Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 19 de febreiro de 2002 Páx. 1.929

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 43/2002, do 1 de febreiro, polo que se aproba a creación do Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogos.

Os colexios oficiais de odontólogos e estomatólogos da X (A Coruña-Lugo) e XI (Pontevedra-Ourense) rexión, en reunión celebrada o 26 de marzo de 2001, acordaron promove-la constitución do Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogos.

Para os efectos da súa constitución achegaron os devanditos colexios acta da devandita reunión e certificacións da ratificación do acordo de creación do devandito consello e dos estatutos del levada a cabo nas respectivas asembleas xerais dos ditos colexios celebradas os días 18 e 19 de decembro de 2001.

A aprobación da creación e dos estatutos dos consellos galegos de colexios profesionais con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo dispón o artigo 23 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 5 do Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a creación do Consello Galego Odontólogos e Estomatólogos, que terá a súa sede no Colexio Oficial de Odontólogos e Estomatólogos do que o presidente ostente a presidencia do Consello, co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

Igualmente, apróbanse os estatutos do referido Consello, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

TÍTULO I

Sobre o Consello e as súas relacións

coas administracións

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Definición.

O Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogos, (desde este momento Consello), está integrado polos colexios oficiais de odontólogos e estomatólogos da X (A Coruña e Lugo) XI (Pontevedra e Ourense) rexión, así como por calquera outro que no futuro poida crearse dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. É unha corporación de dereito público con personalidade xurídica, que goza de plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

O funcionamento e o réxime xurídico do Consello, no ámbito da súa competencia, axustaranse a estes estatutos, á Lei de colexios profesionais, tanto estatal como autonómica, e, subsidiariamente, ós estatutos do Consello Xeral de Odontólogos e Estomatólogos de España, así como cantos regulamentos de desenvolvemento se dicten.

Subsidiariamente, será aplicable a Lei de procedemento administrativo.

Artigo 3º.-Integración.

Dentro do ámbito da súa competencia, a Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogos será a única organización na que, obrigatoriamente, se encadran tódolos colexios destas profesións actualmente existentes e cantos se constitúan en adiante nesta comunidade.

Artigo 4º.-Principios.

Rexerá a actuación de tódolos órganos do Consello os principios de independencia, representatividade, actuación democrática e seguridade xurídica. O Consello garante a autonomía dos colexios que o integran naquilo que lle é propio, razón pola que, estes, manteñen a súa plena personalidade xurídica, capacidade de obrar e representatividade.

Artigo 5º.-Relación coa Administración pública.

O Consello, a través dos seus órganos, relacionarase coa Administración autónoma da comunidade galega e a administración pública do Estado español para tódalas cuestións que afecten a profesión, prestando a colaboración e asesoramento que lle fora solicitado.

Artigo 6º.-Relación con outros organismos profesionais.

Así mesmo, estará representado no Consello Xeral de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos de España, relacionándose con cantas organizacións de colexios da mesma profesión e doutras existentes no Estado español e na Comunidade Autónoma galega. En todos eles terá a única representación desta profesión na nosa comunidade conforme o artigo 1º destes estatutos.

Artigo 7º.-Denominación e territorio.

O Consello pasa a denominarse Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogos, con competencia, segundo se dixo, en todo o ámbito da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 8º.-Tratamento.

O Consello terá o tratamento de ilustre, e o seu presidente o de ilustrísimo.

Artigo 9º.-Domicilio.

O Consello establece a sede do seu domicilio, provisionalmente, na sede do colexio o presidente do cal ostente a presidencia deste Consello Autonómico. A secretaría levarase no colexio de residencia do secretario. Poderá modificarse, por acordo da Xunta de Goberno referendando pola Asemblea Xeral, co voto ponderado que se sinala no artigo 21º destes estatutos.

Artigo 10º.-Escudo.

Toda a documentación colexial utilizará o escudo oficial deste Consello, que será o seguinte:

Cruz de Malta en cor branca sobre outra en azul celeste (cor da bandeira galega) cun áspide entrelazado a unha sonda (útil profesional), ámbolos dous en negro no centro.

Unicamente coa previa autorización da Xunta de Goberno poderá usarse en documentación profesional o devandito escudo.

Capítulo II

Competencia do Consello

Artigo 11º.-Fins.

Son fins específicos do Consello os seguintes:

1. Uni-las actividades dos profesionais en servicio dos altos intereses da Comunidade Autónoma e do Estado.

2. Ostenta-la representación legal dos odontólogos e estomatólogos, sen detrimento da do colexio correspondente, así como a dos seus colexios, dentro da comunidade en tódolos órganos de que forme parte, tanto administrativos como xurisdiccionais.

3. Promover actuacións de todo tipo, orientadas a perfecciona-lo exercicio da profesión da odontoloxía e a actuación dos colexiados, e a eleva-lo seu nivel moral, cultural, social, científico e material, promovendo e coordinando os cursos e ciclos formativos axeitados, que organice directamente ou os planifique cada colexio.

4. Redactar e aproba-los seus estatutos particulares, regulamento de réxime interior, así como informa-los estatutos e regulamentos que confeccionen os colexios integrados nel.

5. Dirimir, en primeira instancia corporativa, os conflictos que poidan suscitarse entre os colexios integrados.

6. Manter unha relación constante e activa coa universidade, para recibir e proporcionar orientacións actuais e útiles, e para o coñecemento das características desexables para os novos profesionais.

7. Estudiar, e informar cando sexa requirido, tódalas cuestións que afecten a tributación e o exercicio profesional dos seus colexiados, representándoos corporativamente ante los organismos administrativos e fiscais de toda orde; organizar, se procedese, de acordo coa lexislación vixente, toda sorte de cursos, encontros, conferencias, congresos, elevando as propostas ou suxestións que sexan máis axeitadas ó exercicio dos seus colexiados, e para a actividade dos colexios.

8. Presta-lo auxilio pertinente ás autoridades, emitindo os informes técnicos e profesionais que se lle soliciten, propoñendo as accións, normas e medidas convenientes para o exercicio da profesión.

9. Organiza-los servicios estatísticos necesarios para os fins da organización colexial.

10. Colaborar cos organismos competentes para establece-las condicións convenientes para o exercicio profesional nas distintas modalidades da odontoestomatoloxía, regulando e impoñendo as condicións de prestación de servicios que sexan de obrigado acatamento, garantindo o respecto e observancia das normas reguladoras de traballo en tódolos seus aspectos.

11. Intervir, informando ós organismos pertinentes, en tódalas disposicións oficiais que afecten, na nosa comunidade, as profesións que encadra.

12. Aproba-los orzamentos ordinarios e extraordinarios, se é o caso, e a correspondente liquidación de contas do Consello.

13. Establece-las achegas que ó Consello deberán presta-los colexios integrantes.

14. Leva-lo censo de profesionais e rexistro de títulos dos colexiados.

15. Exerce-la xurisdicción disciplinaria, conforme as disposicións establecidas neste estatuto, o Código da Deontoloxía Profesional e demais disposicións vixentes nesta materia, en garantía da sociedade e os demais colexiados.

16. Edita-las publicacións necesarias para información xeral e científica de tódolos colexiados, así como circulares e cursos que sexan precisos.

17. Fomentar actos de tipo cultural e científico.

18. Intervir e dictar laudos que se estimen procedentes dos conflictos derivados da actividade profesional entre colexios, entre eles e as administracións públicas, cando sexa solicitada e aceptada a súa intervención.

19. Especialmente colaborar co poder xudicial, e os órganos da Administración de xustiza, tanto do Estado, como da provincia e da autonomía.

Artigo 12º.-Os colexios.

Os colexios integrados no Consello están obrigados a:

a) Comunica-las altas e baixas de colexiados que se produzan.

b) Comunica-las sancións que, resolvendo expedientes disciplinarios, se dicten.

c) Comunica-la situación de non pagamento de cotas de colexiados que non paguen as cotas colexiais.

d) Aboar ó Consello as cotas, cargas e achegas que lle corresponda e se lle sinalen polo Consello.

e) Cumprir e facer cumpri-las instruccións, resolucións e ordes que o afecten, dictadas polo Consello.

f) Someter a informe do Consello os seus estatutos e regulamentos, así como as súas modificacións cando se produzan.

g) Facilitarlle ó Consello a información e colaboración que este lles solicite.

h) Comunica-los cursos que pretende realizar para os efectos da súa coordinación, se procedese.

i) Comunica-los actos colexiais programados, con antelación de oito días.

TÍTULO II

Da organización

Capítulo I

Órganos de goberno

Artigo 13º.-Órganos do Consello.

O Consello constitúese nos seguintes órganos:

a) A Asemblea Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

Os indicados membros da Xunta de Goberno poderán usar en actos públicos e solemnes a que asistan en exercicio do seu cargo os atributos propios da súa designación.

Os cargos de presidente e secretario do Consello recaerán en quen sexa presidente e secretario dun dos colexios que os constitúen. Ámbolos dous pertencerán ó mesmo colexio.

Artigo 14º.-Seccións.

Poderanse crear cantas seccións ou comisións se estimen pertinentes para a boa marcha, goberno e desenvolvemento dos fins concretos do Consello, adscribindo aqueles membros que se estimen necesarios, o nomeamento dos cales realizará a Xunta de Goberno.

Poderá existir un secretario xeral, coa denominación que se estime pertinente, que terá a competencia que lle sinala a Xunta de Goberno, e a asesoría xurídica, que se ocupará do asesoramento en dereito, que se estimen.

Capítulo II

Composición dos órganos

Artigo 15º.-Asemblea Xeral.

A Asemblea Xeral é o órgano máximo de decisión na corporación, e estará constituída por tódolos membros das xuntas de goberno dos colexios de odontólogos e estomatólogos de Galicia adscritos ó mesmo, que terán voz e voto nos temas que se formulen.

Reunirase unha vez ó ano en sesión ordinaria no primeiro trimestre, e en sesión extraordinaria cando o soliciten por escrito un 25% polo menos dos seus membros. Convocarase con dez días, como mínimo, de antelación, incluíndo orde do día, e indicando

día, hora e lugar da reunión, remitíndose a tódolos compoñentes dela. Bastará para que quede validamente constituída en primeira convocatoria coa presencia da metade máis un dos seus compoñentes; e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de persoas. Unha e outra convocatoria distanciaranse polo menos nunha hora.

Artigo 16º.-Xunta de Goberno.

1. A Xunta de Goberno estará formada polos presidentes e secretarios dos colexios que os constitúen. Entrementres Lugo e Ourense non se constitúan como colexios, os presidentes das xuntas provinciais de Lugo e Ourense integraranse na Xunta de Goberno como membros da mesma con voz e voto. Reunirase unha vez cada dous meses, na sede do colexio do seu presidente.

Convocarase por escrito, con oito días de antelación polo menos, incluíndo a orde do día, sinalando data, hora e lugar da súa celebración.

2. A Xunta de Goberno representará o Consello e os colexios integrados, exercendo as funcións corporativas da súa xurisdicción, con tódolos dereitos e obrigas que se deriven das disposicións en vigor antes referidas, adoptando cantas medidas sexan precisas, dictando os regulamentos que se estimen pertinentes, logo da ratificación pola Asemblea Xeral, para asegurar e logra-lo cumprimento dos seus fins.

3. Os membros da Xunta de Goberno, unha vez nomeados, exercerán os seus cargos por un ano, sendo rotativos entre os colexios da X e a XI rexión (entrementres non se constitúan Ourense e Lugo en colexios) que o integran; tomarán posesión na Asemblea Xeral sinalado no artigo 15 punto segundo destes estatutos, momento no cal se dará cumprimento ó disposto no artigo 32.3º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e o punto f) do artigo 17 destes estatutos.

Capítulo III

Competencia dos órganos colexiais

Artigo 17º.-Asemblea Xeral.

A Asemblea Xeral ordinaria incluirá na orde do día:

a) Lectura e aprobación, se procede, da acta da reunión anterior, logo da súa lectura polo secretario.

b) Aprobar, se procede, a memoria e actuación da Xunta de Goberno, da que dará lectura o secretario.

c) Aprobar, se procede, a liquidación do orzamento do exercicio anterior, e as contas de gastos e ingresos, así como a contabilidade xeral do Consello.

d) Ratificar cantos acordos adoptase a Xunta de Goberno que precisen de tal aprobación conforme os estatutos que preceden.

e) Modifica-lo domicilio social do Consello.

f) Aproba-lo nomeamento dos censores que, por proposta da Xunta de Goberno, formen parte da Comisión Económica, se se estima necesario.

g) Aprobar, se procede, o orzamento do seguinte exercicio, logo da súa lectura polo secretario-contador.

h) Calquera outro tema que decidan que sexa incluído o presidente ou a Xunta de Goberno.

i) Rogos e preguntas.

Artigo 18º.-Xunta de Goberno.

Son facultades da Xunta de Goberno:

a) Representa-lo Consello perante os poderes públicos, tribunais de toda orde, entidades públicas e privadas, institucións e organismos oficiais.

b) Realizar cantas xestións sexan precisas en beneficio dos colexios integrados.

c) Promover todos aqueles temas e cuestións que se estimen necesarias en beneficio da profesión.

d) Presta-la cooperación necesaria ás administracións públicas en xeral, sexan central, autonómica ou locais, colaborando co poder xudicial e demais poderes públicos.

e) Informar en cantos temas sexa requirido o seu parecer.

f) Prestar colaboración ás autoridades administrativas, académicas e, en xeral, en cantas cuestións interesen á profesión.

g) Representar perante a facenda pública, estatal o autonómica, o colectivo profesional que encadra.

h) Esixi-lo cumprimento das normas relativas ó exercicio profesional conforme o establecido nas leis, de aplicación nestes estatutos, ou as que puideran dictarse polas autoridades competentes.

i) Velar pola boa actuación dos colexios no exercicio das súas funcións.

j) Impoñer ós colexios, se a iso houbese lugar, as correccións disciplinarias que se establecen nestes estatutos, dando conta, cando fose mester, ás autoridades competentes, das conductas que poidan ser constitutivas de delicto.

k) Instruí-los correspondentes expedientes disciplinarios, conforme o procedemento que se establece nestes estatutos, para persegui-las infraccións cometidas polos membros das xuntas de goberno dos colexios que o integran.

l) Dirimir e/ou resolver conflictos e/ou discrepancias entre colexios, entre estes e os seus clientes, ou entre estes e as diferentes administracións e/ou empresas ou compañías de seguros.

m) Regula-las normas orientadoras de honorarios para o efecto de que poidan ser tidas en conta, e constitúan baremo para a análise da actuación ética de cada odontólogo e/ou estomatólogo, evitando, ó mesmo tempo, a competencia desleal.

n) Estudia-la regulación das relacións contractuais de toda clase entre os profesionais e os seus clientes, informando sobre a súa procedencia e actuando de

mediadores para a resolución amigable dos conflictos que puideran formularse, cando lle sexan encomendados polos colexios.

o) Defende-los colexios, incluso xudicialmente, naquelas situacións en que resultaren danados, perseguidos o vexados no seu exercicio das súas funcións, xa sexa por persoas individuais, xurídicas ou organismos públicos.

p) Resolver tódolos expedientes que se lle sometan.

q) Convoca-la Asemblea Xeral nos termos que se indican no punto segundo do artigo 15º que precede.

Artigo 19º.-O presidente.

Correspóndelle ó presidente:

a) Dirixi-la marcha do Consello e facer cumprir estes estatutos e cantos acordos adopte a Asemblea Xeral ou a Xunta de Goberno. A presidencia radicará no colexio ó que pertenza.

b) Ostentar para tódolos efectos a representación legal da Xunta de Goberno e do Consello, comparecendo no seu nome en tódolos organismos de tipo administrativo, xudicial e de calquera orde, estando facultado, sen necesidade de ningún outro acordo, para designar avogados e procuradores que ostente a representación e defensa dos intereses do Consello.

c) Convocar, presidir e dirixi-las sesións da Asemblea Xeral e a Xunta de Goberno, sexan sesións ordinarias ou extraordinarias, subscribindo a acta correspondente.

d) Autoriza-los informes, convocatorias e comunicacións que se dirixan a colexios, e a tódalas autoridades, corporacións ou persoas particulares o xurídicas.

e) Autorizar, co secretario-contador, as contas bancarias do Consello, as imposicións e os talóns, cheques ou reintegros que dela se fagan.

f) Visar tódalas certificacións e escritos expedidos pola xecretaría do Consello.

g) Autorizar, xuntamente co contador, os libramentos e ordes de pagamento, así como os libros de contabilidade.

h) Asistir ás reunións do Consello Xeral de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos de España, representando a este Consello, con voz e voto. Do resultado de tódalas reunións informará cumprida e detalladamente ó Consello.

i) Exerce-lo dereito de voto do Consello nas reunións nas que estea integrado. O voto na Asemblea do Consello Xeral de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos de España emitirase conforme á decisión maioritaria da Xunta de Goberno do Consello.

Artigo 20º.-Secretario-contador.

Correspóndelle ó secretario contador:

a) Redactar e remiti-las convocatorias para as distintas reunións dos órganos do Consello, ordenadas polo presidente. A secretaría estará na sede do

colexio no que exerza o que resulte designado secretario.

b) Redacta-las actas de tódalas reunións da Asemblea Xeral, da Xunta de Goberno, en Comisión Permanente ou en Pleno, ordenando a súa transcrición ó libro correspondente, unha vez aprobada, co visto e prace do presidente.

c) Custodiar e leva-los libros e arquivos, rexistros, ficheiros e expedientes do Consello.

d) Custodiar e coidar da anotación do rexistro nos libros de entradas e saídas de todo tipo de oficios, comunicacións e escritos.

e) Asinar co presidente os escritos que emanen dos distintos órganos do Consello.

f) Expedir, co visto e prace do presidente, as certificacións que sexan procedentes, coidando do pagamento da taxa correspondente.

g) Confecciona-la memoria das actividades dos distintos órganos do Consello, en cada exercicio, léndoa perante a Asemblea Xeral.

h) Organizar e dirixi-las oficinas do Consello, conforme os seus estatutos, sendo responsable da súa marcha e do persoal.

i) Tódalas demais que lle asigne a Xunta de Goberno.

j) Levar e autoriza-los libros de ingresos e gastos, e en xeral, de contabilidade do Consello, co visto e prace do presidente.

k) Autorizar e ordenar cantos pagamentos deba realiza-lo Consello, co referendo do presidente.

l) Librar toda clase de recibos, cotas, taxas e demais que deban de ser pagados ó Consello.

m) Prepara-los orzamentos para cada exercicio anual e a liquidación do orzamento do exercicio anterior, e as contas de gastos e ingresos anuais, dando conta delas á Asemblea Xeral.

n) Confecciona-lo inventario de mobles, enseres e efectos do Consello, dando conta á Xunta de Goberno.

o) Dirixir toda a contabilidade do Consello, coa aprobación da Xunta de Goberno.

Artigo 21º.-Acordos.

Os acordos da Asemblea adoptaranse por maioría simple, excepto cando se refiran a cuestións económicas do Consello, cambio de domicilio del, a súa disolución ou a modificación destes estatutos, para a validez dos cales se establece o criterio de voto ponderado e en tal sentido tomaranse os que en cada momento sinale o Consello Xeral de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos de España; neste momento atribúese ó Colexio de Odontólogos e Estomatólogos da Coruña-Lugo 6 votos. Ó Colexio de Odontólogos e Estomatólogos de Pontevedra-Ourense 5 votos.

Para o suposto da creación de colexios en Lugo e/ou Ourense, fíxanse para cada un destes dous votos, que se descontarán dos que ten o colexio do que se segregan, sempre adaptándose á ponderación sinalada para o Consello Xeral, segundo se establece no punto anterior.

TÍTULO III

Sobre o réxime disciplinario

Artigo 22º.-Competencia.

O Consello exerce, en primeira instancia, a xurisdicción disciplinaria sobre as xuntas de goberno de cada un dos colexios adscritos, naquelas faltas que incorresen no exercicio das súas competencias.

Artigo 23º

Para a resolución dos expedientes que se incoan, aplicarase o Regulamento de réxime disciplinario aprobados, actualmente, polos colexios da X e XI rexión, e, no non previsto, o que aprobe o Consello Xeral de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos de España, e subsidiariamente a ámbolos dous, a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro ou a que en adiante se substitúa.

Artigo 24º

Así mesmo, resolverá os recursos de alzada que interpoña calquera colexiado contra resolucións que dicte o colexio correspondente. Seguiranse os mesmos trámites e prazos sinalados para o recurso perante o Consello Xeral.

Artigo 25º

As resolucións do Consello serán apelables perante o Consello Xeral de Colexios de Odontólogos e Estomatólogos de España.

TÍTULO IV

Réxime económico

Artigo 26º.-Aprobación do orzamento.

A Asemblea Xeral do Consello aprobará os orzamentos anuais da entidade para o exercicio seguinte e a liquidación do orzamento do ano anterior, sobre ingresos e gastos, na Asemblea Ordinaria.

Así mesmo, a Asemblea Xeral aprobará as cotas, cargas e cantas exaccións deban paga-los colexios adscritos e sexan necesarias para facer fronte ós gastos de administración e de cumprimento dos fins e funcións que competen ó Consello.

Igualmente, aprobaranse no orzamento anual: as axudas de custo que perciban os membros do Consello, ou quen, pola súa delegación, teña que desprazarse, así como as retribucións dos membros da Xunta de Goberno. Tamén as cotas que por alta que sinalen os colexios e que deban paga-los colexiados ó solicita-lo alta en calquera deles.

Artigo 27º.-Preparación do orzamento.

Os orzamentos anuais e a liquidación do exercicio anterior serán preparados, redactados e presentados polo secretario-contador, co visto e prace do presidente e, antes de presentarse perante a Asemblea Xeral, serán aprobados en Xunta de Goberno.

Artigo 28º.-Contabilidade colexial.

Os libros de contabilidade, os orzamentos e tódolos soportes que xustifiquen os gastos e ingresos do Consello estarán arquivados nel, e baixo a custodia do secretario-contador.

Os colexiados poderán examinalos dentro das setenta e dúas horas anteriores á Asemblea Xeral na que vaian someterse á súa aprobación.

Os cheques e ordes bancarias serán asinados polo presidente e o secretario-contador. Todo pagamento terá un soporte que xustifique o gasto, co «visé» de quen o ordenase ou executase.

Artigo 29º

A achega económica dos colexios ós gastos do Consello calcularase na mesma porcentaxe que se establece en cada momento para o voto ponderado, segundo o artigo 21º.

TÍTULO V

Disolución do Consello

Artigo 30º.-Disolución.

O Consello disolverase, ademais de polas causas legais, por iniciativa do propio Consello ou da maioría dos colexios afectados que representen á súa vez a maioría dos colexiados da profesión, mediante acordo adoptado en Asemblea Xeral, co voto ponderado sinalado no artigo 21º destes estatutos, sendo aprobado definitivamente mediante decreto da Xunta de Galicia, salvo que medien razóns de interese público que impidan tal decisión.

Artigo 31º.-Liquidación do Consello.

Os bens de que dispuxera o Consello no momento da súa disolución serán destinados, despois de facerse efectivas tódalas débedas pendentes de pagamento, e tódalas cargas que pesen sobre o Consello, a institucións, organismos ou organizacións de carácter benéfico sen ánimo de lucro designada pola Asemblea Xeral e situada dentro da demarcación do Consello, ou preferentemente a unha entidade directamente relacionada coa odontoestomatoloxía o a medicina. A Asemblea designará unha comisión que se ocupará da disolución, peche e liquidación del.

TÍTULO VI

Estatutos do Consello

Artigo 32º.-Aprobación.

Estes estatutos apróbanse por acordo das xuntas de goberno dos colexios que o constitúen, sendo ratificado polas xuntas xerais do mesmo nos termos do artigo 28 da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Artigo 33º.-Modificación.

A modificación destes estatutos deberá ser aprobada pola Asemblea Xeral do Consello co voto ponderado sinalado no artigo 21º deles, na mesma forma sinalada no artigo anterior.

Disposición derradeira

Única.-Vixencia.

Estes estatutos entrarán en vigor dentro dos vinte días seguintes á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria

Os expedientes en trámite seguirán a súa tramitación conforme a normativa vixente no momento da súa incoación, se lle resultase máis beneficiosa.