Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 25 de xuño de 2002 Páx. 9.785

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 13 de xuño de 2002 pola que se regulan axudas complementarias destinadas a mozos adquirentes de vivendas de protección pública.

A Orde do 18 de xullo de 2001 regulou para o dito ano as axudas complementarias destinadas a mozos adquirentes de vivendas de protección pública.

Favorece-lo colectivo de mozos para facer fronte á decisión de acceder a unha vivenda segue a ser un dos obxectivos mantidos pola Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentando axudas complementarias ós plans de vivenda tendentes a estimula-la promoción de vivendas reducidas en aluguer, e continuando agora coa liña de subvencións en beneficio dos mozos de baixo poder adquisitivo, que accedesen en propiedade a unha vivenda financiada ó amparo dos plans estatais de vivenda, anteriores ó Plan de Vivenda 2002-2005, no período que se determina.

En virtude do anterior e logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e a orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 9 de decembro de 1993, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a regulación en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comu

nidade Autónoma, de axudas económicas complementarias destinadas a mozos que obtivesen financiamento cualificado, na modalidade de préstamo cualificado, como adquirentes, adxudicatarios ou promotores para uso propio de vivendas suxeitas a réximes de protección pública, no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 1999 e a data de publicación desta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán resultar beneficiarios das axudas as persoas físicas adquirentes, adxudicatarios ou promotores para uso propio que reúnan os seguintes requisitos:

1. Que o solicitante e, de se-lo caso, os demais membros da unidade familiar, acrediten unha idade non superior a 35 anos na data de formalización da escritura pública de compravenda, de adxudicación ou, de se-lo caso, de obra nova rematada.

2. Que os ingresos corrixidos da unidade familiar non excedan dos 21.000 euros.

3. Que obtivesen préstamo cualificado coa debida conformidade do Ministerio de Fomento con cargo ós convenios dos correspondentes plans de vivenda, anteriores ó Plan estatal de Vivenda 2002-2005, debendo estar formalizado entre o 1 de xaneiro de 1999 e a data de publicación desta orde, e en período de amortización.

4. Que a vivenda se destine a residencia habitual e permanente do adquirente, adxudicatario ou promotor para uso propio.

5. Que non solicitasen as devanditas axudas ó abeiro das ordes do 22 de setembro de 2000 e do 18 de xullo de 2001, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes remataron o seu procedemento sen obter ningún beneficio.

Artigo 3º.-Ingresos.

1. Os ingresos determinantes do dereito ás axudas virán referidos ós ingresos familiares que se fixan en función da contía, en miles de euros, ponderados segundo se establece no punto 2 deste artigo, da parte xeral e especial da base impoñible reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40 /1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, isto é, antes de proceder ás deduccións dos mínimos persoal e familiar, e correspondente á declaración do solicitante e ás declaracións de cada un dos demais membros da unidade familiar, presentadas no período impositivo inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido, á solicitude das axudas.

Se o interesado non presentase declaración, por non estar obrigado a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40/1998, do 9 de decembro, sen prexuízo da achega dos documentos acreditativos que se establecen para a súa comprobación no artigo 7º desta orde.

2. Ós ingresos determinados na forma prevista no punto 1 anterior aplicarase o seguinte coeficiente multiplicador de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

Familias dun membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,97.

Familias de tres membros: 0,93.

Familias de catro membros: 0,90.

Familias de cinco membros: 0,87.

Familias de seis ou máis membros: 0,83.

3. Para os efectos desta orde a unidade familiar enténdese tal e como resulta definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

1. A adquisición, adxudicación ou promoción para uso propio de vivendas de protección oficial de promoción privada.

2. A adquisición, adxudicación ou promoción para uso propio de vivendas declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma.

3. A adquisición protexida doutras vivendas xa construídas e de vivendas a prezo taxado.

Artigo 5º.-Axudas.

A contía das axudas, en forma de subvención, será de 1.500 euros por vivenda para os beneficiarios que cumpran os requisitos especificados nesta orde.

Artigo 6º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ó da data de publicación desta orde no DOG, e rematará transcorrido o prazo de tres meses desde a dita data.

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida ó director xeral do IGVS segundo modelo que se recolle no anexo desta orde. Presentaranse nas oficinas da Xefatura Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda, ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do solicitante e, de se-lo caso, dos demais membros da unidade familiar que legalmente sexa procedente.

b) Certificación bancaria acreditativa do préstamo cualificado obtido ó amparo dos plans de vivenda, indicando data de formalización, inicio de amortización, convenio e ano ó que se acolle, así como que se atopa en período de amortización.

c) Copia compulsada da escritura de compravenda, adxudicación ou, de se-lo caso, de obra nova rematada.

d) Certificado municipal de empadroamento na vivenda obxecto das axudas.

e) Fotocopia compulsada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente ó exercicio inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido no momento da solicitude, e certificado das rendas expedido nos termos do Real decreto 1190/2000, do 23 de xuño, pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

De non estar obrigado a presenta-la declaración do IRPF, copia da notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria para os que presentaron o modelo de solicitude de devolución 104-105, e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

Nos demais casos, declaración responsable de tódolos ingresos obtidos e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria que corresponda, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas que estivese de

alta no devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións ou prestacións periódicas, certificado do Inem, e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

f) De non ter sido presentada con anterioridade, solicitude de transferencia bancaria.

g) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

A solicitude de subvención suporá que a Comunidade Autónoma poderá facer uso da información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente ou solicitala, no marco da colaboración que se estableza, da Axencia Estatal da Administración Tributaria ou doutras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de outorgamento e aboamento das subvencións.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda que o beneficiario poida obter de calquera Administración, entidade pública ou privada, sen que, en ningún caso, a suma das axudas percibidas poida supera-lo custo da actuación que se protexe, debendo comunicarlle o beneficiario ó IGVS a solicitude e obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade.

Artigo 9º.-Tramitación.

1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, examinadas estas, á vista da documentación presentada e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, o delegado provincial do IGVS elevará proposta de concesión de subvención de cada expediente, no caso de cumprirse os requisitos esixidos, ou proposta de denegación motivada, nos supostos de incumprimento, ó director xeral, quen, á vista delas e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles na correspondente aplicación orzamentaria, resolverá o que segundo dereito proceda.

Contra a resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderase recorrer en alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación.

2. O prazo máximo para resolver será de seis meses. Transcorrido este prazo sen que se dictase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as axudas convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Dictada a resolución de concesión e tramitado o correspondente expediente de pagamento, as axudas ós beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Artigo 10º.-Criterios de asignación dos recursos.

Se o importe total das axudas que se van recoñecer fose superior ós recursos económicos dispoñibles, estes asignaranse en orde inversa ós ingresos acreditados polas unidades familiares dos solicitantes, de menor a maior.

Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que, en aplicación do devandito criterio, queden sen asignación de recursos.

Artigo 11º.-Garantías.

1. O incumprimento das condicións establecidas para o outorgamento da subvención levará consigo, ademais das sancións que pudiesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

2. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo IGVS así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

Artigo 12º.-Dispoñibilidade económica.

Poderanse conceder axudas por un importe de 1.500.000 euros con cargo ó crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 06.060.331A.783.3 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2002.

En todo caso, o gasto proxectado suxeitarase á existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos devanditos orzamentos.

A dotación inicial prevista poderase incrementar en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral do IGVS para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2002.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda