Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 05 de xullo de 2002 Páx. 10.507

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 227/2002, do 27 de xuño, polo que se modifica o Decreto 4/1997, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.

Desde a creación da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior véñense sucedendo múltiples e diversas circunstancias que alteraron e incrementaron significativamente as responsabilidades do devandito centro directivo. Así, a Xunta de Galicia incorporouse de xeito paulatino a un maior número de comités da Comisión Europea, intensificou o seu protagonismo nos foros rexionais do continente e pechou importantes acordos de cooperación con estados federados, provincias e rexións de diferentes nacións. Todo iso repercute nunha maior demanda de apoio transversal e coordinación técnica polos diferentes departamentos sectoriais para realizar un bo traballo de implementación neses e noutros ámbitos análogos, sen descoida-la atención das obrigas para co presidente, do que depende este centro directivo.

A cabal materialización dos compromisos exteriores coadxuva sen dúbida a incrementa-lo creto dun país fóra das súas fronteiras. O continuo aumento das solicitudes de coparticipación que recibe a Xunta de Galicia é boa proba desa circunstancia, constatando que a seriedade e o rigor son as mellores tarxetas de presentación nunha política a longo prazo de posicionamento de Galicia naquelas áreas xeográficas que se consideran máis relevantes para os seus intereses. Nembargantes, a limitación de recursos, consubstancial a toda acción pública, recomenda efectuar un novo deseño organizativo que sirva para emprender unha posterior programación das actividades exteriores, tendo sempre presente a necesidade de se adaptar a cotío ó mudable contorno internacional, e reforzando a perspectiva económica desa tarefa.

Por outra banda, a concentración da diverxencia de criterios coa Comisión Europea, cando se producen, na fase precontenciosa, aconsella incrementa-la dedicación de persoal cualificado a esta faceta estrictamente técnico-administrativa durante a tramitación dos distintos procedementos e antes de que se dicte o dictame motivado aludido no vixente artigo 226 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, consolidado polo Tratado de Ámsterdam, incidindo de xeito especial nas funcións de análise e estudio substantivo para reunir argumentos que, a miúdo, son de natureza metaxurídica, como sucede cando se deben avalia-los custos dunha actividade beneficiada por medidas de fomento ou para a imposición de cargas en supostos de policía administrativa e regulamentación, e que deberán ser expostos ós instructores dos procedementos incoados pola Comisión. A economía de medios e o principio de

especialización recomendan, xa que logo, que a dirección procesual de ulteriores e hipotéticos litixios en sede xurisdiccional, estatisticamente moi improbables, sexa residenciada na Asesoría Xurídica Xeral, que deberá traballar en estreita relación co Servicio Xurídico do Estado, máxime cando se trate de recursos de anulación e inacción, evitando desta maneira problemas incidentais segundo as normas que ordenan a cualificada función do Tribunal de Xustiza.

Por razón de todo o exposto, no exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintesete de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Modifícase o número 3 do artigo 3 do Decreto 4/1997, do 9 de xaneiro, polo que se crea a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, que pasa a quedar redactado do seguinte xeito:

«3. Subdirección Xeral de Análise e Programación.

3.1. Servicio de Estudios e Coordinación».

2. Modifícase o número 3 do artigo 4 do supracitado Decreto 4/1997, do 9 de xaneiro, e dáselle a redacción que segue:

«3. Subdirección Xeral de Análise e Programación:

Terá como funcións específicas:

a) A realización de análises e informes sobre a conxuntura económica e política das áreas xeográficas determinadas polas directrices de acción exterior, preparando os documentos e propostas que se lle requiran para unha calibrada toma de decisións polos departamentos sectoriais. Para este fin tomará en consideración os índices económicos máis relevantes e a súa repercusión en Galicia.

b) O seguimento do proceso de programación da acción exterior, de conformidade coas pautas marcadas polo centro directivo, preparando os anteproxectos e proxectos con entidades subestatais que se lle encomenden, tendo en conta as achegas das restantes unidades e doutros centros directivos da Administración autonómica.

c) O impulso das medidas administrativas necesarias para implementar axeitadamente os acordos, protocolos e restantes instrumentos convencionais exteriores que teñan subscritos a Comunidade Autónoma con entidades subestatais no exercicio das súas competencias estatutarias.

d) A posta en marcha dos mecanismos de apoio precisos para consegui-la compatibilización entre as políticas públicas autonómicas e as políticas sec

toriais comunitarias, colaborando cos departamentos afectados pola instrucción dos procedementos cursados pola Comisión Europea ó abeiro do artigo 226 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea durante a súa fase precontenciosa.

e) A execución das restantes tarefas de coordinación, tramitación e apoio que lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral en relación coas funcións anteriormente descritas.

As funcións referidas nas letras anteriores realizaranse sen prexuízo das competencias previstas no Decreto 403/2001, do 28 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior.

3.1. Servicio de Estudios e Coordinación:

Serán funcións baixo a súa responsabilidade:

a) Proporciona-los estudios preliminares, materiais e o acceso a fontes que posibiliten a correcta realización das análises e informes citados na letra a) do número precedente.

b) A levanza do rexistro e depósito dos documentos oficiais exteriores, cando destes deriven dereitos e obrigas de natureza pública para a Xunta de Galicia, como consecuencia da sinatura de instrumentos convencionais de calquera índole.

c) A coordinación material das comunicacións oficiais coa Comisión Europea no que atinxe á aprobación de regulamentacións técnicas suxeitas ás pertinentes directivas comunitarias.

d) Auxilia-las restantes unidades da Secretaría Xeral en tarefas instructoras e de réxime interior que teñan atribuídas segundo a vixente estructura orgánica, complementando as súas funcións no que fose preciso."

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dictar cantas normas complementarias fosen precisas para o mellor desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO