Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 12 de febreiro de 2002 Páx. 1.650

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE conxunta do 30 de xaneiro de 2002, da Consellería de Sanidade, a Consellería de Asuntos Sociais e o Servicio Galego de Saúde, de modificación da Orde conxunta do 11 de decembro de 2001 pola que se regula o establecemento de subvencións para a realización de programas destinados a prestarlles atención ós enfermos mentais crónicos nos dispositivos de apoio comunitario dependentes das asociacións de familiares de enfermos psíquicos e outras entidades sen ánimo de lucro.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de seguridade social.

De conformidade co Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, modificado polo Decreto 69/2001, do 22 de marzo, correspóndenlle a esta competencias en materia de servicios sanitarios e sociais, de acordo co establecido no Estatuto de Autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

O Decreto 347/1997, do 9 de decembro, conforme co disposto nos artigos 15 e 18 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, estableceu unha nova estructura orgánica do Goberno de Galicia. Posteriormente, o Decreto 351/1997, do 10 de decembro, fixou a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, estructurando, no seu artigo 8 b), o Servicio Galego de Saúde, que entre as súas competencias ten atribuídas a promoción da saúde mental, a proposta e xestión dos plans e programas nesta materia no ámbito da Comunidade Autónoma e a coordinación dos dispositivos dedicados á saúde mental.

Co fin de non interrompe-la asistencia ós diferentes usuarios, tramitouse unha orde anticipada de gasto, con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.01.311A.480.0, 5001.2223.480.0, 11.03.212D.484.1, sendo que esta última correspondía á Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Como consecuencia da creación da Consellería de Asuntos Sociais polo Decreto 310/2001 do 17 de decembro, é necesario proceder a unha modificación de diferentes aspectos da Orde do 11 de decembro de 2001, conxunta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde, pola que se regula o establecemento de subvencións para a realización de programas destinados a prestarlles atención ós enfermos mentais crónicos nos dispo-

sitivos de apoio comunitario dependentes das asociacións de familiares de enfermos psíquicos e outras entidades sen ánimo de lucro, motivo polo cal se realizan as modificacións contidas nesta orde.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de acordo co establecido nos artigos 78.3º e 78.6º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias de función pública e de actuación administrativa, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ó que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícanse os artigos 8 e 10, así como a disposición derradeira primeira, da Orde conxunta do 11 de decembro de 2001, que quedan redactados como segue:

«Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Completados os expedientes, serán remitidos, para o seu informe preceptivo á comisión de valoración, a cal efectuará a proposta de resolución.

Para tal efecto constituirase unha comisión composta polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector xeral do Programa de Atención Sociosanitaria ou persoa en que delegue.

b) Vocais:

-Subdirector xeral de Atención a Persoas con Discapacidade ou persoa en que delegue.

-Xefe de Programas para Discapacitados ou persoa en que delegue.

-Xefe do Servicio de Saúde Mental do Sergas ou persoa en que delegue.

c) Secretario: xefe de área do Programa de Atención Sociosanitaria no tema da saúde mental ou persoa en que delegue.

Artigo 10º.-Resolución e formalización das subvencións.

1. Completo o expediente, o secretario xeral da Consellería de Sanidade e o secretario xeral da Consellería de Asuntos Sociais, por delegación, procederán á súa resolución, no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria, trala proposta da comisión, e logo da súa fiscalización pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

2. Transcorrido o prazo máximo para resolve-lo procedemento, sen que recaese resolución expresa, poderase entender desestimada a concesión da subvención.

3. Delégase nos secretarios xerais destas consellerías a facultade para autorizar e dispoñer dos gas

tos previstos por esta orde, así como para propoñe-la ordenación dos pagamentos correspondentes.

4. As resolucións dictadas serán motivadas e notificaránselle ós interesados para a execución da subvención outorgada.

5. Poderán ser modificadas as devanditas resolucións no caso de alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvención ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. O importe das subvencións outorgadas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

7. As resolucións recaídas poñerán fin á vía administrativa e poderán ser impugnadas potestativamente en reposición, ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes, se o acto é expreso, ou tres meses se non o é, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición derradeira

Autorízase os secretarios xerais das consellerías de Sanidade e Asuntos Sociais para dictaren as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde».

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2002.

José Mª Hernández CochónCorina Porro Martínez

Conselleiro de Sanidade Conselleira de Asuntos Sociais