Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 07 de febreiro de 2002 Páx. 1.453

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2002 pola que se convoca un curso de segundo nivel de perfeccionamento ó salvamento e socorrismo acuático.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de 2º nivel de perfeccionamento ó salvamento e socorrismo acuático, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil de Galicia que asiste ó curso dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teñan encomendadas, adquirindo unha maior destreza e coñecementos suficientes no salvamento e socorro de persoas en situacións difíciles.

Segunda.-Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superase o curso básico de protección civil e teñan dominio dos tres estilos de natación seguintes: crol, braza e costas e superasen a proba de nadar 200 m en 4 minutos e medio e desprazarse baixo a auga 25 metros.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 27.

2. Duración e datas:

O curso comezará o día 1 de xuño e rematará o 30 de xuño, cunha duración de 40 horas lectivas e impartíndose en fins de semana.

O horario será de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas, tendo en conta a dispoñibilidade da piscina.

3. Lugar: o curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, na Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse diversos temas relacionados cos seguintes apartados:

a) Introducción. Concepto xerais.

b) Salvamento acuático.

c) Primeiros auxilios.

d) Proba de superación do curso.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase con quince días de antelación á celebración do curso, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el e superen as correspondentes probas prácticas.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 17 de xaneiro de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA