Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 26 de xuño de 2002 Páx. 9.945

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 13 de xuño de 2002 pola que se procede á convocatoria para o ano 2002 de axudas encamiñadas á mellora das instalacións eléctricas e fomento da utilización ou producción de recursos enerxéticos renovables nos concellos de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo.

Un dos obxectivos da Consellería de Industria e Comercio no campo da política enerxética é conseguir unha explotación e xestión máis racional das subministracións enerxéticas, acadando uns índices de calidade axeitados.

Numerosas entidades locais están afectadas polas carencias existentes na actual infraestructura eléctrica e necesitan realizar fortes investimentos en relación cos seus orzamentos para dotar de subministración eléctrica axeitada os servicios públicos existentes nos núcleos de poboación que, ó non seren de grande relevancia, tanto polo número de habitantes como polo seu desenvolvemento industrial, carecen dunha infraestructura eléctrica axeitada. Noutras ocasións, como consecuencia do desenvolvemento das poboacións e, por motivos de interese social, é preciso realizar modificacións na infraestructura eléctrica que implican elevados investimentos.

No marco da política enerxética, tanto da Unión Europea como española, considérase que os recursos enerxéticos renovables son fundamentais para diminuí-la dependencia exterior e mellora-la seguranza da subministración.

Como medio e instrumento para favorece-las actuacións indicadas, a Consellería de Industria e Comercio considerou necesario establecer un programa de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia.

Este programa estructúrase en varias liñas de axudas, entre as que se encontran as dedicadas á execución de proxectos que promovan o uso racional da enerxía no sector servicios e á utilización ou producción de recursos enerxéticos renovables, que se recollen no anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é proceder á convocatoria de axudas para a mellora de instalacións eléctricas municipais e o fomento da utilización ou producción de recursos enerxéticos renovables polos concellos, no marco do programa de axudas encamiñadas á mellora da infraestructura enerxética de Galicia, recollido no anexo II da Orde do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo.

De acordo co establecido no anexo II da devandita orde, poderán acollerse a esta liña de axudas as corporacións locais que promovan as actuacións xa referidas.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario e contía máxima das axudas.

1. Estas axudas outorgaranse con cargo ó programa 631-B, Electrificación e enerxías alternativas, da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano

2002, podéndose establecer compromisos plurianuais dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente.

Destinaranse os créditos e aplicacións orzamentarias que se indican a seguir:

Aplicación: 08.02.631-B.760.0.

Denominación: corporacións locais, infraestructuras enerxéticas municipais.

Importe ano 2002: 996.491 A.

Importe ano 2003: 199.298,20 A.

Esas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito.

2. As contías máximas das axudas para cada tipo de proxecto son as que se reflicten a seguir:

A) Proxectos de instalacións eléctricas municipais: 40 % do investimento subvencionable.

B) Fomento das enerxías renovables:

a) Solar térmica: 240 A/metro cadrado de superficie de captación.

En caso de instalación de colectores de alta tecnoloxía, o límite poderá incrementarse ata os 360 A/metro cadrado de superficie de captación:

b) Solar fotovoltaica:

-Sistemas illados: 9 A/Wp.

-Sistemas conectados á rede: 4 A/Wp.

c) Outras enerxías renovables: 40% do investimento subvencionable.

d) Instalacións mixtas: proporcional a cada un dos tipos anteriores.

3. A contía da subvención non poderá ser superior ó 50% do investimento subvencionable.

Artigo 3º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería.

Artigo 4º.-Investimento subvencionable.

1. En ningún caso serán subvencionables os investimentos de substitución.

2. Non se valorarán para os efectos de investimentos os gastos que se realicen en pagamento de impostos, agás o imposto sobre o valor engadido (IVE), taxas, contribucións, licencias, etc., nin calquera outro de carácter tributario, fiscal ou sometido a aranceis, e os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

Artigo 5º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación que debe acompañala.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios

centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O modelo de solicitude e o resto dos modelos necesarios para solicitar ou xustifica-la axuda publícanse como anexos I e II desta orde e encóntranse tamén ó dispor dos interesados no enderezo da Internet http://www.xunta.es/conselle/in.

A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

a) Documento nacional de identidade e documento acreditativo da capacidade con que actúa quen representa o concello solicitante.

b) Memoria do investimento, con indicación do núcleo, lugar, parroquia e municipio; no caso de actuacións de fomento do uso de recursos enerxéticos renovables, incluiranse esquema da instalación e boceto que represente a súa integración arquitectónica ou paisaxística.

c) Orzamento do investimento, desagregando os prezos unitarios dos principais elementos da actuación (anexo II da presente orde).

d) Calendario de execución do investimento, con referencia a cada unha das actuacións que configuran o proxecto (mes inicio/mes finalización) (anexo II).

e) Declaración expresa doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo II).

De toda a documentación presentaranse tres exemplares nos que tódolos documentos que non sexan orixinais estarán compulsados.

Artigo 6º.-Corrección de defectos.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, corrixa a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos conforme o establecido no artigo 42 da citada lei.

Artigo 7º.-Valoración dos proxectos.

1. Revisados os expedientes e completados, se for o caso, os servicios de xestión das distintas unidades tramitadoras deberán emitir para cada solicitude de subvención, como paso previo para proceder á súa valoración, un informe relativo ó cumprimento dos

requisitos que establece para as solicitudes o artigo 5º da presente orde.

2. Conforme o establecido no artigo 9 do Decreto 286/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma galega, a valoración das solicitudes admitidas a trámite será realizada por unha comisión, constituída para o efecto, que estará presidida polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas ou a persoa en quen delegue, e na que participarán o subdirector xeral de Enerxía e Recursos Minerais, o xefe do Servicio de Infraestructuras Enerxéticas, que actuará como secretario, os delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio e o director do Instituto Enerxético de Galicia ou persoas nas que estes últimos poidan delegar.

3. A mencionada comisión valorará a totalidade dos investimentos subvencionables seguindo os criterios de selección de proxectos establecidos no anexo II da anteriormente indicada Orde do 11 de marzo de 2002, ademais dos que se expoñen a seguir:

-Interese social do servicio público, de acordo co descrito na memoria.

-Recursos económicos da corporación local.

-O grao de cumprimento da corporación local solicitante nas subvencións outorgadas pola Consellería de Industria e Comercio en exercicios anteriores.

-No caso das instalacións eléctricas, ter subscrito un convenio ou acordo coa empresa distribuidora de enerxía eléctrica, de forma tal que posibilite a utilización conxunta e indistinta dos postes, tanto para a iluminación rural municipal (iluminación pública) como para o paso das liñas de distribución de subministración eléctrica.

-No caso de instalacións de iluminación pública, adecuación ó proxecto tipo de iluminación pública recollido no convenio suscrito entre empresas eléctricas e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Unha vez valoradas as solicitudes, ordenaranse os investimentos correlativamente e en sentido decrecente ó valor asignado.

Á vista da dita valoración, proporá a contía das axudas correspondentes ós investimentos subvencionables ata esgota-lo crédito dispoñible, quedando en reserva o resto dos investimentos subvencionables, para que, se se producise algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, puidesen ser atendidas co crédito que quedase libre.

Á vista do informe emitido por acordo da comisión, dictaranse as correspondentes resolucións de acordo co establecido no artigo 4º da mencionada Orde do 11 de marzo de 2002.

Artigo 8º.-Actuacións plurianuais.

No caso de actuacións plurianuais que excedan o exercicio 2002, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade, dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de con

formidade co prazo de execución do investimento, observando o disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario. Se a materialización ou o pagamento do investimento se anticipase ó calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o investimento ou pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores, sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

Nos proxectos plurianuais, entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata o final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da dita anualidade.

Artigo 9º.-Presentación do proxecto de execución.

Nun prazo de 40 días hábiles a partir da notificación da axuda, o beneficiario deberá remitir á delegación provincial da consellería de industria e comercio unha copia do proxecto de execución, cando este sexa necesario, asinado por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente e certificación da iniciación da obra; se esta fose realizada por terceiros, a documentación que acredite que a obra foi adxudicada e a acreditación do adxudicatario para realizala.

A falta de presentación desta documentación entenderase como renuncia á axuda concedida e, logo de audiencia do interesado, procederase conforme o establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10º.-Xustificación do investimento.

A data límite para executa-las actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustifica-lo correspondente investimento e pagamento é o 31 de outubro do ano que corresponda, para o que o beneficiario deberá presentar, sen prexuízo do establecido no artigo 15º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, a través dalgunha das formas contempladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, por triplicado, a seguinte documentación acreditativa:

a) Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Documentos acreditativos do investimento ou actuación consistentes nas facturas orixinais e documentos xustificativos do pagamento realizado.

c) Xustificante de axudas obtidas ou declaración das solicitadas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais; indicando a súa contía.

d) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

g) O beneficiario de calquera subvención plurianual, do que o importe total supere os 30.050,61 A, deberá achegar, ademais, xustificante acreditativo de depósito na Caixa Xeral de Depósitos de seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que garanta o importe da anualidade da que o pagamento se estea tramitando, así como dos seus correspondentes xuros de mora, conforme o xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que estea vixente nese momento, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes ó final do prazo de xustificación da última das anualidades da subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, podería entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 11º.-Pagamento da subvención.

Conforme o establecido nos artigos 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio, despois da inspección realizada, se for o caso, certificasen que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e o contemplado na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto e sempre que iso non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe de subvención respecto ó investimento.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para que dicte as disposicións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio