Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Xoves, 17 de xaneiro de 2002 Páx. 615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 28 de decembro de 2001 pola que se convocan e aproban as bases polas que se regula a concesión de axudas para levar a cabo programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios de familia, infancia e mocidade, e o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, e o Decreto 202/2000, do 21 de xullo, atribúenlle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, establece, no seu artigo 15 a), como unha medida de prevención de posibles situacións de risco, o apoio á infancia e á adolescencia a través de medidas técnicas dirixidas a cubri-las necesidades básicas e a mellora-lo contorno familiar.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que vaia existir crédito axeitado e suficiente para o gasto que se vai efectuar.

Nos orzamentos xerais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o exercicio 2002 normalmente vai existir crédito axeitado e suficiente, na aplicación orzamentaria 14.02.212A.460.0 para as axudas que se establecen nesta orde, reservándose para tal efecto un crédito de 657.086,53 euros (109.329.999 pesetas), que poderá verse incrementada coas achegas doutras administracións públicas para o mesmo fin.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve, constitúen a normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos que se esixan na Lei de orzamentos xerais da comunidade galega para o ano 2002.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar e aproba-las bases polas que se rexe a concesión das axudas e subvencións para o financiamento de programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais, ben a través dos seus servicios sociais ou ben por equipos profesionais creados para esta finalidade.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar axudas aquelas corporacións locais que, estando inscritas no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, presenten un programa de educación familiar consistente na intervención, por parte de persoal especializado, en familias que se atopen en situacións de risco de marxinación social, co obxecto de facilitárlle-la adquisición de habilidades de atención, coidado e educación necesarias para o axeitado desenvolvemento dos menores (pautas de alimentación, hixiene, educativas, habilidades sociais, etc.), así como a capacidade de autoorganización do núcleo familiar.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) As corporacións locais deberán participar no financiamento do programa cun 30% do seu orzamento total. Para tales efectos a corporación local presentará certificación acreditativa de que nos seus orzamentos

existe partida orzamentaria suficiente para esta finalidade. No caso de que a contía subvencionada sexa inferior ó orzamento total que inicialmente consta na solicitude, o tanto por cento que achegará a corporación local poderase reducir en igual medida.

b) Daráselles prioridade ós proxectos que sexan continuación dun programa subvencionado no ano anterior e que fosen avaliados positivamente.

c) Daráselles prioridade ós proxectos que contraten o mesmo educador que en anos anteriores e que desenvolvan a actividade ininterrompidamente durante todo o ano, de ser posible en xornada de mañá e tarde. Este profesional deberá ter unha das seguintes titulacións: diplomado en EXB, psicólogo, pedagogo, psicopedagogo, educador social ou traballador social.

d) Terán prioridade aquelas corporacións que colaboren coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude noutras iniciativas, especialmente as que desenvolvan programas para a execución de medidas xudiciais de servicios en beneficio da comunidade e liberdade vixiada, no ámbito de menores.

e) Valoraranse especialmente os proxectos que abrangan o maior número de beneficiarios posible, así como aqueles nos que, na súa execución, participen asociacións de voluntariado social.

f) A suma de subvencións outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados para a execución do programa en ningún caso poderá superar o 100% do importe total do gasto efectuado.

g) Os programas que se presenten deberán axustarse ás instruccións establecidas no anexo II desta orde.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude formularase segundo o modelo oficial que se achega como anexo I a esta orde, que deberá ir acompañada do proxecto do programa e unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para este mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

Esta documentación presentarase nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación dos expedientes.

As respectivas delegacións provinciais comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos nesta orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta ou os documentos preceptivos para poder completa-lo expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de dez días, terase por desistida a súa petición, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

Así mesmo, realizarase o trámite de audiencia nos termos previstos no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Correspóndelle ó delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, por proposta da comisión de valoración, a resolución destas axudas por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de conformidade co establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. A antedita resolución terá lugar no prazo de 3 meses, contados a partir do día seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e seralle notificada á corporación local pola delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: o/a xefe/a de Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación provincial designados polo/a delegado/a provincial. Actuará como secretario un dos vocais. Poderá asistir con voz pero sen voto un representante da intervención territorial.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdicción contencioso-administrativa competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da dita resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Non obstante, as corporacións locais poderán requirir previamente ante o delegado provincial a anulación, revogación ou modificación da resolución mediante escrito razoado, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación. O requirimento entenderase rexeitado se non se contestara dentro do mes seguinte á súa recepción.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación.

2. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido no artigo 16.2º.un do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación de inicio de actividades, librándose o 20% restante unha

vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local esixida no artigo 3º a) desta orde. Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro pagamento do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da corporación do inicio das actividades.

b) Ata o 80% do total concedido (o seguinte 50% da subvención despois do anticipo) mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos que deberán incluí-lo recibido en concepto de anticipo, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida máis a achega da corporación local esixida no artigo 3º a) desta orde; neste caso, procederase ó aboamento do 100% da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local esixida no artigo 3º a) desta orde.

En todo caso, a dita corporación deberá emitir, no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando o destino final para o que foi concedida.

3. Aquelas corporacións locais que, ó abeiro da orde desta consellería do 1 de febreiro de 2001, obtivesen subvención para o mesmo programa que se conceda mediante esta orde, para poder percibi-lo anticipo a que se refire o punto 2 deste artigo, deberán ter xustificado previamente a totalidade da subvención concedida para o ano 2001.

4. Coa última certificación do gasto, xuntarase unha memoria xustificativa da execución do programa de acordo co modelo que figura no anexo III, así como unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas e concedidas, como as pendentes de resolución, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 8º.-Seguimento do programa.

1. Correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a facultade de supervisión e control sobre a execución e o destino da axuda á finalidade para a que se concedeu, podendo levarse a cabo comprobacións directas sobre a execución do programa.

2. As corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitirlle a calquera órgano competente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude cantos informes e documentos se consideren precisos para acredita-lo cumprimento da finalidade da subvención concedida. Así mesmo, deberán facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Nos casos en que fose necesaria a coordinación con outros programas asistenciais ou sociais xa existentes, os órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, poderán solicita-la efectiva colaboración do persoal encargado da execución dos programas de educación familiar.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para este fin.

As actuacións que se subvencionan deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2002.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde ou a concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ó réxime disciplinario previsto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Cuarta.-Apróbase a delegación de competencias da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais desta consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral da Familia para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA