Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 16 de xullo de 2002 Páx. 11.137

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2002, da División de Recursos Humanos, pola que se aproba a relación de prazas que se ofrecen e se citan para o acto de elección de destino os aspirantes seleccionados no concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

A base oitava da resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 20 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do 29 de marzo) pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, dispón que unha vez recibida pola autoridade convocante a proposta de aspirantes que superaron o concurso-oposición nas categorías correspondentes, procederase á publicación no Diario Oficial de Galicia dunha resolución pola que se aprobe a relación de prazas que se lles ofrecen ós aspirantes seleccionados e se citan estes para o acto de elección de destino.

Recibidas neste centro directivo, dos respectivos tribunais, as propostas de aspirantes que superaron o concurso-oposición nas categorías de ATS/DUE, matrona, fisioterapeuta, TEL, TER, TEAP, hixienista dental, auxiliar de enfermería, grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa, traballador social, cociñeiro, grupo auxiliar da función administrativa, celador e pinche, procede agora publicar no Diario Oficial de Galicia a oportuna resolución pola que se aproba a relación de prazas que se ofertan en cada unha das categorías

e se citan ós aspirantes seleccionados para a elección de destino.

Por todo isto, esta división

ACORDA:

Primeiro.-Aproba-la relación de prazas vacantes que se lles ofertarán ós aspirantes seleccionados no concurso-oposición de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde convocado por resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 20 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do 29 de marzo) que, para cada unha das categorías correspondentes, se inclúen nos anexos da presente resolución.

As prazas que se ofertan corresponden sempre a prazas básicas da correspondente categoría, co réxime xurídico propio do estatuto correspondente e coa estructura retributiva establecida no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, e nas contías vixentes no Servicio Galego de Saúde.

Nas categorías de grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa, grupo auxiliar da función administrativa, traballador social, hixienista dental e celador que se ofertan nas xerencias de atención primaria, indícanse no respectivo anexo as localidades onde se ubican as prazas ofertadas. As prazas das categorías de traballador social e hixienista dental, malia te-lo seu lugar habitual de traballo na localidade sinalada, prestan atención tamén a outros municipios da área.

Segundo.-Convócanse tódolos aspirantes seleccionados nas categorías de ATS/DUE, matrona, fisioterapeuta, TEL, TER, TEAP, hixienista dental, auxiliar de enfermería, grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa, traballador social, cociñeiro, grupo auxiliar da función administrativa, celador e pinche para que nun único chamamento e acto elixan obrigatoriamente destino definitivo pola orde de puntuación final do respectivo concurso-oposición, con preferencia en favor dos aspirantes que, de se-lo caso, accederan polo sistema de promoción interna.

Só para os efectos de elección de destinos, os aspirantes que superaron o concurso-oposición pola quenda reservada a minusválidos intercalaranse en razón da puntuación total obtida no concurso-oposición entre os aspirantes que o superaron polo sistema de acceso libre.

Terceiro.-O acto de elección de destinos celebrarase ás horas e lugares que de seguido se indican para cada unha das categorías:

Día: 19 de xullo, no novo edificio da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, sito en San Lázaro, s/n, de Santiago de Compostela:

-Ás 9.30 horas, a categoría de: matrona.

-Ás 10 horas, a categoría de: grupo técnico da función administrativa.

-Ás 10.30 horas, a categoría de: grupo de xestión da función administrativa.

-Ás 11 horas, a categoría de: TEL.

-Ás 11.45 horas, a categoría de: TEAP.

-Ás 12 horas, a categoría de: TER.

-Ás 13 horas, a categoría de: traballador social.

Día: 22 de xullo, na Escola Galega de Administración Pública, sita na rúa Madrid, 2-4, de Santiago de Compostela:

-Ás 9.30 horas, a categoría de: ATS/DUE.

-Ás 16.30 horas, a categoría de: auxiliar de enfermería.

Día: 23 de xullo, no novo edificio da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, sito en San Lázaro, s/n, de Santiago de Compostela:

-Ás 9.30 horas, a categoría de: fisioterapeuta.

-Ás 10 horas, a categoría de: cociñeiro.

-Ás 10.30 horas, a categoría de: hixienista dental.

-Ás 11 horas, a categoría de: grupo auxiliar da función administrativa.

-Ás 12.30 horas, a categoría de: pinche.

Día: 24 de xullo, na Escola Galega de Administración Pública, sita na rúa Madrid, 2-4, de Santiago de Compostela:

-Ás 10 horas, a categoría de: celador.

Cuarto.-O dito acto de elección someterase ás seguintes regras:

a) A solicitude que formulen os aspirantes será vinculante e irrenunciable.

b) Deberán comparecer provistos do documento nacional de identidade ou outro documento que concrete de modo fidedigno a súa personalidade.

c) Os aspirantes que non comparezan persoalmente poderán ser representados por terceiras persoas provistas de poder suficiente.

Para este efecto terán a consideración de poder suficiente os poderes notariais ou os poderes outorgados con carácter previo ó acto de elección de destino definitivo ante a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde ou as direccións de xestión dos seus centros de xestión primaria e especializada, mediante comparecencia expresa do poderdante e do apoderado.

d) Os aspirantes seleccionados declararán expresamente que cumpren cos requisitos previstos na base segunda, 1 da convocatoria deste concurso-oposición.

e) Perderán os dereitos derivados da súa participación no concurso-oposición os aspirantes que non soliciten prazas na forma descrita nos apartados anteriores, agás no previsto no apartado 5 da citada base oitava da convocatoria para causa de forza maior.

Quinto.-A presente resolución poderá ser impugnada polos interesados nos termos previstos na base décima da convocatoria.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2002.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos