Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2002 Páx. 5.860

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de abril de 2002 pola que se publica a convocatoria para a concesión de subvencións a escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro e se regula o procedemento para a súa concesión.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 39.5º que os estudios de música se poderán cursar, sen límite de idade, en escolas específicas. Estes estudios en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica e profesional.

A orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993 (Diario Oficial de Galicia do 22 de abril) regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia; no seu punto 12 clasifica as escolas de música como públicas ou privadas, segundo o seu titular sexa un organismo de carácter público, ou unha persoa física ou xurídica de carácter privado.

Co fin de potencia-lo funcionamento das escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro e en virtude das atribucións que ten conferidas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Faise pública a convocatoria de axudas destinadas a subvenciona-lo funcionamento, no desenvolvemento das súas actividades docentes, das escolas de música privadas dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia, desde o 1 de xaneiro de 2002 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Segundo.-Poderán solicitar estas subvencións os titulares das escolas de música sinaladas no punto anterior que teñan, na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a impartición das correspondentes ensinanzas.

Terceiro.-O importe total das axudas, de acordo coa prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, será de vinte mil oitocentos setenta e nove euros (20.879 A) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.322E.480.0 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa. Este importe poderá verse incrementado, se as dispoñibilidades orzamentarias o permiten, unha vez que se aprobe a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

En calquera caso, a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá supera-la cantidade de catro mil euros (4.000 A).

Cuarto.-As solicitudes, segundo o modelo de instancia que figura no anexo desta orde, xunto coa documentación xustificativa correspondente, dirixiranse ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse no rexistro xeral da consellería, edi

ficio administrativo San Caetano s/n, 15771 Santiago de Compostela, ou nos lugares que sinala o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), no prazo de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude debe ir xunto coa seguinte documentación:

a) Breve memoria descritiva dos obxectivos que se pretenden alcanzar mediante as actividades que se realicen no ano 2002.

b) Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Orixinal ou fotocopia cotexada de certificación bancaria a nome do solicitante, na que conste o número de conta na que desexe que se lle ingrese, se é o caso, o importe da axuda.

d) Declaración xurada de ter solicitado, ou non, axuda para a mesma finalidade doutras administracións ou entes públicos ou privados.

e) Fotocopia cotexada dos estatutos da asociación ou fundación solicitante dos que debe desprenderse que se trata dunha entidade sen ánimo de lucro.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta, polo menos, os seguintes aspectos:

1. Número de alumnos/as.

2. Ensinanzas que imparte a escola.

3. Número de profesores/as e tempo de dedicación.

4. Dimensións das instalacións.

5. Volume de orzamento da escola de música.

A concesión das subvencións realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completa-lo expediente e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á mencionada dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa ou persoa en quen delegue constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-O subdirector xeral de Programación.

-O xefe do Servicio de Xestión de Programas Educativos.

-O xefe do Servicio de Programación.

-Un representante da Inspección Central.

-O asesor técnico de ensinanzas artísticas da Direccción Xeral de Centros e Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario con voz e sen voto.

A comisión poderá solicitar, en todo momento, a asistencia daqueles funcionarios que estime oportuno que, no caso de acudir ás reunións desta, o farán con voz e sen voto.

Oitavo.-A comisión elaborará unha proposta provisional de adxudicación das axudas que se lles notificará ós interesados para que estes, no prazo de 10 días hábiles, poidan formula-las alegacións que consideren oportunas. Valoradas as alegacións, a comisión elevará a proposta definitiva de adxudicación das axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

Noveno.-A resolución de concesión de axudas dictada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de seis meses contados desde a publicación desta orde. As solicitudes denegadas serán motivadas.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes deberán entender desestimadas as súas solicitudes.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Décimo.-As subvencións estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles e irán destinadas a sufraga-los gastos de carácter fixo e recorrente que se especifiquen no anexo.

O pagamento realizarase de conformidade co disposto nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro).

En todo caso, o beneficiario presentará antes do 15 de outubro de 2002 a xustificación completa.

Para que se poida dar curso ós libramentos, o solicitante deberá achega-las xustificacións mediante a presentación de facturas orixinais, nóminas, boletíns de cotización á Seguridade Social, documentos de retencións do imposto da renda das persoas físicas, certificacións bancarias, certificacións de obra e documentos similares.

Ademais, de acordo co artigo 15.4º do mencionado Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

A xustificación deberase facer sobre o investimento total, e de non acadarse este, minorarase a subvención na mesma proporción.

As xustificacións referidas serán dirixidas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, Subdirección Xeral de Centros, Servicio de Xestión de Programas Educativos.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provinciais de inspección, poderá realizar un seguimento da aplicación das subvencións nas escolas de música beneficiarias destas.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Décimo segundo.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal como se establece no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música que obteñan axuda, deberá figura-lo anagrama ou logotipo da Xunta de Galicia, xunto coa seguinte expresión literal «Centro subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria».

Décimo cuarto.-O beneficiario da subvención deberá proceder ó reintegro das cantidades recibidas e mailos xuros de demora, de conformidade co disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e Decreto 287/2000, do 21 de novembro, cando exista incumprimento pola súa parte da obriga de xustificación, obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión, ou por incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

Décimo quinto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde haberá que aterse ó Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ó Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, ó Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, do ano 2001, para o exercicio de 2002 (DOG do 31 de decembro) e á Orde do 29 de decembro de 2001 que o desenvolve (DOG do 31 de decembro).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria