Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 13 de xullo de 2001 Páx. 9.499

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de xullo de 2001 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Centro Tecnológico del Mar (Fundación Cetmar).

Visto o expediente de clasificación da Fundación Centro Tecnológico del Mar (Fundación Cetmar), con domicilio en Vigo (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día doce de xuño de 2001 ante o notario Manuel Julio Reigada Montoto, co número mil novecentos corenta do seu protocolo por Anna María Birulés i Beltrán e Manuel Fraga Iribarne; interveñen, a primeira en representación do Estado español (Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía) e o último en representación da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é fomentar e/ou executar tódalas accións necesarias para unha conservación e aproveitamento responsable do medio mariño e os seus recursos, en especial no que respecta ó litoral galego, incluíndo as actividades de formación, investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

4. O padroado da fundación estará integrado polas persoas indicadas no artigo 12 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elévalle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Centro Tecnológico del Mar (Fundación Cetmar), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de intese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas al finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de xuño de dous mil un.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da ante

rior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social Fundación Centro Tecnológico del Mar (Fundación Cetmar) adscribíndoa á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública