Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Mércores, 27 de marzo de 2002 Páx. 3.965

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 22 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras dos incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 25 de abril, e polo Decreto 202/2000, do 21 de xullo, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumentos da política activa de emprego, e dentro do ámbito funcional da súa Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea, coa finalidade de promove-la estabilidade no emprego, fomenta-la inserción laboral dos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral e favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, incorporados ó Programa operativo integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Nesta liña de actuación, e tendo en conta un dos piares básicos das directrices anuais establecidas na Estratexia Europea para o Emprego que incide na necesidade de reforza-la política de igualdades de homes e mulleres, articúlase un conxunto de incentivos dirixidos a garanti-lo principio de igualdade entre homes e mulleres, a promove-la repartición das responsabilidades familiares e a facilita-la reincorporación ó mercado de traballo tras unha interrupción temporal da actividade profesional por permisos parentais.

Como antecedente debe citarse que o incentivo de orixe autonómica, o denominado programa dobre custo cero, trala reforma laboral do ano 2001 é aplicable a todo o territorio estatal. Isto determinou que no ano 2001 a Xunta de Galicia reorientase os incentivos dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, para seguir avanzando no principio de igualdade de oportunidades no acceso e permanencia no emprego. Así, co obxecto de continuar incidindo de xeito positivo nos obstáculos que pode produci-la maternidade sobre o emprego feminino e que poden dificulta-lo acceso e permanencia das mulleres no mercado laboral, púxose en marcha unha nova liña de axudas para as persoas traballadoras que se reincorporen á empresa logo dun proceso de maternidade/paternidade, que con matizacións e precisións técnicas se manteñen no ano 2002.

Pola súa vez, mantéñense as axudas pola substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares, nos termos e casos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras dos incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar que se establecen nesta orde, axústanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial o relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, os programas regulados nesta orde, entre outros, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 14.04.241A.471.0, cun crédito de 13.341.735 euros e 14.04.241A.473.0, cun crédito de 6.922.265 euros e 14.04.241B.475.0, cun crédito de 13.731.684 euros, cantidades prorrogadas polo Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2001 para o exercicio 2002; e sen prexuízo da posible ampliación futura do crédito unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002. Estas contías constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Coa finalidade de promove-la igualdade de oportunidades no acceso e permanencia no emprego de homes e mulleres e de remove-los obstáculos que sobre o emprego pode produci-la maternidade e outras situacións pertencentes ó ámbito da familia, esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras e a convocatoria dos incentivos dirixidos directamente a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, a través das seguintes axudas:

a) Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporen á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade.

b) Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

3. Estes programas financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.471.0, 14.04.241A.473.0 e 14.04.241B.475.0.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten ou reincorporen a traballadores para prestar servicios en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 3º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como os traballadores contratados para prestar servicios noutras empresas a través de contratos de posta á disposición.

Non obstante o anterior, non quedan afectadas por esta exclusión as relacións laborais de carácter especial do persoal de alta dirección que poderán acollerse ós beneficios previstos nesta orde.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estes últimos.

Artigo 4º.-Axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade-paternidade.

1. Poderán ser obxecto de subvencións as reincorporacións ó posto de traballo na empresa das persoas traballadoras tras períodos de descanso por causa de maternidade, adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente de menores de 6 anos, en virtude do establecido no artigo 45.1º e no artigo 48.4º e 5º do Estatuto dos traballadores, así como as reincorpacións ó exercicio da actividade profesional dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das sociedades cooperativas, nos mesmos casos e supostos.

Para os efectos das axudas a que se refire este artigo, entenderase que a reincorporación ó posto de traballo se produce cando finaliza definitivamente o permiso de maternidade, tanto no caso de que se desfrute a xornada completa ou a tempo parcial, nos termos regulados na disposición adicional primeira do Real decreto 1251/2001, do 16 de novembro, que desenvolve o artigo 48.4º da Lei do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

2. Só serán subvencionables as reincorporacións ás que se refire o nº 1 deste artigo, cando ademais concorran as seguintes circunstancias:

a) Que o período de descanso desfrutado pola persoa traballadora que se reincorpora tras un proceso de maternidade/paternidade, fose igual ou superior á metade do período máximo legal.

b) Que durante os períodos de descanso por maternidade se formalizasen contratos de interinidade para a substitución dos traballadores polos que se solicita a axuda pola súa reincorporación, cunha duración equivalente, como mínimo, ó 80%, do período de descanso do traballador substituído.

c) Que o traballador se reincorpore ó seu posto de traballo en virtude dunha relación laboral de carácter indefinido ou, no caso dos autónomos, para o desempeño dunha actividade profesional, habitual, persoal e directa.

3. A axuda, pagadoira dunha soa vez, consistirá nunha subvención en contía equivalente ó importe das cotas empresariais á Seguridade Social por continxencias comúns, correspondentes á base mínima para o ano 2002 do grupo de cotización ó que per

tenza o traballador que se reincorpora; ou, se é o caso, o importe do 80% das cotas correspondentes á base mínima de cotización do correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos, en ámbolos dous casos calculada sobre 24 mensualidades.

4. Esta axuda só será de aplicación ás reincorporacións producidas desde o 1 de outubro do ano 2001 ata o 30 de setembro do ano 2002.

Artigo 5º.-Axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares.

1. Poderán ser obxecto de subvención os contratos de interinidade que se realicen con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación, para substituír persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares -nos supostos e termos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores- por un período non inferior a catro meses nin superior a tres anos, e sempre que en virtude de disposición legal ou convenio colectivo se trate dunha excedencia con reserva de posto de traballo.

2. Para efectos destas axudas, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

3. Os contratos de interinidade para que poidan ser obxecto de subvención deberán cumpri-los requisitos e formalidades establecidos no artigo 15.1º c) do Estatuto dos traballadores e normas regulamentarias de aplicación, así como formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

4. Os contratos de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares incentivaranse cunha axuda de ata 2.404 euros que se reducirá proporcionalmente cando a súa duración sexa por un período inferior a un ano.

5. Ó abeiro desta orde poderán ser obxecto de subvención os contratos de interinidade para a substitución de traballadores en excedencia para o coidado de familiares celebrados desde o 1 de outubro do ano 2001 ata o 30 de setembro do ano 2002.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 6º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller

e Xuventude, cando a contratación ou a reincorporación se produza para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 7º.-Solicitudes e prazos.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ó órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se produza a reincorporación ó posto de traballo tras un proceso de maternidade/paternidade ou se inicie a relación laboral en virtude dun contrato de interinidade.

As solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade ou polas contratacións de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares realizadas entre o 1 de outubro do ano 2001 e a data da entrada en vigor desta orde, poderán presentarse ata o 15 de maio do ano 2002.

3. Con independencia dos prazos establecidos no número 2, que terán que respectarse en todo caso, o prazo xeral para a presentación de solicitudes finaliza o 30 de setembro de 2002, aínda que nesta data non transcorresen dous meses desde a reincorporación ou a celebración do contrato obxecto de subvención.

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I desta orde e deberán ir xunto con duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF; e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo III).

3. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo V).

4. Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establecen no artigo 11º.1 desta orde (segundo o modelo do anexo IV).

5. Nas axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade:

-DNI do traballador que se reincorpora.

-Documentos acreditativos da baixa por maternidade, adopción ou acollemento, así como da súa reincorporación á empresa logo do período de descanso correspondente.

-Boletíns de cotización do último mes anterior dispoñible á data na que se produza a baixa e o correspondente ó mes da reincorporación.

-Contratos de interinidade celebrados para substituí-los traballadores que se reincorporan, e documentación acreditativa das datas de alta e baixa na Seguridade Social do traballador substituto.

6. Nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares.

-DNI do traballador substituto e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

-Contrato de interinidade e alta na Seguridade Social.

-Documentación acreditativa da baixa e da situación de excedencia e DNI do traballador substituído.

Artigo 9º.-Emenda da solicitude.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 10º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesións ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán desde a data da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dictasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Xustificación do pagamento.

1. Se non se achegan con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Documentación acreditativa de que están ó día das súas obrigas coa Seguridade Social.

b) Documentación acreditativa de que están ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo IV para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

c) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas.

d) No caso de axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade, o boletín de cotización á Seguridade Social do mes correspondente á incorporación, se non o achegou con anterioridade.

e) Declaración complementaria da establecida no número 2 do artigo 8º desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do interesado.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 12º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de

fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das empresas beneficiarias:

a) Acreditar, previamente ó cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

d) Nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares a empresa beneficiaria ten, ademais, as seguintes obrigas:

-No suposto de cesamento do traballador interino, a cobertura do posto por un novo traballador desempregado terá que realizarse durante o período da substitución, dentro dos 20 días seguintes ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dentro dos vinte días seguintes ó da cobertura do posto.

-Comunica-la data de incorporación ó seu posto de traballo da persoa substituída dentro do mes seguinte a aquel en que esta se produza.

e) As persoas traballadoras que se reincorporen á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade deberán permanecer nela, como mínimo, durante dous anos, contados desde a data da reincorporación. Se antes de transcorre-lo dito prazo se produce a extinción da relación laboral, por calquera causa, do traballador reincorporado, a empresa deberá proceder a reintegra-la parte proporcional correspondente da subvención concedida nos termos sinalados no artigo 15º desta orde.

Durante os dous anos seguintes ó da reincorporación, e dentro do primeiro trimestre de cada un, deberá presentar documentación acreditativa da situación de alta na empresa do traballador obxecto de subvención.

Artigo 14º.-Modificacións da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 15º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 17º.-Axudas baixo condicións de minimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ó réxime de axudas de minimis, polo tanto non poderán excede-los límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídos outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e

Xuventude, para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 14.04.241A.471.0, 14.04.241A.473.0 e 14.04.241B.475.0 que figura na prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2001 para o exercicio do ano 2002 fixado na exposición de motivos desta disposición; e sen prexuízo da posible ampliación futura do crédito, unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Quinta.-As solicitudes de axudas á contratación por conta allea presentadas ó abeiro dos programas regulados na Orde do 27 de abril de 2001 pola que se establece o programa de incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, na Orde do 10 de maio de 2001 pola que se establecen os programas de fomento da contratación e da estabilidade no emprego para o ano 2001, así como os relacionados na Orde do 9 de maio de 2001 pola que se establecen as bases reguladoras dos incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, que non puidesen ser atendidas no exercicio 2001 por falta de dispoñibilidade orzamentaria, e sempre que reunisen os requisitos e observasen os prazos establecidos na súa normativa reguladora poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios das aplicacións dos programas 241A e 241B que figuran nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude