Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 13 de xullo de 2001 Páx. 9.518

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, pola que se convocan 8 cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro para alumnos de centros de capacitación agraria.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipuladores destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia celebrar.

Por outra parte, o artigo 6 número 3º da orde, prevé a posibilidade de validar algunhas das unidades didácticas das que consta o curso se estas se superasen na formación profesional, debendo, se é o caso, cursa-las restantes materias das que consta o curso para poder presentarse á proba de avaliación correspondente.

Nas escolas de capacitación agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria impártense cursos regrados de capataces agrícolas nas especialidades agrícola ou forestal, e ciclos formativos de grao medio, nas que o alumno debe superar un temario sobre métodos de control fitosanitario; en consecuencia, os alumnos que superasen eses estudios poderán realizar un curso no que se incidirá nos aspectos normativos e lexislación vixente ó respecto, co fin de complementa-las ensinanzas recibidas, podendo deste xeito supera-lo curso de aplicador/manipulador de praguicidas, nivel básico, nun número de horas inferior a aqueles alumnos que non sexan titulados técnicos da rama agraria.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de varios cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro que terán lugar de acordo coas seguintes bases:

1. Clase e número de cursos que se van impartir.

8 cursos de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico.

2. Datos dos organismos organizadores.

Os organismos organizadores serán o Servicio de Sanidade Vexetal da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal, en colaboración coa Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

3. Obxectivos e destinatarios dos cursos.

Impartir unha formación complementaria á cursada polos alumnos que superasen os cursos de capataz agrícola nas especialidades agrícola ou forestal, ou os ciclos formativos de grao medio impartidos en escolas de capacitación agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria de Galicia, que vaian manipular ou prestar servicios de tratamentos con praguicidas fitosanitarios ou de uso gandeiro, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos de nivel básico, que os capacite para exerce-la actividade de aplicador ou vendedor deses praguicidas.

4. Nº de prazas e criterios de selección.

a) O número de alumnos que poderán participar por curso será de 30 como máximo.

b) Criterios de selección: o solicitante deberá ter, polo menos, 18 anos.

A estes cursos soamente poderán asisti-los alumnos que superasen os seguintes estudios: capataz

agrícola nas especialidades de xardinería ou forestal, ou os ciclos formativos de grao medio nas especialidades de explotacións agrícolas intensivas, xardinería, explotacións agrarias extensivas ou a de traballos forestais e conservación do medio natural.

Terán preferencia os alumnos que realizasen os seus estudios no centro no que se imparta cada curso.

5. Realización.

Os centros, lugares e datas de realización dos cursos son os que figuran a continuación:

CentroEnderezoNº de cursosDatas de realización

Centro de Capacitación AgrariaGuísamo-Bergondo (A Coruña)216 e 17 de xullo de 2001

Centro de Capacitación de Alta MontañaPena do Pico-Becerreá (Lugo)110 e 11 de setembro de 2001

Centro de Capacitación AgrariaSergude-Boqueixón (A Coruña)217 e 18 de setembro de 2001

Centro de Capacitación AgrariaMonforte de Lemos (Lugo)119 e 20 de setembro de 2001

Centro de Capacitación ForestalLourizán (Pontevedra)28 e 9 de outubro de 2001

Duración e horario:

O curso constará dun total de 9 horas lectivas, 6 horas de teoría e 3 de clases prácticas.

O horario dos cursos será das 9.30 ás 14.15 horas e das 16 ás 18 horas na primeira xornada, e das 9.30 ás 13.30 horas a segunda xornada.

6. Programa.

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

7. Coordinador técnico do curso.

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, a coordinación do curso realizarana conxuntamente o persoal técnico do Servicio de Sanidade Vexetal da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Vexetal e o da Subdirección de Extensión e Capacitación Agraria.

8. Solicitudes e inscrición.

a) Documentación: o persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a solicitude que figura como anexo I xunto cunha fotocopia compulsada do DNI e fotocopia cotexada do título obtido e o xustificante de telo solicitado.

A documentación sinalada anteriormente presentarase nos rexistros xerais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria das 9 ás 14 horas, e en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de instancias rematará 15 días naturais antes da data de comezo de cada curso. Para os cursos que se van desenvolver do 16 o 17 de xullo o prazo rematará cinco días antes do seu comezo.

b) Admisión: a relación de solicitantes admitidos exporase no taboleiro de anuncios do organismo convocante, no prazo de 5 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da finalización do prazo

de inscrición, agás para os cursos que van ter lugar no mes de xullo, no que a exposición se realizará 2 días antes do seu comezo.

9. Certificado de superación do curso.

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Rematado este, os organizadores realizarán as probas pertinentes que avalen os coñecementos adquiridos polo alumno e, no caso de superalas expedirase o certificado co que poderá solicitar á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria o carné de manipulador de productos fitosanitarios de nivel básico, que é o único documento válido para poder exerce-la actividade a nivel nacional e para os efectos de inspección por parte dos organismos oficiais correspondentes.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2001.

Manuel Díaz Cano

Director xeral de Producción Agropecuaria

ANEXO II

A) Programa do curso para os productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico. Para titulados dos centros de capacitación agraria:

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigosidade dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica de protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde; primeiros auxilios no caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

Mínimo de horas lectivas: 9.