Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 28 de setembro de 2001 Páx. 12.838

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Constitución no seu artigo 36 recoñece a existencia de colexios profesionais, remitindo á lei a regulación das peculiaridades do seu réxime xurídico e establecendo a premisa do carácter democrático da súa estructura interna e réxime de funcionamento.

O recoñecemento constitucional que diferencia os colexios profesionais ten reflexo na xurisprudencia do Tribunal Constitucional, xurisprudencia que vén sinala-la liberdade do lexislador, dentro dos límites constitucionais e da natureza e fins dos colexios, para optar por unha configuración determinada, non habendo contido esencial que preservar, salvo as propias esixencias de actuación e funcionamento democráticos (STC 89/1989, do 11 de maio, e STC 83/1984).

O propio Tribunal Constitucional, na súa Sentencia 76/1983, do 5 de agosto de 1983, declarou que «correspóndelle á lexislación estatal fixa-los principios e regras básicas ós que axustarán a súa organización e competencias as corporacións de dereito público representativas de intereses profesionais».

A Lei 12/1983, do 14 de outubro, do proceso autonómico, sinala no seu artigo 15.2: «As corporacións de dereito público representativas de intereses profesionais que existan ou se constitúan no territorio de cada Comunidade Autónoma axustarán a súa organización e competencias ós principios e regras básicas establecidas na lexislación do Estado, para as ditas entidades, sen prexuízo de calquera outra competencia que poida atribuírlles ou delegárlle-la Administración autonómica».

Neste marco competencial debe encadrarse o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que dispón: «No marco do presente Estatuto correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas seguintes materias: confrarías de pescadores, cámaras da propiedade, agrarias, de comercio, industria e navegación e outras de natureza equivalente, sen prexuízo do que dispón o artigo 149 da Constitución».

Pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transferíronse, no seu artigo 5, competencias de desenvolvemento lexislativo e execución, no marco da lexislación básica do Estado, en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

Polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais, traspásanselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións que realiza a Administración do Estado en relación cos colexios oficiais e profesionais con ámbito territorial exclusivamente compartido dentro do territorio propio da Comunidade, reservando para si o Estado o establecemento das bases de réxime xurídico dos colexios oficiais ou profesionais.

A lexislación estatal está composta pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, modificada pola Lei 74/1978, do 26 de decembro, e principalmente pola Lei 7/1997, do 14 de abril, lei esta última que na súa disposición adicional regula, ó abeiro das cláusulas 1ªe 18ª do artigo 149.1 da Constitución, os preceptos da Lei 2/1974 que teñen carácter básico. A última modificación produciuse recentemente co Real decreto lei 6/2000, do 23 de xuño, de medidas urxentes de intensificación da competencia en mercados de bens e servicios.

Esta lei, que se dicta en desenvolvemento das bases contidas na lexislación do Estado, busca elimina-las dificultades que presenta o carácter preconstitucional da lexislación do 74, a pesar das súas modificacións, así como reforza-las funcións públicas dos colexios profesionais, preve-los instrumentos de colaboración entre a Xunta de Galicia e os colexios e consellos galegos e adapta-las previsións da lexislación estatal á actualidade da nosa Comunidade Autónoma.

Esta lei consta de 33 artigos, divididos en cinco capítulos, nos que sen prexuízo da determinación do réxime legal dos colexios profesionais se atende especialmente ó respecto á súa autonomía de funcionamento.

O capítulo I, relativo ó ámbito de aplicación e ó exercicio das profesións, recolle as competencias da Comunidade Autónoma.

O capítulo II regula en detalle aspectos parcamente regulados na lexislación estatal, como o exercicio das competencias administrativas, as súas funcións ou relacións coa administración, recollendo así mesmo os criterios manifestados pola xurisprudencia en cuestións como a apreciación do interese público para a creación dos colexios, a posible extensión destes ás actividades profesionais ou o alcance da intervención da administración na aprobación dos estatutos dos colexios.

O capítulo III regula os consellos galegos de colexios profesionais, avanzando na regulación que deles se fixera xa polo Decreto 161/1997, do 5 de xuño.

O capítulo IV recolle unha serie de disposicións comúns ós colexios profesionais e consellos galegos, completando a concisa regulación estatal en materia de réxime xurídico, recursos e medios instrumentais.

O capítulo V dedícalle o seu único artigo, o 33, ó rexistro de colexios e consellos galegos de colexios profesionais, xa creado polo citado Decreto 161/1997, do 5 de xuño.

Por último, as disposicións adicionais, transitoria e derradeiras diríxense a permiti-la progresiva adaptación dos colexios ás disposicións da lei.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1993, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo I

Disposicións xerais

Sección 1ª

Ámbito de aplicación. Exercicio das profesións

Artigo 1.-Ámbito de aplicación.

Esta lei élles aplicable ós colexios profesionais que desenvolvan a súa actividade exclusivamente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que se rexen, no marco da lexislación básica estatal, por esta lei e as súas normas de desenvolvemento, polas súas leis de creación e polos seus estatutos e regulamentos de réxime interior.

Artigo 2.-Exercicio das profesións.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito da súa competencia, garante o exercicio das profesións colexiadas de conformidade co disposto nas leis. Enténdese por profesión colexiada aquela na que se require a colexiación para o seu exercicio.

2. O exercicio das profesións colexiadas realizarase en réxime de libre competencia e estará suxeito, en canto á oferta de servicios e á fixación da súa remuneración, á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre a competencia desleal. Os demais aspectos do exercicio profesional continuarán rexéndose pola lexislación xeral e específica sobre a ordenación substantiva propia de cada profesión aplicable.

3. É requisito indispensable para o exercicio das profesións colexiadas estar incorporado ó colexio correspondente. Cando unha profesión se organice por colexios territoriais, bastará a incorporación a un só deles, que será o do domicilio profesional único ou principal, sen que poidan esixi-los colexios nos que no seu ámbito territorial non radique o dito domicilio habilitación ningunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que esixan habitualmente ós seus colexiados pola prestación dos servicios dos que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial. O anterior enténdese sen prexuízo de que os estatutos xerais ou, se é o caso, os autonómicos poidan establece-la obriga dos profesionais que exerzan nun territorio diferente ó de colexiación de comunicarlles ós colexios distintos ós da súa inscrición a actuación no seu ámbito territorial.

4. Toda persoa que posúa a titulación adecuada e reúna os requisitos establecidos polos correspondentes estatutos terá dereito a ser admitida no colexio profesional correspondente.

Artigo 3.-Profesionais ó servicio da administración.

Os profesionais titulados vinculados coa administración pública mediante relación de servicios de carácter administrativo ou laboral non precisarán estar colexiados para o exercicio de funcións puramente administrativas nin para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da administración á que pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa administración. Si será obrigatoria, en consecuencia, a colexiación para o exercicio da actividade privada.

Capítulo II

Dos colexios profesionais

Sección 1ª

Natureza. Réxime de funcionamento.

Exercicio de competencias administrativas

Artigo 4.-Natureza xurídica.

Os colexios profesionais e os consellos galegos de colexios son corporacións de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 5.-Estructura interna e réxime de funcionamento.

A estructura interna e o funcionamento dos colexios profesionais e dos consellos galegos de colexios deberán ser democráticos.

Artigo 6.-Relacións coa Administración autonómica.

Os colexios profesionais, nas cuestións relativas ós aspectos institucionais e corporativos considerados nesta lei, relacionaranse coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, e nas cuestións referentes ó contido de cada profesión, a través da consellería ou consellerías competentes ó respecto.

Artigo 7.-Exercicio de competencias e colaboración coa administración.

1. Os colexios profesionais exercerán, ademais das súas funcións propias, as funcións administrativas que lles atribúa a lexislación estatal e autonómica e as competencias administrativas que lles delegue o correspondente órgano da administración. O acto de delegación deberá estar autorizado mediante unha disposición legal ou regulamentaria.

2. A Comunidade Autónoma de Galicia poderalles encomendar ós colexios profesionais, a través do correspondente convenio, a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servicios da súa propia competencia, segundo os termos do artigo 15 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das

administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia poderá subscribir convenios de colaboración cos colexios profesionais para a realización de actividades de interese común e para a promoción de actuacións orientadas á defensa do interese público e, en especial, dos usuarios dos servicios profesionais dos colexiados.

Sección 2ª

Fins e funcións

Artigo 8.-Fins.

1. Os colexios profesionais regulados por esta lei terán como fins esenciais a ordenación do exercicio das profesións dentro do marco legal respectivo, a representación delas e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados.

Ademais, terán os seguintes fins:

a) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio das correspondentes profesións.

b) Logra-la constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, promovendo a formación e o perfeccionamento deles.

c) Cooperar na mellora dos estudios conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio das correspondentes profesións.

d) Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

2. O disposto no apartado anterior enténdese sen prexuízo da competencia da administración pública por razón da relación funcionarial.

Artigo 9.-Funcións.

Para o cumprimento dos seus fins, os colexios profesionais exercerán as funcións encomendadas na lexislación básica do Estado, e como propias as seguintes:

a) Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión.

b) Ordenar no marco da súa competencia a actividade dos seus colexiados, velando pola ética e dignidade profesional deles así como conciliando os seus intereses co interese social e cos dereitos dos cidadáns.

c) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os profesionais colexiados, nos termos previstos nesta lei e nos seus propios estatutos.

d) Exercita-las accións legais e adopta-las medidas necesarias para evita-lo intrusismo profesional e a competencia desleal.

e) Establece-los baremos de honorarios, que terán carácter meramente orientativo.

f) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, cando o colexiado o solicite libre e expresamente, nos casos nos que o colexio profesional teña creados os servicios adecuados e nas condicións que se determinen nos estatutos de cada colexio.

g) Establecer e esixi-las achegas económicas dos colexiados.

h) Elaborar e aproba-los seus orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as súas contas e liquidacións orzamentarias.

i) Visa-los traballos profesionais dos colexiados cando así se estableza expresamente nos estatutos. O visado non comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, que se determinarán por libre acordo das partes.

j) Organizar actividades dirixidas á formación e ó perfeccionamento profesional dos colexiados.

k) Participar de forma activa coas entidades de formación dos futuros titulados na mellora dos plans de estudio e na preparación destes.

l) Organizar actividades e servicios comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos que sexan de interese para os colexiados, así como de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas por eles no exercicio da súa profesión.

m) Intervir como mediador nos conflictos profesionais que xurdan entre os colexiados.

n) Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais, así como cos consellos galegos de colexios.

o) Emitir informe sobre aqueles proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten os profesionais que agrupen ou se refiran ós fins ou funcións a eles encomendados.

p) Participar nos órganos consultivos da Administración de Galicia cando esta o requira ou así se estableza na normativa vixente e designar representantes en calquera xulgado ou tribunal nos que se esixan coñecementos relativos a materias específicas, sempre que sexan requiridos para iso nos termos establecidos na Lei de axuizamento civil.

q) Emitir informes e dictames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos nos que se susciten cuestións que afecten materias da competencia profesional.

r) Colaborar coas administracións públicas en materia das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes.

s) Garanti-la prestación da función polos profesionais colexiados.

t) Actuar como árbitro nos conflictos entre os colexiados e terceiros, cando así o soliciten ámbalas partes.

u) Cantas outras funcións repercutan en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados e se encamiñen ó cumprimento dos fins colexiais.

Artigo 10.-Deontoloxía profesional.

1. Os profesionais integrados nos colexios profesionais respectivos deben ter como guía da súa actuación o servicio á comunidade e o cumprimento das obrigas deontolóxicas propias da profesión.

2. Constituirá conducta sancionable o incumprimento das normas deontolóxicas da profesión respectiva. Os colexiados non poderán ser sancionados por accións ou omisións que non estean tipificadas como faltas nos correspondentes estatutos. A imposición de sancións requirirá a previa instrucción dun procedemento disciplinario, rexéndose a tramitación deste polo disposto nos estatutos.

Sección 3ª

Creación

Artigo 11.-Constitución.

1. No ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a creación de colexios profesionais farase por lei do Parlamento galego.

2. Cando o exercicio da iniciativa lexislativa sexa do Consello da Xunta de Galicia, o correspondente anteproxecto de lei de creación farase por petición dos profesionais interesados e logo da apreciación por parte do Goberno autonómico do interese público concorrente na creación do colexio.

3. Unicamente poderá crearse un novo colexio profesional respecto daquelas profesións para o exercicio das que se esixa estar en posesión dun título académico oficial, e tamén respecto daquelas actividades profesionais nas que o seu exercicio estea condicionado á posesión dun título oficial que acredite a cualificación e habilite legalmente para o seu exercicio.

4. O ámbito territorial mínimo dos colexios de nova creación será a provincia.

5. Non se poderá constituír máis dun colexio profesional de idéntica profesión dentro dun mesmo ámbito territorial.

Artigo 12.-Personalidade xurídica.

Os colexios profesionais terán personalidade xurídica desde o momento no que entre en vigor a súa lei de creación e capacidade de obrar desde o momento no que se constitúan os seus órganos de goberno.

Artigo 13.-Denominación.

1. A denominación dos colexios profesionais deberá responder á titulación oficial requirida para a incorporación dos seus compoñentes ou á profesión que desempeñen ou poidan desempeñar.

2. A denominación dos colexios profesionais non poderá coincidir nin ser similar á doutros colexios existentes ou susceptible de inducir a erro en canto

a quen sexan os profesionais integrados nese colexio profesional.

3. O cambio de denominación dun colexio profesional será por iniciativa do propio colexio, da Administración autonómica ou do consello galego respectivo, e deberá ser obxecto de informe polos colexios e consellos galegos que non exercitasen a iniciativa e polos que puidesen resultar afectados polo novo nome. A súa aprobación realizarase por medio de decreto do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 14.-Fusión.

1. A constitución dun novo colexio profesional por fusión de dous ou máis colexios ata entón correspondentes a distintas profesións ou actividades profesionais aprobarase por lei da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta dos colexios afectados, de acordo co establecido nos seus respectivos estatutos, logo do informe dos consellos galegos respectivos se estivesen constituídos.

2. A constitución dun novo colexio profesional pola fusión de dous ou máis deles da mesma profesión ou actividade profesional, sempre que non excedan o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, será acordada polos colexios profesionais afectados, de acordo co establecido nos seus respectivos estatutos, e aprobarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo do informe, se é o caso, do consello galego de colexios respectivo.

Artigo 15.-Segregación.

1. A segregación dun colexio doutro ou doutros no que se esixa, para o seu ingreso, a partir dese momento, titulación diferente á do colexio de orixe realizarase mediante lei, seguíndose os mesmos trámites que para a súa creación.

2. A modificación do ámbito territorial dos colexios profesionais por segregación requirirá o correspondente acordo do colexio afectado, de conformidade co establecido nos seus respectivos estatutos, e deberá ser aprobada por decreto, logo do informe do correspondente consello de colexios, se existise.

Sección 4ª

Estatutos

Artigo 16.-Elaboración e aprobación.

Os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración e aprobación dos seus estatutos, sen máis límites cós establecidos polo ordenamento xurídico. Os estatutos deberán asegurar que a estructura interna e o funcionamento dos colexios sexan democráticos.

Artigo 17.-Contido.

Os estatutos dos colexios profesionais conterán, ademais das determinacións esixibles pola lexislación básica do Estado, as seguintes:

a) Denominación, domicilio, sede e, se é o caso, delegacións, así como ámbito territorial do colexio profesional.

b) Requisitos para a admisión no colexio e causas de denegación, debendo constar en todo caso a titulación oficial esixida.

c) Causas de suspensión ou perda da condición de colexiado.

d) Dereitos e deberes dos colexiados.

e) Denominación, composición e forma de elección dos seus órganos de goberno, así como requisitos para formar parte deles.

f) Procedemento para a remoción dos órganos de goberno por medio da moción de censura efectuada pola asemblea ou xunta xeral.

g) Competencias e réxime de funcionamento da asemblea ou xunta xeral e dos demais órganos de goberno, tendo en conta os supostos nos que poidan producirse vacantes en máis da metade dos seus membros, e forma de adoptar acordos.

h) Réxime económico-financeiro.

i) Réxime de distincións e premios.

j) Réxime disciplinario, con tipificación das infraccións e sancións nas que poidan incorre-los colexiados, así como procedemento sancionador.

k) Réxime xurídico dos actos dos colexios e recursos contra eles nos termos previstos no artigo 31.

l) Supostos e procedementos para instar á disolución do colexio e réxime de liquidación.

Artigo 18.-Deber de inscrición e comunicación.

1. Os colexios profesionais comunicaranlle á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, e inscrición no rexistro de colexios.

A aprobación definitiva deberá producirse no prazo máximo de seis meses; transcorrido o citado prazo sen declaración expresa, esta entenderase de carácter favorable. A resolución de carácter desfavorable, que deberá ser motivada, determinará a devolución dos estatutos.

Aprobados os estatutos, publicaranse no Diario Oficial de Galicia mediante orde da consellería competente en materia de colexios profesionais.

Cando se trate de colexios profesionais únicos co ámbito territorial da Comunidade Autónoma, a aprobación definitiva será competencia do Consello da Xunta de Galicia, publicándose no Diario Oficial de Galicia o decreto aprobatorio e os correspondentes estatutos e as súas modificacións.

2. Unha vez elixidos os membros dos órganos de goberno, comunicaráselle-la súa composición á consellería competente en materia de colexios profesionais e á consellería ou consellerías competentes por razón da profesión.

3. Os colexios profesionais comunicaranlle ó consello galego de colexios respectivo a composición dos seus órganos de goberno.

Sección 5ª

Organización

Artigo 19.-Organización mínima.

1. Son órganos esenciais da estructura colexial:

a) O órgano plenario.

b) O órgano de goberno.

c) O órgano presidencial.

2. Os estatutos poderán crear outros órganos xerarquicamente dependentes dos anteriores.

Artigo 20.-Órgano plenario.

1. A asemblea ou xunta xeral, integrada por tódolos colexiados, é o órgano soberano de decisión dos colexios profesionais.

2. A convocatoria, constitución, funcionamento e competencias das asembleas ou xuntas xerais determinaranse estatutariamente. Deberase realizar, cando menos, unha asemblea ou xunta xeral ó ano.

En todo caso, son competencias exclusivas do órgano plenario as seguintes:

a) A aprobación e a reforma dos estatutos e das normas deontolóxicas colexiais.

b) A elección do órgano de goberno e do seu presidente, e a remoción deles por medio da moción de censura.

c) A aprobación dos orzamentos e das contas do colexio.

d) A aprobación da xestión do órgano de goberno e do seu presidente.

Artigo 21.-Órgano de goberno.

1. A dirección e administración do colexio corresponderalle ó órgano de goberno e a súa denominación determinarase nos estatutos.

2. O órgano de goberno será sempre colexiado e estará composto, cando menos, polos seguintes membros:

a) O presidente, que terá a representación legal do colexio profesional, ademais das funcións que lle encomenden os estatutos, poderá tamén recibi-la denominación de decano ou calquera outra que lle outorguen os estatutos.

b) O secretario, que terá o carácter de fedatario dos actos e acordos do colexio.

c) Os vocais, en número necesario para o desenvolvemento das actividades que teña atribuídas o colexio correspondente e en función do número de colexiados adscritos a el.

3. A elección dos membros do órgano de goberno dos colexios profesionais farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto. O voto poderase exercitar persoalmente ou por correo.

4. As normas sobre elección dos membros do órgano de goberno, a convocatoria de reunións, a composición e o funcionamento, o réxime de acordos e as súas competencias determinaranse nos respectivos estatutos, sen prexuízo da lexislación básica do Estado e desta lei.

Artigo 22.-Órgano presidencial.

1. O órgano presidencial terá a denominación que teña recollida nos estatutos, ten a representación do colexio, executa os acordos do órgano de goberno e exerce cantas facultades e funcións lle confiren os estatutos e a normativa vixente.

2. Corresponde a presidencia do órgano de goberno a quen lle corresponda a titularidade do órgano presidencial, salvo que os estatutos dispoñan outra cousa.

Capítulo III

Consellos galegos de colexios profesionais

Sección 1ª

Constitución e natureza

Artigo 23.-Constitución.

Os colexios profesionais dunha mesma profesión con ámbito territorial circunscrito ó da Comunidade Autónoma de Galicia poderán constituí-lo correspondente consello galego de colexios.

A creación esixirá o acordo favorable da maioría dos colexios afectados, sempre que estes representen a maioría dos colexiados da profesión en Galicia, e realizarase mediante decreto, que deberá así mesmo aproba-los correspondentes estatutos, de conformidade co sinalado no artigo 28.

O prazo para a tramitación do procedemento administrativo para a creación dun consello galego de colexios profesionais non poderá ser superior a seis meses.

Transcorrido o devandito prazo sen declaración expresa, entenderase de carácter favorable.

Artigo 24.-Natureza.

Os consellos galegos de colexios son corporacións de dereito público que adquirirán personalidade xurídica propia desde que entre en vigor o seu decreto de creación. A capacidade de obrar plena adquirirase desde a constitución dos seus órganos de goberno.

Sección 2ª

Fins e funcións

Artigo 25.-Fins.

Son fins dos consellos galegos de colexios profesionais os seguintes:

a) A coordinación dos colexios profesionais que os integren e a representación da profesión no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As relacións coas institucións e coa Administración autonómica, en especial co Goberno galego,

para facilita-la mutua colaboración para a mellor satisfacción dos intereses sociais e profesionais dos que teñen encomendada a súa defensa.

c) Todos aqueles que, de acordo coa lei, os seus estatutos xerais e regulamentos establezan.

Artigo 26.-Funcións.

Os consellos galegos de colexios terán, ademais das funcións que determinen os seus estatutos, as seguintes:

a) Elabora-los seus propios estatutos e emitir informe sobre os dos colexios da profesión ou actividade de ámbito territorial inferior.

b) Coordina-la actuación dos colexios que o integren.

c) Representa-la profesión no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e perante os correspondentes consellos xerais, cando así se permita nas súas normas reguladoras.

d) Resolve-los conflictos que poidan suscitarse entre os distintos colexios, sen prexuízo do ulterior recurso contencioso-administrativo.

e) Exerce-las funcións disciplinarias respecto dos membros dos órganos de goberno dos colexios que o integren e dos do propio consello.

f) Elabora-las normas deontolóxicas comúns á profesión.

g) Elabora-lo orzamento e fixa-la participación dos colexios nos gastos do consello.

h) Emitir informe sobre os proxectos de normas ós que se refire o artigo 9.o) desta lei.

i) Exercer aquelas funcións que lles poidan ser delegadas ou encomendadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e as que poidan ser obxecto dos correspondentes convenios de colaboración.

j) Realizar aquelas actividades que se consideren de interese para os profesionais e as demais funcións que lles atribúan a lexislación vixente e os seus estatutos.

Artigo 27.-Colexios profesionais únicos.

Os colexios profesionais únicos cun ámbito de actuación que coincida coa Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverán as funcións descritas no artigo anterior, en tanto manteñan a dita natureza.

Artigo 28.-Estatutos.

1. Os estatutos de cada consello deberán ser elaborados polos colexios profesionais que o vaian integrar e aprobados por acordo das xuntas de goberno, que deberá de ser ratificado polas xuntas xerais de cada colexio. Será necesario o acordo favorable da maioría dos colexios afectados, sempre que estes representen a maioría dos colexiados da profesión en Galicia.

2. Os estatutos determinarán os órganos de goberno, a forma de elección dos seus integrantes, o réxime de competencias e funcionamento de cada consello,

que en todo caso será democrático, así como as restantes funcións recollidas no artigo 9 desta lei que lles fosen aplicables a elas.

3. A súa aprobación efectuarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo da verificación da súa legalidade pola consellería competente en materia de colexios profesionais e do informe da consellería ou consellerías das que o ámbito competencial teña relación co contido da profesión.

4. O decreto aprobatorio e os correspondentes estatutos publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

5. A modificación dos estatutos esixirá o mesmo procedemento cá súa aprobación, correspondéndolle-la iniciativa, así mesmo, ós órganos de goberno de cada consello.

Sección 3ª

Extinción

Artigo 29.-Extinción.

A extinción dos consellos galegos de colexios terá lugar por iniciativa dos propios consellos ou da maioría dos colexios afectados que representen á súa vez a maioría dos colexiados da profesión, e de acordo co procedemento que se estableza nos estatutos do respectivo consello, e será aprobada mediante decreto, salvo que medien razóns de interese público que impidan tal aprobación.

Capítulo IV

Disposicións comúns a colexios e consellos

galegos de colexios profesionais

Artigo 30.-Réxime xurídico.

Os colexios profesionais e os consellos galegos de colexios profesionais, en canto corporacións de dereito público, están suxeitos ó dereito administrativo no relativo á constitución dos seus órganos e en canto exerciten funcións administrativas.

Artigo 31.-Recursos.

1. Contra os actos suxeitos ó dereito administrativo emanados do órgano de goberno dos colexios profesionais caberá recurso de alzada perante o correspondente consello galego dos colexios. En defecto de consello galego, nos casos de colexios únicos de ámbito autonómico e contra os actos administrativos dos órganos de goberno dos consellos galegos, caberá o recurso perante o consello xeral nacional soamente se así está previsto nos estatutos colexiais.

2. No suposto de actos e resolucións dictados en exercicio de competencias administrativas delegadas, haberá que aterse ós termos da propia delegación en canto ó órgano competente para coñecer se é o caso do recurso correspondente.

Artigo 32.-Medios instrumentais.

1. Cada colexio profesional e consello galego de colexios dispoñerá dos medios persoais e materiais que precise para o desenvolvemento da súa acti

vidade. Os medios persoais dos consellos galegos de colexios serán facilitados polos colexios, salvo que os estatutos dispuxesen outra cousa.

2. Cada colexio profesional e consello galego de colexios dispoñerá do seu propio orzamento, que terá un carácter meramente estimativo e comprenderá tódolos ingresos e gastos previstos para cada ano natural.

3. Os colexios profesionais e os consellos galegos de colexios deberán ser auditados, na forma na que determinen os seus estatutos, cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde ós organismos públicos legalmente habilitados para iso.

Capítulo V

Rexistro de colexios profesionais e de consellos galegos de colexios profesionais

Artigo 33.-Rexistro.

l. No rexistro de colexios profesionais e de consellos galegos de colexios profesionais inscribiranse, para os meros efectos de publicidade, os colexios profesionais e os consellos galegos de colexios incluídos no marco de aplicación desta lei, así como os seus estatutos.

2. Só poderá denegarse a inscrición no rexistro por razóns de legalidade, e sempre mediante resolución motivada do titular da consellería á que está adscrito o rexistro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Considéranse colexios profesionais de Galicia aqueles que teñan, á entrada en vigor desta lei, un ámbito territorial que non exceda da Comunidade Autónoma.

Segunda.

1. As delegacións galegas dos colexios profesionais de ámbito supraautonómico que dispoñan de órganos de goberno elixidos democraticamente poderán solicita-la súa inscrición no rexistro de colexios profesionais e de consellos de colexios de Galicia para os efectos de constancia e publicidade.

2. Unha vez inscritas, as delegacións galegas dos colexios profesionais de ámbito supraautonómico poderán manter coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia as relacións que procedan no que afecte os intereses profesionais.

Terceira.-Non se lles esixirá a previa incorporación ó colexio no suposto de libre prestación ocasional de servicios a aqueles nacionais dos estados membros da Unión Europea que estean previamente establecidos con carácter permanente en calquera dos mencionados estados, de acordo, en cada caso, co que dispoñan as normas comunitarias aplicables ás profesións afectadas, todo iso sen prexuízo da obriga de lle notifica-la súa actuación ó colexio correspondente mediante a achega da documentación

esixible segundo aquelas normas e nos termos que regulamentariamente se establezan.

Disposición transitoria

Os colexios profesionais galegos e os consellos galegos de colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela no prazo dun ano. O incumprimento desta obriga supoñerá singularmente a denegación das solicitudes de inscrición no rexistro de colexios profesionais e dos consellos galegos de colexios profesionais. Ademais, a administración poderá suspender tanto as delegacións de competencias coma a eficacia dos convenios subscritos ó abeiro do artigo 7 desta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para que desenvolva regulamentariamente esta lei.

Segunda.-Esta lei entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente