Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Martes, 14 de maio de 2002 Páx. 6.986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 6 de maio de 2002 pola que se convocan bolsas para a realización de prácticas en oficinas de información e promoción turística.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía, requírese que, por parte das administracións públicas, se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de favorecer que os estudiantes e titulados de técnicos de empresas e actividades turísticas e os técnicos superiores en información e comercialización turísticas accedan a prácticas nas oficinas de información de turismo dependentes da Xunta, así como noutras oficinas dedicadas á promoción de novos productos e acti

vidades turísticas actualmente en auxe dentro da nosa Comunidade Autónoma. Con isto contribúese directamente tanto á formación dos técnicos como á mellora do servicio de atención ó turista, o que repercutirá de modo decisivo nunha maior satisfacción e incremento da demanda.

Por todo isto e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, e tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola do 27 de novembro de 2000 e pola de 25 de outubro de 2001, esta consellería realiza unha convocatoria de bolsas para a realización de prácticas en oficinas de información e promoción turísticas de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse 19 bolsas para a realización durante o verán de prácticas de promoción e información turística, unha para a Fundación Aquae Querquernae-Vía Nova (en diante Fundación Aquae) sita no

concello de Bande, outra para a oficina da Asociación Galega de Actividades Náuticas (en diante Agán) en Santiago de Compostela, e as demais distribuídas entre as oficinas de información turística que a Xunta de Galicia ten dedicadas a tal actividade, nas localidades da Coruña (2), Santiago de Compostela (2), Lugo (2), Vigo (2), Ourense (2), O Carballiño (1), Ferrol (1), Ribeira (1), Ribadeo (1), Pontevedra (1), Tui (1) e Vilagarcía de Arousa (1).

A duración das bolsas é que se reflicte no cadro seguinte:

Nº de bolseirosOficinaMesesDías

2Santiago31 xullo/30 setembro
2Vigo31 xullo/30 setembro
2A Coruña31 xullo/30 setembro
2Lugo21 xullo/31 agosto
2Ourense21 xullo/31 agosto
1Pontevedra21 xullo/31 agosto
1Vilagarcía21 xullo/31 agosto
1Tui21 xullo/31 agosto
1Ferrol21 xullo/31 agosto
1Ribeira21 xullo/31 agosto
1O Carballiño21 xullo/31 agosto
1Ribadeo21 xullo/31 agosto
1Agán (Santiago)41 xullo/31 outubro
1F. Aquae (Bande)41 xullo/31 outubro

Segunda.-Beneficiarios e natureza xurídica da relación.

1. Poden optar ás bolsas de prácticas nas oficinas de información turística os técnicos superiores en información e comercialización turísticas, os estudiantes da diplomatura de turismo e os diplomados e técnicos de empresas e actividades turísticas, sempre que nacesen con posterioridade ó 31 de decembro de 1973 e non fosen adxudicatarios desta mesma bolsa en dúas ou máis edicións anteriores.

2. Á bolsa para a realización de prácticas nas oficinas da Fundación Aquae e de Agán, tamén poderán optar os titulados superiores nacidos despois do 31 de decembro de 1973.

3. A condición de bolseiro/a en virtude da presente orde non xerará ningún tipo de relación de carácter laboral nin contractual e tampouco dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

Terceira.-Crédito orzamentario e dotación das bolsas.

Para a concesión destas bolsas destinarase ata un máximo de trinta e sete mil cincocentos trinta e dous (37.532) euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.05.751A.480.0.

A dotación económica de cada bolsa sera de setecentos oitenta e un euros con noventa e un céntimos (781,91) brutos mensuais. Cada bolsa comprenderá, ademais, un seguro individual de accidentes.

Cuarta.-Condicións xerais das bolsas.

1. O contido das tarefas que realizarán os bolseiros consiste:

a) No caso das bolsas de prácticas nas oficinas turísticas, en actividades relacionadas coa información a turistas e viaxeiros sobre aloxamento, transporte, espec

táculos, gastronomía, bibliotecas, arquivos, museos, feiras, festas, romarías, exposicións e servicios en xeral, así como calquera outra manifestación que polas súas características ofreza atractivos turísticos.

b) No caso da bolsa na Fundación Aquae, en diversas actividades relacionadas coa posta en valor, difusión e promoción turística do complexo arquelóxico de Aquis Querquennis e o itinerario turístico-cultural da Vía Nova (XVIII) romana, que vai de Braga a Astorga.

c) O/A bolseiro/a con destino na oficina de Agán realizará tarefas relacionadas coa posta en marcha e promoción de actividades de contribúan ó desenvolvemento do turismo náutico na nosa Comunidade Autónoma.

2. Os beneficiarios comprométense á realización das devanditas tarefas con plena dispoñibilidade, calquera día da semana laboral ou festivo, de acordo coas indicacións e horario que lle sinale a correspondente Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, cun límite de 37 horas semanais. A persoa que obteña a bolsa para traballar na Fundación Aquae e en Agán levará a cabo o plan establecido pola Dirección Xeral de Turismo, baixo as directrices que marque, respectivamente, o presidente da citada fundación e asociación.

Tódolos beneficiarios serán convocados a unha reunión na Dirección Xeral de Turismo en Santiago con anterioridade ó comezo das súas prácticas e antes de que remate o período da bolsa, realizarán un informe sobre o traballo desenvolvido, que entregarán ó xefe da oficina, que o remitirá coa súa conformidade ó Servicio Provincial de Turismo respectivo.

Quinta.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes serán remitidas, conforme o modelo do anexo I, á Dirección Xeral de Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte (20) días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada, por ámbalas caras, do DNI.

b) Curriculum vitae e fotografía.

c) Os estudiantes, certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións do curso 2001-2002.

d) Os titulados, fotocopia do título ou do recibo do depósito do título compulsadas e certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

e) Certificacións ou fotocopias compulsadas dos diplomas de cursos e traballos de investigación realizados, así como das prácticas en oficinas de turismo, axencias de viaxes, hoteles, campings, congresos, museos ou calquera outra actividade relacionada co turismo ou a xestión de recursos turísticos vinculados coa náutica ou ó patrimonio cultural.

f) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

2. Os interesados non poderán presentar máis de dúas solicitudes.

Sexta.-Criterios de adxudicación.

1. Para a valoración das solicitudes que se presenten para tódalas oficinas, terase en conta o seguinte baremo:

-Nota media das cualificacións, engadíndolle 0,5 puntos por curso superado e 1 punto máis ós diplomados en turismo, TEATS e titulados superiores.

-0,5 puntos por curso de iniciación de galego e 1 por o de perfeccionamento ou título homologado.

-1 punto por curso de idiomas superado( non se valorarán os inferiores a 70 horas).

2. Ós solicitantes das bolsas para prácticas nas oficinas de turismo da Xunta, valoraráselles, ademais, 0,25 puntos por cada mes completo de prácticas desenvolvendo actividades de atención ó público relacionadas co turismo, e os que opten ás das outras oficinas da Fundación Aquae e de Agán, 0,25 puntos por curso realizado (de 30 horas ou superior) sobre informática, promoción e xestión de recursos culturais e naúticos, ou relacionados, e 0,25 por traballos de investigación vinculados ó desenvolvemento de calquera destes dous sectores turísticos.

A comisión poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de 7 puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus méritos curriculares e terá unha duración máxima de 15 minutos. En función do contido da entrevista, a comisión poderá aumenta-la puntuación asignada nun máximo do 20%.

3. No caso de que unha vez adxudicadas as bolsas de estudios xurdisen renuncias, adxudicaráselle automaticamente a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

Sétima.-Órganos competentes de xestión e resolución.

As solicitudes presentadas serán valoradas segundo os criterios mencionados no artigo anterior, por unha comisión integrada por tres funcionarios da Dirección Xeral de Turismo: a subdirectora de Fomento e Cooperación, que a presidirá, o xefe da Sección de Cooperación e Documentación e a xefa do Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación, que actuará como secretaria.

No prazo máximo de 2 meses desde a finalización do período de presentación de instancias, exporase nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a relación de solicitantes para cada unha das oficinas, coa puntuación acadada.

A vista da proposta de resolución da comisión de valoración, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo resolverá a adxudicación das bolsas de conformidade co establecido nesta orde. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictou ou ser impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa,

de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Oitava.-Aceptación do beneficiario.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicarán por escrito á Dirección Xeral de Turismo a súa aceptación ou renuncia. No caso de aceptación xuntarase a ela, certificación bancaria da conta onde desexa que se lle aboe o importe da bolsa.

Se transcorridos os sinalados cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención, declarándose concluso o procedemento.

Por outra parte, os beneficiarios terán que facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto desta orde (artigo 78.6i da Lei de réxime financieiro e orzamentario de Galicia).

Novena.-Aboamento das axudas.

As axudas aboaranse con periodicidade mensual e na contía correspondente, unha vez recibido o infome que debe emitir, respectivamente, o presidente da Fundación Aquae, da Asociación Galega de Actividades Náuticas e a persoa competente nas delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, sobre a asistencia regular ás prácticas e aproveitamento dos adxudicatarios.

Décima.-Incidencias.

A directora xeral de Turismo resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, se é o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta orde e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo