Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 15 de maio de 2002 Páx. 7.107

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 3 de maio de 2002 pola que se dictan normas para a concesión de apoio ós concellos galegos na cesión de material quitaneves para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (artigo 22.2º, parágrafo c), a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia: actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de Protección Civil, na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección civil da súa comunidade veciñal.

Conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, a de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

Que, por Resolución do 15 de decembro de 1995, se dispón a publicación do acordo da Comisión Galega de Protección Civil pola que se aproba o Plan de Nevaradas de Galicia (Plan Nega); DOG do 18 de xaneiro de 1996.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar dos medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para intervención en nevaradas.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de materiais para misións de protección civil, de equipamento para nevaradas, ós concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para colaborar cos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal, e para equipar cuns medios necesarios a protección civil, cederalles en propiedade material quitaneves ós concellos galegos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poderen acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos específicos:

a) Concellos das provincias de Ourense e Lugo pertencentes ó Plan NEGA (Plan de Nevaradas de Galicia). Concellos de montaña das provincias de Pontevedra e da Coruña con maior índice de risco de nevaradas.

b) Dispor de vehículos axeitados para mobiliza-lo material quitaneves, así como de recursos humanos.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ó que se refire esta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de 55.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.623.0, dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2002.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto coa solicitude presentarán os seguintes documentos:

2.1. Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello:

a) Se é o caso, da existencia de Servicio Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais do ano 2002, destinados ás funcións de seguridade e/ou protección civil.

c) Relativos ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada nesta orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

-Se faculta o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-lo correspondente convenio ou ampliación deste, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Memoria asinada polo alcalde, como xefe local de Protección Civil, na que se indiquen os riscos poten

ciais de nevaradas no concello e limítrofes, así como a dispoñibilidade de vehículos para transporte do equipo de nevaradas.

-Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndolles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ó seu exame e análise polos servicios de Protección Civil da provincia correspondentes.

2. Os respectivos servicios provinciais emitirán un informe técnico en relación ás peticións recibidas e remitirano á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. A proposta de resolución será feita por unha comisión de avaliación, que estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e o subdirector xeral de Protección Civil, actuando como secretario un funcionario proposto polo director xeral de Interior e Protección Civil.

4. A referida comisión, en función do informe técnico referido no punto anterior, fará unha proposta de resolución que será elevada posteriormente ó órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, así como a contía da axuda, teranse en conta os seguintes criterios:

1. Riscos potenciais existentes no concello e limítrofes, en relación co establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga) ou, se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal.

2. Recursos humanos e medios materiais de titularidade propia que o concello e, se é o caso, a agrupación de voluntarios de Protección Civil, poida mobilizar ante unha emerxencia derivada dunha nevarada ou xeadas intensas.

3. Dispor de servicio de 24 horas no servicio Municipal de Protección Civil e/ou da agrupación de voluntarios de Protección Civil do concello.

4. Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil.

5. Ter ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencias Municipal (Pemu).

6. Cantidade destinada polo concello no orzamento do ano 2002 á seguridade e protección civil.

7. Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Servicio de Emerxencias 112-Galicia, e plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, no sistema de protección civil de Galicia.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia,

de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia supoñendo a concesión en propiedade do material quitaneves.

2. A notificación ós peticionarios será feita pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. En todo caso, a aqueles concellos ós que non se lles conceda material, notificaráselles indicando que foi desestimada a súa petición.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ó que se lle concedese material disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunica-la aceptación.

2. Considérase como medio de xustificación, para facer efectivo o pagamento da cantidade corespondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto, segundo se recolle no artigo 15.2º c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo indicado no punto 1º deste artigo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización de cesión.

Para a formalización da cesión, asinarase un convenio ou ampliación do existente no que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación desta.

Os gastos de matriculación, seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, serán por conta dos concellos.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na Comunidade Autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control

para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais