorado deberá ser experto na especialidade formativa de que se trate e terá que acreditar documentalmente a súa formación. Deberá manterse unha relación máxima profesor-alumno de 1/20.

3. No caso de especialidades formativas nas que, dada a súa actividade, teñan competencia concorrente outros órganos da Administración central ou autonómica que esixa outros requisitos ou autorizacións a maiores dos recollidos no presente decreto, no certificado de profesionalidade ou no correspondente programa, non se homologará a especialidade en tanto a entidade solicitante non acredite o cumprimento dos requisitos ou a concesión de autorizacións. A relación destas especialidades, xunto coa normativa aplicable en cada caso, recollerase nunha orde de desenvolvemento deste decreto.

4. Para a homologación de especialidades formativas, ademais dos requisitos sinalados no punto 2, teranse en conta as necesidades de formación detectadas na Comunidade Autónoma de Galicia a través dos estudios que poida realiza-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, así como o número de centros que teñan homologada esa especialidade na área xeográfica da entidade solicitante.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá establecer limitacións para a homologación naquelas especialidades formativas nas que, a través dos anteditos estudios, se comprobe a existencia de escasa demanda formativa ou saturación da oferta, por exceso de centros que teñan homologada a mesma especialidade na área xeográfica sinalada no parágrafo anterior.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-la homologación de especialidades e a condición de centro colaborador, deberán formaliza-la correspondente solicitude en exemplar triplicado no modelo normalizado que se estableza pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscrita polo titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes de homologación estará aberto desde o día seguinte ó do remate do prazo de presentación de solicitudes de programación de formación ocupacional fixado nas correspondentes ordes de convocatoria ata o 30 de xuño seguinte. Non obstante o anterior, cando o Instituto Nacional de Emprego (Inem) acorde modificacións no ficheiro de especialidades formativas nunhas datas nas que non lles sexa posible ás entidades solicitar novas homologacións dentro do prazo establecido con carácter xeral, poderá autorizarse por orde da consellería un prazo non inferior a 15 días para a presentación das solicitudes das novas homologacións.

4. O cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2 acreditarase mediante a presentación da seguinte documentación:

4.1. De carácter xeral:

a) Memoria identificativa do centro.

b) Código de identificación fiscal (CIF) ou número de identificación fiscal (NIF).

c) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para a sinatura da solicitude, de se-lo caso.

d) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

e) Planos oficiais dos inmobles e instalacións.

f) Memoria de inmobles e instalacións, identificando no plano cada espacio físico e a súa superficie.

g) Xustificante da propiedade, arrendamento ou título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes, equipo didáctico, talleres ou campos de práctica. No caso de que a parte práctica do curso se vaia desenvolver en empresas, achegarase compromiso da empresa co centro colaborador para que se realicen naquela as prácticas.

h) Licencia municipal de apertura como centro de formación.

i) Xustificante acreditativo de ter pagadas as taxas por recoñecemento de centro colaborador.

j) Descrición do equipo informático de que dispón para a transmisión de datos en liña á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4.2. Específica para cada especialidade.

a) Memoria xustificativa da necesidade de imparti-la especialidade.

b) Memoria de inmobles e instalacións na que se indiquen as aulas e talleres e/ou campos de prácticas que se van utilizar.

c) Relación de maquinaria, utensilios, material de consumo, textos e material didáctico que se utilizará en cada curso, que deberá ser suficiente e adecuado para que os alumnos poidan realiza-las prácticas simultaneamente, salvo que se desenvolvan en empresas.

d) Se non existe programa oficial, programa da especialidade detallado e coñecementos profesionais estructurados por módulos, xuntando así mesmo a tipoloxía das probas de avaliación que se vaian efectuar.

e) Xustificante acreditativo de ter pagadas as taxas por homologación de especialidades formativas.

f) No caso de especialidades formativas nas que teñan competencia concorrente outros órganos da Administración central ou autonómica, documentación acreditativa de que a entidade solicitante cum

pre os requisitos esixidos a maiores da normativa de formación ocupacional.

5. A documentación acreditativa dos elementos comúns presentarase por centros, sen que sexa necesario presentala por especialidades.

Artigo 4º.-Tramitación.

1. Os servicios de Formación e Colocación das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude examinarán as solicitudes e comprobarán que a documentación achegada é correcta e suficiente.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados no artigo 3º ou a documentación achegada contivese erros ou fose insuficiente, requirirase do solicitante que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare, que deberá ser dictada polo director xeral de Formación e Colocación nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Realizados os trámites de instrucción sinalados nos dous parágrafos anteriores, os técnicos de formación ocupacional das delegacións provinciais da consellería visitarán as instalacións da entidade solicitante e comprobarán o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2º e emitirán o preceptivo informe co visto e prace do delegado provincial.

4. A delegación provincial cumprirá o trámite de audiencia comunicándolle á entidade, de se-lo caso, as carencias ou deficiencias atopadas, e poralle de manifesto o procedemento, para que esta, no prazo de 10 días, alegue e presente os documentos e xustificacións que coide pertinentes. Se antes do vencemento do prazo os interesados manifestan a súa decisión de non efectuar alegacións nin achegar novos documentos ou xustificacións, o trámite darase por realizado.

5. Concluída esta fase mediante a proposta de resolución do delegado provincial, o expediente será enviado á Dirección Xeral de Formación e Colocación para a resolución do procedemento.

Artigo 5º.-Resolución.

1. A terminación do expediente de homologación de especialidades corresponderalle ó director xeral de Formación e Colocación mediante resolución motivada que deberá serlles notificada ós interesados.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo máximo de seis meses, contados desde o día seguinte ó da recepción da solicitude nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Transcorrido o antedito prazo sen que se dictase resolución expresa, poderase entender que esta é estimatoria

da homologación por silencio administrativo. O transcurso do prazo máximo legal para resolve-lo procedemento e notifica-la resolución poderá suspenderse, de acordo co establecido no artigo 42.5º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo coa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Contra as resolucións do director xeral de Formación e Colocación que poñan fin ó procedemento de homologación poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da recepción da notificación da resolución que se pretenda impugnar.

Artigo 6º.-Censo de centros colaboradores.

1. A homologación de especialidades formativas implicará a inclusión da entidade no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, constituído para o efecto na Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. A cada entidade asignaráselle un número de censo e ás que dispoñan de máis dun centro na mesma ou distinta localidade, asignaráselles un número distinto para cada un deles.

3. A obtención da condición de centro colaborador de formación ocupacional comportará a posibilidade de optar á impartición de cursos dentro das respectivas programacións anuais do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional.

Artigo 7º.-Cambio de titularidade.

1. O cambio de titularidade dun centro colaborador non implicará a perda desa condición, sempre que o mantemento dela sexa autorizado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, logo do informe dos técnicos das delegacións provinciais no que se faga constar que se manteñen as instalacións, medios humanos e materiais que deron lugar á homologación, e así se solicite expresamente á antedita dirección xeral. Esta solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Subrogación de dereitos e obrigas do novo titular.

b) Acreditación da venda, aluguer ou dereito de uso do antigo titular a favor do novo.

c) Copia compulsada do documento que xustifique a alta no imposto de actividades económicas (IAE).

2. O prazo de presentación de solicitudes de cambio de titularidade estará aberto todo o ano, e a duración máxima deste procedemento será de seis meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o antedito prazo sen que recaese resolución expresa, poderase entender estimada a solicitude de cambio de titularidade por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Proxectos formativos con compromiso de contratación.

No suposto de entidades que soliciten a impartición de cursos con compromiso de contratación de polo menos o 60% dos alumnos que inicien o curso, de acordo coas condicións e requisitos esixidos neste decreto, na orde de convocatoria anual de cursos do Plan FIP e na súa normativa de desenvolvemento, non será necesaria a homologación previa das correspondentes especialidades formativas. O procedemento de homologación farase simultaneamente ó de solicitude de impartición dos cursos.

Nestes casos, os técnicos de formación ocupacional, unha vez visitadas as instalacións onde a entidade solicitante pretenda imparti-lo curso, emitirán un informe no que farán constar se estas reúnen os requisitos mínimos para imparti-lo proxecto formativo.

O informe favorable dos técnicos, así como a acreditación de ter licencia municipal de apertura na actividade de que se trate, serán requisitos imprescindibles para que a entidade solicitante poida imparti-lo curso.

Cumpridos os trámites recollidos no artigo 4º deste decreto, e en caso de ser positiva a resolución do director xeral de Formación e Colocación, homologaranse os locais previstos para a impartición do proxecto formativo.

Cando remate o curso, a entidade impartidora non adquirirá dereito ningún para participar noutras accións formativas subvencionadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 9º.-Impartición de cursos adxudicados mediante contratación administrativa.

Cando se adxudique mediante contratación administrativa a impartición de cursos de formación ocupacional, poderanse homologa-las instalacións achegadas polo licitador que poida ser adxudicatario.

No caso de centros non homologados, comprobados os requisitos esixidos segundo a especialidade de que se trate á vista da documentación achegada para o concurso, e unha vez visitados os correspondentes locais e instalacións, a Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá conceder, con carácter previo á adxudicación, unha homologación temporal para imparti-la especialidade ou especialidades de que se trate.

Rematado o curso estas entidades non adquiren dereito ningún para participar en accións formativas subvencionadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 10º.-Especialidades formativas.

1. As especialidades que se impartirán deberán ser algunhas das integrantes dos novos cursos do repertorio de certificados de profesionalidade e, no seu defecto, da nova ordenación efectuada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) ou das restantes

especialidades vixentes no ficheiro de especialidades.

2. Só poderán homologarse novas especialidades, á marxe do repertorio e da nova ordenación indicados, cando correspondan a ocupacións emerxentes referidas a novas actividades económicas con potencialidade de emprego ou novos viveiros de emprego. Para este efecto, entenderanse encadradas dentro desas novas actividades e novos empregos as ocupacións relacionadas con:

a) Servicios de utilidade colectiva.

b) Servicios de ocio e culturais.

c) Servicios personalizados de carácter cotián.

3. A Dirección Xeral de Formación e Colocación, excepcionalmente, poderá autoriza-la homologación de especialidades formativas que non estean recollidas no ficheiro sinalado no punto 1, como proxectos experimentais ou innovadores, sempre que as entidades que os promovan acompañen a solicitude da seguinte documentación:

a) Informe motivado das necesidades de formación nesa especialidade en relación co mercado de traballo.

b) Descrición do programa formativo, segundo a estructura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional.

c) Valoración estimada do custo de formación para quince alumnos.

4. Toda especialidade formativa homologada comprenderá as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado, e ademais será obxecto de clasificación acorde co seu nivel formativo e grao de dificultade, co obxecto de determina-las subvencións ós centros colaboradores orixinadas pola súa impartición.

Artigo 11º.-Homologación de novas especialidades.

No caso de que algún centro considere necesario homologar unha especialidade formativa que non estea recollida no ficheiro de especialidades do Inem ou incluída nalgún certificado de profesionalidade, será necesario presentar ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación un informe motivado das necesidades de formación na especialidade formativa en relación co mercado de traballo, a descrición dos correspondentes programas formativos segundo a estructura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional, así como unha valoración estimada do custo de formación para quince alumnos. A antedita dirección xeral estudiaraa e trasladaraa, de se-lo caso, ante o Instituto Nacional de Emprego.

Artigo 12º.-Obrigas dos centros colaboradores.

As entidades que obteñan a condición de centro colaborador de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude terán as seguintes obrigas:

1. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan realiza-los téc

nicos de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, quedando obrigados a facilitar canta información se lles solicite.

2. Mante-las instalacións e estructura de medios con base nas que se produciu a inscrición como centro colaborador, e adaptalas ós requisitos mínimos que en cada momento se esixan para cada especialidade homologada.

3. Non percibir cantidade ningunha dos alumnos incluídos na programación correspondente do Plan FIP.

4. Facer constar na súa publicidade a condición de centro colaborador de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude naquelas accións incluídas na programación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional aprobadas pola antedita consellería.

5. Non facer constar na publicidade dos seus cursos privados a súa condición de centro colaborador de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

6. Levar contabilidade separada de tódolos gastos que realicen para impartir cursos incluídos na programación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional.

7. Solicitar autorización expresa para continuar como centro colaborador cando se produza un cambio na titularidade do propietario ou responsable xurídico.

Artigo 13º.-Revogación da condición de centro colaborador.

A Dirección Xeral de Formación e Colocación, mediante resolución motivada e logo do trámite de audiencia ó titular do centro, poderalles revoga-la autorización como centro colaborador ás entidades cando:

a) Incumpran calquera dos preceptos contidos no presente decreto.

b) Subcontraten cun terceiro a execución dos cursos dos que teñan concedida a súa realización.

c) Apliquen as subvencións a un fin distinto daquel para o que foron concedidas.

d) Non sexan incluídas na programación de cursos durante dous anos consecutivos, por causas imputables ó centro colaborador.

e) Queden sen ningunha especialidade formativa homologada en virtude da súa supresión do ficheiro de especialidades por parte do Instituto Nacional de Emprego, e non soliciten novas homologacións no prazo que se estableza para o efecto.

Artigo 14º.-Revogación de especialidades formativas.

1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación, logo de aviso ó centro colaborador afectado cunha

antelación mínima de tres meses, poderá revoga-la homologación de especialidades formativas cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Non conservación das esixencias técnico-pedagóxicas, materiais e de persoal tidas en conta para a homologación da especialidade.

b) Non adecuación da especialidade ás necesidades que demanda o sistema productivo.

c) Non programación pola consellería, durante dous anos consecutivos, de ningún curso correspondente á especialidade homologada por causas imputables ó centro colaborador.

d) Non superación dos mínimos de calidade da formación e dos resultados de inserción profesional dos alumnos, determinados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

e) Desaparición da especialidade do ficheiro de especialidades formativas do Inem.

2. Contra as resolucións de revogación previstas neste artigo e no anterior, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da recepción da notificación da resolución que se pretenda impugnar.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, así como o Decreto 218/1998, do 17 de xullo, e a disposición adicional do Decreto 292/2000, do 21 de decembro, polos que se modifica o Decreto 208/1995, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para que dicte, no ámbito das súas competencias, as normas necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xuño de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude