Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 01 de agosto de 2001 Páx. 10.453

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 16 de xullo de 2001 pola que se regula a asistencia médico-farmacéutica a través do persoal sanitario dos servicios de prevención con vixilancia e control da saúde dos traballadores, segundo a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais.

Desde a posta en marcha dos servicios médicos de empresas polo Decreto 1036/1959 e orde do 21 de novembro de 1959 do Ministerio de Traballo, estes viñeron realizando, ademais dun labor preventivo nos centros de traballo, un labor asistencial in situ, de acordo co artigo 53 do regulamento aprobado pola Orde do 21 de novembro mencionada.

Coa entrada en vigor da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e disposicións que a desenvolven, é necesario actualizar, de acordo coa nova organización da prevención na empresa, o tratamento e control de patoloxías comúns que presenten os traballadores co fin de acadar unha optimización e aproveitamento dos recursos sanitarios existentes. Así mesmo, todo isto garantirá un enfoque e control dos problemas de saúde de forma integral por parte do persoal sanitario, xa que se une ó maior coñecemento das condicións de traballo, os datos achegados pola vixilancia e control da saúde dos traballadores, condicións imprescindibles para o bo aproveitamento da prestación que se pretende administrar.

Diversas disposicións inciden nesta materia.

O Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención, desenvolve a devandita lei e derroga expresamente o Decreto 1036/1959 e a Orde do 21 de novembro de 1959.

A Orde do 10 de setembro de 1999, da Consellería de Sanidade y Servicios Sociais, regula as competencias da autoridade sanitaria en materia de prevención de riscos laborais e a Orde de 22 de outubro de 1999 da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, regula a subministración e uso de talonarios de receitas oficiais do Sergas.

O Sistema Nacional de Saúde ofrece cobertura a tódolos traballadores por continxencias non laborais e as laborais encóntranse protexidas polas MATEPSS, evidenciando ámbalas dúas situacións unha cobertura completa e integral.

Polo anteriormente exposto, en virtude das facultades que se confiren nos artigos 34 y 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Esta norma é de aplicación dentro do ámbito competencial da Comunidade Autónoma de Galicia, a

aquelas empresas que realicen as funcións recollidas no artigo 37.3º do R.D. 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos Servicios de Prevención, por medio dun servicio de prevención propio, modalidade de prevención con traballadores propios, xa sexa autónomo ou mancomunado, e con persoal sanitario necesario en cada caso, que desexen realizar adicionalmente, á concreta vixilancia e control da saúde dos traballadores, a asistencia médico-farmacéutica destes.

A autorización regulada por esta norma será única para cada empresa e o facultativo acollidos, non podendo transferir esta a outras empresas ou facultativos diferentes.

Artigo 2º.-Requisitos necesarios para obte-la autorización da asistencia médico-farmacéutica a través do persoal sanitario dos Servicios de Prevención.

As empresas que dispoñan de Servicio de Prevención propio, modalidade con traballadores propios, e que desexen contar con autorización para realiza-la asistencia médico-farmacéutica a través do persoal sanitario do servicio, deberán reuni-las seguintes condicións:

1. Recursos humanos.

a) Especialista en Medicina do Traballo ou diplomado en Medicina de Empresa, dado de alta nas súas cotizacións da Seguridade Social na empresa que desexa obte-la autorización ou na mancomunidade á que pertence esta, compatible respecto ós traballadores asignados, e que non se encontre sancionado ou sometido a expediente disciplinario de acordo coa normativa vixente. Deberá ter presencia física diaria, e a dedicación para a asistencia médico-farmacéutica non poderá supoñer mais dun 20% da actividade global, debendo ser esta a súa vez independente do resto de funcións.

b) ATS-DUE diplomado en Enfermería de Empresa, dado de alta nas súas cotizacións da Seguridade Social na empresa que desexa obte-la autorización ou na mancomunidade á que pertence, compatible respecto ós traballadores asignados e que non se encontre sancionado ou sometido a expediente disciplinario de acordo coa normativa vixente, e que estea, no momento da autorización, libre de sanción disciplinaria e no se encontre sometido a expediente administrativo.

2. Recursos materiais:

Locais suficientes, adecuados, convenientemente situados e autorizados para poder practicar tanto a vixilancia e control da saúde dos traballadores como a súa asistencia médico-farmacéutica.

O equipamento e materiais dos locais será o establecido no punto 2.3º c) do anexo II da Orde do 10 de setembro de 1999 da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais (DOG nº 186, do 24 de setembro).

Artigo 3º.-Procedemento de autorización.

1. Cando unha empresa que reúne os requisitos necesarios para obte-la autorización da asistencia médico-farmacéutica a través do persoal sanitario

do servicio de prevención a solicite, deberá remitirlle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria, a seguinte documentación:

a) Solicitude de autorización subscrita pola dirección da empresa.

b) Acreditación ante a autoridade sanitaria competente de ter constituído y encontrarse en funcionamento o Servicio de Prevención da empresa.

c) Escrito de aceptación das obrigas inherentes á concesión por parte do facultativo, declarando non incorrer en incompatibilidade.

d) Escrito de aceptación dos deberes que derivan da autorización por parte do ATS-DUE de empresa.

2. Unha vez revisada e avaliada a documentación pola Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria e solicitado informe de inspección emitido pola Unidade de Saúde Laboral da Dirección Provincial do Sergas correspondente, tras comprobación in situ nos Servicios de Prevención dos requisitos establecidos nesta Orde, a secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dictará resolución autorizando ou denegando a prestación de asistencia médico-farmacéutica, trasladando esta resolución, de se-lo caso, á División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas, para que proceda á autorización do uso de talonarios de receitas y selo oficial ó facultativo médico do Servicio de Prevención.

As resolucións adoptadas serán comunicadas en todo caso á empresa solicitante pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 4º.-Obrigas derivadas da autorización por parte do persoal sanitario do Servicio de Prevención:

1. Normas de prescrición:

Co fin de facer prescricións ós traballadores adscritos á empresa, os facultativos autorizados deberán aterse ás seguintes normas:

a) Só poderá prescribirse ós titulares das tarxetas do cupo.

Enténdese por cupo o continxente de traballadores en situación de alta na empresa.

b) A prescrición deberá axustarse á lexislación vixente sobre receitas médicas, tendo o facultativo do Servicio de Prevención da empresa consideración de médico de atención primaria do cupo de traballadores desta, debendo establecerse a debida coordinación cos servicios de Atención Primaria e Especializada.

c) Deberán cumprir tódalas instruccións que emanen da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais y do Sergas en materia de prestación de asistencia médico-farmacéutica.

d) En caso de incumprimento desta normativa poderá acordarse a rescisión da autorización de uso de receitas e selos oficiais.

e) O selo que deberá utilizarse para as receitas oficiais será única e exclusivamente o que facilite o Sergas.

En todo caso a asistencia médico-farmacéutica aquí regulada terá carácter voluntaria para o traballador.

2. Utlización de material:

a) Receitas oficiais do Sergas.

b) Modelo oficial P10 ou equivalente, exclusivo para continxencia non laboral e o seu uso será:

-Consulta de especialista.

-Petición de analítica.

-Para ingreso de urxencia en centros hospitalarios.

-Para intercambio de información médico-administrativa coa inspección ou co médico de atención primaria do traballador.

c) Selo oficial, facilitado pola Dirección Provincial do Sergas correspondente, no que deberá consta-lo nome e dous apelidos do médico, número de colexiado, nome da empresa á que corresponde o Servicio de Prevención.

3. Formalización de documentos:

a) Estatística: a que sexa requirida en cada momento pola autoridade sanitaria competente.

b) Aqueloutras documentacións de control asistencial expresamente solicitadas pola autoridade sanitaria ou os seus órganos de control.

Artigo 5º.-Autorización provisional.

Con carácter restrictivo, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá conceder autorizacións provisionais, con base no informe emitido pola Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria.

Esta autorización provisional será limitada a un período de seis meses prorrogable ata un máximo de 2 anos.

Esta autorización provisional será, así mesmo, comunicada á División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas para que proceda á autorización do uso de talonarios de receitas e selo oficial ó facultativo médico do Servicio de Prevención.

As resolucións adoptadas serán comunicadas en todo caso á empresa solicitante pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 6º.-Extinción da autorización.

A autorización quedará extinguida por:

-Baixa laboral na empresa por renuncia, cesamento, excedencia ou falecemento do facultativo.

-Comunicación por parte dos órganos de control e inspección da autoridade sanitaria de terse pro

ducido un incumprimento por parte do persoal sanitario do Servicio de Prevención das actividades encomendadas.

-En xeral, por incumprimento das normas sobre asistencia médico-farmacéutica emanadas da autoridade sanitaria.

Ante calquera das causas que comporte a extinción da autorización, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, logo de informe da Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria, poderá dictar resolución acordando a extinción da autorización de prestación de asistencia médico-farmacéutica a través do persoal sanitario do Servicio de Prevención concedida con anterioridade, procedendo a súa comunicación á empresa e á División de Farmacia e Productos Sanitarios do Sergas, a que procederá a revoga-la autorización de uso de receitas oficiais ó facultativo médico do dito servicio de prevención.

Ámbalas dúas resolucións poderán ser recorridas en alzada ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposición adicional

Corresponderalle á Inspección Sanitaria das Unidades de Saúde Laboral das direccións provinciais do Sergas efectua-lo seguimento do funcionamento dos Servicios de Prevención, en canto á asistencia médico-farmacéutica practicada polo persoal sanitario autorizado.

Disposición transitoria

O persoal dos servicios médicos que teñan autorizada definitivamente esta prestación ata a data de entrada en vigor desta orde, mentres non cambien as súas situacións contractuais coa empresa onde realizan o seu traballo, serán considerados, para tódolos efectos, como autorizados para seguir exercendo as ditas funcións, sempre que a empresa acredite que constituíu o preceptivo Servicio de Prevención.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2001.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais