A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 1783/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación (BOE nº 182, do 31 de xullo), ten a titularidade do inmoble coñecido como centro de ensinanzas integradas Cruceiro Baleares ou Universidade Laboral situado no Burgo, termo municipal de Culleredo (A Coruña).
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que ten na actualidade adscrito o inmoble, con datas 17 de abril de 2001 e 1 de febreiro de 2002, achegou á Secretaría Xeral e do Patrimonio informes dos que se deduce a conformidade coa desafectación do dominio público dunha parcela de 4.576,66 m, (delimitada no plano incorporado ó expediente), co fin da súa posterior integración na xunta de compensación do Polígono M8, M9 e M10 do Plan Parcial de Cordeda-2ª fase no Concello de Culleredo.
Por todo isto, ó abeiro do disposto no artigo 10 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de dous mil dous,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Desáfectase do dominio público unha parcela de 4.576,66 m que se segregará do inmoble coñecido como centro de ensinanzas integradas Cruceiro Baleares ou Universidade Laboral situado no Burgo, termo municipal de Culleredo (A Coruña), delimitada segundo o plano incoporado ó expediente.
Artigo 2º
O ben inmoble antes descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte da Consellería de Economía e Facenda do ben desafectado de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil dous.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda