Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 13 de xuño de 2002 Páx. 8.960

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2002, da División de Recursos Humanos, pola que se resolve definitivamente o concurso voluntario de traslados para a provisión de prazas de persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde.

De conformidade co previsto na base 6.2 da Resolución do 5 de decembro de 2001 (DOG nº 240, do 13 de decembro), pola que se fai pública a convocatoria do concurso de traslados para a provisión de prazas de persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, transcorrido o prazo de reclamacións contra a resolución provisional, este centro directivo

ACORDA:

Primeiro.-Resolver definitivamente o concurso voluntario de traslados para a provisión de prazas de persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario das institucións sanitarias depedentes do Servicio Galego de Saúde, convocado por Resolución do 5 de decembro de 2001 nos termos que aparecen reflectidos no anexo desta resolución.

Segundo.-A publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia serviralles de notificación ós interesados.

Terceiro.-De conformidade co establecido na base 7.10 da convocatoria, a toma de posesión dos novos destinos adxudicados nesta resolución efectuarase de modo simultáneo á dos aspirantes que sexan seleccionados no proceso selectivo convocado por resolución desta división do 20 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do 29 de marzo), o que oportunamente se publicará con posterioridade no Diario Oficial de Galicia.

A partir desa vindeira publicación os concursantes que obteñan praza deberán cesar na que, se é o caso, desempeñen, dentro dos tres días hábiles seguintes. Non obstante, o xerente da institución, por necesidades asistenciais, poderá ampliar este prazo ata un máximo de vinte días hábiles, comunicando tal decisión á institución na que obtivese novo destino.

A toma de posesión da nova praza deberá efectuarse no centro de xestión de destino dentro dos tres días hábiles seguintes ó do cesamento, se as prazas son da mesma localidade, no prazo de quince días hábiles, se as prazas son de distinta localidade e da mesma área de saúde, ou no dun mes, se pertencen a distinta localidade e área de saúde.

Non disporán de ningún dos prazos posesorios sinalados aqueles adxudicatarios de praza no concurso que xa viñeran ocupando praza no mesmo centro de destino ou localidade, en virtude de comisión de servicios ou reingreso provisional.

Os prazos posesorios do persoal en situación de comisión de servicios entenderanse sempre referidos

á praza que veñen ocupando en comisión de servicios.

Se así o permiten as necesidades do servicio e a petición do interesado, os prazos a que se refiren os puntos anteriores poderán ser prorrogados por tempo non superior á metade da súa duración inicial.

Cuarto.-O prazo de toma de posesión iniciarase cando remate o permiso ou licencia que, se é o caso, fose concedido ó interesado, a non ser que, por causas xustificadas, se acorde suspende-lo seu desfrute.

Excepto cando a resolución do concurso implique o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión e, se é o caso, a prórroga deste terá a consideración de servicio activo percibíndose os correspondentes haberes consonte as normas establecidas na Orde do 13 de maio de 2002 pola que se dictan instruccións sobre a confección de nóminas do persoal ó servicio da Administración autonómica para o ano 2002 (DOG nº 98, do 23 de maio).

No caso de que a adxudicación da praza supoña o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión será dun mes.

Os traslados derivados deste concurso teñen carácter voluntario, e non xeran dereito ó aboamento de ningunha clase de indemnización.

Quinto.-Conforme o establecido no artigo 11.4º da Lei 30/1999, do 5 de outubro, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde, as prazas adxudicadas serán irrenunciables, a menos que durante o prazo de toma de posesión se obtivese outro destino mediante convocatoria pública, caso no que o interesado poderá optar entre os postos que lle fosen adxudicados, estando obrigado a comunicárlle-la opción realizada ós organismos convocantes dos concursos en que participasen, dentro do prazo de tres días.

Sexto.-De conformidade co establecido no artigo 11.4º da Lei 30/1999, do 5 de outubro, cando un concursante non tome posesión da súa nova praza dentro do prazo de toma de posesión ou, se é o caso, da prórroga que á súa petición motivada lle fose concedida, entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular e será declarado de oficio en tal situación.

Sétimo.-Os concursantes que non obteñan praza no concurso manteranse na situación de destino que teñen, con excepción dos reingresados provisionais que poderán exerce-la opción á que se refire a base 2.6 da Resolución do 5 de decembro de 2001, pola que se convocou o concurso de traslados.

Oitavo.-Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán formular recurso contencioso-administrativo ante o xulgado competente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación. Potestativamente, poderán interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes, ante este centro directivo.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2002.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

Concursantes excluídos

-Carballo Fraguio, Pablo Antonio.

(Conductor).

DNI 32785447.

Causa: categoría non convocada.

-Caruncho Riola, José Luis.

(G. de xestión da función administrativa).

DNI 32651273.

Causa: non levar un ano na praza desde a que concursa.

-De Prado Domínguez, Mª Elisa.

(Auxiliar de enfermería).

DNI 34524248.

Causa: non mante-los requisitos de participación.

-Fernández Gil, Mª Teresa.

(Auxiliar administrativo).

DNI 34975746.

Causa: solicita-lo mesmo destino no que está en activo.

-Fontán Acuña, Mª del Carmen.

(Auxiliar administrativo).

DNI 35310295.

Causa: non levar un ano na praza desde a que concursa.

-Puga Vázquez, M. Carmen.

(Auxiliar administrativo).

DNI 34901636.

Causa: solicita-lo mesmo destino no que está en activo.

-Vázquez Domínguez, M. Reina.

(Auxiliar administrativo).

DNI 34918006.

Causa: solicita-lo mesmo destino no que está en activo.