Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Martes, 13 de novembro de 2001 Páx. 14.612

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 6 de novembro de 2001 pola que se dictan normas para a aprobación das tarifas oficiais en euros dos servicios de transporte público de viaxeiros, así como se establecen medidas para facilita-la súa fluidez no período de convivencia do euro e mais da peseta.

A Administración de transportes vén establecendo o réxime tarifario aplicable ós transportes públicos regulares permanentes de viaxeiros de uso xeral, de acordo co establecido nos artigos 18 e 19 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres (LOTT).

No exercicio da indicada facultade, esta administración estableceu as tarifas aplicables a diferentes servicios de transporte de viaxeiros da súa competencia, e dictou aquelas normas que resultan precisas para a súa constante adaptación e periódica actualización.

Por outra parte, a próxima entrada en circulación do euro como moeda única do sistema monetario europeo e a previsión dunha etapa de coexistencia das dúas moedas, euro e peseta, fai preciso dictar unha norma que estableza os mecanismos procedementais precisos para materializar aquela conversión, e que facilite o seu pleno coñecemento a usuarios e empresas, permitindo o tránsito máis imperceptible e sosegado cara á nova moeda.

A configuración do actual réxime tarifario dos servicios de transporte público permanente de uso xeral de viaxeiros como un sistema complexo no que concorren tarifas únicas ou mínimas para determinados servicios xunto con outras tarifas resultantes da aplicación da denominada tarifa partícipe/empresa, así como a actual previsión de redondeos para a obtención da denominada tarifa final resultante, fai preciso dispor dunha norma que aclare o procedemento de conversión e estableza aquelas medidas precisas para garantir no indicado período de convivencia a maior fluidez posible no sistema de transporte; igualmente, cómpre establece-la conversión do mínimo de percepción que resulte de aplicación co fin de facilita-la elaboración daqueles cadros tarifarios.

Esta complexidade, causante da imposibilidade da absoluta correlación entre as tarifas finais aprobadas en ámbalas dúas moedas, fai preciso manter durante o período de convivencia das dúas moedas, xunto coa tarifa final oficial aprobada en euros, a vixencia das actuais tarifas aprobadas en pesetas.

Esta norma establece o sistema de conversión tarifario con estricto respecto dos mecanismos establecidos pola lexislación sobre introdución do euro, determinando o procedemento preciso para aprobar e oficializa-las indicadas tarifas, sen prexuízo do establecemento dun redondeo por exceso e por defecto ó céntimo múltiplo de cinco máis próximo da tarifa final resultante, introducido con base nas facultades de ordenación desta específica actividade; preténdese, igualmente, facilita-lo maior coñecemento tanto polos usuarios como polas propias empresas dos cadros tarifarios aprobados na nova moeda, para o que se determina a obriga da súa previa posta á disposición dos usuarios nos vehículos.

Finalmente, co obxecto de garanti-la maior fluidez do sistema de transportes e a pacífica transición cara á nova moeda, e con referencia ó período de convivencia das dúas moedas, establécense condicións para a admisión á utilización dos servicios públicos de transporte, condicións fixadas no ámbito do artigo 76.2º b) e f) do Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da LOTT (ROTT).

Con base no anterior, e oídos o Consello e o Comité Galego de Transportes, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Nos cinco días seguintes ó da publicación desta orde, a Administración porá á disposición de cada concesionario de servicios públicos regulares permanentes de viaxeiros de uso xeral a tarifa partícipe/empresa, en euros, que resulte de aplicación á concesión, mediante a conversión a euros da actualmente aprobada en pesetas; a dita tarifa expresarase con seis cifras decimais, resultado da aplicación do preceptuado polo artigo 11.4º da Lei 46/1998, do 17 de decembro, sobre introducción do euro.

Artigo 2º

Con anterioridade ó día 1 de decembro de 2001, os concesionarios dos distintos servicios de transporte público regular permanente de viaxeiros de uso xeral elaborarán e presentarán á Administración de transportes os cadros tarifarios en euros das súas respectivas concesións. A Administración aprobará os correspondentes cadros tarifarios oficiais en euros con anterioridade ó día 20 de decembro de 2001.

Os indicados cadros tarifarios, referidos á integridade dos servicios concesionais, obteranse de lle aplicar á tarifa partícipe/empresa anteriormente indicada os tributos que resulten de aplicación, operación coa que se obterá a tarifa usuario; esta tarifa usuario multiplicarase polos quilómetros que correspondan a cada servicio, sumándose á tarifa así obtida, se é o caso, o canon por utilización de estacións de autobuses que resulte esixible.

Tódalas contías obtidas de acordo co anterior serán redondeadas, por exceso ou por defecto, ó sexto decimal máis próximo, e só esta última tarifa, que será a que se incorporará ós correspondentes cadros tarifarios, será redondeada, igualmente por exceso ou por defecto, ó céntimo múltiplo de cinco máis próximo de acordo, no que resulte de aplicación, co establecido polo artigo 11.1º da Lei 46/1998, de introducción do euro.

Artigo 3º

A tarifa mínima esixible obterase de lle aplicar ó mínimo de percepción, establecido en 0,781316 euros para os billetes unitarios e en 0,721215 euros para os abonos multiviaxes, o imposto sobre o valor engadido e, se é o caso, o canon de estación que corresponda, redondeándose a cifra resultante, por exceso ou por defecto, ó céntimo múltiplo de cinco máis próximo.

Artigo 4º

Para facilita-lo seu coñecemento polos usuarios, as empresas prestatarias de servicios públicos regulares permanentes de viaxeiros de uso xeral estarán obrigadas a por á súa disposición, en cada vehículo afecto ó servicio, os cadros tarifarios oficiais en euros

cando menos desde o día 21 de decembro de 2001 e ata o remate do período de convivencia das dúas moedas de curso legal.

Disposicións transitorias

Primeira.-Durante o período de convivencia das dúas moedas de curso legal manterán a súa validez, xunto cos cadros tarifarios oficiais en euros aprobados de conformidade co establecido nesta orde, os cadros tarifarios en pesetas actualmente vixentes, podendo os usuarios efectua-lo pagamento do prezo dos servicios en calquera das dúas moedas oficiais de conformidade co respectivo cadro tarifario. Non resultarán admisibles os pagamentos mixtos, nos que se combinen billetes ou moedas en euros e máis en pesetas.

Segunda.-Igualmente, durante o período de convivencia do euro e da peseta, e respecto de calquera servicio de transporte público de viaxeiros que se desenvolva en Galicia para o que se estableza un prezo igual ou inferior a un euro ou o seu equivalente en pesetas, os prestadores non terán obriga de lle admiti-la súa utilización a ningún usuario que non efectúe o pagamento do seu importe exacto; os prestadores de tales servicios terán a obriga de expoñer previamente no interior dos vehículos, xunto, se é o caso, cos cadros tarifarios, o acordo de non admisión de usuarios ó que se fai referencia nesta norma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Transportes para dictar cantas instruccións sexan precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2001.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda