Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 09 de novembro de 2001 Páx. 14.468

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 29 de outubro de 2001 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu consello regulador.

Por Orde do 19 de setembro de 1996, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia recoñeceu a denominación específica Pataca de Galicia para as patacas de consumo producidas e envasadas en distintas comarcas da nosa Comunidade do xeito e condicións que determinase o seu regulamento particular, aprobándose este pola Orde do 24 de xuño de 1998 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

O Real decreto 1643/1999, do 22 de outubro, regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no Rexistro Comunitario das Denominacións de Orixe Protexidas e das Indicacións Xeográficas Protexidas. O artigo 5 deste real decreto prevé, en aplicación do artigo 5.5º do Regulamento (CEE) 2081/1992, a posibilidade da concesión dunha protección nacional transitoria a partir da data da transmisión da solicitude de rexistro á Comisión Europea, mediante a aprobación e publicación do regulamento da denominación, que deberá ser ratificado, para tal efecto, polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

En consecuencia, de acordo coas consideracións expostas e co disposto no artigo 30.1º.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo único.

Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu consello regulador que figura como anexo á presente disposición.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan á presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento do establecido na presente orde.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2001.

Juan Miguel Díz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO

Regulamento da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e do seu consello regulador

Capítulo I

Xeralidades

Artigo 1º

De acordo co disposto na Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcohois, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; no Real decreto 728/1988, do 8 de xullo, que establece a normativa á que deben axustarse as denominacións de orixe, específicas e xenéricas dos productos agroalimentarios non vínicos; no Regulamento (CEE) 2081/1992, do Consello, do 14 de xullo, relativo á protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos productos agrícolas e alimenticios; e na orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 25 de xaneiro de 1994, pola que se precisa a correspondencia entre a lexislación española e o Regulamento (CEE) 2081/1992 e no Real decreto 1643/1999, do 22 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no Rexistro Comunitario das Denominacións de Orixe Protexidas e das indicacións xeográficas protexidas; quedan protexidas coa indicación xeográfica

protexida Pataca de Galicia as patacas de consumo que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumprisen na súa producción, transporte, almacenamento e envasado tódolos requisitos esixidos nel e na lexislación vixente.

Para a aplicación da normativa anterior terase en conta o que establece o Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, de transferencia de servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de denominacións de orixe, viticultura e enoloxía.

Artigo 2º

1. A protección outorgada esténdese ó nome da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, tanto en galego como en castelán, aplicados á pataca de consumo.

2. Queda prohibida a utilización noutras patacas de consumo de nomes, marcas, termos, expresións ou signos que pola súa similitude fonética, gráfica ou semántica cos protexidos poidan inducir á confusión cos que son obxecto deste regulamento, aínda nos casos nos que vaian precedidos polas expresións «tipo», «estilo», «gusto», «sabor», «producido en», «envasado en», «orixe» ou outras análogas.

Artigo 3º

1. A defensa da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do cumprimento del, así como o fomento e control da calidade das patacas deste consumo amparadas, quedan encomendados ó consello regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de

Galicia, á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, e ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia aprobará o Manual de Calidade elaborado polo consello regulador en aplicación da Norma EN 45011: «Criterios xerais relativos ós organismos de certificación que realizan certificación de productos», e que será posto á disposición dos inscritos.

3. O consello regulador elevará á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia os acordos que afecten ós deberes e dereitos dos inscritos, para a súa aprobación.

Capítulo II

Da producción

Artigo 4º

1. A zona de producción da pataca de consumo protexida pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia estará constituída por aqueles terreos que cumpran os criterios que estean reflectidos por escrito no Manual de Calidade, e que se encontren nos termos municipais e parroquias que compoñen as subzonas seguintes:

a) Subzona de Bergantiños: abrangue os concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica e Ponteceso.

b) Subzona da Terra Chá-A Mariña: constituída polos concellos de Abadín, Alfoz, Barreiros, Cospeito, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Vilalba e Xermade.

c) Subzona de Lemos: formada polos concellos de Monforte de Lemos, Pantón e O Saviñao.

c) Subzona da Limia: constituída polos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Santos e Xinzo de Limia; e as parroquias de Coedo e Torneiros, do concello de Allariz; as de Atas, Cualedro, Lucenza, Vilela e A Xironda no concello de Cualedro; as de Bóveda, Padreda, Seiró e Vilar de Barrio pertencentes ó concello de Vilar de Barrio; e as da Abeleda, Bobadela a Pinta, A Graña e Sobradelo do concello de Xunqueira de Ambía.

2. A cualificación dos terreos, para efectos da súa inclusión na zona de producción, realizaraa o consello regulador, debendo quedar delimitados na correspondente documentación cartográfica.

Artigo 5º

Unicamente se poderán amparar, baixo a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, patacas de consumo da variedade Kennebec.

O consello regulador poderá propoñerlle á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a inclusión de novas variedades, se se consideran de interese e reúnen as características

de calidade requiridas, unha vez realizados os estudios pertinentes.

Artigo 6º

1. A producción dos tubérculos realizarase seguindo as prácticas de cultivo tradicionais, debendo se-lo máis esmerada posible para conseguir unha calidade óptima.

2. Respectaranse as seguintes normas:

a) Non se poderá cultivar patacas de consumo dous anos consecutivos na mesma parcela.

b) Non se permitirá o uso de pataca de semente de reemprego, procedente doutras zonas ou doutras explotacións.

c) O consello regulador recomendará prácticas de fertilización e tipo de fertilizantes que se vai utilizar, de xeito que se respecte o uso dos fertilizantes orgánicos como fertilización de fondo e que a relación C/N sexa equilibrada. Tamén poderá establecer recomendacións sobre tratamentos fitosanitarios.

d) O labor de aporcado será obrigatorio.

e) Só se poderá regar, como máximo, ata un mes antes de comeza-la recolección. Excepcionalmente, o consello regulador poderá modificar este prazo, sempre que as condicións climatolóxicas e de cultivo así o aconsellen.

3. Os tubérculos procedentes de parcelas nas que non se cumpran os requisitos anteriores e o establecido no artigo 16º, ou nas que as plantas non presenten un desenvolvemento vexetativo correcto e acorde coas súas características varietais, non poderán ser amparados pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

4. O consello regulador dictará normas concretas para cada campaña e fomentará a adopción de técnicas encamiñadas a mellora-la productividade e a calidade das patacas amparadas, logo da autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e sen contravi-la lexislación vixente.

Artigo 7º

1. As datas de recolección serán establecidas polo consello regulador para cada campaña, en cada unha das subzonas de producción.

2. A recolección realizarase co maior esmero, danando o menos posible os tubérculos e seleccionando para ser comercializados ó abeiro da indicación xeográfica aqueles que cumpran as condicións e requisitos establecidos neste regulamento.

3. Na recolección dos tubérculos evitarase en todo momento mesturar pataca procedente de parcelas inscritas nos rexistros do consello regulador, con outras que procedan de predios non inscritas, aínda que a variedade colleitada e/ou o propietario sexan os mesmos.

Artigo 8º

1. Os rendementos máximos admitidos son:

a) En secaño:

-Vintedous mil kg/ha de pataca para comercializar.

b) En regadío:

-Trinta e cinco mil kg/ha de pataca para comercializar.

2. Estes límites poderán ser modificados en determinadas campañas polo consello regulador, por iniciativa propia ou por petición en tempo e forma dos productores interesados, despois das oportunas comprobacións. No caso de que tal modificación se produza, non poderá superar en máis do 25% os límites establecidos.

3. As patacas procedentes de parcelas nas que os seus rendementos sexan superiores ó límite establecido non poderán ser amparadas pola indicación xeográfica, debendo adopta-lo consello regulador as medidas de control necesarias para asegura-lo cumprimento deste precepto.

Capítulo III

Da almacenaxe e envasado

Artigo 9º

A almacenaxe e envasado das patacas de consumo amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia deberán efectuarse en instalacións axeitadas, situadas dentro da zona de producción delimitada no artigo 4º deste regulamento, e inscritas nos correspondentes rexistros do consello regulador.

Artigo 10º

1. O transporte dos tubérculos susceptibles de seren protexidos pola indicación xeográfica, desde o productor ata o almacenista ou envasador, debe ser realizado en vehículos acondicionados para o efecto e dotados cun sistema de carga e descarga que minimice os danos, todo isto baixo a supervisión do consello regulador.

2. En ningún caso, se admitirá o transporte conxunto e no mesmo vehículo de patacas aptas para seren amparadas pola indicación xeográfica con outras que xa de partida non reúnan condicións para isto.

Artigo 11º

1. A almacenaxe das patacas realizarase nun local debidamente acondicionado, ben ventilado, fresco, sen humidade e en condicións de semiescuridade.

2. A almacenaxe poderá efectuarse directamente sobre a soleira do almacén, ata unha altura máxima de 3 metros se só existe ventilación convencional, ou de 3,5 metros no caso de ventilación forzada.

3. O consello regulador poderá dictar normas complementarias relacionadas coa almacenaxe, encamiñadas a favorece-la conservación dos tubérculos.

4. No mesmo local admitirase a almacenaxe de patacas aptas para seren amparadas pola indicación xeográfica con outras que non reúnan tal condición,

sempre que se realice independentemente, en diferentes zonas do almacén, delimitadas e identificadas previamente, co obxectivo de garantir e permitir en todo momento o seu estricto control por parte dos vedores do consello regulador.

Artigo 12º

1. O acondicionamento, manipulación e envasado das patacas de consumo amparadas pola indicación xeográfica, nos locais para o efecto, en ningún caso poderán ser simultáneos co doutras patacas non protexidas.

2. Previamente ó envasado é necesario realiza-la selección, de xeito que se cumpran as tolerancias especificadas no artigo 16º, para o cal se disporá dos medios técnicos e humanos para o efecto, todo isto baixo a supervisión do consello regulador.

Artigo 13º

En xeral, durante a producción, transporte, almacenaxe, manipulación, envasado e comercialización das patacas, respectarase a lexislación vixente e en particular as normas de almacenamento e de manipulación, ademais de todo o especificado no presente regulamento e nos acordos do consello regulador, co obxectivo de lograr e garanti-la máxima calidade.

Artigo 14º

1. A pataca de consumo amparada pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, deberá ser comercializada en envases novos, limpos e de material axeitado para favorecer unha correcta ventilación, conservación e transporte do producto, polo cal previamente deberán ser aprobados polo consello regulador.

2. Os envases autorizados polo consello serán os que permitan un contido neto de 15, 10, 5, 4, 3, 2 e 1 kg de tubérculos.

Excepcionalmente, logo de solicitude ó respecto, o consello regulador autorizará o uso do envase de 25 kg para o seu emprego con destino á restauración e hostalería.

3. O contido de cada envase debe ser homoxéneo canto a características e calibre, formando lotes canto á súa procedencia e envasado.

4. As patacas susceptibles de seren amparadas deberán ter un calibre acorde co establecido no artigo 15º.

O calibre virá dado pola lonxitude en milímetros do lado da retícula dunha malla cadrada, pola que de forma natural e máis axustada poidan pasa-los tubérculos.

Capítulo IV

Características da pataca

Artigo 15º

As características particulares e de calidade da pataca de consumo de variedade Kennebec certificada pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia deben se-las seguintes: sás, enteiras, de

aspecto normal, limpas, firmes e practicamente sen xermolar, sen manchas nin feridas, sen sarna, exentas de humidade exterior, así como de olores e sabores estraños.

Ó finaliza-lo envasado, as patacas presentarán, ademais, estas características:

-Formato dos tubérculos: de redondeada a oval.

-Calibre entre 40 e 80 mm.

-Presencia de ollos moi superficiais.

-Pel de aparencia lisa e fina, de cor amarela clara.

-Cor da carne: branca.

-Textura: firme e cremosa ó ser cocida, consistente na boca.

-Calidade para consumo: excelente, destacando polo seu contido en materia seca e por mante-las súas calidades de cor, aroma e sabor despois de ser cociñada.

-Contido en materia seca: superior ó 18%.

-Contido en azucres reductores: inferior ó 0,4%.

Artigo 16º

Para os tubérculos que non cumpran as características mínimas especificadas no artigo 15º deste regulamento, admitiranse as seguintes tolerancias de calidade e de calibre:

a) Tolerancia de calidade.

6% en peso de patacas de consumo non acordes coas características mínimas establecidas.

En todo caso, dentro do límite desta tolerancia non se admite máis dun 1% en peso de patacas atacadas por podremia seca ou húmida.

2% en peso de residuos, e dentro disto como máximo un 1% de terra adherente.

b) Tolerancia de calibre.

5% en peso de tubérculos non acordes cos límites mínimo e máximo establecidos para o calibre.

c) Tolerancia en peso doutras variedades distintas será o 0%.

Artigo 17º

1. As patacas de consumo envasadas polos almacenistas inscritos no consello regulador, para poder facer uso da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, deberán supera-lo proceso de certificación.

2. O proceso de certificación realizarase aleatoriamente por cada partida ou lote homoxéneo, e deberá ser realizado polo consello regulador, de acordo co disposto nos artigos 41º e 42º deste regulamento.

Comprobarase que se cumpren as condicións e as tolerancias establecidas nos artigos 15º e 16º do presente regulamento, realizándose ademais exames analíticos e organolépticos.

Como resultado destas comprobacións e exames, a partida ou lote controlado poderá ser finalmente certificado ou non certificado.

3. As patacas certificadas deberán cumprir en todo momento as características especificadas.

No caso de que se constate calquera tipo de alteración que prexudique a súa calidade, ou que na súa producción, almacenaxe ou envasado non se teñan cumprido os preceptos deste regulamento e da demais lexislación vixente, as patacas non poderán comercializarse ó abeiro da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, sen prexuízo da aplicación do réxime sancionador recollido no capítulo VIII deste regulamento.

4. O consello regulador dictará normas, que serán presentadas para a súa aprobación á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, que lle permitan ter un seguimento e control das patacas certificadas ata a súa fase de comercialización.

5. Tódolos productores e envasadores inscritos terán por parte do consello regulador, como mínimo, un control semestral do seu producto, que será sometido ás comprobacións e exames citados neste artigo.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 18º

1. O consello regulador da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de plantacións.

b) Rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

2. O consello poderá establecer subcensos dentro dos rexistros citados anteriormente, se así o considera oportuno para un mellor control dos inscritos.

Artigo 19º

1. As peticións de inscrición nos rexistros correspondentes dirixiranse ó consello regulador, nos impresos por el establecidos, xuntando os datos, documentos e comprobantes que en cada caso sexan requiridos, segundo as disposicións e normas vixentes.

Formulada a petición, as explotacións e almacéns serán inspeccionados por persoal técnico do consello regulador, co obxecto de comprobar se reúnen as condicións esixidas no presente regulamento.

2. O consello regulador denegará, de xeito motivado, as inscricións que non se axusten ós preceptos deste regulamento e ó establecido no Manual de Calidade, así como a aqueles acordos adoptados polo propio consello sobre as condicións que deberán reuni-las parcelas dos productores e os locais e instalacións dos almacenistas e envasadores que fosen aprobados de acordo co estipulado no artigo 3º.3 deste regulamento.

3. As empresas que ademais de envasar se dediquen á producción, deberán estar inscritas nos rexistros correspondentes.

4. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueloutros que, con carácter xeral, estean establecidos legalmente, debendo acreditalo no momento de solicita-la súa inscrición nos rexistros da indicación xeográfica protexida.

5. A inscrición nos rexistros da indicación xeográfica é voluntaria, ó igual que a correspondente baixa. Neste caso será necesario previamente satisface-las obrigas pendentes co consello regulador. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un período de dous anos para proceder a unha nova inscrición, salvo cambio de titularidade.

6. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros, será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos que impón o presente regulamento, debendo comunicarlle ó consello regulador no prazo de quince días, calquera variación que afecte os datos subministrados na inscrición, cando a dita variación se produza. En consecuencia, o consello regulador poderá suspender cautelar ou definitivamente as inscricións cando os titulares destas non se ativeran a tales prescricións, logo de instrucción do oportuno expediente, que se substanciará polas normas do procedemento administrativo común.

A suspensión cautelar acordarase de xeito motivado, xunto coa providencia da apertura do procedemento, por un prazo non superior a tres meses.

7. O consello regulador efectuará inspeccións periódicas para comproba-la efectividade de canto se dispón neste artigo.

8. Tódalas inscricións nos diferentes rexistros serán renovadas no prazo e forma que determine o consello. No caso particular do rexistro de plantacións, os seus datos deberán ser actualizados tódolos anos na data que aquel determine.

Artigo 20º

1. No rexistro de plantacións unicamente poderán inscribirse aquelas que estean situadas na zona de producción e que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no Manual de Calidade, poidan destinar toda ou parte da súa colleita de pataca de consumo para ser envasada e comercializada baixo o abeiro da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. Na inscrición figurará:

-Nome do propietario e, se é o caso, do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestiona-la explotación.

-Nome da explotación e de cada unha das parcelas, co lugar, parroquia e termo municipal no que estean situadas.

-Superficie de cada unha das parcelas nas que estea previsto cultivar patacas de consumo e, en particular, da variedade Kennebec.

-Declaración anual media da producción que se prevexa entregar para comercializar baixo a indicación xeográfica.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das parcelas inscritas.

3. O consello regulador debe entregar ó titular da plantación un certificado acreditativo da inscrición, indicando as actividades para as que está inscrito.

Artigo 21º

1. No rexistro de almacéns e plantas envasadoras inscribiranse todas aquelas instalacións de almacenaxe e envasado situadas dentro da zona de producción que así o soliciten, e que o consello regulador comprobe que son aptas de acordo cos criterios que estarán reflectidos por escrito no Manual de Calidade para almacenar e envasa-las patacas de consumo que poidan optar a seren amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. Na inscrición figurará:

-Denominación ou razón social da empresa.

-Domicilio legal dela.

-Localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións.

-Sistema e capacidade de almacenaxe.

-Sistema, maquinaria e capacidade de envasado.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación dos almacéns inscritos.

3. No caso de sociedades esixirase inscrición rexistral e nome do xerente ou responsable.

Se a empresa non é propietaria dos locais e instalacións farase constar na solicitude de inscrición, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

4. Coa solicitude de inscrición xuntaranse planos ou bosquexos acotados de situación, planta e alzados, a escala conveniente, onde se reflictan tódolos detalles significativos de construccións e instalacións, cunha breve descrición delas.

5. Tamén se xuntará copia de:

-Inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias.

-Inscrición no Rexistro Sanitario.

-Calquera outro establecido pola lexislación vixente.

6. O consello regulador entregará ó titular un certificado acreditativo da inscrición, indicando as actividades para as que está inscrito.

Artigo 22º

1. Os almacenistas inscritos que envasen patacas non protexibles pola indicación xeográfica farano constar expresamente no momento da súa inscrición e, ademais, someteranse ás normas establecidas no Manual de Calidade para efectua-lo seu control, cumprindo en todo momento as condicións de almacenaxe, separación do producto e procesamento, para garantir, en todo caso, a orixe e a calidade dos productos protexidos pola indicación xeográfica.

2. Nos almacéns inscritos, a pataca existente que sexa apta para ser protexida pola indicación xeográfica debe ser sometida ó proceso de certificación establecido no Manual de Calidade, previamente ó seu envasado e comercialización.

3. As patacas que non fosen certificadas polo consello regulador, poderán ser comercializadas para industria ou para consumo directo, pero sempre que se utilicen outras marcas, distintivos e envases, sen o amparo da indicación xeográfica.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas

Artigo 23º

1. Só as persoas físicas ou xurídicas con parcelas inscritas no rexistro de plantacións poderán producir pataca de consumo que poida optar a ser envasada e amparada pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

2. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan as instalacións de almacenaxe e envasado inscritas no correspondente rexistro poderán almacenar e envasa-la pataca de consumo apta para ser amparada por esta indicación xeográfica, e expedila ó mercado debidamente identificada para a súa comercialización.

3. As firmas inscritas só poderán almacena-la pataca nos locais para o efecto declarados na inscrición, ata o seu envasado e comercialización, e de xeito que se diferencie claramente a pataca protexible da restante.

Artigo 24º

1. Só poderá aplicárselle a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia á pataca procedente das instalacións inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras, que fose producida, transportada, almacenada e envasada conforme as normas establecidas neste regulamento, e que sexa certificada como apta pola comisión de certificación nomeada polo consello regulador, con base nas condicións físico-químicas e organolépticas establecidas no artigo 15º.

2. O dereito ó uso da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e dos seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintas e etiquetas, é exclusivo das firmas inscritas nos diferentes rexistros do consello regulador e baixo a aprobación deste. Non obstante, o consello regulador poderá autorizar que nos

envases de patacas procesadas se indique que están elaborados con patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia cando a materia prima estea controlada polo consello regulador e se cumpran as condicións deste regulamento e as que para o efecto se establezan no Manual de Calidade.

3. Polo mero feito da inscrición nos rexistros da indicación xeográfica, as persoas físicas ou xurídicas inscritas quedan obrigadas ó cumprimento das disposicións deste regulamento, do Manual de Calidade e dos acordos que, dentro das súas competencias, dicten a Consellería de Agricultura, Gandería Política Agroalimentaria, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o consello regulador, así como a satisface-las exaccións que lles correspondan.

4. Para o exercicio de calquera dereito outorgado por este regulamento ou para poder beneficiarse dos servicios que preste o consello regulador, as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas parcelas e instalacións deberán ter actualizadas as inscricións nos correspondentes rexistros e estar ó día no pagamento das súas obrigas co consello.

Artigo 25º

1. As marcas autorizadas, símbolos, emblemas, lendas publicitarias ou calquera outro tipo de propaganda que se utilice, aplicados ás patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, non poderán ser empregados baixo ningún concepto, nin sequera polos propios titulares, na comercialización doutras patacas non amparadas por esta indicación xeográfica.

2. As industrias inscritas no correspondente rexistro poderán admitir, para a elaboración de productos non protexidos, materia prima procedente de plantacións non inscritas, sempre e cando o autorice o consello regulador e se sometan ás normas que estableza o Manual de Calidade, para controlar esa materia prima e os seus derivados.

3. O consello regulador poderá autoriza-las industrias inscritas que dispoñan de almacéns, a coexistencia nestes de productos que van ser amparados pola indicación xeográfica protexida con outros, sempre e cando estes últimos fosen manipulados na propia industria. O Manual de Calidade establecerá as normas que se van cumprir co obxecto de ter un perfecto control destes productos.

Artigo 26º

1. As etiquetas deben ser autorizadas polo consello regulador previamente á súa utilización, para os efectos que se relacionan neste regulamento. Será denegada a aprobación daquelas etiquetas incorrectas ou que por calquera causa poidan confundi-lo consumidor. Tamén poderá ser revogada a autorización dunha xa concedida anteriormente cando variasen as circunstancias da firma propietaria dela, instruíndose expediente segundo a Lei 30/1992.

En todo caso, respectaranse as competencias que correspondan a outras institucións en materia de supervisión do cumprimento das normas xerais de etiquetado.

2. Nas etiquetas correspondentes ás marcas propias de cada envasador, utilizadas nas patacas amparadas, debe figurar obrigatoriamente e de forma destacada a mención indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.

Ademais, poderá figura-lo nome da subzona: Bergantiños, Lemos, A Limia ou Terra Chá-A Mariña, sempre e cando a producción e envasado se realicen en cada unha delas.

Artigo 27º

1. O consello regulador adoptará e rexistrará un emblema ou logotipo como símbolo da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, logo de aprobación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia.

2. As patacas amparadas por esta indicación xeográfica levarán unha precintaxe de garantía, etiqueta, contraetiqueta ou calquera outro distintivo que estableza o consello regulador, numerado e expedido por este de acordo co Manual de Calidade. Este distintivo deberá ser colocado nas propias instalacións de envasado ó remate deste proceso e sempre antes da súa expedición ó mercado, de xeito que non sexa posible unha segunda utilización.

3. O consello regulador poderá facer obrigatorio que no exterior dos locais de almacenaxe e envasado inscritos, nun lugar destacado, figure unha placa onde se reproduza o logotipo da indicación xeográfica.

Artigo 28º

1. Toda expedición de patacas amparadas que se realice entre firmas inscritas, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada por un volante de circulación expedido polo consello regulador, na forma que se determine no Manual de Calidade, ademais da documentación fixada pola lexislación vixente.

2. O establecido no punto anterior tamén será esixible no caso de expedicións que teñan lugar dunha firma inscrita a outra que non o estea.

Artigo 29º

1. O envasado e etiquetado de pataca protexida deberá ser realizada exclusivamente nas instalacións situadas dentro da área de producción e que se encontren inscritas no correspondente rexistro do consello, perdendo a pataca no caso contrario o dereito ó uso da indicación xeográfica.

2. A pataca certificada unicamente poderá circular e ser expedida polos almacenistas e envasadores inscritos, en envases autorizados polo consello regulador e que non prexudiquen a súa calidade e prestixio.

O consello regulador aprobará os modelos de envases previamente á súa utilización comercial, de acordo coa lexislación vixente e procurando que a súa presentación favoreza a imaxe da indicación xeográfica. Canto á súa capacidade, respectarase o establecido no artigo 14º deste regulamento.

Os envases aprobados polo consello regulador para a comercialización de pataca de consumo con indicación xeográfica non poderán ser utilizados para ningún outro fin.

Artigo 30º

1. Para favorece-la comercialización, o consello regulador poderá establecer convenios de colaboración con almacéns, grandes superficies e outras canles de distribución, acordando con estes as condicións de colaboración, para que baixo a supervisión do propio consello se garanta a procedencia e a calidade da pataca comercializada coa contraetiqueta da indicación xeográfica.

2. Toda expedición de pataca con indicativo de calidade destinada á exportación deberá ir acompañada polo correspondente certificado da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, expedido polo consello regulador, ademais de cumprir coas normas establecidas na lexislación vixente ó respecto.

Artigo 31º

1. Tódalas persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros, as plantacións, as instalacións e os seus productos estarán sometidos ó control realizado polo consello regulador co obxecto de verificar que os productos que presenten a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia cumpren os requisitos deste regulamento.

2. O consello regulador controlará en cada campaña as cantidades de pataca certificada pola indicación xeográfica que foron expedidas ó mercado por cada firma inscrita no rexistro de almacéns e plantas envasadoras, para verificar que é correcta a súa relación coas cantidades de pataca adquiridas ós agricultores censados no rexistro de plantacións e a outras firmas inscritas.

3. O consello establecerá os acordos oportunos cos productores e envasadores pertencentes á indicación xeográfica para lograr que o programa de actuación dos seus servicios de inspección sexa totalmente operativo. Os controis basearanse en inspeccións das plantacións e das instalacións, revisión da documentación, análises da materia prima e do producto acabado.

4. Cando se comprobe que a materia prima e os productos terminados non se obtiveron de acordo cos requisitos deste regulamento ou presenten defectos ou alteracións sensibles, estes non poderán comercializarse baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, sen prexuízo da aplicación do réxime sancionador recollido no capítulo VIII deste regulamento.

Artigo 32º

1. Co obxecto de poder controla-los procesos de producción, almacenaxe, envasado e expedición, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acredita-la orixe e a calidade das patacas certificadas pola indicación xeográfica protexida, as persoas físicas ou xurídicas titulares de plantacións e as titulares de instalacións de almacenaxe e envasado estarán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Tódolos titulares de plantacións de pataca susceptible de ser amparada pola indicación xeográfica presentarán ó consello regulador, ó comezo de cada campaña, declaración da sementeira realizada, especificando:

-Respecto ó total:

Variedades sementadas e a súa proporción.

-Respecto á variedade Kennebec:

Superficie e quilogramos de pataca sementados.

Número, nome e localización das parcelas utilizadas con tal fin.

b) Tódalas firmas que teñan instalacións inscritas para almacenaxe e envasado levarán un libro de control, segundo modelo adoptado polo consello regulador, no que figurarán diariamente e durante a campaña os datos seguintes:

-Cantidade e procedencia das patacas adquiridas.

-Número de envases segundo a súa capacidade e quilogramos totais de pataca embolsada con dereito á indicación xeográfica protexida.

-Calquera outro dato que no seu momento o consello poida considerar necesario.

Así mesmo, nos quince primeiros días de cada mes, presentarán ó consello regulador unha declaración onde se reflictan tódolos datos do mes anterior, sendo suficiente con fotocopia compulsada dos asentos que figuren no mencionado libro.

2. Tódalas declaracións especificadas no presente artigo están sometidas ás normas vixentes en materia de protección de datos.

Capítulo VII

Do Consello Regulador

Artigo 33º

1. O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia é un organismo dependente da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, con carácter de órgano desconcentrado, e con atribucións decisorias en cantas funcións se lle encomendan neste regulamento, de acordo co que determina o artigo 87 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, e disposicións vixentes nesta materia.

2. O seu ámbito de competencia estará determinado:

a) No territorial, pola respectiva zona de producción e envasado.

b) En razón dos productos, polos amparados pola indicación xeográfica protexida, en calquera das súas fases de producción, almacenaxe, envasado e comercialización.

c) En razón das persoas, tanto físicas como xurídicas, polas inscritas nos diferentes rexistros do consello.

Artigo 34º

É misión principal do consello regulador aplica-los preceptos deste regulamento e velar polo seu cumprimento, para o cal exercerá as funcións que se lle encomendan nel e no ordenamento xurídico vixente.

Artigo 35º

1. O consello regulador estará constituído por:

a) Un presidente.

b) Un vicepresidente.

c) Seis vocais en representación do sector productor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de parcelas de cultivo inscritas no rexistro de plantacións.

Tódalas subzonas deben estar representadas proporcionalmente ás hectáreas de cultivo inscritas en cada unha delas, sen que ningunha subzona teña máis do 50% dos vocais.

d) Seis vocais en representación do sector industrial, elixidos democraticamente por e entre os titulares de instalacións de almacenaxe e envasado inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

Tódalas subzonas deben estar representadas proporcionalmente ós quilogramos envasados, baixo o amparo da indicación xeográfica en cada unha delas, sen que ningunha subzona teña máis do 50% dos vocais.

e) Dous delegados da Administración, un designado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e outro pola consellería competente en materia de comercio. Estes delegados asistirán á reunión con voz pero sen voto.

2. O presidente e o vicepresidente serán nomeados polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de entre os candidatos propostos polos vocais do consello regulador.

3. Por cada un dos vocais do consello regulador designarase un suplente, elixido do mesmo xeito que o titular.

4. Os cargos de vocais do consello regulador serán renovados cada catro anos, podendo ser reelixidos.

5. No caso de cesamento dun vocal por calquera causa legal, a súa vacante será cuberta polo seu substituto, se ben o mandato do novo vocal só durará ata se celebra-la a seguinte renovación do consello.

6. O prazo para a toma de posesión dos vocais será como máximo dun mes, contado desde a data da súa proclamación.

7. Causará baixa o vocal que durante o período de vixencia do seu cargo sexa sancionado por infracción grave nas materias que regula este regulamento, ben persoalmente ou ben a firma á que represente. Igualmente causará baixa por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou a tres alternas no período dun ano, por causar baixa nos rexistros do consello regulador, ou por perde-la súa vinculación co sector que o elixiu ou coa razón social á que pertenza.

Artigo 36º

1. Os vocais elixidos na forma que se determina no artigo anterior, deberán estar vinculados ós sectores que representan, ben directamente ou ben por seren representantes das sociedades que se dedican ás actividades aquí reguladas. Non obstante, unha mesma persoa natural ou xurídica inscrita nos dous rexistros do consello regulador non poderá ter neste dobre representación, unha no sector productor e outra no sector envasador, nin directamente nin a través de firmas filiais ou socios dela.

2. Os vocais elixidos por pertencer en calidade de directivos ou representantes dunha firma inscrita, cesarán no seu cargo ó cesaren como tales na mencionada firma, aínda que sigan vinculados ó sector por teren pasado a outra empresa. No dito caso a empresa procederá a designa-lo seu substituto, dando conta ó consello regulador.

Artigo 37º

1. Ó presidente correspóndelle:

a) Representa-lo consello regulador. Nos casos nos que sexa necesario, esta representación poderá ser delegada de forma expresa no vicepresidente, ou na súa ausencia, en calquera outro membro do consello.

b) Cumprir e facer cumpri-las disposicións legais e regulamentarias.

c) Administra-los ingresos e fondos do consello regulador e ordena-los pagamentos, de acordo coas decisións tomadas polo pleno.

d) Convocar e presidi-las sesións do consello regulador, sinala-la orde do día, someter á decisión del os asuntos da súa competencia e executa-los acordos adoptados.

e) Organiza-lo réxime interior do consello regulador.

f) Propor ó consello a contratación, suspensión ou renovación do seu persoal.

g) Organizar e dirixi-los servicios do consello regulador.

h) Informar á Administración pública correspondente das incidencias que ocorran na producción, almacenaxe, envasado e comercialización.

i) Remitirlle á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, e a outros organismos interesados, aqueles acordos que para cumprimento xeral adopte o consello en virtude das atribucións que lle confire este regulamento, e aqueloutros que pola súa importancia estime que deban ser coñecidos por estes.

j) Aqueloutras funcións que o consello acorde ou que lle encomende a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en consonancia cos fins encomendados.

2. A duración do mandato do presidente será de catro anos.

3. O presidente cesará:

a) Ó expira-lo termo do seu mandato.

b) Por petición propia, unha vez aceptada a súa dimisión.

c) Por decisión da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

d) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

4. No caso de dimisión, cesamento, abandono ou finamento do presidente ou do vicepresidente, os vocais do consello regulador realizarán no prazo dun mes unha proposta á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para a designación do(s) seu(s) substituto(s) nos termos establecidos no artigo 35º.2 deste regulamento.

5. As sesións de constitución do consello regulador, e as que teñen por obxecto a elección de presidente serán presididas por unha mesa de idade, composta polo vocal de maior idade e os dous máis novos.

Artigo 38º

Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente e, na súa ausencia, polo vocal de maior antigüidade e idade, por esta orde, ata a designación, se é o caso, do novo presidente.

No exercicio das súas funcións en defecto do presidente, o vicepresidente terá as mesmas competencias e obrigas daquel.

Artigo 39º

1. O consello reunirase cando o convoque o presidente, ben por iniciativa propia ou ben por petición da metade dos vocais, sendo obrigatorio celebrar sesión polo menos unha vez cada trimestre.

2. As sesións do consello regulador convocaranse polo menos con oito días de antelación, debendo acompaña-la citación a orde do día para a reunión, na que non se poderán tratar máis asuntos que os previamente sinalados.

Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado, non incorporado polo presidente, será necesario que o soliciten polo menos tres vocais, con catro días de antelación como mínimo.

No caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto a xuízo do presidente, citarase os vocais polos medios axeitados, con vintecatro horas de antelación como mínimo.

Na falta de convocatoria e con carácter excepcional, o consello regulador quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden por unanimidade.

3. Cando un titular non poida asistir a unha sesión notificarallo ó consello regulador, expresando a causa da súa ausencia.

4. Os acordos do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia adoptaranse por maioría dos membros presentes, e para que sexan válidos será necesario que concorran, en primeira convocatoria, máis da metade dos seus membros, sendo na segunda convocatoria suficiente con que concorran máis dun tercio. O presidente terá voto de calidade.

5. Para resolver cuestións de trámite ou naqueles casos nos que se estime necesario poderá constituírse unha comisión permanente, que estará formada polo presidente do consello regulador e polo menos dous vocais titulares designados polo pleno, un en representación de cada sector.

Na sesión na que se acorde a constitución da dita comisión permanente aprobaranse tamén as misións específicas que lle competen e as funcións que exercerá.

6. O pleno do consello regulador nomeará, sen contravi-la lexislación vixente, unha comisión de certificación, coa misión específica de acorda-la certificación ou non das partidas ou lotes de patacas sometidos ó control do consello, de acordo cos informes técnicos correspondentes.

7. Así mesmo, o pleno poderá establecer outras comisións para tratar ou resolver asuntos concretos.

8. Tódalas resolucións que tome a comisión permanente, a comisión de certificación ou outras comisións, serán comunicadas ó pleno do consello na primeira reunión que este celebre.

Artigo 40º

1. Para o cumprimento dos seus fins, o consello regulador contará co persoal necesario, de acordo co cadro de persoal aprobado polo pleno e que figure dotado no seu orzamento.

2. O consello regulador terá un secretario designado polo propio consello por proposta do presidente, do que dependerá directamente, e que terá como cometidos específicos os seguintes:

a) Prepara-los traballos do consello e tramita-la execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións con voz pero sen voto, cursa-las convocatorias, levanta-las actas e custodia-los libros e documentos do consello.

c) Os asuntos relativos ó réxime interior do consello, tanto de persoal como administrativos, exercendo a xefatura inmediata sobre o persoal.

d) Actuar como instructor nos expedientes sancionadores incoados polo consello regulador.

e) Recibi-los actos de comunicación dos vocais do consello e, por tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

f) Expedir certificacións de consulta, dictames e acordos aprobados.

g) As demais funcións que lle encomende o presidente, relacionadas coa preparación e instrumentación dos asuntos da competencia do consello.

3. Para as funcións técnicas que ten encomendadas, o consello regulador contará cos servicios técnicos necesarios, recaendo a súa dirección en técnico competente, o que será aprobado polo consello regulador por proposta do presidente.

4. Para os servicios de control e vixilancia contará con vedores propios, encadrados dentro dos servicios técnicos. Estes vedores serán designados polo consello regulador e habilitados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, logo de solicitude do consello.

Terán as seguintes funcións inspectoras:

a) Sobre as parcelas de cultivo situadas na zona de producción e inscritas no rexistro de plantacións.

b) Sobre as instalacións de almacenaxe e envasado localizadas na zona de producción e inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

c) Sobre o producto protexido na zona de producción, almacenaxe e envasado.

5. O consello regulador poderá contrata-lo persoal necesario para efectuar traballos urxentes, sempre que teña aprobada no seu orzamento dotación para este concepto.

6. A todo o persoal do consello, tanto de carácter fixo como eventual, aplicaráselle a lexislación laboral vixente.

7. O consello regulador poderá contar coa axuda dun equipo de asesoramento formado por profesionais do sector, de recoñecido prestixio no seu ámbito de traballo, e elixidos polo propio consello. Os informes dictados por este equipo non serán en ningún caso vinculantes.

Artigo 41º

1. O consello regulador poderá establecer un comité de cualificación da pataca, formado por cinco expertos como mínimo, e un delegado do presidente do consello. Este comité terá como misión emitir informe de calidade das patacas que opten a ser amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, de acordo co establecido por este regulamento e en particular no seu artigo 17º. O dito comité poderá contar cos asesoramentos técnicos que estime necesarios.

Artigo 42º

A comisión de certificación nomeada polo pleno do consello regulador, á vista dos informes preceptivos do comité de cualificación, resolverá o que proceda sobre a certificación ou non da partida de patacas controladas e catadas, comunicándollo seguidamente ó interesado.

Artigo 43º

1. O consello regulador para a realización do seus controis terá en conta as declaracións obrigatorias establecidas neste regulamento, así como os documentos de transacción entre productores e envasadores.

2. O consello regulador establecerá un programa de control de calidade que poderá contratar con entidades especializadas, independentes e de recoñecida solvencia, públicas ou privadas, logo de aprobación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia.

Artigo 44º

1. Os acordos do consello regulador que non teñan carácter particular e afecten unha pluralidade de suxeitos relacionados coa producción, almacenaxe e envasado da pataca amparada, poderán notificarse mediante o envío de circulares ós seus inscritos e expoñéndoas nas oficinas do consello. Tamén se lles remitirán ás organizacións do sector legalmente constituídas e ás casas dos concellos dos concellos incluídos na área xeográfica desta indicación xeográfica protexida.

2. Contra os acordos e resolucións que adopte o consello regulador poderase interpor recurso, en todo caso, ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, dentro do prazo dun mes contado desde a notificación daqueles, tal como prevén os artigos 114 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 45º

1. O financiamento das obrigas do consello regulador efectuarase cos seguintes recursos:

1.1. Co producto das exaccións parafiscais que se fixan no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, ás que se aplicarán os seguintes tipos:

a) O 1%, á exacción sobre o valor das patacas producidas nos predios inscritos, entregadas ós almacenistas e que sexan aptas para seren envasadas baixo o amparo da indicación xeográfica.

b) O 1,5%, á exacción sobre o valor das patacas certificadas aptas para seren envasadas e comercializadas baixo a protección da indicación xeográfica.

c) Pola expedición de certificados ou visados de facturas haberá que aterse ó establecido en cada caso pola normativa vixente.

d) O dobre do prezo de custo sobre as precintas ou contraetiquetas.

Os suxeitos pasivos de cada unha destas exaccións son:

-Da a), os titulares das parcelas de cultivo inscritas no rexistro de plantacións.

-Da b), os titulares das instalacións de almacenaxe e envasado inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras, que expidan ó mercado patacas amparadas pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

-Da c), os titulares das empresas inscritas que soliciten certificados ou visados de facturas.

-Da d), os titulares das instalacións de almacenaxe e envasado inscritas que soliciten contraetiquetas ou precintas.

1.2. As subvencións, legados, donativos e demais transmisións de bens e dereitos a título gratuíto, das que sexa beneficiario o consello regulador.

1.3. As cantidades que se puidesen percibir en concepto de indemnización por danos e prexuízos ocasionados ó consello regulador ou ós intereses que representa.

1.4. Os bens que constitúen o seu patrimonio e os productos e vendas del.

2. Os tipos impositivos fixados neste artigo poderán ser variados, por proposta do consello regulador, pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, dentro dos límites sinalados no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo.

3. A xestión dos ingresos e gastos que figuren no orzamento correspóndelle ó consello regulador.

4. A aprobación do orzamento do consello regulador e da súa contabilidade será efectuada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, de acordo coas normas establecidas por esta, e coas atribucións e funcións que lle asigne a lexislación vixente na dita materia.

Capítulo VIII

Das infraccións, sancións e procedemento

Artigo 46º

Tódalas actuacións que sexa necesario desenvolver en materia de expedientes sancionadores axustaranse ás normas deste regulamento; ás da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcohois, e ó seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; ó Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria, en canto lles sexa de aplicación; á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ó Regula

mento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e a cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Artigo 47º

1. As infraccións do disposto no presente regulamento e dos acordos deste consello regulador serán sancionadas con apercibimento, multa, comiso da mercadoría, suspensión temporal no uso da indicación xeográfica protexida ou baixa no correspondente rexistro ou rexistros desta, conforme se expresa nos artigos seguintes, sen prexuízo das sancións que por contravi-la lexislación xeral sobre a materia poidan ser impostas.

2. As bases para a imposición de multas determinaranse de acordo co artigo 120 do Decreto 835/1972, do 23 de marzo.

Artigo 48º

1. As infraccións cometidas polas persoas inscritas nos rexistros da indicación xeográfica protexida ó presente regulamento e ós acordos do consello regulador, clasifícanse en:

a) Faltas administrativas.

b) Infraccións do establecido neste regulamento sobre producción, almacenaxe, envasado e características das patacas protexidas.

c) Infraccións por uso indebido da indicación xeográfica ou por actos que poidan causarlle prexuízo ou desprestixio.

d) Infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do consello regulador ou dos seus axentes autorizados, conforme o establecido no artigo 5.2º do Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 49º

1. Son faltas administrativas, en xeral, as inexactitudes e omisións nas declaracións, documentos comerciais autorizados, asentos, libros de rexistro, fichas de control e demais documentos e, especialmente, as seguintes:

a) Inexactitudes e omisións de datos e comprobantes, nos casos nos que sexan necesarios para a inscrición nos distintos rexistros, sempre que non sexan determinantes para a inscrición.

b) Non comunicarlle antes dun mes ó consello regulador, desde o momento no que se produza, calquera variación que afecte os datos subministrados no momento da inscrición nos rexistros.

c) O incumprimento por inexactitude ou omisión do establecido neste regulamento e nos acordos do consello regulador sobre declaracións de producción e de envasado de patacas con indicativo de calidade.

d) O incumprimento da normativa vixente na expedición de productos, en referencia ó citado no artigo 28º deste regulamento.

e) A falta de libros de rexistro, fichas de control, ou cantos outros documentos sexan obrigatorios conforme o presente regulamento.

f) As restantes infraccións do regulamento ou dos acordos do consello regulador na materia á que se refire este artigo.

2. As faltas administrativas sancionaranse con apercibimento ou con multa do 1 ó 10% do valor dos productos afectados.

Artigo 50º

1. Son infraccións das normas establecidas neste regulamento sobre producción, almacenaxe, envasado e características das patacas amparadas, as seguintes:

a) Incumpri-las normas de producción, recolección e transporte da pataca.

b) Utilizar no proceso de producción algún tipo de producto que poida dar lugar a residuos tóxicos ou a sabores estraños na pataca de consumo.

c) Incumpri-las normas de almacenaxe e envasado consideradas neste regulamento.

d) Utilizar envases aprobados polo consello regulador para outro tipo de patacas non amparadas.

e) Envasar pataca baixo o amparo da indicación xeográfica, cando non cumpra as condicións e normas de calidade establecidas neste regulamento e demais normativa afín.

f) Envasar pataca baixo o amparo da indicación xeográfica cando proceda de productores ou de parcelas non inscritas.

g) Envasar pataca non certificada como apta e que por tanto non pode comercializarse baixo o amparo da indicación xeográfica.

h) As restantes infraccións que se produzan contra o disposto no regulamento ou contra os acordos do consello regulador na materia á que se refire este artigo.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa do 2 ó 20% do valor dos productos afectados. Ademais, neste caso poderá ser aplicado o comiso.

Artigo 51º

1. Son infraccións por uso indebido da indicación xeográfica protexida, ou por actos que poidan causarlle prexuízo ou desprestixio, as seguintes:

a) A utilización de nomes comerciais, razóns sociais, marcas, símbolos ou emblemas que fagan referencia á indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia ou ós nomes protexidos por ela, na comercialización doutras patacas non protexidas ou doutros productos similares e derivados, sen prexuízo do considerado no artigo 24.2º, así como as infraccións ós artigos 26 e 27 do presente regulamento.

b) O uso da indicación xeográfica protexida en patacas que non fosen producidas, almacenadas, envasadas e comercializadas conforme as normas

establecidas por este regulamento e pola lexislación vixente, ou que non cumpran as tolerancias e as condicións analíticas e organolépticas que deban caracterizalas.

c) O uso de nomes comerciais, marcas ou etiquetas non aprobados polo consello regulador.

d) As infraccións do disposto no artigo 22º deste regulamento.

e) A indebida tenza, negociación ou utilización dos documentos, precintas, etiquetas, contraetiquetas, selos, etc., propios da indicación xeográfica ou do consello regulador, así como a súa falsificación.

f) A existencia de pataca nas instalacións de almacenaxe e envasado inscritas, sen a preceptiva documentación que ampare a súa procedencia e calidade para ser amparada pola indicación xeográfica. A cantidade de pataca nas ditas instalacións debe coincidir coas existencias declaradas documentalmente, ben que o consello regulador non entenderá como infracción diferencias inferiores ó 5%, tanto por exceso como por defecto.

g) A expedición de patacas de consumo ó mercado, cando non se correspondan as súas características de calidade coas mencionadas nos seus medios de comercialización.

h) A expedición, circulación ou comercialización de patacas amparadas en tipos de envases non aprobados polo consello regulador.

i) A expedición, circulación ou comercialización de patacas protexidas pola indicación xeográfica, desprovistas das precintas ou contraetiquetas establecidas polo consello regulador.

j) Efectua-lo envasado, etiquetado ou contraetiquetado da pataca amparada en instalacións que non sexan as inscritas e autorizadas polo consello regulador, ou non axustarse ós acordos do consello nesta materia.

k) O incumprimento do establecido neste regulamento ou nos acordos do consello regulador, no referente ó envasado, presentación e etiquetado de pataca con indicación xeográfica destinada á exportación.

l) Falsear ou omitir, nas declaracións para a inscrición nos diferentes rexistros, os datos e/ou comprobantes que en cada caso sexan necesarios, sempre que sexan determinantes para a inscrición.

m) Non estar ó día de pagamento das exaccións parafiscais previstas no artigo 45º, por parte dos suxeitos pasivos de cada unha das ditas exaccións.

n) En xeral, calquera acto que contraveña o disposto no presente regulamento ou nos acordos do consello regulador e que prexudique ou desprestixie a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia ou supoña un uso indebido dela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde vinte mil pesetas ata o dobre do valor da mercadoría ou productos afectados, sempre e cando este valor supere a dita cantidade, levando aparellado o comiso do producto en cuestión.

Artigo 52º

1. Son infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do consello regulador, as seguintes:

a) A negativa ou resistencia a subministra-los datos, facilita-la información ou permiti-lo acceso á documentación requirida polo consello regulador ou os seus axentes autorizados, para o cumprimento das funcións de información, vixilancia, investigación, inspección, tramitación e execución, nas materias ás que se refire o presente regulamento, así como a subministración de información inexacta ou documentación falsa.

b) A resistencia, coacción, ameaza, represalia ou calquera outro xeito de presión ós vedores ou representantes do consello regulador, así como a tentativa de exercitar tales actos.

c) A manipulación, traslado ou disposición en calquera forma de mercadoría cautelarmente intervida polo consello.

2. Estas infraccións sancionaranse de acordo co establecido no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 53º

1. As infraccións cometidas por persoas non inscritas nos rexistros do consello regulador, son:

a) Usar indebidamente a indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia.

b) Utilizar nomes comerciais, razóns sociais, marcas, expresións, signos ou emblemas que pola súa identidade ou similitude gráfica, fonética ou semántica cos nomes protexidos pola indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia, ou con signos ou emblemas característicos dela, poidan inducir a confusión sobre a natureza e a orixe dos productos, sen o prexuízo dos dereitos adquiridos que sexan debidamente recoñecidos polos organismos competentes.

c) Emprega-los nomes xeográficos protexidos por esta indicación xeográfica en etiquetas e propaganda de patacas e outros derivados que non teñan dereito ó seu uso, aínda que vaian precedidos polo termo «tipo» ou outros análogos.

d) Calquera acción que cause prexuízo ou desprestixio á indicación xeográfica protexida Pataca de Galicia e tenda a producir confusión no consumidor con respecto a ela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde vinte mil pesetas ata o dobre do valor da mercadoría ou productos afectados cando este valor supere a dita cantidade e ademais co seu comiso.

Artigo 54º

Para a aplicación das sancións previstas nos artigos anteriores teranse en conta as seguintes normas:

1. Aplicaranse no seu grao mínimo cando:

a) Se trate de simples irregularidades na observancia das regulamentacións, sen transcendencia

directa para os consumidores ou que non supoñan especial beneficio para o infractor.

b) Se emenden os defectos no prazo establecido para isto polo consello regulador.

c) Se comprobe que non existiu mala fe.

2. Aplicaranse no seu grao medio cando:

a) A infracción teña transcendencia directa sobre os consumidores ou supoña un beneficio especial para o infractor.

b) Non se emenden os defectos no prazo sinalado polo consello.

c) A infracción se produza por unha actuación neglixente, con inobservancia das normas de actuación expresamente acordadas polo consello regulador.

d) En tódolos demais casos nos que non proceda a aplicación dos graos mínimo ou máximo.

3. Aplicaranse no seu grao máximo cando:

a) Se produza reiteración na negativa a facilitar información, prestar colaboración ou permiti-lo acceso á documentación esixida neste regulamento ou nos acordos do consello regulador.

b) Se probe manifesta mala fe.

c) Se deriven da infracción graves prexuízos para a indicación xeográfica, os seus inscritos e/ou os consumidores.

d) Se producise obstrucción ós vedores do consello na investigación da infracción.

4. Poderase aplica-la suspensión temporal do uso da indicación xeográfica ou a baixa nos rexistros dela, sempre que se respecte o establecido no artigo 129 da Lei 30/1992 e no título V da Lei 25/1970 e do Decreto 835/1972.

A suspensión do dereito ó uso da indicación xeográfica protexida levará consigo a suspensión do dereito a obter e utilizar certificados de orixe, precintas, contraetiquetas e demais documentos do consello regulador, así como a utilización de todos aqueles símbolos, emblemas, etc. que supoñan unha vinculación coa indicación xeográfica.

A baixa suporá a exclusión do infractor nos rexistros do consello e, como consecuencia, a perda dos dereitos inherentes á indicación xeográfica protexida.

Artigo 55º

Considérase que hai reincidencia cando o infractor fose sancionado, mediante resolución firme, por unha infracción das comprendidas no presente regulamento, durante o ano anterior.

No caso de reincidencia, as multas serán superiores nun 50% ás máximas establecidas neste regulamento. Se o reincidente cometera nova infracción, as multas poderán ser elevadas ata o triple dos ditos máximos.

Artigo 56º

1. O procedemento sancionador poderá iniciarse en virtude das actas levantadas polos vedores do consello regulador, por comunicación dalgunha autoridade ou órgano administrativo, ou por denuncia formulada polos particulares sobre algún feito ou conducta que poida ser constitutivo de infracción.

2. As actas de inspección levantaranse por triplicado e serán asinadas polo vedor e polo dono ou representante das parcelas de cultivo ou das instalacións de envasado, ou polo encargado da custodia da mercadoría, e no poder deste quedará unha copia da acta.

Ámbolos asinantes poderán facer constar na acta cantos datos ou manifestacións consideren convenientes para a estimación dos feitos que se consignan nela, así como cantas incidencias ocorran no transcurso do acto de inspección ou levantamento da acta.

As circunstancias que o vedor consigne na acta consideraranse feitos probados, salvo que do conxunto de probas que se practiquen resulte concluínte o contrario.

Se o interesado na inspección se negara a asina-la acta, farao constar así o vedor, procurando a sinatura dalgún axente da autoridade ou testemuña.

3. No caso de que o vedor ou o dono da mercadoría, ou o responsable dela, o consideren conveniente, tomaranse mostras do producto obxecto da inspección. Cada mostra tomarase polo menos por triplicado e en cantidade suficiente para o seu exame e análise. Precintarase e etiquetarase, quedando unha en poder do interesado.

4. Cando o vedor que levante a acta o estime necesario poderá dispor que a mercadoría, etiquetas, contraetiquetas e outros artigos queden retidos ata que o instructor do expediente dispoña o pertinente, dentro do prazo máis breve posible, cun máximo de quince días hábiles a partir da data de levantamento da acta de inspección.

Os productos retidos consideraranse como productos en depósito, non podendo por tanto ser trasladados, manipulados, ofrecidos en venda ou vendidos. No caso de que se estime procedente poderán ser precintados.

Artigo 57º

1. A incoación e instrucción de expedientes sancionadores corresponderá ó consello regulador cando o infractor estea inscrito nalgún dos seus rexistros.

Nos demais casos, o consello regulador poñerao en coñecemento dos órganos competentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2. Con anterioridade á iniciación do procedemento sancionador o consello regulador poderá realizar actuacións previas, conseguindo os informes necesarios das persoas que considere convenientes, co

fin de determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

3. A resolución dos expedientes incoados polo consello regulador correspóndelle ó propio consello cando a sanción non exceda de cincuenta mil pesetas. Se excedese desta cantidade elevará proposta sobre a súa resolución á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Para o efecto de determina-la competencia á que se refire o punto anterior, adicionarase o valor do comiso ó importe da multa.

4. Nos expedientes de carácter sancionador incoados polo consello regulador deberá actuar como instructor o secretario do consello e como secretario exercerá o seu letrado, ou no caso de non habelo unha persoa ó seu servicio, asegurando sempre a axeitada separación entre as fases de instrucción e resolución, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. A decisión sobre o comiso definitivo dos productos ou o destino destes corresponderalle a quen teña atribuída a facultade de resolve-lo expediente.

Artigo 58º

Das infraccións en productos envasados será responsable a firma ou razón social da que o nome figure na etiqueta. Sobre as que se producisen en productos a granel, o tedor deles. As que se deriven do transporte da mercadoría, recaerá a responsabilidade nas persoas que determine a lexislación vixente.

Artigo 59º

1. Nos casos nos que a infracción se refira ó uso indebido da indicación xeográfica, o consello regulador, sen prexuízo das actuacións e sancións administrativas pertinentes, poderá acudir ós tribunais de xustiza, exercendo as accións civís e penais oportunas debidamente recoñecidas pola lexislación vixente.

2. En tódolos casos nos que a resolución sexa con sanción, o infractor deberá aboa-los gastos orixinados pola toma e análises de mostras ou polo recoñecemento que se realizara e demais gastos que ocasionen a tramitación e resolución do expediente.