Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 28 de agosto de 2001 Páx. 11.457

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

DECRETO 197/2001, do 27 de agosto, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións.

De acordo co previsto na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia; Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente; e pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, no seu artigo 12, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de agosto de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Queda disolto o Parlamento de Galicia elixido o día dezanove de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Artigo 2º

Convócanse eleccións ó Parlamento de Galicia, que se celebrarán o día vinteun de outubro de dous mil un.

Artigo 3º

En aplicación do artigo 9 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, de eleccións ó Parlamento de Galicia, o número de deputados correspondente a cada circunscrición é o seguinte:

A Coruña: vintecatro.

Lugo: quince.

Ourense: catorce.

Pontevedra: vintedous.

Artigo 4º

A campaña electoral durará quince días, empezará ás cero horas do venres día cinco de outubro de dous mil un e rematará ás vintecatro horas do venres día 19 de outubro de dous mil un.

Artigo 5º

Celebradas as eleccións convocadas por este decreto, a Cámara resultante reunirase para a sesión constitutiva o día vinte de novembro de dous mil un ás once horas.

Artigo 6º

As eleccións convocadas por este decreto rexeranse pola Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, modificada pola Lei orgánica 1/1987, do 2 de abril; Lei orgánica 8/1991, do 13 de marzo, Lei orgánica 6/1992, de 2 de novembro;

Lei orgánica 13/1994, do 30 de marzo, Lei orgánica 3/1995, do 23 de marzo; Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro; Lei orgánica 1/1997, do 30 de maio, Lei orgánica 3/1998, do 15 de xuño, e pola Lei orgánica 8/1999, do 21 de abril, así como pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, e a normativa de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de agosto de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente