Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 08 de abril de 2002 Páx. 4.396

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 100/2002, do 7 de marzo, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao medio de artes plásticas e deseño de procedementos de xoiería artística, correspondente á familia profesional de xoiería de arte, así como o acceso ó dito ciclo formativo.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina no seu artigo cuarto que se entende por currículo o conxunto de capacidades terminais, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada un dos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades nos que se organiza a práctica educativa. Sobre esta base efectúase unha dobre repartición competencial, pola que se atribúe por unha parte ó Goberno fixalos aspectos básicos do currículo que constituirán as ensinanzas mínimas en todo o Estado, coa finalidade de garantir unha formación común de tódolos alumnos e a validez dos títulos correspondentes e, por outra, atribúe ás administracións con competencia en materia educativa o establecemento do currículo do que formarán parte as ditas ensinanzas mínimas.

Polo tanto, unha vez publicado o Real decreto 676/1993, do 7 de maio, polo que se establecen as directrices xerais sobre os títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas de formación profesional, definidas as ensinanzas mínimas correspondentes ó título de técnico de artes plásticas e deseño en procedementos de xoiería artística polo Real decreto 1298/1995, do 21 de xullo, e tendo en conta o establecido no Real decreto 389/1992, do 15 de abril, sobre os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, procede establece-lo currículo do dito ciclo formativo para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cómpre asegurar no alumnado unha formación artística de calidade e garanti-la cualificación dos futuros profesionais das artes plásticas e deseño. Por iso, o currículo inclúe, ademais dos coñecementos académicos vinculados ó ensino máis tradicional, outros aspectos inherentes á formación profesional e que permitan a incorporación dos mozos á vida activa, cun grao de formación que lles permita adaptarse ás modificacións que poidan producirse ó longo da súa vida e que contribúa á formación permanente dos cidadáns ó tempo que atende as demandas de cualificación do sistema productivo, e tendo en conta as necesidades de desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa dimensión no fomento do noso patrimonio cultural.

As ensinanzas de artes plásticas e deseño están constituídas por un conxunto de ciclos formativos cunha organización modular variable tanto na dura

ción destes como na diversidade de áreas de coñecemento teórico-práctico en función dos distintos campos profesionais. As capacidades terminais dos distintos módulos profesionais, definidos neste decreto, describen o comportamento conxunto do alumnado en termos de resultados avaliables que se requiren para acada-los aspectos básicos da competencia xeral. Estes aspectos básicos aseguran unha cualificación común do titulado, garantía do título en todo o Estado e de correspondencia europea das cualificacións outorgadas ós alumnos.

Os contidos curriculares non teñen que ser interpretados como unidades temáticas nin, por tanto, necesariamente organizados na mesma orde na que aparecen nesta norma, precisando, polo tanto, dunha ulterior concreción por parte do equipo de profesores que, coa necesaria flexibilidade, programarán interdisciplinarmente as secuencias de aprendizaxe, destacando nos ámbitos artísticos, técnicos e naqueles específicos do ámbito profesional do alumno, os contidos de maior significación cara ó desenvolvemento cualificado das actividades profesionais. Esta concreción ten que referirse principalmente ás liñas xerais de aplicación dos criterios de avaliación, á metodoloxía e ás actividades de carácter didáctico. Finalmente, cada profesor, no marco deste proxecto, realizará a súa propia programación, recollendo os procesos educativos que se propón desenvolver na aula.

Os criterios de avaliación establecen o tipo e grao de aprendizaxe que se espera que acaden os alumnos nun momento determinado, respecto das capacidades indicadas nos obxectivos xerais e nos específicos de cada módulo. O nivel de cumprimento destes obxectivos, en relación cos criterios de avaliación fixados, deben ser medidos con flexibilidade, tendo en conta as características e posibilidades dos alumnos.

A incorporación ós ciclos formativos de fases de formación práctica e da obra final é un elemento fundamental na construcción deste modelo formativo. A colaboración de profesionais, entidades e institucións contribuirá á concreción de proxectos educativos, que anticipen solucións reais no mundo laboral.

Para completa-lo currículo, o centro docente dispón dun determinado número de horas lectivas que, xunto co módulo de formación en centros de traballo, permitirán a súa adaptación tendo en conta as características do alumnado ás necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu medio socioproductivo.

Así mesmo, o presente decreto regula o acceso a este ciclo formativo, por medio dunha proba específica que deberá avalia-los coñecementos e as aptitudes necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes a este ciclo, ó tempo que establece os requisitos de acceso a estes estudios.

En virtude de todo iso, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, tralo informe do Consello Escolar de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

I. Título, perfil e currículo

Artigo 1º.-Identificación do título.

1. O presente decreto regula o currículo das ensinanzas do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao medio de procedementos de xoiería artística, pertencente á familia de xoiería de arte, correspondente ó título de técnico de artes plásticas e deseño en procedementos de xoiería artística, de acordo co establecido no apartado 3º do artigo 4 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e integra o establecido no Real decreto 1298/1995, do 21 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas mínimas do dito ciclo formativo.

2. A denominación, nivel de formación profesional e duración deste ciclo formativo son as que se establecen no número 1 do anexo deste decreto.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente decreto será de aplicación no ámbito territorial de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3º.-Perfil profesional.

A competencia e as capacidades profesionais, as tarefas máis significativas e o campo profesional que definen o perfil profesional do título son os que se establecen no punto 2 do anexo deste decreto.

Artigo 4º.-Currículo do ciclo formativo.

1. Para os efectos do disposto neste decreto, enténdese por currículo do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao medio de procedementos de xoiería artística o conxunto de capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación que regularán a práctica docente neste ciclo formativo, as fases de formación práctica en empresas, estudios e talleres, así como a obra final.

2. Os obxectivos xerais do ciclo formativo de grao medio de procedementos de xoiería artística son os que se establecen no punto 3.1 do anexo deste decreto.

3. As capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos módulos correspondentes ó ciclo formativo ó que se refire o presente decreto, a súa distribución en cursos e os tempos lectivos, así como a obra final e a fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres son os que se establecen nos puntos 3.2, 3.3 e 3.4 do anexo do presente decreto.

II. Ordenación académica e impartición

Artigo 5º.-Ordenación académica das ensinanzas.

1. As presentes ensinanzas organízanse en módulos; fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e obra final.

2. Para os efectos do disposto no presente decreto, o concepto módulo considerarase equivalente ó termo materia teórica, materia teórico-práctica e clases prácticas os que se refire o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas.

Artigo 6º.-Admisión de alumnos.

Os criterios de admisión de alumnos para acceder a este ciclo formativo en centros sostidos con fondos públicos son os que se expresan no número 4.1. do anexo deste decreto.

Artigo 7º.-Avaliación.

1. A obtención do correspondente título requirirá a avaliación positiva das distintas capacidades nas que se estructura o ensino impartido no centro educativo: dos módulos, das fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, así como da obra final.

2. A organización e avaliación da fase de formación práctica en empresas e da obra final é a que se expresa no número 4.2 e 4.3 do anexo deste decreto.

Artigo 8º.-Profesorado.

As especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos que compoñen este título son as que se expresan no número 4.4 do anexo deste decreto.

Artigo 9º.-Espacios e instalacións.

Os requisitos de espacios e instalacións que deben reuni-los centros educativos para a impartición do presente ciclo formativo son os que se determinan no número 4.5 do anexo deste decreto.

Artigo 10º.-Relación numérica profesor/alumno.

De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica profesor/alumno, que se determina no número 4.6 do anexo deste decreto.

Artigo 11º.-Correspondencias.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá recoñece-la correspondencia coa práctica profesional dos módulos que se indican no punto 4.7 do anexo do presente decreto.

Así mesmo, poderá quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres quen acredite experiencia laboral

no campo profesional directamente relacionado con este ciclo formativo.

Artigo 12º.-Acceso ó bacharelato e validacións.

O número 4.8 do anexo deste decreto recolle a modalidade de bacharelato á que dá acceso este título, así como os módulos do ciclo formativo que poden ser obxecto de validación con materias de bacharelato.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará as validacións entre módulos deste ciclo cos doutros ciclos formativos de grao medio de artes plásticas e deseño da familia profesional de xoiería de arte ou, se é o caso, de diferente familia profesional, atendendo á correspondencia dos seus contidos.

Artigo 13º.-Distribución horaria.

1. Os módulos profesionais deste ciclo formativo organizaranse segundo se establece no número 4.9 do anexo deste decreto.

2. As horas de libre disposición que se inclúen neste número serán utilizadas polos centros educativos para reforzar, nos módulos asociados a unidades de competencia, as capacidades de formación profesional de base ou de formación profesional específica, para lles dar resposta ás características do alumnado e ter en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu medio socioproductivo.

Artigo 14º.-Proxecto curricular.

1. Os centros docentes concretarán e complementarán o currículo do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao medio de procedementos de xoiería artística mediante a elaboración de proxectos curriculares para o dito ciclo.

2. O proxecto curricular de centro deberá conter unha adecuación dos obxectivos xerais deste ciclo ás características do alumnado, criterios metodolóxicos de carácter xeral en relación co proceso de avaliación, así como en materia de diversificación curricular.

3. O proxecto curricular do centro incluirá, así mesmo, a distribución das capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación do ciclo formativo, incluídos os programas de cada materia. A dita distribución non deberá variar para un mesmo grupo de alumnos ó longo do dito ciclo.

4. O proxecto curricular do centro formará parte da programación da súa actividade docente e incorporarase á programación xeral correspondente.

5. Os profesores desenvolverán programacións da súa actividade docente de acordo co currículo e co proxecto curricular do centro.

Disposición transitoria

Única.-Ata que se determinen as novas especialidades docentes, a competencia do profesorado pertencente ós corpos de profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño para a impartición de cada módulo queda definida pola súa pertenza ás

especialidades que se indican no número 4.4 do anexo do presente decreto. Non obstante, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no seu ámbito de competencia e durante o mesmo período transitorio, poderá autoriza-la impartición de determinados módulos a aqueles docentes que, á promulgación deste decreto, se encontrasen impartindo materias equivalentes da anterior ordenación, sempre que acrediten preparación para isto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do establecido no presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

1. Identificación do título.

-Denominación: técnico de artes plásticas e deseño en procedementos de xoiería artística.

-Nivel: grao medio de artes plásticas e deseño.

-Duración: 1.600 horas.

2. Perfil profesional.

2.1. Competencia xeral:

Elaborar e modificar pezas ou obxectos de xoiería artística de acordo coa información proxectual que se lle subministre, resolvendo os problemas artísticos e tecnolóxicos que se presenten durante o proceso de realización.

2.2. Capacidades profesionais:

* Colaborar cos seus compañeiros de equipo baixo a coordinación do responsable dun taller.

* Interpretar con rigor e sensibilidade artístico-plástica a información proxectual que se lle subministre, sexa gráfica ou sexa corpórea, escrita ou oral, referente ós distintos procesos de traballo distintivos desta especialidade.

* Resolve-los problemas artísticos e tecnolóxicos que se presenten durante o proceso de realización.

* Describir con detalle as especificacións técnicas dos equipos e da maquinaria utilizada e organiza-las medidas para o seu mantemento periódico preventivo.

* Utiliza-las medidas preventivas necesarias para que os procesos de realización utilizados non incidan negativamente no ambiente.

* Analiza-lo marco legal, económico e organizativo que regula e condiciona a actividade profesional no campo da xoiería artística.

2.3. Tarefas máis significativas:

* Construír pezas ou obxectos, ben na súa totalidade ou ben algunha das súas partes, segundo as indicacións da dirección do taller ou a partir dun determinado deseño.

* Realiza-lo seu traballo de forma autónoma na reparación de obxectos e na construcción doutros novos segundo modelo, plan e deseño.

* Responsabilizarse dos medios que utiliza para o desenvolvemento do seu traballo.

* Preparar todo tipo de aliaxes de metais preciosos.

* Realizar soldaduras, tanto na construcción como na reparación de pezas.

* Manexar calquera tipo de ferramenta e maquinaria propias do taller de xoiería para a construcción de pezas.

* Interpreta-los planos de pezas.

* Realizar correctamente a toma de medidas e o corte de pranchas e fíos de acordo con esas medidas.

* Aplica-las técnicas propias na construcción de pezas e de obxectos de xoiería.

* Aplica-las técnicas de acabamento e uso das ferramentas e da maquinaria adecuadas.

* Prepara-las pezas para o engastador.

2.4. Campo profesional:

O profesional deste nivel exercerá a súa actividade en empresas e talleres de carácter artesanal e artístico, xa sexan públicos ou xa privados, pequenos, medianos ou grandes, relacionados co campo propio da xoiería artística. Pode tamén exercer como profesional independente ou asociado en cooperativa.

3. Currículo.

3.1. Obxectivos xerais do ciclo formativo:

* Analizar e desenvolve-los procesos básicos de realización desta especialidade.

* Coñece-las tecnoloxías tradicionais e actuais propias desta especialidade.

* Interpretar con rigor e sensibilidade artístico-plástica a información proxectual que se lle subministre, sexa gráfica ou corpórea, escrita ou oral, referente ós distintos procesos de traballo distintivos desta especialidade.

* Resolve-los problemas artísticos e tecnolóxicos que se presenten durante o proceso de realización.

* Coñecer con detalle as especificacións técnicas dos equipos e da maquinaria utilizada e organiza-las medidas para o seu mantemento periódico preventivo.

* Coñecer e saber utiliza-las medidas preventivas necesarias para que os procesos de realización utilizados non incidan negativamente no ambiente.

* Coñecer e comprende-lo marco legal, económico e organizativo que regula e condiciona a actividade profesional no campo da xoiería artística.

* Aplicar métodos de análise de proceso e óptimo aproveitamento de tempos na xestión do traballo.

3.2. Capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos diversos módulos:

3.2.1. Módulo 1: debuxo artístico:

Capacidades terminais

* Elixir adecuadamente os materiais, as técnicas e os útiles de debuxo que se empreguen, en función dos resultados que se pretenden obter.

* Aplicar correctamente os materiais e as técnicas de debuxo.

* Aplicar correctamente nas composicións os elementos de análise visual e as súas relacións.

* Realizar esbozos de obxecto do contorno, de memoria ou imaxinados.

* Interpretar correctamente planos e proxectos relacionados coa especialidade.

* Realizar proxectos de deseño de obxectos propios da especialidade, con tódalas súas partes, para que queden perfectamente definidos para a súa fabricación industrial ou artesanal.

* Elixir adecuadamente as cores para utilizar nos obxectos que se deseñan.

* Dar acabamento en cor ós proxectos dos obxectos.

Contidos

* Os materiais de debuxo. Particularidades específicas de cada un deles.

* Técnicas de debuxo.

* As formas: figuración, estilización e abstracción.

* Proporción.

* A liña. O volume, o claroscuro, a luz e a sombra.

* As formas na natureza. O mundo vexetal e o animal. O corpo humano.

* Debuxo de adorno: formas xeométricas, orgánicas e abstractas.

* O obxecto artístico-artesanal. A linguaxe proxectual da ebanistería artística.

* A cor aplicada ó volume.

* Aplicación correcta de técnicas e de materiais de debuxo de liña e de mancha sobre diferentes soportes.

* Realización adecuada de esbozos, apuntamentos rápidos e exercicios de retentiva.

* Análise e síntese das formas en repouso e en movemento, mediante diferentes recursos expresivos: de liña e mancha.

* Análise e síntese adecuada do debuxo de adorno en formas xeométricas, orgánicas e abstractas.

* Aplicación das formas da natureza no debuxo nas artes plásticas e deseño.

* Adestramento do ollo, da man e da memoria visual.

Criterios de avaliación

* Representa-las formas con abstracción da liña e da mancha.

* Aplicar adecuadamente as técnicas e os utensilios utilizados na expresión gráfica.

* Aplicar contidos compositivos: proporción, relacións espaciais e relacións tonais.

* Utiliza-los procedementos básicos do debuxo.

* Utiliza-lo claroscuro e a cor na representación do volume.

* Aplicar e resolver graficamente problemas xurdidos na práctica da ebanistería artística.

* Presentar correctamente os traballos.

3.2.2. Módulo 2: historia da arte e da ourivería e xoiería:

Capacidades terminais

* Analiza-los factores esenciais das etapas culturais e artísticas da humanidade e dos factores sociais, económicos e ideolóxicos, nos que se encadran, como medio de desenvolvemento intelectual e de preparación técnica e artística.

* Integrar artes afíns ó ámbito da ourivería e da xoiería, con especial referencia á xoiería, sendo capaz de establece-las necesarias relacións de espacio e de tempo.

Contidos

* Concepto de cultura, de arte e de arte aplicada. Valoración da xoiería, da súa relación coa ourivería e dos factores socioeconómicos que a configuran. O home e o seu contorno na prehistoria: primeiras manifestacións de xoiería. Configuración cultural e artística das civilizacións antigas e das súas formulacións no campo do adorno persoal. O clasicismo e a súa transcendencia. Xoiería grega e romana.

* Aspectos que distinguen a cultura e a arte da Alta Idade Media: caracteres da xoiería na Europa oriental e occidental. O Occidente dos séculos XI ó XV: evolución política, socioeconómica e artística. Representacións relixiosas e mestres da xoiería.

* A idade do Humanismo: caracterización política, social, cultural e económica. Conceptos plásticos renacentistas. O italianismo e as súas repercusións. Valores sociais, plásticos e ornamentais da xoiería e as súas peculiaridades nacionais.

* A cultura aristocrática do Barroco e as súas manifestacións artísticas. Racionalismo e Despotismo Ilustrado. O mundo ornamental do Rococó. Centros de xoiería europeos en ámbolos períodos: caracteres distintivos.

* O Novo Clasicismo. Consecuencias políticas, económicas e sociais da Revolución Industrial e a Revolución Francesa. Panorama cultural e artístico do século do liberalismo. A industrialización na xoiería. Novos materiais. Renovación artesanal da fin do século.

* Novos valores da cultura do século XX: formas de expresión artística e procura doutras linguaxes plásticas. O deseño e as súas formulacións na arte do xoieiro. A xoiería popular e a súa repercusión no gusto actual.

Criterios de avaliación

* Comprensión razoada dos comportamentos histórico-culturais da humanidade no pasado e no presente e capacidade de relacionalos cos fenómenos e cos acontecementos artísticos que tiveran lugar.

* Percepción visual e sensibilidade ante as crenzas, a evolución histórica e a situación espacio-temporal da xoiería.

* Uso dunha linguaxe clara e dunha terminoloxía específica idónea.

3.2.3. Módulo 3: volume:

Capacidades terminais

* Realizar composicións en relevo aplicando as técnicas de modelaxe, talla e baleirado.

* Elixi-los materiais idóneos para obte-la maior expresividade da composición e manexalos adecuadamente.

* Realizar composicións volumétricas derivadas dos volumes simples, por división, deformación, seriación, etc., aplicando os principios compositivos: simetría, equilibrio, ritmo, proporción, etc.

* Construcción de formas tridimensionais exentas mediante calquera técnica, coas armazóns adecuadas á súa forma e dimensións.

* Realizar composicións volumétricas inspiradas na natureza, a través de series de simplificación sucesiva da forma.

* Realizar esbozos volumétricos de decoración de pezas da especialidade.

Contidos

* Os distintos materiais, ferramentas e técnicas.

* O relevo baixo, medio e alto.

* A forma exenta. Armazóns.

* Modelaxe, talla e construcción.

* Iniciación ó baleirado.

* A composición na creación volumétrica.

* As formas na natureza. Formas orgánicas, xeométricas e abstractas.

* A maquetación.

* Os materiais: plásticos (barro, escaiola, etc.) pétreos, orgánicos (madeira), sintéticos (plásticos, cementos, etc.), metálicos (ferro, aluminio, etc.), etc.

* Manexo adecuado dos diferentes tipos de materiais e ferramentas.

* Selección e aplicación dos diferentes procedementos volumétricos.

* Construcción de formas exentas e relevos a nivel básico experimentando cos principios compositivos: simetría, equilibrio, ritmo, proporción, etc.

* Aplicación das formas da natureza na ornamentación volumétrica de pezas utilizables nas artes aplicadas da escultura.

Criterios de avaliación

* Utilizar correctamente os elementos que interveñen na composición, para a creación de formas volumétricas, dotadas de interese plástico.

* Aplica-los diferentes procesos escultóricos aprendidos, así como as súas ferramentas e os materiais propios.

* Realiza-los procesos de baleirado e moldeado, a nivel básico.

* Interpreta-la realidade con visión analítica e sintética aplicada ó estudio de formas volumétricas.

* Resolver de distintas maneiras e con orixinalidade os problemas formais que se presenten.

3.2.4. Módulo 4: materiais e tecnoloxía: ourivería e xoiería:

Capacidades terminais

* Manexo de útiles, máquinas, ferramentas e técnicas para empregar propias da especialidade.

* Aplicar técnicas e métodos sobre os materiais e as pedras preciosas e ornamentais en procesos de fabricación industrial e artesanal.

Contidos

* Medida e cálculo de magnitudes. Instrumentos.

* Os metais: concepto e características. Propiedades físicas e químicas. Aplicacións.

* Metais preciosos, aliaxes e leis.

* Outros materiais: características. Usos e aplicacións.

* Xemas: propiedades descritivas.

* A calor: fontes e aplicacións.

* Tecnoloxía dos procesos relacionados co obxectivo productivo e artesanal.

* Propiedades, manexo e aplicacións dos principais productos químicos utilizados no taller.

Criterios de avaliación

* O coñecemento sobre as propiedades dos materiais utilizados.

* O coñecemento das máquinas e das ferramentas propias da especialidade.

* A realización correcta do cálculo aplicado.

* O coñecemento teórico dos procesos de fabricación e as súas características.

* O uso correcto do vocabulario específico.

3.2.5. Módulo 5: debuxo técnico:

Capacidades terminais

* Utilizar correctamente os materiais, os métodos e as técnicas necesarias para a representación xeométrica no plano.

* Aplica-lo debuxo xeométrico á representación de formas planas relacionadas coa especialidade.

* Realiza-los trazados gráficos básicos utilizando métodos informáticos.

* Identificar e empregar correctamente os convencionalismos utilizados no debuxo técnico e na normativización.

* Representar graficamente, mediante os sistemas máis adecuados, pezas tridimensionais sinxelas do contorno e da especialidade.

Contidos

* Os útiles de debuxo. Formatos normalizados.

* Trazados básicos: perpendiculares e paralelas, triángulos, cuadriláteros, polígonos regulares, circunferencias e arcos, tanxenciais e enlaces, óvalos, ovoides e espirais, cónicas (elipse hipérbole e parábola), arcos e molduras.

* Semellanzas e proporcionalidade. Escalas.

* Rotulación.

* Proxección cilíndrica e cónica. Introducción ós sistemas de representación.

* Sistemas obxectivos de representación: sistema diédrico (bosquexo, seccións, etc.), perspectivas paralelas (axonometrías, cabaleiras, militares, etc.). Sistema acotado, proxeccións estereográficas.

* Sistemas subxectivos de representación, sistema cónico e perspectiva lineal; simplificacións.

* Normas de acotación e símbolos convencionais en superficies e cortes.

* Representación bidimensional mediante programas informáticos.

* Representación tridimensional mediante programas informáticos.

* Debuxo de formas xeométricas planas.

* Representacións gráficas nos diferentes sistemas: axonométricas, cabaleiras, diédricas, planos acotados e cónicos.

* Representación de detalles constructivos e símbolos convencionais en superficies e cortes.

Criterios de avaliación

* Debuxar obxectos cos sistemas de representación máis idóneos.

* Selecciona-lo sistema de representación adecuado para un problema xeométrico.

* Aplicar programas informáticos na representación gráfica das artes plásticas da escultura.

3.2.6. Módulo 6: informática básica:

Capacidades terminais

* Explica-lo proceso electrónico de datos e a estructura física e lóxica do ordenador.

* Describi-lo sistema de xestión interna do ordenador e analizar en qué dispositivos e cómo se almacena a información.

* Diferencia-los diversos sistemas de codificación da información.

* Analiza-la estructura, funcións e características básicas dun sistema operativo monousuario.

* Instalar e aplica-los comandos dun sistema operativo monousuario.

* Distinguir e identifica-los tipos de redes de transmisión de datos.

* Realizar operacións no contorno de traballo dunha rede de área local.

* Operar cun procesador de texto distinguindo as partes que forman un documento e creándoo cun deseño preestablecido.

* Manexar a nivel de usuario as técnicas utilizadas para intercambiar datos, documentos ou gráficos entre programas.

Contidos

* Introducción á informática.

* Sistemas operativos.

* Dispositivos de entrada e de saída.

* Ofimática.

* Introducción ó software de deseño e ilustración.

Criterios de avaliación

* O coñecemento e a capacidade do alumno para utilizar correctamente o material e os equipos informáticos.

* A capacidade para selecciona-lo medio informático axeitado, os seus resultados, alcance e posibles combinacións con outros medios.

3.2.7. Módulo 7: taller de xoiería:

Capacidades terminais

* Manexar máquinas e ferramentas propias do taller de xoiería.

* Aplicar técnicas que permitan a construcción de pezas a partir dos planos correspondentes, así como a reparación ou modificación dos obxectos.

* Desenvolve-la sensibilidade artística e a creatividade.

Contidos

* O taller de xoiería; o posto de traballo.

* Máquinas e ferramentas.

* Técnicas de xoiería.

* Elementos para o engaste.

Criterios de avaliación

* Interpretación correcta de planos.

* Uso adecuado de cada ferramenta.

* A coherencia na selección das técnicas que se sigan.

* Realización correcta de pezas.

* Acabamento perfecto (reterminación) da peza.

* Sensibilidade artística e creatividade demostradas no traballo.

3.2.8. Módulo 8: formación e orientación laboral:

Capacidades terminais

* Describi-lo marco legal do traballo identificando os dereitos e obrigas que se derivan das relacións laborais.

* Adquiri-la sensibilización necesaria acerca da saúde laboral mediante a determinación de actuacións preventivas e de protección.

* Identifica-los procedementos de inserción na realidade laboral como traballador autónomo e por conta allea, así como as iniciativas para o traballo por conta propia.

* Recoñece-las actitudes e as capacidades cada vez máis necesarias para o acceso e a permanencia no emprego: colaboración, participación, flexibilidade e dispoñibilidade.

* Localiza-los organismos e institucións autonómicos, estatais e comunitarios que prestan apoio á iniciativa empresarial e ó autoemprego, e distingui-las axudas económicas e as subvencións que se poden solicitar en cada caso.

* Adquiri-los coñecementos necesarios para xestionar e administrar unha pequena ou mediana empresa do sector: organización, localización, financiamento, producción, comercialización e a rendibilidade.

* Distingui-los instrumentos xurídicos, empresariais e profesionais propios da especialidade, co obxecto de coñece-los dereitos e asumi-las obrigas que se derivan do labor profesional.

Contidos

* Normativa básica das relacións laborais e regulamentación específica.

* Saúde laboral. Prevención ante os riscos profesionais.

* O proceso de procura de emprego. Técnicas de busca activa. Fontes de información e emprego.

* Conceptos básicos de economía e mercadotecnia.

* Iniciativas para o traballo por conta propia: tipos de empresas, plan de viabilidade e constitución dunha empresa. Institucións e organismos que prestan axuda e asesoramento.

* Administración e xestión dunha pequena empresa do sector. Obrigacións xurídicas e fiscais.

* Dereito aplicado á especialidade: lexislación en materia de obras de arte. Propiedade intelectual e propiedade industrial.

Criterios de avaliación

* Verifica-la asimilación dos conceptos fundamentais que se inclúen nos bloques temáticos.

* Contrasta-lo interese por asumir adecuadamente o papel laboral.

* Desenvolver actitudes axeitadas que faciliten a inserción, a permanencia e a promoción no mundo do traballo.

* Argumenta-la importancia da saúde persoal e colectiva.

* Actitude emprendedora e creativa ante as propias necesidades e aspiracións.

* Valora-la utilización correcta dunha terminoloxía específica.

3.3. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres:

Os seus obxectivos serán:

* Asumi-la realidade profesional para completa-la formación académica, realizando un cometido laboral de responsabilidade acorde co seu nivel.

* Tomar contacto co mundo do traballo e co seu sistema de relacións sociais, laborais e técnicas.

* Contrasta-los coñecementos adquiridos no centro educativo coa realidade empresarial e laboral.

* Adquirir coñecementos complementarios útiles para a práctica profesional, tanto sobre a organización e coordinación do traballo, propio da especialidade, como sobre a situación e as relacións do mercado laboral.

* Adquiri-los coñecementos técnicos sobre útiles, ferramentas, aparellos e máquinas que, pola súa especialización, custo ou novidade, non están ó alcance do centro educativo.

* Participar de forma activa nas fases do proceso productivo, baixo a titoría ou dirección correspondente.

* Aplica-los coñecementos e habilidades que se adquiriron na formación teórica e práctica do alumno ou alumna nos centros docentes.

* Integrarse no mundo laboral e no sistema técnico-social da empresa.

3.4. Obra final:

A obra final ten como obxectivo comprobar se o alumno asimilou e ten a capacidade de integrar, sincretizar e aplica-los coñecementos teórico-prácticos e artísticos das ensinanzas cursadas no centro e, en consecuencia, de desempeña-la actividade profesional no campo desta especialidade e nivel cursados.

Nesta familia profesional a obra final consistirá na realización dun ou de varios obxectos pertencente ó campo da xoiería da arte, xa sexa como peza illada ou xa como conxunto.

A obra final terá o seguinte contido:

* Información e comunicación.

-Memoria, onde se realizará unha análise dos procesos e fases de realización do obxecto, así como, polo menos, dos seguintes aspectos:

-Aspectos funcionais.

-Aspectos artísticos.

-Aspectos técnicos: materiais e procesos necesarios para a realización do producto final.

-Aspectos económicos: cálculo dos custos necesarios para a realización do producto final e rendibilidade e óptimo aproveitamento dos medios.

-Testemuña gráfica das diversas etapas do traballo conducentes á realización da obra, e dos debuxos e bosquexos realizados.

* Realización da obra á que se refire o proxecto ou da maqueta, en función da entidade do proxecto e das especificacións do tribunal.

-Representación gráfica: planos, detalles e instalacións. Incluirá unha memoria gráfica das diversas etapas da realización.

-Estudio económico: medicións e orzamentos.

-Programación e planificación da obra.

4. Ordenación académica e impartición.

4.1. Admisión de alumnos:

4.1.1. Acceso con requisitos académicos:

Para acceder ó ciclo formativo de grao medio ó que se refire o presente decreto será preciso estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou ter superados os estudios equivalentes a ese título, segundo o establecido nos anexos I e II do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación do novo sistema educativo, modificado polo Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, así como superar unha proba de acceso específica.

4.1.2. Exencións da proba de acceso específica:

Estarán exentos de realiza-la proba de acceso prevista no artigo 6º do presente decreto:

* Aqueles aspirantes que estivesen en posesión do título de técnico ou técnico superior de artes

plásticas e deseño nunha especialidade da mesma familia profesional á que pretendan acceder.

* Aqueles aspirantes que tivesen superados os tres cursos comúns correspondentes ó plan de estudios de artes aplicadas e oficios artísticos que establece o Decreto 2127/1963, do 24 de xullo (BOE do 6 de setembro) e que se desenvolve pola Orde do 27 de decembro de 1963 (BOE do 23 de xaneiro de 1964).

* Aqueles aspirantes que superasen os dous cursos comúns do plan experimental de ensinanzas artísticas da Comunidade Autónoma de Galicia establecido polo Decreto 179/1988, do 7 de xullo (DOG do 18 de xullo).

4.1.3. Acceso sen requisitos académicos:

Non obstante o disposto nos puntos anteriores, será posible acceder ó ciclo formativo establecido no presente decreto sen estar en posesión do título de graduado en educación secundaria, superando unha proba na que demostre tanto madureza intelectual, acreditada a través do dominio das capacidades lingüísticas, de razoamento e de coñecementos fundamentais da etapa educativa anterior relacionados co ensino ó que aspira, como as habilidades específicas necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

A dita proba será regulada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4.2. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres:

A fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, poderá consistir tanto na realización de prácticas en entidades de titularidade pública ou privada como en traballos profesionais academicamente dirixidos e integrados no currículo, así como aqueles efectuados no marco de programas de intercambio nacional ou internacional.

A fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres realizarase unha vez superada a totalidade dos módulos. Excepcionalmente, o equipo docente do ciclo poderá autoriza-la súa realización simultánea coas actividades de recuperación a aqueles alumnos e alumnas que teñan un máximo de dous módulos sen superar, sempre que quede garantido que non se produce mingua na capacidade das tarefas de recuperación.

A avaliación faraa o profesor titor ou a profesora titora do centro educativo e nela colaborará a persoa responsable de formación do alumnado designada polo centro de traballo no período de estadía nel. A cualificación final estará expresada en termos de apto ou non apto. Será realizada polo titor do ciclo.

4.3. Obra final:

4.3.1. Fases de entrega e avaliación:

* Anteproxecto. Unha vez aprobados os módulos e a fase de formación práctica en empresas, estudios

ou talleres, o alumno presentará un proxecto da obra final da súa especialidade, dirixido por un profesor titor, ante un tribunal avaliador. O anteproxecto deberá reflectir a grandes trazos o contido da obra que se vaia realizar.

* Aceptación. Para a aceptación do anteproxecto o tribunal avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

-O seu interese global, considerando a proposta estética, a orixinalidade da formulación e a súa adecuación á demanda real do producto de que se trate.

-A posibilidade de realización efectiva da obra final, nos prazos establecidos e atendendo ós medios e ás instalacións con que se conta.

No suposto de non aceptación, o tribunal ofertaralle unha proposta alternativa ó alumno.

* Inscrición. Formalizarase unha vez aceptado o anteproxecto.

* Elaboración e prazo de execución. O proceso de realización da obra final desenvolverase dentro do último trimestre do curso no que se superasen os módulos do ciclo formativo.

* Avaliación. A obra final avaliarase globalmente. Cualificarase entre 0 e 10 puntos. Para a avaliación positiva requírese unha cualificación igual ou superior a cinco.

O número máximo de convocatorias para a superación da obra final é de dúas. No suposto de que se dese algunha circunstancia que impedise o normal desenvolvemento do proxecto, a dirección do centro, con carácter excepcional, poderá autorizar unha convocatoria extraordinaria.

Os tribunais considerarán na avaliación das obras finais a súa capacidade ou interese pedagóxico para servir como pauta ou referencia ós demais alumnos e alumnas. Para tal efecto, incluirán no seu calendario de actividades a organización de exposicións das obras finais.

4.3.2. Titoría e tribunal avaliador:

A titoría da obra final correrá a cargo do titor do ciclo formativo ou dun membro do equipo docente. Neste último caso actuará como relator o titor.

A aceptación da proposta da obra final e a súa avaliación, así como a determinación específica dos prazos, procesos e pautas para a realización, entrega e avaliación das obras corresponderalle a un tribunal integrado por:

* Presidente: o director do centro ou o profesor en quen delegue.

* Secretario: o do propio centro, que actuará con voz pero sen voto, levantará acta das sesións e encargarase de facilitar e coordina-la utilización dos medios que, se é o caso, o centro poña ó dispor dos alumnos para a realización dos proxectos, no período establecido para a súa execución.

* Vocais: polo menos 3, nomeados polo director, dos que dous membros serán profesores do ciclo. O director poderá designar ademais un profesional de recoñecido prestixio no campo correspondente ó ciclo formativo e alleo ó centro educativo.

4.4. Especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos profesionais do ciclo formativo de procedementos de xoiería artística:

Os funcionarios do corpo de profesores de artes plásticas e deseño e do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño impartirán con carácter preferente os módulos deste ciclo de conformidade coa atribución de módulos a especialidades que figura na columna (A) do presente anexo.

Non obstante, co fin de lograr un óptimo aproveitamento dos recursos dispoñibles no centro, na súa organización, os devanditos módulos poderán ser impartidos por funcionarios ou funcionarias doutras especialidades, de conformidade co que figura na columna (B), sen que iso produza efectos na adscrición de especialidade.

MódulosEspecialidade do profesorado

(A)(B)

1Formación eProfesor APD de:

orientación laboral-Dereito usual-Organización industrial

2Debuxo artísticoProfesor APD de:Profesor APD de:

-Debuxo artístico-Colorido e procedementos pictóricos-Composición decorativa, pintura e escultura relixiosa-Decoración sobre pastas cerámicas-Análise de forma e cor-Procedementos pictóricos-Técnicas de colorido aplicado á cerámica-Debuxo publicitario-Composición ornamental e proxectos-Composición ornamental-Estilización artística e colorido-Decoración elemental cerámica-Teoría e práctica do deseño-Proxectos de arte decorativa-Deseño de figurinos

3Historia da arteProfesor APD de:

e da ourivería e

a xoiería

-Cultura xeral cerámica-Historia da arte-Historia da arte e da cerámica

4Debuxo técnicoProfesor APD de:

-Debuxo lineal

5Materiais eProfesor APD de:

tecnoloxía:

ourivería e

xoiería

-Matemáticas-Coñecemento de materias

6InformáticaProfesor APD de:

básica-Deseño asistido por ordenador-Taquigrafía

7VolumeProfesor APD de:

-Modelaxe e baleirado-Imaxinería castelá-Moldeado de figuras-Moldes-Adorno e figura

8Taller de xoieríaMestre taller APD de:

-Técnicas de xoiería-Xoiería-Acibeche

4.5. Espacios e instalacións:

As condicións de espacio e instalacións que deben reuni-los centros educativos son as que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas.

Para os efectos do disposto no artigo 40.1º, alíneas k), l), m), do real decreto anteriormente citado, os módulos do presente ciclo formativo clasifícanse nas seguintes partes:

* Teóricos:

-Historia da arte e da ourivería e a xoiería.

-Materiais e tecnoloxía: ourivería e xoiería.

-Formación e orientación laboral.

* Teórico-prácticos:

-Debuxo artístico.

-Debuxo técnico.

-Volume.

* Talleres específicos:

-Taller de xoiería.

-Informática básica.

Espacio formativoSuperficieGrao de utilización

Aula teórica45 m20%

Aula teórico-práctica80 m25%

Aula de informática30 m5%

Taller de xoiería60 m50%

4.6. Relación numérica profesor/alumno:

De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica entre profesor e alumno non superior a 1/15 nos módulos seguintes: taller de xoiería e informática básica. Ó resto dos módulos aplicaráselle a ratio máxima 1/30.

En función da dispoñibilidade de cada centro e sempre que sexa posible, tenderase a aplica-la relación 1/15 nos módulos impartidos nas aulas teórico-prácticas.

4.7. Correspondencias:

Poderán ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral os seguintes módulos:

* Taller de xoiería.

* Formación e orientación laboral.

Así mesmo, poderá quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado con este ciclo formativo.

4.8. Acceso ó bacharelato e validacións:

4.8.1. Modalidades do bacharelato ás que dá acceso este título:

* Bacharelato de artes.

4.8.2. Módulos do ciclo formativo que poden ser obxecto de validación con materias do bacharelato:

Módulo profesionalMateria do bacharelato

Debuxo técnicoDebuxo técnico

Debuxo artísticoDebuxo artístico I

Volume/taller de xoieríaVolume

4.9. Distribución horaria.

* Os módulos profesionais deste ciclo formativo organízanse do seguinte xeito:

Horas totaisDenominación dos módulos

1º, 2º e 3º trimestre

65Informática básica

130Volume

130Debuxo artístico

95Materiais en tecnoloxía: ourivería e xoiería

95Historia da arte e da ourivería e a xoiería

380Taller de xoiería

65(Horas de libre disposición)

960Total

4º, 5º e 6º trimestre

130Debuxo técnico

320Taller de xoiería

65Formación e orientación laboral

515Total

45Obra final

80Formación práctica en empresas, estudios ou talleres

125Total

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA