Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 04 de setembro de 2001 Páx. 11.754

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

A Constitución española de 1978 recoñece no seu artigo 45.1 que «Todos teñen o dereito a desfrutar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de o conservaren», e o seu artigo 149.1.23.º establece a competencia exclusiva do Estado para a lexislación básica sobre protección do medio ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recolle no seu artigo 27.30 a competencia exclusiva para dictar normas adicionais de protección do medio ambiente e da paisaxe, nos termos do artigo 149.1.23.º da Constitución.

A preservación da diversidade biolóxica, asumida polo Cume de Río de Xaneiro en 1992, incorpórase decisivamente ó dereito comunitario a través da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres, ben que en gran medida parte dos seus obxectivos estaban xa programados a través de disposicións comunitarias anteriores.

A partir de 1987, coa entrada en vigor da Acta única europea, consolídase a base xurídica necesaria para o desenvolvemento da política de medio ambiente. O artigo 174 dela establece os seguintes obxectivos:

-a conservación, a protección e a mellora da calidade do medio ambiente;

-a protección da saúde das persoas;

-a utilización prudente e racional dos recursos naturais;

-a adopción de medidas a escala internacional destinadas a lles facer fronte ós problemas rexionais do medio ambiente.

Así, entre os instrumentos que permiten un adecuado desenvolvemento da política de xestión ambiental do noso país, encóntranse os instrumentos xurídicos e técnicos de planificación ambiental. Nesta liña, e no exercicio da competencia exclusiva recollida no Estatuto de autonomía de Galicia, aprobáronse diversas normas autonómicas que tiñan por obxectivo evita-la deterioración dos equilibrios ecolóxicos.

Sen embargo, o núcleo e a xustificación última do sistema xurídico ambiental consisten na conservación da natureza, o que se traduce na preservación das especies e dos ecosistemas naturais, que, con terminoloxía recente, se resume no termo «biodiversidade».

Esta lei enfatiza a incorporación ó dereito galego dos principios emanados da Conferencia de Río, en

canto á xestión sostible dos recursos naturais, coa asunción en especial dos principios de subsidiariedade, ó achega-las decisións ó nivel máis próximo ó cidadán, sen implicar por iso unha perda de efectividade da política pública, e de responsabilidade compartida, ó buscar unha maior coordinación dos axentes públicos e privados.

No dereito interno, dentro da lexislación estatal, é a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, a destinada a traspoñer gran parte de tales funcións. Promulgada esta polas Cortes Xerais ó amparo da competencia exclusiva estatal para o establecemento da lexislación básica sobre protección do medio ambiente, serve de marco no cal a Comunidade Autónoma pode desprega-la súa específica competencia para dictar normas adicionais de protección.

En Galicia, son exemplos notorios da política seguida en materia de medio ambiente a declaración, ata o momento, dos parques naturais de monte Aloia, illas Cíes, complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, A Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro, fragas do Eume, os monumentos naturais do Souto de Rozavales, Souto da Retorta, fraga de Catasós e costa de Dexo, así como a declaración de diversos espacios naturais en réxime de protección xeral.

Sen embargo, Galicia, no marco dunha política global de medio ambiente e co obxectivo principal de preserva-la biodiversidade da flora e fauna silvestres así como de establecer un réxime de seu de protección dos recursos naturais adecuado ó noso territorio, demanda un instrumento xurídico xeral que asemade estableza un marco de protección referido ó conxunto do territorio galego, permita o desenvolvemento dos criterios orientadores para a defensa global da natureza e dos recursos e mais posibilite a conservación e xestión específica dos espacios naturais que o necesiten particularmente.

É por iso que ó amparo da súa potestade lexislativa na dita materia se establece mediante esta lei o réxime xurídico dos espacios naturais protexidos de Galicia e da flora e fauna silvestres autóctonas e mais dos seus hábitats.

A lei divídese en tres títulos, que comprenden setenta e catro artigos, nove disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

O título preliminar define o obxecto e os principios inspiradores da lei.

O título I, «Dos espacios naturais», define con carácter xeral os espacios naturais que deben considerarse merecedores dunha protección especial, establece as súas categorías, regula o seu procedemento de declaración e dispón o réxime xeral de protección daqueles, prevéndose a posibilidade de establecer réximes de protección preventiva.

A lei prevé oito tipos de réximes de protección: reservas naturais, parques, monumentos naturais, humidais protexidos, zonas de especial protección dos valores naturais, paisaxes protexidas, espacios naturais de interese local e espacios privados de interese natural, en atención ós recursos naturais ou biolóxicos e ós valores que conteñan, e destaca a necesidade de promover e contribuír a unha mellor conservación dos humidais galegos atendendo á súa especial fraxilidade e valor desde o punto de vista medioambiental.

Os instrumentos específicos da ordenación medioambiental configúranse como plans de ordenación dos recursos naturais, previstos na lexislación estatal con carácter de obrigatorios e executivos, como plans rectores de uso e xestión e como normas de protección, cos obxectivos, segundo os casos, de delimita-lo ámbito territorial ó que se cinguirán e describi-las súas características físicas e biolóxicas, avaliando o estado de conservación e establecendo regulacións xerais e específicas que, respecto dos usos e das actividades, se establezan en función da conservación dos espacios e das especies que hai que protexer, con especificación das distintas zonas se é o caso.

Esta lei consolida a competencia da Consellería de Medio Ambiente para propoñe-las normas de protección dos espacios naturais por protexer, xunto ás entidades locais e incluso ós cidadáns particulares, sen prexuízo da competencia reservada ós órganos xestores dos parques naturais para elaboraren os proxectos dos plans rectores de uso e xestión.

Introdúcense significativas novidades na organización administrativa dos espacios naturais baixo protección. Tras unha declaración xenérica da tutela, que en todo caso haberá de exerce-la consellería competente en materia de medio ambiente natural, perfílase o réxime de xestión correspondente para cada categoría de espacio protexido. Mantense a existencia dun órgano colexiado consultivo para canaliza-la participación dos intereses sociais e económicos afectados, excepto nos casos en que os servicios da consellería competente asuman directamente a súa xestión.

O título II, «Da fauna e flora», establece as medidas necesarias para garanti-la conservación dos hábitats naturais e das especies da flora e fauna, con especial atención ás especies autóctonas e ás ameazadas, para o que se crean o Catálogo galego de especies ameazadas e o Rexistro de especies de interese galego, de tal forma que o proceso de catalogación incorpora medidas positivas por parte da Administración autonómica galega para remedia-los factores de ameaza sobre as especies de flora e fauna silvestres.

Así mesmo, o interese científico, estético ou monumental e ornamental dalgúns espécimes de calquera especie botánica existentes en Galicia aconsella que as normas protectoras deban facerse extensivas a este tipo de árbores ou espécimes da flora.

O título III da lei, «Das infraccións e sancións», recolle un tratamento novo do réxime sancionador sobre espacios naturais.

Xa por último, prevese que os actuais espacios naturais protexidos manterán o réxime das súas declaracións respectivas no que non se contradiga co que agora se dispón, beneficiándose do novo rango normativo que se lles outorga, iso sen prexuízo da súa reconversión ás novas figuras definidas pola lei, de acordo coas súas características específicas, se fose necesario.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de conservación da natureza.

Título preliminar

Obxectivo da lei

Artigo 1.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto establecer normas encamiñadas á protección, conservación, restauración e mellora dos recursos naturais e á adecuada xestión dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, ademais da xea da comunidade autónoma galega, á difusión dos seus valores, así como á súa preservación para as xeracións futuras.

Artigo 2.-Principios inspiradores.

Esta lei inspírase nos seguintes principios:

a) A conservación da biodiversidade a través do mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais, garantindo a conexión das poboacións de fauna e flora silvestres e preservando a diversidade xenética.

b) A subsidiariedade e o fomento da participación pública, a través da cooperación e a colaboración activa dos sectores sociais e económicos implicados, asumindo unha responsabilidade compartida na conservación.

c) A prevención e a planificación para impedi-la deterioración ambiental. As políticas sectoriais integrarán as consideracións medioambientais na súa planificación e poñerán en marcha os mecanismos necesarios para evita-los danos ó medio ambiente.

d) A internalización dos custos medioambientais, tendo en conta, no senso amplo, o principio de «quen contamina paga». As medidas compensatorias ou actuacións correctoras deberán ser asumidas e programadas como un elemento máis do proceso productivo.

e) O desenvolvemento sostible, favorecendo os usos e aproveitamentos respectuosos co medio. Este uso debe ser compatible co mantemento dos ecosistemas e non reduci-la viabilidade dos outros recursos ós que se asociase, nin minguárlle-las posibilidades de gozo deles ás xeracións vindeiras. Procurarase a posta en valor dos compoñentes da biodiversidade, ás veces dificilmente traducibles a valores de mercado, e tratarase de que os beneficios

xerados polo uso dos recursos revertan en favor dos axentes implicados.

Artigo 3.-Deberes de conservación.

1. Todos teñen o deber de respectaren e conservaren os espacios naturais e a obriga de repararen o dano que causen.

2. Tódalas administracións, no ámbito das súas competencias, asegurarán o mantemento, a protección, a preservación e maila restauración dos recursos naturais, con independencia da súa titularidade ou réxime xurídico, garantindo que a xestión daqueles se produza sen mingua da súa potencialidade e compatibilidade cos fins da súa conservación.

Título I

Dos espacios naturais

Capítulo I

Do planeamento dos recursos naturais

Artigo 4.-Plans de ordenación dos recursos naturais.

1. Coa finalidade de adecua-la xestión dos recursos naturais, e en especial dos espacios naturais e das especies que hai que protexer, ós principios inspiradores sinalados no artigo 2 desta lei, a Xunta de Galicia planificará os recursos naturais. As determinacións desa planificación terán os efectos previstos nesta lei.

2. Como instrumento desa planificación configúranse os plans de ordenación dos recursos naturais, que, con independencia da súa denominación, terán os obxectivos e contidos establecidos nos artigos seguintes.

Artigo 5.-Obxectivos.

Os plans de ordenación dos recursos naturais son instrumentos de planificación que teñen os seguintes obxectivos:

a) Definir e sinala-lo estado de conservación dos recursos naturais e ecosistemas dentro do seu ámbito.

b) Establece-la regulación que, se é o caso, proceda aplicar nas distintas áreas do espacio.

c) Fixa-lo marco para a ordenación dos espacios naturais protexidos incluídos no seu ámbito.

d) Determina-las limitacións que deban establecerse e o réxime de ordenación dos diversos usos dos recursos naturais e actividades admisibles nos espacios protexidos.

e) Promove-la aplicación de medidas de conservación, restauración e mellora dos recursos naturais.

f) Formula-los criterios orientadores das políticas sectoriais e ordenadoras das actividades económicas e sociais, públicas e privadas, para que sexan compatibles cos obxectivos dos plans de ordenación dos recursos naturais.

Artigo 6.-Efectos.

1. Os efectos dos plans de ordenación dos recursos naturais terán o alcance que establecen as súas propias normas de aprobación.

2. Os plans de ordenación dos recursos naturais serán obrigatorios e executivos en todo o que afecte a conservación, protección ou mellora da flora, a fauna, a xea, os ecosistemas, a paisaxe e os recursos naturais.

3. Os plans de ordenación dos recursos naturais a que se refire esta lei prevalecerán sobre calquera outro instrumento de ordenación territorial ou física, constituíndo as súas disposicións un límite para este e as súas determinacións non poderán alterar ou modificar aquelas e aplicaranse, en todo caso, prevalecendo sobre os instrumentos de ordenación preexistentes.

4. As previsións dos plans de ordenación dos recursos naturais terán carácter vinculante para calquera outra actuación, plan ou programa sectorial en todo o relativo ás materias a que se refire o apartado 2 deste artigo e revestirán carácter indicativo en todo o demais.

Artigo 7.-Formulación e vixencia.

1. Correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente a iniciativa, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, a elaboración e maila proposta de aprobación dos plans de ordenación dos recursos naturais.

2. A elaboración do plan de ordenación dos recursos naturais incluirá a consulta previa ás institucións e ós sectores sociais directamente afectados.

3. Logo de elaborarse o plan de ordenación dos recursos naturais, este someterase ós trámites de información pública e audiencia dos interesados que comparecesen no expediente.

4. Á vista das observacións e dos informes recibidos, e logo de informe do Consello Galego de Medio Ambiente, elevaráselle o plan ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto.

5. Os plans de ordenación dos recursos naturais terán unha vixencia indefinida, agás indicación expresa en contrario.

Capítulo II

Do réxime dos espacios naturais protexidos

Artigo 8.-Concepto.

Defínense como espacios naturais protexidos aqueles espacios que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza coma derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

Artigo 9.-Categorías de espacios naturais protexidos.

1. En función dos bens e valores que hai que protexer, os espacios naturais protexidos regulados nesta lei clasifícanse nas seguintes categorías:

a) Reserva natural.

b) Parque nacional.

c) Parque natural.

d) Monumento natural.

e) Humidal protexido.

f) Paisaxe protexida.

g) Zona de especial protección dos valores naturais.

h) Espacio natural de interese local.

i) Espacio privado de interese natural.

2. No ámbito territorial dun espacio natural poderán coexistir distintas categorías de protección das previstas no apartado anterior de así o esixiren as súas particulares características.

3. A declaración dun espacio natural protexido poderá incluí-la delimitación de áreas de amortecemento de impactos -que poderán ter carácter descontinuo-, nas que se aplicarán medidas específicas.

Artigo 10.-Rede galega de espacios protexidos.

1. Baixo a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, créase a Rede galega de espacios protexidos, na que estarán representados os principais ecosistemas, paisaxes ou hábitats galegos e que conterá aqueles lugares necesarios para asegura-la súa conservación.

2. A Rede galega de espacios protexidos estará constituída por aqueles espacios protexidos que se declaren nalgunha das categorías do artigo 8.1, excepto as dos apartados h) e i).

Capítulo III

Definicións

Artigo 11.-Reserva natural.

1. As reservas naturais son espacios naturais dos que a declaración ten como finalidade a protección de ecosistemas, comunidades ou elementos biolóxicos, que pola súa rareza, fraxilidade, importancia ou singularidade, merecen unha valoración especial.

Nas reservas estará limitada a explotación de recursos, non sendo naqueles casos en que esta explotación se considere compatible coa conservación dos valores que se pretenden protexer. Con carácter xeral, estará prohibida a recolleita de material biolóxico ou xeolóxico, con excepción daqueles casos en que por razóns de investigación, educativas ou de conservación se permita esta, logo de autorización administrativa.

2. Aquelas reservas naturais que conteñan ecosistemas ou comunidades en estado de conservación que requiran unha protección absoluta poderán ser declaradas reservas naturais integrais. Nestas zonas está prohibido calquera tipo de aproveitamento e restrinxirase o acceso público, funcionando o sistema coa mínima intervención exterior posible, quitando as necesarias medidas de conservación, xestión e, se é o caso, investigación.

Artigo 12.-Parque.

1. Os parques son áreas naturais, pouco transformadas polas actividades humanas, que, en razón da beleza dos seus sitios, da representatividade dos seus ecosistemas ou da singularidade da súa flora,

fauna ou formacións xeomorfolóxicas, posúen uns valores ecolóxicos, estéticos, educativos ou científicos dos que a súa conservación merece unha atención preferente.

2. Nos parques poderanse limita-los aproveitamentos dos recursos naturais, prohibíndose en todo caso os incompatibles coas finalidades que xustificasen a súa creación.

3. Nos parques facilitarase a entrada de visitantes coas limitacións que sexan precisas para garanti-la conservación dos valores naturais.

4. Os parques poderán ser naturais ou nacionais.

Artigo 13.-Monumento natural.

1. Os monumentos naturais son espacios ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial.

Considéranse tamén monumentos naturais as formacións xeolóxicas e os demais elementos da xea, así como os xacementos paleontolóxicos, que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

2. Nos monumentos naturais só se admitirán os usos ou as actividades que non poñan en perigo a conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 14.-Humidal protexido.

1. Entenderase por humidal protexido as extensións de marismas, pantanos, turbeiras ou superficies cubertas de auga, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña nas que a profundidade en marea baixa non exceda de seis metros, que á vez cumpran unha función de importancia internacional, nacional ou autonómica na conservación dos recursos naturais, e que sexan declaradas como tales.

Poderán comprender zonas ribeiregas, costeiras ou adxacentes, así como as illas ou extensións mariñas de profundidade superior ós seis metros en marea baixa cando estas se encontren dentro do humidal.

2. Nos humidais protexidos poderanse limita-los aproveitamentos dos recursos naturais, prohibíndose en todo caso os incompatibles coas finalidades que xustificasen a súa declaración.

Artigo 15.-Paisaxe protexida.

1. As paisaxes protexidas son espacios que, polos seus valores singulares, estéticos e culturais ou ben pola relación harmoniosa entre o home e o medio natural, sexan merecedores dunha protección especial.

2. O réxime de protección das paisaxes protexidas estará dirixido expresamente á conservación das relacións e dos procesos, tanto naturais coma socioeconómicos, que contribuíron á súa formación e fan posible o seu mantemento.

Artigo 16.-Zona de especial protección dos valores naturais.

1. Considérase como zona de especial protección dos valores naturais aqueles espacios dos que, polos seus valores ou interese natural, cultural, científico, educativo ou paisaxístico, sexa necesario asegura-la súa conservación e non teñan outra protección específica, sen prexuízo do disposto no artigo 9 desta lei.

2. Nestas áreas poderanse seguir levando a cabo de maneira ordenada os usos e as actividades tradicionais que non vulneren os valores protexidos. Para o resto das actuacións, incluíndo a realización de edificacións, será precisa a autorización da Consellería de Medio Ambiente.

3. Incluiranse tamén as zonas especiais de conservación que conforman a Rede Natura 2000, creada ó amparo das directivas CEE 79/409 e 92/43, e que non posúan outra figura de protección das establecidas nesta lei.

Artigo 17.-Espacio natural de interese local.

1. Por petición do concello e logo de informe da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a Consellería de Medio Ambiente poderá declarar como espacios naturais de interese local aqueles espacios integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

2. A responsabilidade e competencia na xestión destes espacios será municipal, e non se considerarán incluídos na Rede galega de espacios protexidos.

3. A súa declaración como tales non implicará a asignación de recursos da Comunidade Autónoma, aínda que poderán ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión.

Artigo 18.-Espacio privado de interese natural.

1. As institucións e os propietarios particulares dos terreos nos que existan formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres dos que se considere de interese a súa protección poderanlle propoñer á Consellería de Medio Ambiente, mediante a presentación dunha memoria suficientemente motivada, a súa declaración como espacio privado de interese natural.

2. A declaración supón o compromiso formal do promotor de poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais que o motivaron.

3. Estes espacios non se incluirán na Rede galega de espacios naturais protexidos.

4. A súa declaración non implicará a obrigatoriedade, por parte da Consellería de Medio Ambiente, de achegar recursos públicos, aínda que poderán ter preferencia na concesión de axudas e subvencións.

Artigo 19.-Denominacións.

As denominacións dos artigos precedentes empregaranse unicamente para os espacios naturais que cumpran as condicións e se tramiten a través dos procedementos establecidos por esta lei ou as súas normas regulamentarias.

Capítulo IV

Da declaración de espacios naturais protexidos

Sección primeira

Procedemento

Artigo 20.-Proposta de declaración de parque nacional.

A Comunidade Autónoma de Galicia poderalle propoñer ó Estado a declaración de parque nacional daqueles espacios naturais de alto valor ecolóxico e cultural do territorio de Galicia dos que se considere a súa conservación de interese xeral para a nación, de acordo co que se establece na Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, e na Lei 41/1997, do 5 de novembro, pola que se modifica.

Artigo 21.-Outras figuras de protección de ámbito supraautonómico.

A Xunta de Galicia poderá promover perante os organismos que correspondan a declaración doutras figuras de protección de ámbito supraautonómico.

Artigo 22.-Iniciativa.

Correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente a iniciación de oficio do procedemento de declaración dun espacio natural protexido. Para as categorías de espacio natural de interese local ou espacio privado de interese natural, o procedemento iniciarase por instancia de parte.

Artigo 23.-Tramitación.

1. Correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente a tramitación dos procedementos de declaración de espacios naturais protexidos.

2. A declaración das reservas naturais e dos parques esixirá a previa elaboración e aprobación do correspondente plan de ordenación dos recursos naturais, segundo se especifica no capítulo IV do título I desta lei.

Excepcionalmente, poderán declararse reservas naturais e parques sen a previa aprobación do plan de ordenación dos recursos naturais cando existan razóns que o xustifiquen e que se farán constar expresamente na norma que os declare. Neste caso deberase tramitar no prazo dun ano, a partir da declaración de parque ou reserva natural, o correspondente plan de ordenación.

3. Para os demais espacios incluídos na Rede galega de espacios protexidos, a Consellería de Medio Ambiente aprobará un plan de conservación no prazo de dous anos desde a súa declaración.

4. En calquera caso, os instrumentos de planificación dos espacios naturais protexidos serán sometidos a información pública.

Artigo 24.-Declaracións.

l. As reservas naturais serán declaradas por lei do Parlamento de Galicia.

2. Os parques naturais, os monumentos naturais, as paisaxes protexidas, os humidais protexidos e mailas zonas de especial protección dos valores naturais serán declarados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Medio Ambiente.

3. Os espacios naturais de interese local e os espacios privados de interese natural serán declarados por orde da Consellería de Medio Ambiente.

Sección segunda

Protección preventiva

Artigo 25.-Réxime de protección preventiva.

1. A iniciación dun procedemento de declaración dun espacio natural protexido ou do procedemento para a elaboración dalgún dos instrumentos de ordenación previstos nesta lei determinará a prohibición de realizar actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica que dificulte ou imposibilite a consecución dos obxectivos da declaración de espacio natural protexido ou supoña un risco para os seus valores naturais.

2. En calquera caso, a iniciación do procedemento de aprobación dun plan de ordenación dos recursos naturais determinará automaticamente a esixencia de informe favorable da Consellería de Medio Ambiente para calquera autorización, licencia ou concesión que habilite para realizar transformacións da realidade física ou biolóxica no ámbito territorial ó que afecta o plan de ordenación dos recursos naturais.

3. Por orde da Consellería de Medio Ambiente poderase establecer un réxime preventivo de protección para cada caso, no que se establecerán as medidas cautelares que deban aplicarse a partir da iniciación do expediente de declaración do espacio natural protexido ou durante o procedemento de elaboración dos instrumentos de ordenación previstos nesta lei.

4. A Consellería de Medio Ambiente poderalles aplica-lo réxime de zona de especial protección dos valores naturais de forma provisional ós espacios naturais cando considere que a súa conservación se encontra en perigo.

5. As medidas cautelares previstas neste artigo terán unha vixencia máxima de tres anos.

Sección terceira

Efectos da declaración de espacios naturais

protexidos

Artigo 26.-Enumeración dos efectos.

A declaración de espacio natural protexido incluído na Rede galega de espacios protexidos comportará os efectos que se mencionan a continuación:

1) Declaración de utilidade pública e interese social para efectos expropiatorios de tódolos bens e dereitos incluídos dentro do seu ámbito.

2) Sometemento das transmisións onerosas e inter vivos de terreos á facultade da administración de exerce-los dereitos de tanteo e de retracto, consonte o previsto no artigo seguinte.

3) Suxeición á servidume de instalación de sinais prevista no artigo 28 desta lei.

4) Utilización dos bens comprendidos nestes espacios consonte o previsto nesta lei e nos instrumentos de ordenación establecidos nela.

5) Prioridade no desenvolvemento de actuacións de mellora das condicións socioeconómicas da poboación residente.

6) Calquera outro que regulamentariamente se determine.

Anualmente, a Consellería de Medio Ambiente establecerá as dotacións orzamentarias específicas para a planificación, a ordenación, a protección, o uso e maila xestión da Rede de espacios protexidos de Galicia.

Artigo 27.-Dereitos de tanteo e de retracto.

1. As transmisións onerosas inter vivos de bens inmobles situados total ou parcialmente no ámbito dun espacio natural protexido están suxeitas ós dereitos de tanteo e de retracto por parte da Administración autonómica. Quedan excluídos os inmobles sitos no solo urbano, agás previsión expresa en contrario da norma de declaración do espacio natural ou do seu instrumento de ordenación.

2. O prazo de exercicio do dereito de tanteo será de tres meses, contados a partir da notificación previa expresa da transmisión á Consellería de Medio Ambiente. Para estes efectos, a persoa transmitente notificaralle fidedignamente á Consellería de Medio Ambiente as condicións esenciais da transmisión pretendida.

3. O dereito de retracto poderase exercer no prazo dun ano, contado a partir do momento en que teña constancia fidedigna da transmisión. Para estes efectos, a Consellería de Economía e Facenda deberalle comunicar á Consellería de Medio Ambiente, no prazo de tres meses, as transmisións dos bens e dereitos ós que se refire este artigo.

4. En todo caso, será requisito necesario para inscribi-la transmisión no Rexistro da Propiedade o cumprimento do deber de notificación de que se trata nos apartados anteriores.

Artigo 28.-Servidume de instalación de sinais do espacio natural protexido.

1. Os terreos situados no interior dos espacios naturais protexidos estarán suxeitos a servidume forzosa de instalación de sinais indicadores desa condición e do seu réxime, consonte o previsto neste artigo.

2. Para declarar e impoñe-las servidumes será precisa a previa instrucción e resolución do expediente por parte da Consellería de Medio Ambiente, no que, con audiencia dos interesados, se xustifique a conveniencia e necesidade técnica do seu establecemento.

3. A servidume leva consigo a obriga dos predios serventes de dar paso e permiti-la realización dos traballos para o seu establecemento e conservación.

Artigo 29.-Aproveitamento e uso dos bens e recursos incluídos en espacios naturais protexidos.

1. O aproveitamento e o uso dos bens e recursos incluídos no ámbito dun espacio natural protexido realizaranse de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración, tal e como se dispón nos instrumentos de planeamento.

2. As limitacións ó uso dos bens e recursos derivadas da declaración de espacio natural protexido ou dos instrumentos de ordenación previstos nesta lei poderán dar lugar a indemnización cando asemade concorran estes requisitos:

a) Que incidan sobre dereitos efectivamente incorporados ó patrimonio do titular.

b) Que afecten usos ou aproveitamentos legal e efectivamente exercidos no momento de imposición da restricción.

c) Que se produza unha lesión patrimonial efectiva, actual e cuantificable en termos monetarios.

d) Que se trate de limitacións singulares non susceptibles de distribución entre os afectados.

Artigo 30.-Áreas de influencia socioeconómica.

1. Os procedementos de declaración do espacio establecerán, se é o caso, as áreas de influencia socioeconómica, nas que se poderán preve-las medidas de compensación pertinentes.

2. Para contribuír ás melloras de calidade de vida dos seus habitantes e ó desenvolvemento sostible nestes ámbitos, a Xunta de Galicia propiciará o desenvolvemento de actividades tradicionais e fomentará outras compatibles coa conservación do espacio de que se trate.

3. Para unha mellor aceptación e participación social fomentarase a integración dos habitantes dos territorios afectados nas actividades xeradas pola protección e xestión do espacio natural.

4. As produccións artesanais das áreas de influencia socioeconómica, sen prexuízo da lexislación específica, poderán establece-lo uso dunha etiqueta de calidade de productos referenciada na denominación do espacio natural protexido de que se trate.

Capítulo V

Da planificación dos espacios naturais protexidos

Sección primeira

Instrumentos de planificación

Artigo 31.-Clasificación.

1. A planificación dos espacios naturais protexidos efectuarase mediante os seguintes instrumentos, que se enumeran conforme a súa prevalencia:

1) Plans de ordenación dos recursos naturais.

2) Plans rectores de uso e xestión.

3) Plans de conservación.

2. Nos parques naturais e nas reservas naturais requirirase con carácter previo a aprobación dun plan de ordenación dos recursos naturais. A súa xestión levarase a cabo mediante plans rectores de uso e xestión.

3. Nas demais categorías será necesaria alomenos a aprobación de plans de conservación, nun prazo non superior a dous anos.

Sección segunda

Plans de ordenación dos recursos naturais

Artigo 32.-Contido.

1. Os plans de ordenación dos recursos naturais terán alomenos o seguinte contido:

1) Memoria descritiva e xustificativa, na que se incluirán, como mínimo, os seguintes extremos:

a) A delimitación territorial do plan e maila descrición das súas características físicas e biolóxicas.

b) O diagnóstico da situación dos recursos naturais, ecosistemas e paisaxes e maila previsión sobre a súa evolución futura.

2) Obxectivos.

3) Zonificación.

4) Establecemento de criterios orientadores na formulación e execución das diversas políticas sectoriais que inciden no ámbito territorial.

5) Directrices para a planificación.

6) Normas de aplicación directa para a regulación de usos e actividades, a conservación e maila protección dos recursos, os espacios e as especies que hai que protexer.

7) Réximes de protección que, se é o caso, deban aplicarse.

8) Análise da realidade socioeconómica da área, con especificación, se é o caso, da área de influencia socioeconómica.

9) De se-lo caso, directrices e criterios para a redacción de plans rectores de uso e xestión.

10) Réxime de avaliación ambiental.

2. Poderanse integrar nun mesmo plan de ordenación dos recursos naturais varios espacios naturais cando existan circunstancias que así o aconsellen.

Sección terceira

Plans rectores de uso e xestión

Artigo 33.-Concepto.

1. Os plans rectores de uso e xestión desenvolven as directrices emanadas do plan de ordenación dos recursos naturais e establecen as previsións de actuacións da administración no seu ámbito de aplicación, e en particular a investigación, o uso público e maila conservación, protección e mellora dos valores ambientais.

2. Estes plans prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e a ordenación do territorio. Cando as súas determinacións sexan incompatibles coas da normativa urbanística en vigor, os órganos competentes revisarán esta de oficio.

Artigo 34.-Contido.

Os plans rectores de uso e xestión terán alomenos o seguinte contido:

1) Memoria descritiva.

2) Zonificación do espacio de acordo co contido do plan de ordenación dos recursos naturais, con delimitación das áreas de diferentes usos.

3) Obxectivos.

4) Previsións de uso e aproveitamento.

5) Normas xerais de xestión, coa inclusión, como mínimo, das relativas á vixencia e revisión do plan.

6) Normas de regulación de usos e actividades, así como para a xestión, protección, conservación ou mellora dos recursos naturais e dos valores ambientais, cando resulte preciso completar ou desenvolve-las contidas no plan de ordenación dos recursos naturais.

7) Normas relativas ás actividades de investigación.

8) Normas relativas ó uso público.

9) Programa económico-financeiro.

10) Programación de actuacións para desenvolver no espacio natural.

Artigo 35.-Tramitación.

1. Correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente a elaboración dos plans rectores de uso e xestión, logo de informe das consellerías con competencias en relación co ámbito protexido e, en todo caso, informe da administración competente en materia de planificación territorial e urbanismo.

2. Logo de elaborarse o plan rector de uso e xestión, este será sometido a información pública e audiencia dos interesados que comparecesen no expediente.

3. Á luz das observacións e dos informes recibidos redactarase unha proposta de plan, que se lle elevará á Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto.

4. Os plans rectores de uso e xestión aprobaranse no prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor da declaración do espacio natural protexido, logo de informe, se é o caso, da xunta consultiva correspondente.

Artigo 36.-Vixencia.

Os plans rectores de uso e xestión terán unha vixencia máxima de seis anos. Estes plans deberanse revisar ó termo de cada período ou antes se fose necesario.

Sección cuarta

Plans de conservación

Artigo 37.-Concepto.

1. Os plans de conservación establecerán o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espacio.

2. A aprobación destes plans terá lugar nun prazo non superior ós dous anos desde a declaración do espacio natural como protexido.

Artigo 38.-Contido.

Os plans de conservación incluirán como mínimo:

1) A delimitación do seu ámbito de protección, que poderá ser descontinuo cando resulte necesario.

2) A identificación dos valores que hai que protexer e dos posibles riscos que poidan afecta-los seus valores naturais.

3) As normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais, destinadas a protexer e conservar ou mellora-los valores ambientais.

4) As normas relativas ó uso público, así como ás actividades científicas ou educativas.

Artigo 39.-Efectos.

Os plans de conservación serán vinculantes, tanto para as administracións públicas coma para os particulares, prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e a súa aprobación levará aparellada a revisión dos plans territoriais ou sectoriais incompatibles con eles.

Artigo 40.-Tramitación.

A Consellería de Medio Ambiente formulará o plan de conservación, que someterá a información pública e audiencia dos interesados que comparecesen no expediente. Trala realización dos trámites referidos elevaráselle ó Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto.

Capítulo VI

Da xestión dos espacios naturais protexidos

Artigo 41.-Órganos de xestión.

1. A Consellería de Medio Ambiente será responsable da xestión dos espacios incluídos na Rede galega de espacios naturais protexidos.

2. Para a xestión dos parques naturais e das reservas, a Consellería de Medio Ambiente designará un director do espacio. Correspóndelle ó director a xestión do espacio natural protexido, e, en particular, a elaboración e proposta dos orzamentos e programas de xestión e maila execución e o desenvolvemento do plan rector de uso e xestión.

3. A xestión dos espacios de interese local corresponderalles ós concellos dos termos municipais onde estean asentados, e a xestión das áreas privadas de interese natural corresponderalles ás entidades ou ós particulares que propuxesen a súa declaración. En todo caso, a Consellería de Medio Ambiente velará porque aqueles e estas cumpran as finalidades recollidas na declaración.

Artigo 42.-Xunta consultiva.

1. Para colaborar na xestión dos espacios naturais protexidos e canaliza-la participación dos propietarios e os intereses sociais e económicos afectados constituirase, para cada parque natural ou reserva, unha xunta consultiva, órgano colexiado, de carácter asesor e adscrito á Consellería de Medio Ambiente.

2. A composición e o funcionamento da xunta consultiva estableceranse na norma de declaración de cada espacio natural protexido.

3. A xunta consultiva estará composta polo seu presidente e o director do espacio natural protexido, asegurando, en todo caso, a representación de:

1) Os concellos onde se sitúa o espacio natural protexido.

2) Os propietarios dos terreos incluídos no espacio natural protexido.

3) As persoas ou entidades que representen intereses sociais, institucionais ou económicos relevantes implicados.

4) As entidades que teñan obxectivos fundamentais coincidentes coa finalidade do espacio natural protexido.

Artigo 43.-Funcións da xunta consultiva.

1. Correspóndelle ó órgano colexiado de cada espacio protexido a colaboración na xestión dos espacios naturais protexidos a través da súa función asesora e consultiva mediante:

a) A aprobación e modificación do seu regulamento de réxime interior.

b) A emisión daqueles informes que lle sexan solicitados.

c) A proposta de actuacións e iniciativas tendentes á consecución dos fins do espacio natural protexido, incluíndo os de difusión e información dos seus valores, así como os programas de formación e educación ambiental.

d) A colaboración na promoción e proxección exterior do espacio natural protexido e dos seus valores.

e) En xeral, a promoción e realización de cantas xestións considere oportunas a prol do espacio natural protexido.

2. Deberá ser oído para a adopción das seguintes decisións:

a) A aprobación, modificación e revisión da normativa relativa ó espacio natural protexido e dos seus instrumentos de planificación.

b) A aprobación do orzamento de xestión do espacio natural protexido.

Título II

Da fauna e flora

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 44.-Principios xerais.

l. Nas súas actuacións, a Xunta de Galicia adoptará as medidas necesarias para garanti-la conservación, protección e recuperación das especies de flora e fauna que viven en estado silvestre en Galicia, con especial atención ás autóctonas.

2. Outorgaráselles preferencia ás medidas de conservación das especies nos seus hábitats naturais, considerando cando fose necesario a adopción de medidas adicionais de conservación fóra dos ditos hábitats.

3. Adoptaranse as medidas precisas para regula-la introducción e proliferación incontrolada no medio natural de especies distintas ás autóctonas, en espe

cial cando poidan competir con estas e altera-la súa pureza xenética ou os equilibrios e dinámica ecolóxicos.

4. Daráselles prioridade, nas actuacións e nos plans de conservación, ás especies endémicas e a aqueloutras cunha área de distribución moi limitada ou unha poboación moi escasa, así como ás migratorias.

Artigo 45.-Conceptos.

Para os efectos desta lei, entenderase por:

a) Especies de fauna e flora silvestres: as especies que manteñen poboacións establecidas e viables no medio natural.

b) Especies de fauna e flora autóctonas: as especies que constitúen poboacións establecidas no medio natural de Galicia que forman parte inveteradamente dos ecosistemas naturais do territorio galego, sendo este parte da súa área de distribución natural. Inclúense tamén aquelas estacionais ou de paso e as que de estaren nalgunha das situacións anteriores se encontren actualmente extinguidas en Galicia.

Artigo 46.-Competencias.

1. Será competencia exclusiva da Consellería de Medio Ambiente a cría, a repoboación e maila reintroducción de especies catalogadas en Galicia.

2. A cría para reintroducción ou repoboación no medio natural de especies silvestres non catalogadas necesitará a autorización da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 47.-Preservación da pureza e diversidade xenética.

Non poderá autorizarse a liberación no medio natural de organismos modificados xeneticamente baixo condicións en que poidan altera-la pureza e diversidade xenética das poboacións naturais das especies autóctonas ou poñer en risco calquera outro valor natural amparado por esta lei. En todo caso, establecerase un control específico para os organismos transxénicos.

Capítulo II

Da catalogación de especies

Artigo 48.-Instrumentos de catalogación.

1. Para a adecuada protección das especies, as subespecies ou os núcleos poboacionais de Galicia, créase o Catálogo galego de especies ameazadas.

2. Créase o Rexistro de especies de interese galego, no que poderán incluírse aquelas especies, subespecies ou núcleos poboacionais non catalogados, incluso aquelas ás que se refire a disposición adicional segunda e nas que existan singularidades científicas, ecolóxicas ou culturais que as fagan merecedoras dunha atención específica, con especial atención ós endemismos galegos.

3. Estes dous instrumentos, de carácter administrativo e dependentes da Consellería de Medio Ambiente, serán obxecto de desenvolvemento regulamentario.

4. Poderanse incluír ou excluír destes aquelas especies, subespecies ou poboacións para as que se xustifique que o seu status variou.

Artigo 49.-Catálogo galego de especies ameazadas.

As especies, as subespecies ou os núcleos poboacionais que se inclúan no Catálogo galego de especies ameazadas deberán ser catalogados nalgunha das seguintes categorías:

a) En perigo de extinción, reservada para aquelas que teñen unha supervivencia pouco probable se os factores causantes da súa actual situación seguen a actuar.

b) Sensibles á alteración do seu hábitat, referida a aquelas cun hábitat característico particularmente ameazado, en grave regresión, fraccionado ou moi limitado.

c) Vulnerables, destinada a aquelas que corren o perigo de pasar ás categorías anteriores nun futuro inmediato se os factores adversos que actúan sobre elas non son corrixidos.

d) De interese especial, aqueloutras merecedoras de catalogación e que teñan un grao de ameaza insuficientemente coñecido.

Artigo 50.-Plans de recuperación, protección, conservación e manexo.

1. A Consellería de Medio Ambiente elaborará e aprobará os plans seguintes:

a) Plans de recuperación para as especies en perigo de extinción, nos que se definirán as medidas necesarias para eliminar tal perigo.

b) Plans de reintroducción de especies extinguidas en Galicia, sempre e cando os hábitats naturais e as condicións socioeconómicas e culturais o permitan.

c) Plans de protección do hábitat, dirixidos ás especies sensibles á alteración do seu hábitat.

d) Plans de conservación para especies vulnerables, que incluirán, se é o caso, a protección do seu hábitat.

e) Plans de manexo para as especies de interese especial, que determinarán as medidas necesarias para garanti-la viabilidade das poboacións.

2. Cando proceda, estes plans incluirán entre as súas determinacións a aplicación dalgunha das categorías de espacios naturais protexidos, referida á totalidade ou a unha parte do hábitat no que vive a especie, subespecie ou poboación.

3. A consellería adoptará as medidas necesarias para mellora-lo coñecemento ou a conservación das especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e no Rexistro de especies de interese galego.

Artigo 51.-Efectos da catalogación.

1. A inclusión dunha especie ou subespecie no Catálogo galego de especies ameazadas ou no Rexistro de especies de interese galego comporta, agás

autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente, as seguintes prohibicións:

a) Ó tratarse de plantas, a de calquera actuación non autorizada que se leve a cabo co propósito de destruílas, mutilalas, cortalas ou arrincar exemplares completos ou parte deles, así como a colleita das súas sementes, pole ou esporas, e, en xeral, a destrucción do seu hábitat.

b) Ó tratarse de animais, incluídas as súas larvas, crías ou ovos, a de calquera actuación non autorizada feita co propósito de darlles morte, capturalos, perseguilos ou molestalos, e en particular nos seus niños, camas ou tobeiras e áreas de reproducción, invernada, muda, paso, repouso e alimentación, así como a destrucción do seu hábitat.

c) En ámbolos casos, a prohibición de posuír, transportar, vender ou expoñer para a venda, importar ou exportar exemplares vivos ou mortos, así como os seus propágulos ou restos, non sendo nos casos que regulamentariamente se determinen.

2. Para as especies catalogadas como en perigo de extinción ou sensibles á alteración do seu hábitat queda prohibida, agás expresa autorización, a observación e filmación mediante o establecemento de postos fixos a menor distancia da que se é o caso se determine.

3. Para as especies catalogadas, só en situacións excepcionais e con fins científicos, culturais ou de conservación, a Consellería de Medio Ambiente poderá concede-las autorizacións previstas no artigo 53.3.

4. Sen prexuízo dos demais requisitos legais esixibles, para que se entenda autorizada a posesión en catividade de exemplares de fauna catalogada, será condición necesaria que o seu posuidor poida acreditar fidedignamente a súa orixe legal.

Os posuidores de exemplares en catividade de fauna catalogada deberanlle declara-la súa posesión á consellería. Para o efecto de garanti-la súa identificación individual, poderase marca-lo animal ou realizarlle as análises e probas precisas para permiti-lo seu seguro recoñecemento no futuro.

Regulamentariamente poderanse adopta-las disposicións precisas para que o medio e as condicións hixiénico-sanitarias e de mantemento en catividade sexan as adecuadas.

5. A Consellería de Medio Ambiente unicamente poderá autoriza-lo cultivo en viveiro de especies de flora catalogadas cando o seu fin sexa a restauración de poboacións naturais, a conservación da especie, a educación, a investigación ou calquera outro establecido legal ou regulamentariamente.

6. A Consellería de Medio Ambiente poderá autoriza-las labouras silvícolas e fitosanitarias que precisen as especies catalogadas de flora.

Artigo 52.-Catálogo galego de árbores senlleiras.

Créase o Catálogo galego de árbores senlleiras de Galicia, no que se incluirán aqueles exemplares ou mouteiras dos que, polos seus valores ou intereses natural, cultural, científico, educativo, estético ou paisaxístico, sexa necesario asegura-la súa conservación.

Nos exemplares ou mouteiras incluídos no catálogo poderanse levar a cabo, logo de autorización da Consellería de Medio Ambiente, todo tipo de tratamentos silvícolas e actuacións encamiñadas á súa protección, conservación e mellora.

Capítulo III

Da protección da fauna e flora silvestres

Sección primeira

Disposicións comúns

Artigo 53.-Réxime xeral de protección.

1. Queda prohibido dar morte, danar, molestar ou inquietar intencionadamente as especies animais obxecto desta lei, con especial atención ás especies autóctonas, así como capturalas en vivo e recolle-los seus ovos ou crías.

2. Queda igualmente prohibido posuír, traficar e comerciar con exemplares vivos ou mortos ou cos restos de animais silvestres, así como transportalos sen o debido cumprimento dos requisitos esixidos pola lexislación vixente.

3. Excepcionalmente, e sempre que iso non supoña prexudica-lo mantemento, nun estado de conservación favorable, das poboacións da especie de que se trate nunha área de distribución natural, poderán quedar sen efecto estas prohibicións, logo de autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Se da súa aplicación derivan efectos prexudiciais para a saúde e a seguridade das persoas.

b) Cando da súa aplicación derivan efectos prexudiciais para outras especies protexidas ou os seus hábitats.

c) Para previr prexuízos importantes para os cultivos, o gando, os bosques, as pesqueiras e a calidade das augas, así como para outros usos da propiedade.

d) Cando sexa necesario por razón de investigación, educación, repoboación ou reintroducción das ditas especies, ou cando se precise para a cría en catividade.

e) Para previr accidentes en relación coa seguridade aérea.

f) Por razóns imperativas de interese público de primeira orde.

g) Para permitir en condicións estrictamente controladas e mediante métodos selectivos e tradicionais a captura, a retención ou calquera outra utilización discreta de determinadas especies.

Artigo 54.-Autorizacións.

1. As autorizacións administrativas ás que se refire o apartado 3 do artigo anterior outorgaranse no prazo máximo de tres meses desde a súa solicitude, transcorrido este entenderanse denegadas.

2. A solicitude, alomenos, especificará:

a) O nome e documento nacional de identidade da persoa peticionaria (ou, se é o caso, da institución á que representa) e maila relación nominal, os docu

mentos nacionais de identidade e a cualificación dos membros do equipo encargado da recolleita.

b) O obxectivo ou a razón da acción.

c) As especies a que se refira e o número máximo de exemplares que se van recoller e tratar, agás no caso de invertebrados.

d) Os medios, sistemas ou métodos que se van empregar.

e) As condicións de risco e as circunstancias de tempo e lugar.

f) Os sistemas de control que se exercerán.

3. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, comunicaralle ó Ministerio de Medio Ambiente, para efectos da súa posterior notificación á Comisión da Unión Europea, as autorizacións acordadas segundo o previsto neste artigo, sempre que afecten especies de interese comunitario.

Artigo 55.-Taxidermia e herborización.

1. Prohíbese a disecación ou calquera outra clase de conservación de animais pertencentes ás especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas. Excepcionalmente a Consellería de Medio Ambiente poderá autorizar, con fins científicos ou educativos, a disecación destes exemplares. Así mesmo requirirase autorización para a exhibición pública dos exemplares disecados.

2. En todo caso, a disecación, a herborización ou calquera outra clase de conservación dos exemplares de especies incluídas no Rexistro de especies de interese galego, así como doutras especies incluídas no réxime xeral de protección, necesitarán autorización da Consellería de Medio Ambiente.

3. Créase o Rexistro de talleres taxidermistas, dependente da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, no que deberán inscribirse as persoas físicas e xurídicas que practiquen estas actividades.

Sección segunda

Da fauna silvestre

Artigo 56.-Introducción de especies.

Co fin de garanti-la conservación da diversidade xenética ou evita-la alteración de hábitats e equilibrios ecolóxicos, prohíbese con carácter xeral a introducción non autorizada no medio natural de animais de especies de fauna non autóctona no territorio de Galicia, excepto para aquelas especies obxecto de aproveitamento cinexético ou piscícola excluídas na disposición adicional segunda.

Artigo 57.-Autorizacións e control de poboacións.

A Consellería de Medio Ambiente poderá autoriza-la posesión, o comercio, o tráfico e a exhibición pública de especies non autóctonas, vivas ou mortas, comprendidas as crías, os ovos, as partes e os derivados delas, incluídas nos tratados e convenios internacionais ratificados por España ou en disposicións da Unión Europea.

As poboacións de especies silvestres poderán ser sometidas a medidas de control e mesmamente de erradicación cando afecten de maneira negativa as poboacións de especies autóctonas, especialmente as catalogadas, ou poidan compromete-la súa conservación.

Artigo 58.-Centros de recuperación de fauna.

1. A Consellería de Medio Ambiente establecerá centros de recuperación de fauna, que terán como finalidade o coidado e a recuperación dos exemplares de fauna silvestre autóctona que se encontren incapacitados, co obxecto de proceder á súa posterior devolución ó medio natural con posibilidade de supervivencia.

2. Sen prexuízo da cooperación e coordinación da Administración autonómica de Galicia coa Administración xeral do Estado na materia obxecto desta lei, a Consellería de Medio Ambiente promoverá a coordinación con centros de recuperación doutras comunidades autónomas ou estranxeiros.

3. Igualmente, poderá concertar con institucións públicas ou privadas a recuperación de exemplares de especies silvestres e o mantemento de exemplares irrecuperables.

Sección terceira

Da flora silvestre

Artigo 59.-Medidas de conservación.

A actuación da Xunta de Galicia en prol da preservación dos taxóns botánicos galegos basearase nos seguintes criterios:

a) Dar preferencia ás medidas de conservación e preservación das especies autóctonas nos seus hábitats naturais, aínda que poderán tomarse medidas complementarias fóra deles.

b) Conceder prioridade ás especies autóctonas ó propoñer medidas de fomento.

Artigo 60.-Bancos xenéticos.

A Consellería de Medio Ambiente poderá establece-los viveiros e bancos xenéticos que considere oportunos para a conservación da flora silvestre galega, asegurando o mantemento do seu acervo xenético, que poderán establecerse tanto dentro coma fóra dos seus hábitats.

A actividade destes centros deberase planificar de acordo coas necesidades de conservación das especies de flora silvestre, tanto in como ex situ.

Título III

Das infraccións e sancións

Capítulo I

Das infraccións

Artigo 61.-Natureza da responsabilidade e cualificación das infraccións.

1. Constitúen infraccións administrativas en materia de conservación da natureza as accións ou omisións que supoñan o incumprimento das obrigas establecidas nesta lei.

2. Para os efectos desta lei, as infraccións cualifícanse en leves, menos graves, graves e moi graves.

Artigo 62.-Infraccións leves.

Serán infraccións leves os incumprimentos dos requisitos, das obrigas ou das prohibicións establecidas nesta lei, sempre que non estean cualificadas como infraccións menos graves, graves ou moi graves.

Artigo 63.-Infraccións menos graves.

Serán infraccións menos graves:

1) A captura, posesión, disecación, destrucción, morte, deterioración, comercio, tráfico, exhibición ou naturalización non autorizados de especies de fauna silvestre non catalogadas e que non sexan susceptibles de aproveitamento.

2) O transporte dos animais silvestre con vulneración dos requisitos establecidos pola lexislación vixente.

3) Os danos ás especies de fauna silvestre, fóra das excepcións previstas nesta lei.

4) O mantemento de exemplares de fauna silvestre sen cumpri-las condicións adecuadas desde o punto de vista hixiénico-sanitario e conforme as súas necesidades etolóxicas.

5) A producción de ruídos innecesarios que alteren a tranquilidade habitual das especies de fauna catalogada.

6) O tránsito, a acampada e o acendemento de lume nos lugares expresamente prohibidos nos instrumentos de planificación dos espacios naturais protexidos.

7) O incumprimento das condicións impostas nas autorizacións e concesións administrativas a que se refire a lexislación ambiental ou a normativa dos instrumentos de ordenación do espacio natural protexido sen prexuízo da súa caducidade, revogación ou suspensión, cando exista risco ou dano para as especies silvestres ou para os valores que levaron á súa declaración como espacio.

8) A introducción non autorizada de especies de fauna silvestre.

9) A destrucción, deterioración, subtracción ou cambio de localización dos sinais vinculados ós espacios protexidos regulados por esta lei.

10) A instalación de carteis de propaganda ou outros elementos similares que rompan a harmonía da paisaxe ou desfiguren as perspectivas en espacios naturais ou no seu contorno, en contra do disposto nos instrumentos de ordenación/planificación ambiental previstos nesta lei.

11) O comportamento irrespectuoso que supoña risco para a conservación dos valores ambientais ou dificulte o seu gozo e utilización.

Artigo 64.-Infraccións graves.

Serán infraccións graves:

1) A destrucción, morte, deterioración, recolleita, comercio, captura ou exposición para o comercio ou a naturalización non autorizados de espécimes

protexidos, catalogados como vulnerables á alteración do seu hábitat, ou de interese especial ou expresamente identificados para estes efectos nos instrumentos de ordenación de espacios naturais, así como dos seus propágulos ou restos.

2) A destrucción ou degradación severa do hábitat de especies vulnerables ou de interese especial, en especial dos lugares de reproducción, invernada, repouso ou alimentación incluídos nos espacios naturais protexidos.

3) A execución de obras, implantación de infraestructuras básicas, usos ou actividades nas zonas suxeitas legalmente a algún tipo de limitación no seu destino ou uso conforme esta lei, sen a debida autorización administrativa ou sen a obtención dos informes previstos pola lexislación ambiental ou que incumpran as normas dos instrumentos de ordenación dos espacios naturais.

4) A obstrucción ou resistencia ó labor inspector ou vixiante dos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións de protección dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres regulados por esta lei.

5) O incumprimento das condicións impostas pola Consellería de Medio Ambiente nas autorizacións previstas nos artigos 51, 53 e 57 desta lei, cando existise risco ou dano para as especies, sen prexuízo da súa revogación ou suspensión de inmediato e da esixencia das indemnizacións que procedan.

6) A introducción non autorizada de especies de fauna silvestre nos espacios protexidos e fóra dos lugares expresamente autorizados.

7) O abandono ou depósito de residuos fóra dos lugares destinados para o efecto.

8) A circulación de vehículos de motor nas zonas reguladas por esta lei, agás que se conte con autorización administrativa.

Artigo 65.-Infraccións moi graves.

Serán infraccións moi graves:

1) A utilización cando estivese prohibida de productos químicos, a realización de verteduras ou o derrame de residuos que alteren as condicións de habitabilidade dos espacios naturais protexidos da rede galega con dano para os valores e as especies que motivaron a súa declaración.

2) A destrucción, morte, deterioración, recolleita, comercio, captura ou exposición ou naturalización non autorizados de espécimes, catalogados como en perigo de extinción ou sensibles á alteración do seu hábitat, así como dos seus propágulos ou restos.

3) A destrucción do hábitat de especies catalogadas en perigo de extinción ou sensibles á alteración do seu hábitat, que se encontren incluídos nos espacios naturais protexidos, en particular os seus lugares de reproducción, invernada, repouso ou alimentación.

Artigo 66.-Circunstancias para a graduación das sancións.

1. Serán circunstancias que haberá que ter en conta para a graduación das sancións que se poidan impoñer polas distintas clases de infraccións:

a) A existencia de intencionalidade.

b) A natureza e irreversibilidade dos prexuízos.

c) A reincidencia pola comisión nun prazo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme.

d) A agrupación ou organización para comete-la infracción.

e) O beneficio económico perseguido.

2. Se un só feito constitúe dúas ou máis infraccións administrativas das previstas nesta lei, impoñerase a sanción que corresponda á de maior gravidade.

3. A reincidencia en infraccións da mesma categoría nun prazo inferior ó da súa prescrición equipararase coa comisión dunha infracción da categoría inmediatamente superior.

Artigo 67.-Suxeitos responsables.

1. Para os efectos desta lei terán a consideración de responsables das infraccións previstas nela:

1) Os autores materiais das actuacións infractoras ou, se é o caso, as empresas ou entidades das que dependen.

2) Os técnicos ou profesionais que contribúan dolosamente á comisión dunha infracción.

3) Cando se trate de actuacións amparadas por autorizacións ou licencias manifestamente ilegais, considérase tamén responsables:

a) Os funcionarios ou empregados de calquera administración pública que emitan informe favorable sobre o outorgamento do correspondente título, que serán sancionados por falta grave en vía disciplinaria, logo do correspondente expediente.

b) As autoridades e os membros de órganos colexiados de calquera corporación ou entidade pública que resolvan ou voten a favor do outorgamento do título, desoíndo informes preceptivos e unánimes nos que se advirta expresamente da ilegalidade, ou cando non se solicitasen os ditos informes. A sanción será de multa na contía que corresponda en cada caso por aplicación dos criterios desta lei.

2. Cando concorran diversas persoas na comisión dunha mesma infracción, as sancións impoñeranse con carácter solidario, a non ser que a actuación de cada unha delas poida dar lugar a unha infracción separada, e neste caso impoñeranse sancións independentes.

Artigo 68.-Prescrición.

1. As infraccións previstas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos, contados desde a total consumación do feito:

a) As infraccións moi graves ós catro anos.

b) As infraccións graves ó cabo de dous anos.

c) As infraccións menos graves ó ano.

d) As infraccións leves ós seis meses.

2. A obriga de restaura-lo medio natural ó estado anterior á comisión da infracción non prescribe.

Capítulo II

Das sancións

Artigo 69.-Sancións.

1. As infraccións tipificadas nesta lei sancionaranse coas seguintes multas:

a) Infraccións leves: multa de 10.000 a 100.000 pesetas.

b) Infraccións menos graves: multa de 100.001 a 1.000.000 de pesetas.

c) Infraccións graves: multa de 1.000.001 a 10.000.000 de pesetas.

d) Infraccións moi graves: multa de 10.000.001 a 50.000.000 de pesetas.

2. A infracción poderá levar parella unha indemnización, que será como mínimo equivalente ó valor do beneficio económico conseguido pola persoa infractora, independentemente da cualificación da infracción ou de que a contía poida supera-la cantidade máxima prevista para as infraccións moi graves.

3. A imposición da multa poderá comporta-lo comiso do obxecto da infracción e o das artes de captura ou morte e dos instrumentos con que se realizase.

Igualmente poderá comporta-lo pechamento de locais, establecementos ou instalacións cando se incorra en infraccións graves ou moi graves.

4. Quen cace ou pesque especies catalogadas non susceptibles de aproveitamento cinexético ou piscícola será sancionado ademais con inhabilitación para cazar ou pescar por un período de tres a oito anos.

5. Tanto o importe das multas coma o das responsabilidades administrativas poderán ser esixidos pola vía administrativa de constrinximento.

Artigo 70.-Responsabilidade civil.

1. Sen prexuízo da sanción que en cada caso proceda, a persoa infractora deberá repara-lo dano causado. A reparación e reposición dos bens terá como finalidade a restauración do medio natural ó ser e estado previos ó feito de producirse a agresión, sempre que iso sexa posible. O órgano competente para impoñe-la sanción tamén o será para esixi-la restauración.

2. Se a persoa infractora non procedese a repara-lo dano causado no prazo que se lle sinale, a autoridade sancionadora procederá á imposición de multas coercitivas reiteradas por lapsos de tempo suficientes para cumpri-lo ordenado; a súa contía non poderá supera-lo 20% da multa fixada para a infracción cometida.

3. A persoa responsable da infracción deberá indemnizar dos danos e perdas ocasionados logo da tramitación do correspondente expediente e con audiencia da persoa interesada. A valoración destes faraa a Consellería de Medio Ambiente.

4. A utilización dos recursos xerados polas sancións que impoña a administración deberanse destinar integramente a accións destinadas á conservación dos espacios naturais protexidos e da flora e fauna silvestres.

Capítulo III

Do procedemento sancionador

Artigo 71.-Tramitación.

1. A tramitación do expediente sancionador, no cal, en todo caso, se lle dará audiencia á persoa interesada, rexerase polo disposto no título IX da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na súa normativa de desenvolvemento.

2. A incoación dos correspondentes expedientes sancionadores correspóndelle ó delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 72.-Competencia sancionadora.

A competencia para a imposición das sancións a que se refire esta lei corresponderalle:

1) No suposto de infraccións leves e menos graves, ó delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente.

2) No suposto de infraccións graves, ó director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

3) No suposto de infraccións moi graves, ó conselleiro de Medio Ambiente.

Artigo 73.-Ilícito penal.

Cando a xuízo da administración as infraccións puidesen ser constitutivas de delicto ou falta, o órgano administrativo daralle traslado ó órgano xurisdiccional competente e absterase de prosegui-lo procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non se pronunciase. A sanción da autoridade xudicial excluirá a imposición de multa administrativa. De non se estima-la existencia de delicto ou falta a administración poderá continua-lo expediente sancionador con base se é o caso nos feitos que a xurisdicción competente considerase probados.

Artigo 74.-Da prescrición das sancións.

1. As sancións previstas nesta lei prescribirán: ós dous anos as impostas por infraccións leves e menos graves, e ós catro anos as impostas por infraccións graves e moi graves.

2. O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impoña a sanción.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución.

Disposicións adicionais

Primeira.-Confirmación.

Os espacios naturais protexidos xa declarados con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán o réxime das súas declaracións respectivas no que

non se contradiga co disposto nela, beneficiándose do rango normativo que a lei lles outorga.

Segunda.-Ámbito.

Agás indicación expresa en contra, as previsións contidas no título II desta lei non lles serán aplicables ós animais domésticos ou salvaxes en catividade ou abandonados, de acordo co establecido na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade; ós animais criados para o aproveitamento das súas produccións ou con fins de experimentación científica por organismos acreditados coa debida autorización, así como á regulación dos aproveitamentos das especies cinexéticas, piscícolas ou calquera outra obxecto de regulación específica, incluíndo aqueles exemplares de especies obxecto de cultivo agrícola ou aproveitamento forestal, que serán reguladas pola súa propia normativa.

Terceira.-Inspección ambiental.

1. A inspección, a vixilancia e o control da materia obxecto desta lei corresponderanlle á Consellería de Medio Ambiente, a cal promoverá os mecanismos de control necesarios cos demais órganos da Administración autonómica de Galicia e o resto das administracións públicas.

2. No exercicio das súas funcións, os axentes forestais e os demais corpos de inspección, vixilancia e control da Consellería de Medio Ambiente terán a consideración de axentes da autoridade, sempre que realicen funcións de inspección e control en cumprimento desta lei e acrediten a súa condición mediante a correspondente documentación.

Cuarta.-Competencias doutros órganos e administracións.

As autorizacións a que se refire este lei outorgaranse, se é o caso, sen prexuízo das que lles correspondan a outros organismos ou administracións no exercicio das súas propias competencias.

Quinta.-Actualización de multas.

A Xunta de Galicia poderá actualiza-la contía das multas para adecualas ás variacións do custo da vida, de acordo co índice xeral de prezos ó consumo.

Sexta.-Duración máxima do procedemento.

Para os efectos previstos no artigo 42.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo de aplicación ós procedementos administrativos regulados nesta lei será o de tres anos, coa excepción do procedemento sancionador, que se aterá ó disposto na dita Lei 30/1992 e no regulamento que a desenvolve.

Sétima.-Descualificación dos espacios naturais protexidos.

1. Un espacio natural protexido ou unha zona del só poderá ser descualificada, coa conseguinte exclusión da rede, en virtude dunha norma de igual ou superior rango ó da súa declaración, e de acordo co procedemento previsto para esta.

2. A descualificación só poderá realizarse se desaparecesen as causas que motivaron a protección e estas non fosen susceptibles de recuperación ou restauración, e sempre que a desaparición daquelas non estivese motivada por unha alteración intencionada.

3. En todo caso, non poderá procederse á descualificación e posterior exclusión da rede dun espacio natural protexido que fose afectado por un incendio forestal. Serán nulos de pleno dereito os actos administrativos de descualificación e exclusión que fosen en contra deste precepto.

Oitava.-Compatibilidade coa declaración de ben de interese cultural.

1. A declaración de espacio natural protexido será compatible coa declaración de ben de interese cultural.

2. Nestes supostos, a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Cultura establecerán os medios de coordinación necesarios para conseguir unha adecuada planificación e financiamento.

Novena.-Colaboración entre os corpos de inspección.

Co obxecto de acadar unha protección integral de patrimonio cultural e do medio ambiente, establecerase a colaboración e cooperación entre os distintos corpos de inspección nesta materia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Recualificación e adaptación.

1. Para os efectos da debida coordinación en canto á aplicación da normativa básica, denominación e homologación internacional se é o caso, a Consellería de Medio Ambiente procederá no prazo dun ano a recualifica-los espacios naturais protexidos que se declarasen con anterioridade á data de entrada en vigor desta lei e que se correspondan coas figuras reguladas naquela lexislación e nesta lei.

2. A Consellería de Medio Ambiente propoñerá ou dictará as normas oportunas para adapta-lo réxime dos espacios naturais protexidos xa declarados ó disposto nesta lei.

Segunda.-Publicación do catálogo.

No prazo de dous anos, a partir da entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia publicará o Catálogo galego de especies ameazadas da flora e fauna silvestres de conformidade co que determinan os artigos 48 e 49 dela.

Terceira.-Irretroactividade.

As infraccións e sancións rexeranse en canto ó seu procedemento e ós prazos de prescrición pola lexislación aplicable no momento en que se cometeu a infracción, sen prexuízo da retroactividade da disposición máis favorable para a persoa infractora.

Disposición derrogatoria

Única.-Cláusula de derrogación.

Quedan derrogadas ou sen aplicación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación.

Autorízase o Consello da Xunta para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de agosto de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente