Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 06 de febreiro de 2002 Páx. 1.403

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2002 pola que se convoca un curso sobre primeiros auxilios e excarceración.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dota-lo colectivo voluntario de Protección Civil de Galicia dos coñecementos e destrezas necesarios en primeiros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.

Segunda.-Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente superasen o curso básico de protección civil e o curso de 2º nivel de accidentes na estrada, tendo prioridade os membros das A.V.P.C. que teñan equipos de excarceración.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso será de 27.

2. Duración e datas.

O curso terá lugar durante o ano 2002, cunha duración de 40 horas lectivas.

O curso realizarase nas datas 7, 8, 9, 13 e 14 de maio.

O horario será de 9.30 a 14 horas e de 16 a 19.30 horas.

3. Lugar: o curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, na Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta en tódolos seus recadros á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionadas en orde prioritario. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias serán enviadas por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel tratarase, entre outros, os seguintes temas:

a) O accidente de tráfico. Sinalización, regulación e avaliación de riscos.

b) Primeiros auxilios. Queimaduras. Traumatismos cranioencefálicos, da columna e torácico-abdominais. Fracturas, escordaduras e contusións.

c) A asistencia de emerxencias na nosa comunidade. Transporte do lesionado.

d) Excarceración de víctimas atrapadas no interior de vehículos accidentados.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase con quince días de antelación á celebración do curso, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada ó mesmo e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 17 de xaneiro de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA