Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 09 de agosto de 2001 Páx. 10.802

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de xullo de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de prórrogas de bolsas para a realización de estudios do terceiro ciclo nas universidades do sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria.

O Real decreto 778/1998, do 30 de abril, polo que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios de posgrao, estructura os estudios do terceiro ciclo en dous períodos: o primeiro constitúe o período de docencia e o segundo o período de investigación tutelado, e ámbolos dous teñen como finalidade a especialización do estudiante nun campo científico, técnico ou artístico determinado, así como a súa formación en técnicas de investigación.

En consecuencia, a Consellería da Presidencia e Administración Pública, a través da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades decidiron poñer en marcha, de forma coordinada, un programa que contribúa ó financiamento dos estudios do terceiro ciclo nas universidades do sistema universitario de Galicia por parte daqueles alumnos que, en función da súa capacitación, poidan converterse en futuros investigadores e profesores universitarios., encargándose a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades e Investigación da convocatoria de bolsas para o primeiro ano de estudios de terceiro ciclo (período de docencia) e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento das prórogas das ditas bolsas que corresponden o segundo

ano dos estudios de terceiro ciclo (período de investigación tutelado).

Esta actuación conxunta encádrase dentro do Programa de Promoción Xeral da Investigación do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento (1999-2001) aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de decembro de 1998 (Resolución do 9 de febreiro de 1999, DOG do 24 de febreiro).

Polo que antecede,

DISPONSE:

Artigo 1º

Convócanse prórrogas das bolsas para a realización de estudios do terceiro ciclo nas universidades do sistema universitario de Galicia de acordo coas bases que se inclúen como anexo I á presente orde.

Artigo 2º

Para a concesión das prórrogas destinarase un máximo total de 108.360.000 pesetas (651.256,72 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos anos 2001 e 2002 de acordo coa seguinte distribución:

2001 2002

04.07.432A.480.0 27.090.000 81.270.000

(162.814,18 euros) (488.442,54 euros)

dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 e 2002. Nembargantes, as cantidades citadas con anterioridade poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó amparo desta convocatoria será de 5 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir

do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 5º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 6º

A resolución de concesión das bolsas dictadas ó abeiro da presente orde poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de compostela, 31 de xullo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da presidencia

e Administración Pública

ANEXO I

Prórrogas de bolsas para realizar estudios de doutoramento

1. Solicitantes.

Poderán solicita-la prórroga aqueles alumnos que desfrutaron durante o curso académico 2000/2001 dunha bolsa de terceiro ciclo, modalidade nova adxudicación, concedida por resolución conxunta da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Dirección Xeral de Universidades do 16 de novembro de 2000 (DOG do 23 de novembro), sempre que poida xustificar un axeitado aproveitamento académico neste período, e estean matriculados durante o curso 2001/2002 no segundo ano do programa de estudios do terceiro ciclo impartido nas universidades de Galicia.

2. Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial PXI -21 que se publica como anexo II á presente orde están a disposición dos interesados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia e así mesmo en Internet nos seguintes enderezos: http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index/.htm, http://www.cesga.es/sxid.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemen

to ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

a) Informe realizado polo titor sobre o cumprimento académico do solicitante no curso 2000/2001.

b) Certificación académica de ter superados os créditos do primeiro ano de estudios do terceiro ciclo.

c) Declaración do solicitante de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes.

3. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 20 de setembro de 2001.

4. Período de desfrute.

A duración da prórroga destas bolsas será de 12 meses comprendidos entre outubro de 2001 e setembro de 2002.

5. Contía.

O importe total da prórroga da bolsa será de 840.000 pesetas brutas (5.048,5 euros)

6. Tramitación.

Os servicios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nas presentes bases. No caso de que a documentación achegada estivese incompleta requirirase ó solicitante para que no prazo de dez días a complete ou emende os erros detectados con advertencia de que, de non o facer, se lle considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución, procedendo consonte o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

7. Selección dos candidatos.

7.1. Comisión de selección.

A selección dos bolseiros efectuarase por unha comisión constituída por dous representantes da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento (un deles actuará como presidente e outro como secretario con voz e voto), un representantes da Dirección Xeral de Universidades e un representante de cada unha das tres universidades do sistema universitario de Galicia.

7.2. Criterios de selección.

Para que o solicitante poida obte-la prórroga de terceiro ciclo requerirase que teña superado no primeiro ano dos estudios de terceiro ciclo un mínimo de 20 créditos, así como que o informe previsto no punto 2.a) das presentes bases sexa favorable.

8. Resolución do concurso.

A comisión elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou co desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas, salvo co desfrute daquelas bolsas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios, cursos de especialización ou estancias noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

As bolsas concédense para o curso completo, polo que no caso de renuncia ou revogación o bolseiro deberá reintegra-las cantidades xa aboadas, salvo en casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, logo de xustificación dos cursos superados e das actividades de formación realizadas polo bolseiro durante o período anterior á renuncia.

10. Aceptación da bolsa e pagamento.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir tódalas condicións recollidas nas presentes bases. Os pagamentos faranse despois de que as universidades acrediten que os bolseiros seleccionados están matriculados nos correspondentes programas do terceiro ciclo.

As bolsas aboaranse trimestralmente. O pago do último trimestre farase despois de que o titor do bolseiro emita informe favorable en relación co cumprimento por parte do bolseiro das súas obrigas recollidas no punto 10 das presentes bases.

11. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros están obrigados a asistir ás clases, seguir con aproveitamento os cursos correspondentes ó seu programa de doutoramento e a realiza-las actividades complementarias de formación que determine o titor. Así mesmo, deberán integrarse nun grupo de investigación no que realizarán actividades de formación, cunha adicación mínima de 10 horas e unha máxima de 15 horas á semana.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

Os bolseiros están obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento a renuncia á bolsa tan pronto como se produza a causa que determine a dita renuncia.

Ó remata-lo período de aproveitamento da bolsas, e antes do 20 de outubro do ano 2002, o bolseiro deberá prsenta-la certificación do director do grupo de investigación no que se integrou e no que se faga consta-las actividades de formación realizadas durante o aproveitamento da bolsa.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases supoñerá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades cobradas consonte o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.