Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre documentoscopia, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
O curso ten por obxectivos o coñecemento de diferentes técnicas que lle permitan distinguir documentos falsos, e outras actividades que lle sirvan para a seu labor profesional.
Destinatarios.
O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia; e no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do corpo nacional de policía e garda civil.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Prazas.
O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 27.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 26 de abril, ás 14 horas.
3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará á exclusión do devandito curso.
4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Contido e duración.
O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: 1. Falsificacións. 2. Análise de documentos. 3. Análise caligráfica, etc.
Datas.
O curso celebrarase do 6 ó 9 de maio.
O horario será de 16 a 21 horas.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos publicarase o día 29 de abril, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
Lugar.
O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.
Certificado de aproveitamento.
Ó remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el e superen as correspondentes probas.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 1 de abril de 2002.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade

