Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 02 de outubro de 2001 Páx. 12.988

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 227/2001, do 20 de setembro, polo que se acepta a cesión do dereito real de uso, a título gratuíto, á Comunidade Autónoma de Galicia do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, situado no termo municipal de Nogueira de Ramuín (Ourense).

O Bispado de Ourense acordou a cesión do dereito real de uso a título gratuíto e por tempo indefinido á Xunta de Galicia do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e os terreos que o circundan, para a realización de actividades culturais e turísticas da Xunta de Galicia, en virtude do Convenio Mixto

de Cooperación e Colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e o Bispado de Ourense de data 8 de agosto de 2000.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu Regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; aínda que non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos acordados co Bispado de Ourense no Convenio Mixto de Cooperación e Colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e o Bispado de Ourense de data 8 de agosto de 2000 logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión do dereito real de uso, a título gratuíto do inmoble que conforma o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, situado no termo municipal de Nogueira de Ramuín (Ourense).

Artigo 2º

O inmoble será destinado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo á instalación de servicios culturais e turísticos.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda