Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 27 de agosto de 2001 Páx. 11.440

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, pola que se fai pública a clasificación do monte denominado Xugo da Bola, a favor dos veciños do lugar de Dadín, no concello do Irixo.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou na secesión celebrada en data catro de xullo de dous mil un adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común integrado por dúas parcelas denominado Xugo da Bola, por solicitude dos veciños do lugar de Dadín, do concello do Irixo (Ourense).

Resultando que con data 13 de xullo de 1999, tivo entrada no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente en Ourense, escrito dirixido ó Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños do lugar de Dadín, concello do Irixo (Ourense), solicitando que se declare o monte Xugo da Bola como veciñal en man común.

Resultando que o xurado provincial, en sesión celebrada en data 22 de marzo de 2000, acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-lo expediente de clasificación do monte designando instructores del a Miguel Ángel González Trigás e Miriam Areal López, que aceptaron tal cargo, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade do Carballiño, e remitíndose comunicacións dirixidas ós veciños do lugar de Dadín, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello do Irixo, á delegación provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, á Xerencia Territorial do Catastro, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, e á delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria: ó xefe do Servicio de Estructuras e Desenvolvemento Rural, publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello do Irixo, durante o prazo dun mes segundo

consta en dilixencia expedida ó dorso do edicto polo secretario do citado concello, para que durante o prazo sinalado en edictos os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos, e non consta presentada ningunha alegación.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente se practicou no Rexistro da Propiedade do Carballiño como segue:

Asento número 411, do diario 33, anotación letra A a favor do lugar de Dadín, facendo consta-la existencia do expediente de iniciación de clasificación do predio como monte veciñal en man común e que o predio pode quedar afectado pola resolución final daquel que con data do 22 de marzo de 2000 se iniciou no folio 131, do libro 37 do Irixo, tomo 444, predio 5817.

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes:

1. Que os condominios se unen por vínculos persoais de veciñanza agrupados en parroquias, aldeas,

lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades municipais;

2. Que, polo tanto, o número de titulares é variable e indeterminado;

3. Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano;

4. Que o patrimonio e a participación é inalleable, imprescritible e inembargable; e

5. Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuneiros pedi-la actio communi dividumdo.

Considerando que segundo informacións e testemuños resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños do lugar de Dadín, no concello do Irixo.

Os datos do citado monte son os que se referencian na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños do lugar de Dadín están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común.

Considerando que segundo o teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, por instancia dos veciños do lugar de Dadín, para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, así como o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, do 26 de novembro de 1992, modificada pola Lei 4/1999.

Visto o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica-lo monte denominado Xugo da Bola, de 46 ha aproximadamente de superficie a favor dos veciños do lugar de Dadín, parroquia de Dadín, no concello do Irixo (Ourense), e cos datos que a seguir se relacionan, como veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Os datos do citado monte son:

Concello: O Irixo.

Denominación: Xugo da Bola.

Comunidade propietaria: lugar de Dadín.

Superficie: 46 ha, aproximadamente.

Estremas:

Norte: Gisleno Otero Novoa, José Gil Condomiño, Hermesinda Fernández Nogueira e monte do lugar de Laxas.

Sur: Dolores González Gil, Manuel Fernández Fernández, Dora Alicia Fernández Vázquez, Gisleno Otero Novoa, Marisa Covela Pérez e Eladio Parada Taboada.

Leste: monte comunal do lugar de Laxas.

Oeste: Gerardo Taboada García, José Manuel Conde Fernández, Isaura Dejuane García, Marisa Álvarez Conde, José Pérez Gallego, e Manuel Gil Daparte.

Este monte está atravesado por carreiros que se conservan en uso tal e como se reflicte no plano adxunto.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíqueselle esta resolución ó alcalde-presidente do Concello do Irixo, ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Man Común se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 4 de xullo de 2001.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

Vº e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense