Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 13 de xuño de 2002 Páx. 8.954

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 6 de xuño de 2002 pola que se establecen os premios Bandeira Verde de Galicia 2002.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuidas as competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Ademais, e de conformidade co disposto no Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro que, no artigo 8, número 2.2, realizará as funcións relativas á formación e consolidación dunha conciencia social para a protección e mellora do medio.

Os premios Bandeira Verde de Galicia teñen como finalidade potenciar unha cultura ambiental na Comunidade Autónoma, mediante o recoñecemento de persoas, colectivos, empresas e institucións que traballasen e destacasen na defensa dos valores ambientais en diferentes ámbitos da Comunidade Autónoma galega, así como promove-la difusión de tales valores pola repercusión que estes premios teñen nos medios de comunicación e sobre a opinión pública.

Para tal efecto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.11º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-los premios Bandeira Verde de Galicia 2002 en recoñecemento ó traballo das persoas ou entidades que desenvolvan un labor significativo no coidado e promoción do medio.

Artigo 2º.-Premios.

A convocatoria dos premios Bandeira Verde de Galicia presenta as seguintes modalidades:

-Mellor acción na defensa e loita contra os incendios forestais.

-Mellor acción na conservación do bosque.

-Mellor acción na conservación da biodiversidade.

-Mellor acción de mellora da calidade ambiental.

Os premios están dotados cunha cantidade de 6.010,12 euros cada un. Os premios concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.05.342A.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002. En tódolos casos están suxeitos ás retencións fiscais correspondentes.

Artigo 3º.-Participación.

1. As persoas ou entidades que desexen acceder a estes premios deberán enviar unha memoria acre

ditativa dos traballos realizados no transcurso do ano 2002 e os logros acadados relativos ó obxecto destes premios.

2. Os traballos non terán sido premiados anteriormente.

3. Os participantes premiados na convocatoria do ano 2001 non poderán participar na presente convocatoria, aínda que si poderán presentarse en futuras convocatorias.

4. A Consellería de Medio Ambiente poderá solicitar información adicional á presentada e verificar calquera punto referente á documentación fornecida.

Artigo 4º.-Presentación e prazos.

a) Os participantes enviarán os traballos mediante instancia dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, en sobre pechado, ó Centro de Desenvolvemento Sostible, San Lázaro s/n 15781 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) O prazo de presentación será ata o 1 de outubro de 2002.

c) Para tódalas categorías deberá presentarase unha memoria que non excederá de 20 folios por unha cara a dous espacios con letra Arial de 12 puntos e marxe de 2,5 cm en tódolos seus lados; poderá ser complementada con gráficos, debuxos, fotos ou calquera material audiovisual.

Artigo 5º.-Xurado e concesión dos premios.

1. O xurado terá a composición seguinte:

Presidente: o conselleiro de Medio Ambiente ou persoa en quen delegue.

Vocais: o director xeral de Montes e Industrias Forestais, o director xeral de Conservación da Natureza, o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, o decano do Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia, ou persoas en quen deleguen respectivamente e un representante dos colectivos ecoloxistas galegos.

Secretario: o director xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible ou persoa en quen delegue.

2. O xurado tomará o acordo de concesión dos premios, que porá fin á vía administrativa; ademais poderá deixar deserta total ou parcialmente a convocatoria e outorga-los accesits que considere oportunos.

3. Os traballos premiados non lles serán devoltos ós seus autores. A Consellería de Medio Ambiente reserva para si o dereito a proceder á súa publicación en tódalas linguas do Estado español coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. Poderá publicar estas obras sen limitación do número de

exemplares nin de edicións. Os beneficiarios dos premios comprométense a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos.

4. Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores, no prazo que se indicará despois da decisión do xurado no taboleiro de anuncios da Consellería de Medio Ambiente. Os que non se retiren serán destruídos.

5. A concesión dos premios terá lugar antes do 1 de decembro do ano 2002 e será notificada persoalmente ós adxudicatarios polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

6. A Consellería de Medio Ambiente cederá durante un ano o uso da Bandeira Verde de Galicia para a súa utilización en tódalas actividades que realicen.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2002.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA