Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 09 de abril de 2002 Páx. 4.549

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE LOURENZÁ

ANUNCIO.

O Pleno do Concello, na sesión extraordinaria do día 25 de febreiro de 2002, adoptou, entre outros, o acordo do teor literal seguinte:

«4.-Exame e aprobación definitiva do proxecto do Plan parcial do parque empresarial de Lourenzá.

Neste punto da orde do día a Alcaldía informou de que se recibira o informe favorable da Dirección Xeral de Urbanismo, último paso para a aprobación definitiva e tras un breve debate no que por parte da concelleira do BNG Fernández Cid se indicou que a aprobación «non era sen tempo e que esperaba que o concello puidese intervir para axiliza-lo tema das expropiacións», ó que a Alcaldía contestoulle afirmativamente e que se faría todo o posible para axiliza-lo tema.

Visto que o expediente de aprobación do proxecto do Plan parcial do parque empresarial foi aprobado inicialmente polo Pleno desta corporación na sesión do día 2-8-2001 e foi sometido a información pública durante un mes mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia nº 178, con data do 13-9-2001, no BOP nº 190, con data do 20-8-2001 e no xornal La Voz de Galicia do día 25-9-2001 sen que se presentaran alegacións.

Visto que a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe previo á aprobación inicial con data do 15-5-2001 para os efectos do disposto no artigo 41.3º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (desde agora LSG).

Visto que o equipo redactor emendou as observacións contidas no dito informe e que foron emitidos, en sentido favorable, os correspondentes informes polo organismo autónomo Augas de Galicia (Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico) con data do 30-7-2001 e polo Ministerio de Fomento, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (Unidade de Estradas en Lugo) con data 22-6-2001.

Visto que con data do 30-1-2002 a Dirección Xeral de Urbanismo e para os efectos previstos no artigo 42.5º da LSG emitiu en sentido favorable o previo informe preceptivo e vinculante.

Visto que, de conformidade co disposto no artigo 45.2º da LSG, a competencia para a aprobación definitiva do mencionado Plan parcial do parque empresarial lle corresponde ó concello.

Visto que a teor do disposto no artigo 47.3ºi) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o acordo de aprobación definitiva require o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da corporación.

O Pleno, por unanimidade dos dez concelleiros presentes na sesión, sendo o seu número legal de once, en votación ordinaria, e polo tanto co quórum favorable de votación da maioría absoluta legal do número de membros que a compoñen, acordou:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o Plan parcial do parque empresarial de Lourenzá.

Segundo.-Dar cumprimento ó disposto no artigo 48 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia e publica-la aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia e no BOP, así como neste último o documento que conteña a normativa e as ordenanzas, quedando condicionada a eficacia desta aprobación definitiva ó cumprimento do disposto no dito artigo.

O que se fai público para xeral coñecemento en cumprimento do disposto no artigo 70.2º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Contra este acordo poden os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no BOP.

Lourenzá, 28 de febreiro de 2002.

Vidal Martínez-Sierra López

Alcalde