A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina no seu artigo cuarto, que se entende por currículo o conxunto de capacidades terminais, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada un dos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades nos que se organiza a práctica educativa. Sobre esta base efectúase un dobre reparto competencial, polo que se atribúe por unha parte ó Goberno fixa-los aspectos básicos do currículo que constituirán as ensinanzas mínimas en todo o Estado, coa finalidade de garantir unha formación común de tódolos alumnos e a validez dos títulos correspondentes e, por outra, atribúe ás administracións con competencia en materia educativa o establecemento do currículo do que formarán parte as ditas ensinanzas mínimas.
Polo tanto, unha vez publicado o Real decreto 676/1993, do 7 de maio, polo que se establecen as directrices xerais sobre os títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas de formación profesional, definidas as ensinanzas mínimas correspondentes ó título de técnico superior de artes plásticas e deseño en moblaxe polo Real decreto 1388/1995, do 4 de agosto, e tendo en conta o establecido no Real decreto 389/1992, do 15 de abril, sobre os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, procede establece-lo currículo do dito ciclo formativo para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Cómpre asegurar no alumnado unha formación artística de calidade e garanti-la cualificación dos futuros profesionais das artes plásticas e deseño. Por iso o currículo inclúe, ademais dos coñecementos académicos vinculados á ensinanza máis tradicional, outros aspectos inherentes á formación profesional e que permitan a incorporación dos mozos e mozas á vida activa, cun grao de formación que lles permita adaptarse ás modificacións que poidan producirse ó longo da súa vida e que contribúa á formación permanente dos cidadáns ó tempo que atende as demandas de cualificación do sistema productivo, e tendo en conta as necesidades de desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa dimensión no fomento do noso patrimonio cultural.
As ensinanzas de artes plásticas e deseño están constituídas por un conxunto de ciclos formativos cunha organización modular variable tanto na duración destes como na diversidade de áreas de coñecemento teórico-prácticas en función dos distintos campos profesionais. As capacidades terminais dos distintos módulos profesionais, definidos neste decreto, describen o comportamento conxunto do alumnado en termos de resultados avaliables que se requiren para acada-los aspectos básicos da com
petencia xeral. Estes aspectos básicos aseguran unha cualificación común do titulado, garantía do título en todo o Estado e de correspondencia europea das cualificacións outorgadas ós alumnos.
Os contidos curriculares non teñen que ser interpretados como unidades temáticas nin, por tanto, necesariamente organizados na mesma orde na que aparecen nesta norma, precisando, polo tanto, dunha ulterior concreción por parte do equipo de profesores que, coa necesaria flexibilidade, programarán interdisciplinarmente as secuencias de aprendizaxe, destacando nos ámbitos artísticos, técnicos e naqueles específicos do ámbito profesional do alumno, os contidos de maior significación cara ó desenvolvemento cualificado das actividades profesionais. Esta concreción ten que referirse principalmente ás liñas xerais de aplicación dos criterios de avaliación, á metodoloxía e ás actividades de carácter didáctico. Finalmente, cada profesor, no marco deste proxecto, realizará a súa propia programación, recollendo os procesos educativos que se propón desenvolver na aula.
Os criterios de avaliación establecen o tipo e grao de aprendizaxe que se espera que acaden os alumnos nun momento determinado, respecto das capacidades indicadas nos obxectivos xerais e nos específicos de cada módulo. O nivel de cumprimento destes obxectivos, en relación cos criterios de avaliación fixados, debe ser medido con flexibilidade, tendo en conta as características e posibilidades dos alumnos.
A incorporación ós ciclos formativos de fases de formación práctica e do proxecto final é un elemento fundamental na construcción deste modelo formativo. A colaboración de profesionais, entidades e institucións contribuirá á concreción de proxectos educativos que anticipen solucións reais no mundo laboral.
Para completa-lo currículo, o centro docente dispón dun determinado número de horas lectivas que, xunto co módulo de formación en centros de traballo, permitirán a súa adaptación tendo en conta as características do alumnado ás necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo.
Asemade, este decreto regula o acceso a este ciclo formativo, por medio dunha proba específica que deberá avalia-los coñecementos e as aptitudes necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes a este ciclo, ó tempo que establece os requisitos de acceso a estes estudios.
En virtude de todo iso, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xaneiro de dous mil dous,
DISPOÑO:
I. Título, perfil e currículo
Artigo 1º.-Identificación do título.
1. Este decreto regula o currículo das ensinanzas do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao superior de moblaxe, pertencente á familia de
deseño industrial, correspondente ó título de técnico superior de artes plásticas e deseño en moblaxe, de acordo co establecido no punto 3º do artigo 4 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo e integra o establecido no Real decreto 1388/1995, do 4 de agosto, polo que se regulan as ensinanzas mínimas do dito ciclo formativo.
2. A denominación, nivel de formación profesional e duración deste ciclo formativo son os que se establecen no punto 1 do anexo deste decreto.
Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.
Este decreto será de aplicación no ámbito territorial de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Artigo 3º.-Perfil profesional.
A competencia e as capacidades profesionais, as tarefas máis significativas e o campo profesional, que definen o perfil profesional do título son os que se establecen no punto 2 do anexo deste decreto.
Artigo 4º.-Currículo do ciclo formativo.
1. Para os efectos do disposto neste decreto, enténdese por currículo do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao superior de moblaxe o conxunto de capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación que regularán a práctica docente neste ciclo formativo, as fases de formación práctica en empresas, estudios e talleres, así como o proxecto final.
2. Os obxectivos xerais do ciclo formativo de grao superior de moblaxe son os que se establecen no punto 3.1. do anexo deste decreto.
3. As capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos módulos correspondentes ó ciclo formativo ó que se refire este decreto, a súa distribución en cursos e os tempos lectivos, así como o proxecto final e a fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres son os que se establecen nos puntos 3.2., 3.3. e 3.4. do anexo deste decreto.
II. Ordenación académica e impartición
Artigo 5º.-Ordenación académica das ensinanzas.
1. As presentes ensinanzas organízanse en módulos; fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e proxecto final.
2. Para os efectos do disposto neste decreto, o concepto módulo considerarase equivalente ós/os termo materia teórica, materia teórico-práctica e clases prácticas ós que se refire o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas.
Artigo 6º.-Admisión do alumnado.
Os criterios de admisión do alumnado para acceder a este ciclo formativo en centros sostidos con fondos públicos son os que se expresan no punto 4.1. do anexo deste decreto.
Artigo 7º.-Avaliación.
1. A obtención do correspondente título requirirá a avaliación positiva das distintas capacidades nas que se estructura a ensinanza impartida no centro
educativo: dos módulos, das fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, así como do proxecto final.
2. A organización e avaliación da fase de formación práctica en empresas e do proxecto final é a que se expresa nos puntos 4.2. e 4.3. do anexo deste decreto.
Artigo 8º.-Profesorado.
As especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos que compoñen este título son as que se expresan no punto 4.4. do anexo deste decreto.
Artigo 9º.-Espacios e instalacións.
Os requisitos de espacios e instalacións que deben reuni-los centros educativos para a impartición do presente ciclo formativo son os que se determinan no punto 4.5. do anexo deste decreto.
Artigo 10º.-Relación numérica profesor/alumno.
De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica profesor/alumno, que se determina no punto 4.6. do anexo deste decreto.
Artigo 11º.-Correspondencias.
1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá recoñece-la correspondencia coa práctica laboral dos módulos que se indican no punto 4.7. do anexo deste decreto.
Así mesmo, poderá quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionada con este ciclo formativo.
Artigo 12º.-Distribución horaria.
1. Os módulos profesionais deste ciclo formativo organizaranse segundo se establece no punto 4.8. do anexo deste decreto.
2. As horas de libre disposición que se inclúen neste punto serán utilizadas polos centros educativos para reforzar, nos módulos asociados a unidades de competencia, as capacidades da formación profesional de base ou de formación profesional específica, para lles dar resposta ás características do alumnado e ter en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo.
Artigo 13º.-Proxecto curricular.
1. Os centros docentes concretarán e complementarán o currículo do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao superior de moblaxe mediante a elaboración de proxectos curriculares para o dito ciclo.
2. O proxecto curricular de centro deberá conter unha adecuación dos obxectivos xerais deste ciclo ás características do alumnado, criterios metodolóxicos de carácter xeral en relación co proceso de avaliación, así como en materia de diversificación curricular.
3. O proxecto curricular do centro incluirá, así mesmo, a distribución das capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación do ciclo formativo, incluídos os programas de cada materia. A dita distribución non deberá variar para un mesmo grupo de alumnos ó longo do dito ciclo.
4. O proxecto curricular do centro formará parte da programación da súa actividade docente e incorporarase á programación xeral correspondente.
5. Os profesores desenvolverán programacións da súa actividade docente de acordo co currículo e co proxecto curricular do centro.
Disposición transitoria
Única.-Ata que se determinen as novas especialidades docentes, a competencia do profesorado pertencente ós corpos de profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño para a impartición de cada módulo queda definida pola súa pertenza ás especialidades que se indican no punto 4.4. do anexo deste decreto. Non obstante, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no seu ámbito de competencia e durante o mesmo período transitorio, poderá autoriza-la impartición de determinados módulos a aqueles docentes que, no momento da promulgación deste decreto, se encontrasen impartindo materias equivalentes da anterior ordenación, sempre que acrediten preparación para isto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do establecido neste decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vintecatro de xaneiro de dous mil dous.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO
1. Identificación do título.
-Denominación: técnico superior de artes plásticas e deseño en moblaxe.
-Nivel: grao superior de artes plásticas e deseño.
-Duración: 1.900 horas.
2. Perfil profesional.
2.1. Competencia xeral:
Deseñar, proxectar e realizar proxectos e prototipos, organizando a producción dentro do taller ou empresa, con criterios que permiten valorar e reproducir modelos históricos.
2.2. Capacidades profesionais:
* Proxectar e coordinar procesos técnicos e artísticos de realización.
* Proxectar e realizar obras que posúan rigor técnico e sensibilidade expresiva, a través do desenvolvemento da súa personalidade artística, as súas facultades e a súa cultura plástica.
* Realizar traballos, a través dos procesos tecnolóxicos tradicionais e actuais, relacionados coa súa actividade artística profesional.
* Desenvolver traballos de investigación de formas cun enfoque pluridisciplinar.
* Analiza-la organización e características do ámbito da súa profesión, así como os mecanismos de inserción profesional básica, e coñece-la lexislación profesional básica e os mecanismos de prevención de riscos laborais.
2.3. Tarefas máis significativas:
* Traballar dentro da empresa, como interlocutor entre a empresa e outros profesionais de rango superior.
* Traballar como profesional libre, ofrecendo novas ideas de deseños de mobles ou resolvendo problemas concretos dentro do proceso productivo.
* Realizar traballos en equipo, estudios ou talleres con posibilidades de xestión e coordinación.
* Realizar tarefas de mantemento e conservación da moblaxe tradicional, nos seus aspectos técnicos, así como reproducir modelos históricos.
* Crear novos deseños de mobles, adaptándose á filosofía e características competitivas da empresa.
* Realizar prototipos dentro do departamento da empresa ou como autónomo.
2.4. Campo profesional:
Este profesional estará capacitado para exerce-la súa actividade para empresas do sector moblaxe:
* Moblaxe de fogar.
* Moblaxe de oficinas.
* Moblaxe de cociñas.
* Tapicería.
* Mobles auxiliares (lámpadas, obxectos, etc.).
* Conservación e reproducción de modelos históricos.
* Decoración.
O profesional deste nivel poderá realiza-lo seu traballo como autónomo (desde a súa propia empresa, taller ou estudio) ou poderá traballar como empregado dentro dunha empresa que necesite os seus servicios dunha forma constante, nalgún departamento específico (creación, prototipos, producción, etc.).
Este profesional terá unha visión ampla, técnica, humanística e práctica que lle permita inserirse en áreas específicas do proceso productivo do sector do moble:
* Como pequeno empresario, creando, producindo e comercializando os seus propios mobles.
* Como profesional independente, asesorando talleres e empresas, tanto en organización productiva como en oferta de ideas.
* Dentro dalgún departamento de imaxe e estudio do mercado, en empresas de mobles ou de materias primas.
Todos estes campos poden desenvolverse en grandes ou pequenas empresas, talleres ou empresas auxiliares do sector.
3. Currículo.
3.1. Obxectivos xerais do ciclo formativo:
* Analizar e desenvolve-los procesos básicos de realización do deseño de moblaxe.
* Utiliza-las diferentes técnicas e estilos utilizados no campo do deseño de moblaxe.
* Valorar de forma idónea as necesidades formuladas na proposta de traballo, así como os aspectos plásticos, artísticos, técnicos, organizativos e económicos, para configura-lo proxecto e selecciona-las especificacións plásticas e técnicas oportunas para conseguir un óptimo resultado no seu traballo profesional.
* Resolve-los problemas artísticos e técnicos que se presenten durante o proceso de realización do deseño de moblaxe.
* Analiza-las especificacións técnicas do material utilizado no traballo, organizando as medidas para o seu mantemento periódico preventivo.
* Investiga-las formas, materiais, técnicas e procesos creativos e artísticos relacionados co deseño de moblaxe.
* Comprende-lo marco legal, económico e organizativo que regula e condiciona a actividade profesional no campo do deseño de moblaxe.
* Utiliza-las medidas preventivas necesarias para que os procesos de realización utilizados non incidan negativamente no medio.
* Analizar, adaptar e, de se-lo caso, xerar documentación artístico-técnica imprescindible na formación e adestramento de profesionais do sector.
* Seleccionar e valorar criticamente as situacións plásticas, artísticas, técnicas e culturais derivadas do avance tecnolóxico e artístico da sociedade, de forma que lle permitan desenvolve-la súa capacidade de autoaprendizaxe co fin de evolucionar adecuadamente na profesión.
* Aplicar métodos de análise de proceso e óptimo aproveitamento de tempos na xestión do traballo.
3.2. Capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos diversos módulos:
3.2.1. Módulo 1: debuxo artístico e comunicación gráfica:
Capacidades terminais
* Representar e reproducir graficamente os obxectos do contorno, segundo os distintos métodos plásticos e técnicos.
* Plasmar graficamente as ideas de deseño de mobles mediante unha linguaxe plástica e artística, utilizando bosquexos á man alzada, esbozos acoutados, planos técnicos con tódalas vistas, detalles constructivos e perspectivas e ilustracións gráficas.
* Aplica-la cor ó deseño de mobles, tendo en conta os principios da teoría da cor e os materiais cos que se vai fabrica-lo moble.
Contidos
* Análise de formas. Percepción e psicoloxía da forma. Teoría do campo. Leis da Gestal.
* Debuxo do natural. Estudio de volumes e sombras. Composición.
* Deseño gráfico. Conceptos básicos. Síntese da imaxe, técnicas e materiais.
* Cor. Teoría da cor. Texturas. Simboloxía da cor. Códigos cromáticos.
* Física da cor. A cor na arquitectura e no moble.
* Ilustración. Técnicas básicas de ilustración.
Criterios de avaliación
* Valorarase a correcta representación de mobles de forma que se poidan realiza-los prototipos mediante:
-Bosquexos á man alzada e esbozo acoutados.
-Planos técnicos con tódalas vistas, detalles constructivos e perspectivas para a total comprensión do obxecto.
-Ilustracións gráficas.
* A utilización correcta da terminoloxía, os conceptos e coñecementos utilizados na linguaxe visual artística.
* A creatividade e a sensibilidade artística demostrada no traballo.
3.2.2. Módulo 2: historia do moble:
Capacidades terminais
* Describi-la concepción visual de ámbito histórico, económico, social e cultural en que se desenvolve o mundo da moblaxe.
* Valora-los factores que converxan na expresión artística.
* Analiza-lo pasado e o presente nas realizacións propias da especialidade elixida.
Contidos
* Concepto de moble e de amoblamento: funcionalidade, valores xerárquicos e reflexo da personalidade individual. Materiais tradicionais e actuais. Elementos estructurais e ornamentais. Carpintería e ebanistería. Relación entre o moble e o espacio arquitectónico.
* O moble no mundo antigo. Exipto: caracterización técnica, estructural e decorativa dos seus mobles. Fontes iconográficas para o coñecemento dos exemplares de Asia occidental. As formas de vida de Grecia e de Roma e o seu reflexo no moble: ambientación da vivenda grecorromana.
* Repertorios para o coñecemento do moble da Alta Idade Media: factores sociais, xerárquicos e relixiosos que o configuran. O hábitat e o seu acondicionamento interno. A sociedade baixomedieval: moble relixioso e moble civil; avances técnicos, fórmulas estructurais e decorativas. Ambientes señoriais e vivenda burguesa. Valoración do moble mudéxar.
* A época do Humanismo: novas formas de vida e confort. Sentido espacial e concepto de moble. Vivenda mediterránea e vivenda nórdica. Contribucións italianas ás tipoloxías e á gramática ornamental do moble renacentista. Peculiaridades nacionais. Proxectistas europeos do moble e organización gremial.
* Integración do moble no concepto espacial Barroco. O mundo palaciano francés e a súa dictadura estética: difusión do versallesco. Grandes moblistas do estilo Luís XIV. Plenitude da ebanistería no Rococó: formas e pautas ornamentais; influencia dos moblistas de corte. O moble non cortesán. A sociedade inglesa: reflexo das súas formas de vida sobre a ambientación doméstica. Mobles, moblistas e a súa repercusión.
* O novo clasicismo e a paixón arqueolóxica. Formulacións francesas e inglesa. Consecuencia da Revolución Francesa e do industrialismo para a sociedade e a vivenda europeas. Tendencia eclécticas. O moble de serie. Intentos renovadores da fin do século.
* Postulados integristas de Art Nouveau: conceptos ornamentais, ambientais e o seu reflexo no moble. Asociacións continentais e definidores da estética industriais. O período de entreguerras: avances tecnolóxicos, novos materiais e acomodación ambiental e do moble ás novas estructuras sociais. Realización Art Decó. Trascendencias dos conceptos da Bauhaus para unha caracterización estética do século XX. O moble de arquitectura. Interiores e mobles nórdicos.
* A estética posterior á Segunda Guerra Mundial. Necesidades actuais da vivenda e a súa ambientación. Principais tendencias do deseño do moble. A modulación. Moble artesanal e moble popular.
Criterios de avaliación
* Capacidade de percepción visual razoada e científica das artes aplicadas ó deseño de moblaxe, da súa evolución no tempo e do contexto histórico-social en que foi concibida e realizada.
* Capacidade para organizar, relacionar, interpretar adecuadamente e manifestar sensibilidade ante conceptos sobre categorías estéticas do ámbito de moblaxe.
* Uso habitual dunha terminoloxía específica correcta.
3.2.3. Módulo 3: xeometría descritiva:
Capacidades terminais
* Seleccionar adecuadamente o sistema de representación para utilizar en función das características específicas do obxecto ou da especialidade.
* Representar obxectos tridimensionais nos distintos sistemas coa precisión e corrección suficientes.
* Interpretar correctamente calquera proxecto técnico relacionado coa profesión.
* Elaborar proxectos de obxectos planos e tridimensionais relacionados coa especialidade, utilizando os sistemas de representación máis adecuados e aplicando correctamente as técnicas gráfico-plásticas.
Contidos
* Elementos e linguaxe do espacio: os sistemas de representación e a súa aplicación práctica.
* Descrición da forma plástica: sistemas de representación: diédrico, axonométrico, cónico, planos acoutados, etc.
* Proxectación.
* Incidencia dos conceptos da xeometría descritiva na expresión artístico-plástica.
* Presentación de traballos.
* Reproducción de planos e documentos.
* Normalización.
Criterios de avaliación
* Correcta concepción e visión espacial do obxecto.
* Claridade na realización gráfica: bosquexos, acoutación, rotulación, etc.
* Capacidade para interpretar ou executar calquera plano técnico, quedando co esencial deste para podelo traducir ás relacións volumétricas ou tridimensionais e viceversa.
* Capacidade de representación espacial por medio da aplicación dos coñecementos adquiridos en tódolos sistemas de representación.
* Capacidade para desenvolver proxectos individualmente ou en colaboración con outras persoas, utilizando as técnicas apropiadas.
* Idoneidade dos sistema ou sistemas elixidos para a representación e desenvolvemento do proxecto.
* Correcto desenvolvemento e presentación do proxecto interdisciplinar.
* Aplicación de técnicas gráficas na realización dos debuxos (tinta, cor, tramas, aerógrafo, etc.).
* Sensibilidade artística e creatividade demostradas no traballo.
3.2.4. Módulo 4: deseño asistido por ordenador:
Capacidades terminais
* Manexar correctamente o programa de debuxo CAD para elaborar proxectos de dúas dimensións relacionados coa especialidade.
* Manexa-las ferramentas informáticas de CAD-CAM para introduci-las correspondentes ordes de fabricación segundo os deseños realizados.
* Manexa-lo programa CAD para configurar obxectos ou espacios tridimensionais, segundo a especialidade, con aparencia real (utilizando os materiais, as texturas e a iluminación máis adecuadas).
* Manexa-lo programa CAD para realizar animacións espaciais dos obxectos ou espacios creados, coas secuencias e movementos de cámara máis adecuados.
Contidos
* Introducción á informática.
* Sistemas operativos.
* Dispositivos de entrada e saída.
* Introducción ó CAD/CAM.
* Automatización e control de procesos.
* Software de ilustración e deseño.
* Técnicas de modelado 2D e 3D.
* Calidades de render. Imaxe informática. Iluminación. Cámara.
* Planificación de animación 3D.
* Ofimática.
Criterios de avaliación
* O coñecemento e a capacidade do alumno para utilizar correctamente o material e os equipos informáticos.
* A capacidade para selecciona-lo medio informático adecuado, os seus resultados, alcance e posibles combinacións con outros medios.
3.2.5. Módulo 5: materiais e tecnoloxía: moblaxe:
Capacidades terminais
* Analiza-los materiais utilizados na realización da moblaxe segundo as súas características técnicas e aplicacións prácticas.
* Calcula-la resistencia e reacción dos materiais ante os distintos cambios e esforzos a que serán sometidos.
Contidos
* Maximización e minimización sen restriccións: aplicación a problemas de deseño.
* Maximización e minimización con restriccións. Programación lineal: aplicacións a problemas de deseño.
* Métodos estatísticos: aplicacións a problemas de deseño.
* Materiais. Tipos. Características.
* Mecanización dos materiais relacionados co ciclo e a súa aplicación ó moble.
* Utensilios, máquinas e ferramentas.
* Procesos industriais: métodos de fabricación e mantemento. Estudio de procesos avanzados.
* Os novos materiais.
* Aplicación dos materiais pétreos á moblaxe.
* Materiais e utensilios de tapicería.
Criterios de avaliación
* A capacidade para diferenciar calquera material dos que se utilizan na realización dos mobles.
* O coñecemento das características técnicas destes materiais, así como a súa mellor aplicación para unha determinada función.
* A correcta elección do tipo de mecanización máis idóneo para un tipo determinado de material.
* A correcta experimentación con novos materiais dos utilizados na fabricación da moblaxe.
3.2.6. Módulo 6: ergonomía e antropometría:
Capacidades terminais
* Analiza-la relación entre a persoa, a máquina e o obxecto.
* Analiza-lo corpo humano, as súas proporcións e movementos, e a súa relación cos obxectos que usa e co contorno ou área que o rodea.
Contidos
* Morfoloxía do corpo humano. Proporcións. Idades.
* Espacios humanos. Hábitat.
* O corpo e o contorno.
* Función do corpo humano.
* Adaptación do medio ás medidas humanas.
* Sistema neurofisiolóxico.
Criterios de avaliación
* O coñecemento das características fisiolóxicas do corpo humano, así como as súas proporcións, movementos e desprazamento.
* A capacidade para aplicar estes coñecementos nas medidas e formas dos mobles deseñados.
3.2.7. Módulo 7: taller de modelismo:
Capacidades terminais
* Analiza-las técnicas para a realización de prototipos segundo os diferentes oficios da profesión.
* Describi-las ferramentas, máquinas e materiais necesarios para a realización de traballos volumétricos e maquetas, así como o seu funcionamento e normas de seguridade.
* Desenvolver detalles constructivos para a súa posible utilización no deseño de moblaxe (encastres en madeira, soldaduras, pregaduras en metal, etc.).
* Realizar tipoloxías constructivas novas.
Contidos
* Historia da tecnoloxía.
* Orixe e evolución dos obxectos.
* Evolución das máquinas.
* Forma, función e estructura.
* Deseñador. Producto. Consumidor.
* Metodoloxías desde a primeira idea ó obxecto (moble) acabado.
* Semioloxía, cibernética e biónica, aplicacións ó proxecto.
* Aplicacións de ergonomía e antropometría: a relación entre home e máquina. Medidas e comportamento psicolóxico. Confort co obxecto.
* Xeometría operativa.
* Uso de ferramentas e técnicas constructivas básicas.
* Soldaduras, pregaduras (metal), encastres e colas (madeira).
Criterios de avaliación
* Planeamentos intelectuais do proxecto canto ó concepto de ideas.
* Aplicación da metodoloxía do traballo.
* Estudios da forma, partindo da súa estructura ou a súa relación coa natureza (biónica).
* O uso de ferramentas.
* O coñecemento e o uso da linguaxe constructiva; a súa filosofía e significado.
* Creatividade demostrada no traballo.
3.2.8. Módulo 8: proxectos e metodoloxía: moblaxe:
Capacidades terminais
* Analiza-lo proxecto para aplica-la metodoloxía que proporcione estructura ou esquema.
* Realización do proxecto mediante a análise dos elementos que determinan o moble utilizando un proceso racional.
* Utiliza-la documentación histórica e a análise dos datos obtidos na investigación para conseguir solucións novas e creativas.
Contidos
* Sistemas de análise.
* Documentación.
* Bosquexos. Planos executivos de producción. Modelos. Prototipos.
* Normas de representación do proxecto.
Criterios de avaliación
* Defini-lo problema ou proxecto de moble para desenvolver con tódolos compoñentes.
* Analiza-la producción actual de mobles.
* Documentarse historicamente e actualmente.
* Tomar decisións na elección dunha idea.
* Realizar bosquexos. Planos.
* Realiza-las maquetas volumétricas.
* Realizar verificacións sobre maquetas.
* Saber realiza-lo primeiro prototipo ou encargalo a expertos a través de planos.
* Achegar ideas no seu lanzamento e promoción.
* Facer estudios de custos de produccións.
* Elaborar respostas creativas.
3.2.9. Módulo 9: taller de moblaxe:
Capacidades terminais
* Analiza-las características de resistencia, aplicacións e mecanización das madeiras existentes no mercado.
* Utilizar tipos de encastres ou unións para unha posterior aplicación ó moble.
* Describi-la xénese da materia desde o corte da árbore á súa aplicación en mobles.
* Utiliza-las ferramentas, maquinaria e técnicas apropiadas para traballa-la madeira.
* Mellora-las características estéticas da madeira, as texturas, cores das vetas, acabados, vernices e posibles lacados para a súa utilización.
* Elaborar obxectos e mobles en madeira.
Contidos
* Tecnoloxía e tipoloxía das madeiras.
* Normativas e clasificacións da madeira no mercado.
* Máquinas e ferramentas. Coñecemento e uso.
* Ebanistería. Talla artística.
* Carpintería. Encastres.
* A madeira na arquitectura.
* Mobles de madeira.
* Obxectos en madeira.
* Artesanía en madeira.
Criterios de avaliación
* Diferencia-los distintos tipos de madeiras, así como as súas calidades técnicas e estéticas, para a súa mellor utilización.
* O coñecemento teórico-práctico das máquinas que se utilizarán para a súa mecanización.
* A utilización correcta das técnicas de elaboración de obxectos e mobles en madeira.
* A elaboración creativa de obxectos e mobles de madeira.
3.2.10. Módulo 10: formación e orientación laboral:
Capacidades terminais
* Describi-lo marco legal do traballo e interpretando os dereitos e as obrigas que se derivan das relacións laborais.
* Establecer no ámbito laboral as medidas de protección e prevención que correspondan ás situacións de riscos existentes. Determina-las medidas sanitarias básicas e inmediatas no caso de accidente.
* Identifica-las formas e procedementos de inserción, permanencia e promoción na realidade laboral como traballador por conta propia e por conta allea, e localiza-las axudas que prestan as institucións e organismos autonómicos, estatais e comunitarios á inserción laboral.
* Adquiri-las habilidades necesarias para o fomento de iniciativas dirixidas ó traballo en grupo.
* Interpreta-los datos da estructura socioeconómica galega e española para poder coñece-la situación actual e as perspectivas do sector a nivel autonómico, estatal e comunitario.
* Explica-la organización e a xestión dunha pequena e mediana empresa do sector interpretando os parámetros económicos que a determinan.
* Desenvolver actitudes de participación e colaboración que favorezan o logro dos obxectivos da empresa.
* Describi-los instrumentos xurídicos, empresariais e profesionais propios da especialidade co obxecto de coñece-los dereitos e asumi-las obrigas que se derivan do labor profesional.
* Descubri-la realidade socio-laboral, cultural e técnica, desde a experiencia dos profesionais, co obxecto de adquiri-los coñecementos complementarios necesarios para a práctica da profesión.
Contidos
Comúns:
* O marco xurídico das relacións laborais: Estatuto dos traballadores e regulamentación específica do sector.
* Localización da normativa aplicable en materia de seguridade tanto para a empresa como para os traballadores
* Condicións de traballo e seguridade. Medidas de prevención e protección. Primeiros auxilios.
* O proceso de busca de emprego. O traballo asalariado, na Administración e por conta propia. A empresa social.
* Organismos e institucións autonómicos, estatais e comunitarios que prestan asesoramento á inserción laboral. Axudas económicas á iniciativa empresarial.
* Conceptos básicos de economía e mercadotecnia.
* Iniciativas para o traballo por conta propia: o plan de empresa, plan de viabilidade, tipos de empresas e constitución dunha empresa.
* A empresa: o seu funcionamento económico. Obtención de recursos. Organización da producción e comercialización dos seus productos. Interpretación do estado das contas anuais. Obrigacións xurídicas e fiscais.
Dereito específico:
* Protección ó deseño: propiedade intelectual. Rexistro da propiedade intelectual. Entidades de xestión. A propiedade industrial. Os modelos e debuxos industriais e artísticos. Rexistro e procedemento rexistral.
* A protección internacional das innovacións.
* Os signos distintivos: marca, rótulo e nome comercial.
* Información sobre normas técnicas. Centros e asociacións de investigación e desenvolvemento da industria.
Criterios de avaliación
* Verifica-la asimilación dos conceptos fundamentais que se inclúen nos bloques temáticos.
* Contrasta-lo interese pola materia.
* Respecto pola saúde persoal e colectiva.
* Conseguir actitudes axeitadas que faciliten a inserción, permanencia e promoción no mundo do traballo.
* Actitude emprendedora e creativa ante as propias necesidades e aspiracións.
* Verifica-la utilización correcta dunha terminoloxía específica arredor dos contidos económicos, laborais, de marketing, xurídicos ou empresariais.
* Valoración razoada da normativa específica pola que se rexe este campo profesional.
3.3. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres:
Os seus obxectivos serán:
* Asumi-la realidade profesional para completa-la formación académica, realizando un cometido laboral de responsabilidade acorde co seu nivel.
* Tomar contacto co mundo do traballo e co seu sistema de relacións sociais, laborais e técnicas.
* Contrasta-los coñecementos adquiridos no centro educativo coa realidade empresarial e laboral.
* Adquirir coñecementos complementarios útiles para a práctica profesional, tanto sobre a organización e coordinación do traballo propio da espe
cialidade como sobre a situación e relacións do mercado laboral.
* Adquiri-los coñecementos técnicos sobre utensilios, ferramentas, aparellos e máquinas que, pola súa especialización, custo ou novidade, non están ó alcance do centro educativo.
* Participar de forma activa nas fases do proceso productivo, baixo a titoría ou dirección correspondente.
* Aplica-los coñecementos e habilidades adquiridos na formación teórica e práctica do alumnado nos centros docentes.
* Integrarse no mundo laboral e no sistema técnico-social da empresa.
3.4. Proxecto final:
O proxecto final ten como obxectivo comprobar que o/a alumno/a asimilou e ten a capacidade de integrar, sincretizar e aplica-los coñecementos teórico-prácticos e artísticos das ensinanzas cursadas no centro e, en consecuencia, de desempeña-la actividade profesional no campo desta especialidade e nivel cursados.
Nesta familia profesional, o proxecto consistirá na creación e concepción dun ou varios obxectos pertencentes ó campo de deseño industrial, xa sexa como peza illada ou como conxunto.
O proxecto final terá o seguinte contido:
* Información e comunicación:
-Estudio histórico-artístico, que sitúe a obra obxecto do proxecto no contexto das artes aplicadas, relacionándoa coas artes plásticas do seu tempo os seus antecedentes estéticos, analizando de forma clara e precisa as técnicas nela empregadas para a súa confección e destacando as achegas ou peculiaridades que ofrece o traballo.
-Memoria, na que se realizará unha análise dos procesos e fases de realización do obxecto, así como, polo menos, dos seguintes aspectos:
-Aspectos funcionais.
-Aspectos artísticos.
-Aspectos técnicos: materiais e procesos necesarios para a realización do producto final.
-Aspectos económicos: cálculo dos custos necesarios para a realización do producto final e rendibilidade e óptimo aproveitamento dos medios.
-Testemuño gráfico das diversas etapas do traballo cos debuxos e bosquexos realizados, así como, de se-lo caso, propostas de catálogo, montaxe e organización dunha exposición dos proxectos.
* Realización: realización da obra a que se refire o proxecto ou da maqueta a escala, en función da entidade do proxecto e das especificacións do tribunal.
4. Ordenación académica e impartición.
4.1. Admisión do alumnado:
4.1.1. Acceso con requisitos académicos:
Para acceder ó ciclo formativo de grao superior a que se refire este decreto, será preciso estar en
posesión do título de bacharelato ou ter superado os estudios equivalentes a aquel título, segundo o establecido nos anexos I e II do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación do novo sistema educativo, modificado polo Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, e superar unha proba de acceso específica.
4.1.2. Exencións da proba de acceso específica:
Estarán exentos de realiza-la proba de acceso prevista no artigo 6º deste decreto:
* Aqueles aspirantes que tivesen cursado, no bacharelato de artes, a materia de fundamentos do deseño, debuxo artístico II e debuxo técnico.
* Aqueles aspirantes que tivesen superados os estudios experimentais de bacharelato artístico definido na Orde do 21 de outubro de 1986 (BOE do 6 de novembro).
* Aqueles aspirantes que estivesen en posesión do título de graduado en artes aplicadas en especialidades do ámbito de deseño industrial.
* Aqueles aspirantes que estiveran en posesión do título de técnico superior correspondente a outro ciclo formativo da mesma familia profesional.
4.1.3. Acceso sen requisitos académicos:
Non obstante o disposto nos puntos anteriores, será posible acceder ó ciclo formativo establecido neste decreto sen estar en posesión do título de bacharelato, sempre que o aspirante teña cumpridos os vinte anos de idade e supere unha proba en que demostre tanto madureza intelectual, acreditada a través do dominio das capacidades lingüísticas, de razoamento e de coñecementos fundamentais da etapa educativa anterior relacionados coa ensinanza á que aspira, como as habilidades específicas necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.
A dita proba será regulada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
4.2. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres:
A fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres poderá consistir tanto na realización de prácticas en entidades de titularidade pública ou privada como en traballos profesionais academicamente dirixidos e integrados no currículo, así como aqueles efectuados no marco de programas de intercambio nacional ou internacional.
A fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres realizarase unha vez superada a totalidade dos módulos. Excepcionalmente, o equipo docente do ciclo poderá autoriza-la súa realización simultánea coas actividades de recuperación a aqueles alumnos e alumnas que teñan un máximo de dous módulos sen superar, sempre que quede garantido que non se produza mingua na capacidade das tarefas de recuperación.
A avaliación faraa o profesor titor ou profesora titorado centro educativo e nela colaborará o/a responsable de formación do alumnado designado polo
centro de traballo no período de estadía nel. A cualificación final estará expresada en termos de apto ou non apto. Será realizada polo titor do ciclo.
4.3. Proxecto final:
4.3.1. Fases de entrega e avaliación:
* Anteproxecto. Unha vez aprobados os módulos e a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, o alumno presentará un proxecto da súa especialidade, dirixido por un profesor titor, ante un tribunal avaliador. O anteproxecto deberá reflectir a grandes trazos o contido do proxecto que se vaia realizar.
* Aceptación. Para a aceptación do anteproxecto o tribunal avaliador terá en conta os seguintes aspectos:
-O seu interese global, tendo en conta a proposta estética, a orixinalidade da formulación e a súa adecuación á demanda real do producto de que se trate.
-A posibilidade de realización efectiva do proxecto, nos prazos establecidos e tendo en conta os medios e as instalacións con que se conta.
No suposto de non aceptación, o tribunal ofertaralle unha proposta alternativa ó alumno.
* Inscrición. Formalizarase unha vez aceptado o anteproxecto.
* Elaboración e prazo de execución. O proceso de realización do proxecto desenvolverase dentro do último trimestre do curso en que se superasen os módulos do ciclo formativo.
* Avaliación. O proxecto avaliarase globalmente. Cualificarase entre 0 e 10 puntos. Para a avaliación positiva requírese unha cualificación igual ou superior a cinco.
O número máximo de convocatorias para a superación do proxecto final é de dúas. No suposto que se dea algunha circunstancia que impedise o normal desenvolvemento do proxecto, a dirección do centro, con carácter excepcional, poderá autorizar unha convocatoria extraordinaria.
Os tribunais considerarán na avaliación dos proxectos a súa capacidade ou interese pedagóxico para servir como pauta ou referencia ós demais alumnos e alumnas. Para tal efecto, incluirán no seu calendario de actividades a organización de exposicións de proxectos finais.
4.3.2. Titoría e tribunal avaliador:
A titoría do proxecto final correrá a cargo do titor do ciclo formativo ou dun membro do equipo docente. Neste último caso actuará como relator o titor.
A aceptación da proposta do proxecto final e a súa avaliación, así como a determinación específica dos prazos, procesos e pautas para a realización, entrega e avaliación dos proxectos corresponderá a un tribunal integrado por:
Presidente: o director do centro ou o profesor en quen delegue.
Secretario: será o do centro, e que actuará con voz pero sen voto, levantando acta das sesións e encargándose de facilitar e coordina-la utilización
dos medios que, de se-lo caso, o centro pon ó dispor dos alumnos para a realización dos proxectos, no período establecido para a súa execución.
Vocais: polo menos tres, nomeados polo director, dos que dous membros serán profesores do ciclo. O director poderá designar ademais un profesor de recoñecido prestixio no campo correspondente ó ciclo formativo e alleo ó centro educativo.
4.4. Especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos profesionais do ciclo formativo de moblaxe:
Os funcionarios do corpo de profesores de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño, impartirán con carácter preferente os módulos deste ciclo de conformidade coa atribución de módulos a especialidades que figura na columna (A) do presente anexo.
Non obstante, co fin de lograr unha mellora no aproveitamento dos recursos dispoñibles no centro, na organización deste, os devanditos módulos poderán ser impartidos por funcionarios, funcionarias doutras especialidades, de conformidade co que figura na columna (B), sen que iso derive efectos na adscrición de especialidade.
Nº Módulos Especialidade do profesorado
(A) (B)
1 Hª do moble Profesor APD de:
-Cultura xeral cerámica -Historia da arte -Historia da arte e da cerámica
2 Debuxo artístico e comunicación gráfica Profesor APD de:
-Debuxo artístico -Colorido e procedementos pictóricos -Composición decorativa, pintura e escultura relixiosa -Decoración sobre pastas cerámicas -Análise de forma e cor -Procedementos pictóricos -Técnicas de colorido aplicado á cerámica -Debuxo publicitario -Composición ornamental e proxectos -Composición ornamental -Estilización artística e colorido -Decoración elemental cerámica
3 Xeometría descritiva Profesor APD de:
-Debuxo lineal
4 Proxectos e metodoloxía: moblaxe Profesor APD de: Profesor APD de:
-Teoría e práctica do deseño -Debuxo artístico -Proxectos de arte decorativa -Colorido e procedementos pictóricos -Composición decorativa, pintura e escultura relixiosa -Decoración sobre pastas cerámicas -Análise de formas e cor -Procedementos pictóricos -Técnicas de colorido aplicado á cerámica -Debuxo publicitario -Composición ornamental e proxectos -Composición ornamental -Estilización artística e colorido -Decoración elemental cerámica
Nº Módulos Especialidade do profesorado
(A) (B)
5 Formación e orientación laboral Profesor APD de:
-Dereito usual -Organización industrial
6 Taller de modelismo Mestre de taller APD de:
-Maquetas -Deseño industrial -Técnicas de deseño industrial -Modelismo e maquetismo
7 Taller de moblaxe Mestre de taller APD de:
-Ebanistería e maquetería -Ebanistería artística -Ebanistería
8 Ergonomía e antropometría Profesor APD de: Profesor APD de:
-Teoría e práctica do deseño -Debuxo artístico -Proxectos de arte decorativa -Colorido e procedementos pictóricos -Composición decorativa, pintura e escultura relixiosa -Decoración sobre pastas cerámicas -Análise de formas e cor -Procedementos pictóricos -Técnicas de colorido aplicado á cerámica -Debuxo publicitario -Composición ornamental e proxectos -Composición ornamental Estilización artística e colorido Decoración elemental cerámica Modelado e baldeirado Imaxinería castelá Moldeaxes de figuras Moldes Adornos e figura
9 Deseño asistido por ordenador Profesor APD de:
Deseño asistido por ordenador
10 Materiales e tecnoloxía: moblaxe Profesor APD de:
Especialidade: -Matemáticas -Coñecemento de materiais
4.5. Espacios e instalacións:
As condicións de espacio e instalacións que deben reuni-los centros educativos son as que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas.
Para os efectos do disposto no artigo 40.1º, parágrafos k), l), m), do real decreto anteriormente citado, os módulos do presente ciclo formativo clasifícanse nos seguintes puntos:
* Teóricos:
-Historia do moble.
-Materiais e tecnoloxía: moblaxe.
-Ergonomía e antropometría.
-Formación e orientación laboral.
* Teórico-prácticos:
-Debuxo artístico e comunicación gráfica.
-Xeometría descritiva.
-Proxectos e metodoloxía: moblaxe.
* Talleres específicos:
-Taller de modelismo.
-Taller de moblaxe.
Espacio formativo Superficie Grao de utilización
Aula teórica 45 m 25%
Aula teórico-práctica 80 m 30%
Aula de informática 30 m 5%
Taller de modelismo 60 m 10%
Taller de moblaxe 45 m 25%
4.6. Relación numérica profesor/alumno:
De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica profesor-profesora/alumno-alumna non superior a 1/15 nos seguintes módulos: taller de moblaxe, deseño asistido por ordenador e proxectos e metodoloxía: moblaxe. Ó resto dos módulos aplicaráselle-la ratio máxima 1/30.
En función da dispoñibilidade de cada centro e sempre que sexa posible, tenderase a aplica-la relación 1/15 nos módulos impartidos nas aulas teórico-prácticas.
4.7. Correspondencias:
Poderán ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral os seguintes módulos:
* Taller de moblaxe.
* Formación e orientación laboral.
Así mesmo, poderá quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado con este ciclo formativo.
4.8. Distribución horaria:
* Os módulos profesionais deste ciclo formativo organízanse da seguinte forma:
Horas totais Denominación dos módulos
1º, 2º e 3º trimestre
130 Debuxo artístico e comunicación gráfica
65 Xeometría descritiva
65 Deseño asistido por ordenador
65 Ergonomía e antropometría
150 Taller de modelismo
160 Taller de moblaxe
130 Historia do moble
130 Materiais e tecnoloxía: moblaxe
65 (Horas de libre disposición)
960 Total
4º, 5º e 6º trimestre
350 Proxectos e metodoloxía: moblaxe
265 Taller de moblaxe
Horas totais Denominación dos módulos
65 Formación e orientación laboral
680 Total
155 Proxecto final
105 Formación práctica en empresas, estudios ou talleres
260 Total
CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS
E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

